A NOSA CASA
Como sabedes moitos de vós, da
nosa casa saíron alumnos que chegaron a ser persoeiros importates das artes,
das ciencias, da política… Pero na nosa casa impartiron aulas persoas igualmente
importantes neses e noutros eidos. Hoxe pararémonos un momentiño a celebrar -porque
xa había tempo que non expoñía- a última exposición do noso ex colega e amigo José
Luis Martínez Pereira, quen, durante moitos anos foi profesor de debuxo no
Instituto.
(Todas as fotos, exceptuando o cartel anunciador, foron feitas pola nosa amiga e ex colega Mercedes Sampayo, a quen agradecemos a amabilidade)
Non é a primeira vez que falamos del neste blog. Relembremos que
tivo noutrora a xentileza de concedernos unha entrevista (“Entrevistas aos
amigos”, 21 de xaneiro 2014). A nós gústanos a súa paleta cromática e gústanos
a conxunción ceo-horizonte-mar que ás veces percibimos na súa obra. A forma, a
arte abstracta do mestre, non está divorciada da transmisión de sentimentos.
Algúns deses sentimentos acoden á mente do artista nos solpores do verán en
Perbes. Iso, seguro. Como tamén é seguro algo que sabemos, xa non da mente,
senón do corazón do ser humano de quen falamos:
ten colaborado, xunto co seu amigo -xa en mellor vida- Felipe Criado,
doando cadros para Mans Unidas. Tamén nos ten axudado, aos que daquela traballabamos
no Eusebio elaborando unha revista escolar (Nós) con algunha portada.
Sempre xenerosa e desinteresadamente.
A obra de José Luis pódese ver nalgún
organismo privado, mais tamén anima e alumea centros públicos, coma a biblioteca
de Filoloxía da Universidade da Coruña. Nós non puidemos acudir persoalmente
desta feita mais había unha morea de xente
e se fostes, puidestes ver a moitos membros ou ex membros do claustro do
Instituto: Pilar Amor, Irene Barros, Mari Carmen Cabana, Ascensión Cambrón, Javier
Chao, Ezequiel Jabares, Isabel Roel, Mercedes Sampayo etc. A ocasión non era
para menos. Longos e produtivos anos
para o noso artista santiagués!
Ningún comentario:
Publicar un comentario