ENTREVISTA A MULLERES QUE
AMAN A ROSALÍA: PROFESORA KATHLEEN MARCH
Mª R. Soto: Este 24 de febreiro, día en que
celebramos o nacemento de Rosalía de Castro, como levo un tempo vivindo en Alabama,
era a miña idea falar da presenza da obra rosaliana nos EEUU, a través dos
libros que se poden ler nas principais bibliotecas deste país, pero dándolle
voltas ao tema -Rosalía nos EEUU- penso que a mellor homenaxe podería ser que
vostede, persoalmente, como óptima representante da intelectualidade
estadounidense interesada en Rosalía, se dirixese aos lectores do blog.
Díganos, por favor, para empezar: en que Instituto estudou vostede? Garda
gratas lembranzas dalgún profesor en
concreto?
Kathleen March: O
instituto fica moi lonxe. Estudei en Palmya-Macedon Central School, perto de
Rochester, NY, onde nacín. O ter estudado latín (e a profesora de latín non era
precisamente simpática; tratounos con dureza e fumaba) foi a porta para o
estudo do castelán e mai-lo portugués, francés e italiano na universidade.
Penso mais nos títulos universitarios, BA en Españo, MAH in Latin American
Studies, MA en Español, PhD en español, todos da Universidade de Buffalo (NY).
Logo fixen outro doutoramento en Creativity, sendo profesora de Lingua e
Literatura en Español na Universidade de Maine (Orono).
(Kathleen March en Santiago de Compostela, rodeada por Belén López e Pilar García Negro. Foto propiedade de K. March)
Mª R.
S.: Como xorde o seu interese en
Rosalía?
K. M.: Primeiro
interesei-me pola obra de Manoel-Antonio, o poeta mariñeiro de Rianxo. A súa
poesía vangardista foi como a dos vangardistas franceses e españois, e como a
ultraísta do poeta Gerardo Diego, sobre o que traballei cunha bolsa Fulbright
en 1977-78, en Madrid. Foi nise intre que coñecín un galego co que casaría no
79. Cando estaba en Compostela, na casa del e dos seus pais, comecéi o
coñecemento da literatura galega - entre os autores, xaquelogo, estaba Rosalía.
Mais ela fora posterior a Manoel Antonio, sobre o que publiquéi o primeiro
artigo en galego, no 79.
No 1985 houbo o
congreso de centenario de Rosalía e dixen-me que tiña que participar. Tamén no
mesmo 85 organicei o primeiro congreso de Estudos Galegos en USA, en Maine. Os
galegos sempre foron bos e xenerosos comigo e animaron-me a seguir traballando
no eido da literatura galega, traballo no que o ter estudado portugués axudou
imensamente.
Mª R.
S.: Díganos, por favor, que traballo sobre Rosalía
dos varios que vostede ten publicado, lle parece o máis aconsellable para que os
nosos lectores o lean e valoren.
K.M.: Sobre Rosalía
teño publicado varias cousas e traducido outras ao inglés. Tamén presentéi
traballos en diversos congresos. De todos eles citaría o libro De musa a
literata: El feminismo en la narrativa de Rosalía de Castro. Está en castelán, porque daquela aínda vía eu
a necesidade de espallar a idea do feminismo na autora para un público
tradicional demáis no tema. Non o voltaría facer xa - todo o que fago no terreo
do galego está ou ben en inglés ou en galego. O segundo traballo, do tema do
que gosto de ter estudado, é o travestismo - “O travestismo na obra de Rosalía
de Castro”. O tema trata o interese polo xénero na autora, pola roupa como
mecanismo de ceibar ou limitar as actividades das mulleres. A roupa figura en
outras escritoras, coma Georga Sand e como unhas americanas. Non é sempre o
‘cross-dressing’, senón a idea o traxe masculino que permite ter unha vida máis
aberta, máis experiencias, máis viaxes.
Mª R.
S.: Foi Rosalía unha feminista, unha muller coa mente máis avanzada do que a
sociedade da época estaba disposta
a tolerar?
K. M.: Todo o que penso
sobre Rosalía feminista - e nazonalista! - está no libro de 1992. Non mudei en
absoluto disa postura. Penso que só os non informados hoxendía van-se atrever a
dicer que non o foi. Todos os críticos defenden a mesma postura e cito con
moito agarimo os traballos importantes de Francisco Rodríguez e Pilar García
Negro, amigos e mentores da miña viaxe rosaliana.
Mª R.
S.: Está vixente hoxe en día a literatura rosaliana?
K. M.: No congreso de
1985, presentei un traballo (publicado nas actas) sobre a pegada de Rosalía nas
escritoras contemporáneas. A autora segue a ser citada e segue a inspirar a
moitas escritoras e escritores. A súa vixencia no mundo cultural galego dubido
que desapareza. Citemos o recente libro de Anxo Angueira, Rexurdimento: a
palabra e a idea (2019). O pobo galego ten a memoria moi longa, e fiel.
(Kathleen March en Santiago de Compostela, acompañada de Armando Requeijo. Foto propiedade de K. M.)
Mª R. S.: Que está vostede
lendo arestora, Kathleen?
K. M.: Agora estou a
ler - e reler - obras recentes, moitas delas de mulleres, de diferentes idades:
Marica Campo, Luz Pozo Garza, Eli Ríos, Emma Pedreira, Anxo Angueira, Miguel
Anxo Fernández, Susana Sánchez Aríns e outros moitos. Non dou lido todo. Tamén ando
cuns nomes clásicos, como Xohana Torres e María Mariño Carou. A lista que dou
aquí está moi incompleta.
Mª R. S.: Que está vostede escribindo ou
planeando escribir?
K. M.: Agora traballo arreo na
tradución ao inglés, cuns títulos xa na rúa e outros sen publicar aínda. Vexo
importante deixar feitas as traducións para o mundo anglosaxón e fareino até
non poder facer máis. Teño a esperanza de rematar Seique de Aríns niste
ano, logo outras obras, como outra novela de Angueira, mais unhas que están
sendo baralladas. Sairán tamén uns poemas de Pozo Garza.
Se o tempo permite,
faría algún texto de creación persoal, como microrrelatos ou a ampliación das
miñas memorias, que lin no Congreso da Asociación Internacional de Estudos
Galegos en Madrid (outono 2018).
Finalmente, engadiría
que gosto de facer libros de artista e que boa parte da miña obra plástica está
inspirada en obras escritas en galego. É un xeito de tradución, dun medio
artístico a outro, Esou moi satisfeita do que fixen para dous relatos de Marica
Campo sobre a figura de María Balteira.
Non sei se a novela que
levo tranallando dende hai unha década e que ten lugar entre Maine e
Compostela, dareina rematada, mais a esperanza non morre. Xa veremos.
Mª R. S.: Moitísimas grazas, Kathleen, por dedicarnos
parte do seu tempo. Desexámoslle longos anos de rica e produtiva vida!
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTA:
A bibliografía de K. March podédela encontrar na
páxina web do Consello da Cultura Galega, Álbum de mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario