LENDO O DRAE (II)
Imos tratar hoxe a cuestión do xénero e deixamos para unha terceira vez (máis
adiante, no verán) o relativo aos galeguismos.
Non creades que non son consciente de que este
tema cansa a moitos, é aborrecido doutros e deixa indiferente a unha maioría.
Grandes lingüistas escribiron verbo del (Bosque Muñoz, Fernández Pérez,
Rodríguez Adrados –entre outros); ao seu lado case escuso dicir nada, se non
fose por un par de razóns: unha, a cuestión non está cerrada (aínda hai
desigualdades patentes, e xa sabemos –sen ánimo de dramatizar demasiado- en que
desgrazada fin poden acabar as valoracións inadecuadas, pouco equitativas, dos
aspectos que tocan o xénero), e dúas, algo varía o enfoque ao variar o emisor
(unha servidora). Móvame, pois -e queira a Providencia que así sexa- o afán de
mellora, de igualdade na medida do posible.
(F. Rodríguez Adrados, académico, autor do artigo "Sexismo en el léxico" publicado polo ABC o 28 de abril de 1991)
Hai dúas facetas nas que unha análise neste
sentido do dicionario académico pode incidir:
A) no plano digamos morfolóxico: a flexión. Un
nivel onde os académicos non son de todo libres: o seu labor está fortemente
condicionado polo uso, polo que se fala, e de feito, un podería pensar que o
avance e riqueza actual dos córpora foi impulsado en certa medida pola
necesidade de saber a ciencia máis ou menos certa que é o que se di, o que se
fala realmente na nosa contorna. E aí a Academia non é omnipotente: por
exemplo, hai unha serie bastante popular (6’6 de valoración en filmaffinity, mestura
o cómico e o detectivesco), Castle, onde
a co-protagonista, a inspectora Kate Beckett, ten unha xefa-policía co grao de
capitá: nunca, subliño, nunca endexamais, os dobradores usan esa voz, capitana, sempre “Sí, mi capitán”, e non
só iso, diríxense a ela dicindo “¡Sí, señor!”, o cal constitúe unha aberración
que clama ao ceo. Teñen culpa os académicos? Máis ben a culpa ou a
responsabilidade é compartida, da
sociedade, por non esixir dos entes públicos un maior control da linguaxe que
chega a toda España nas canles televisivas.
B) no plano dos exemplos, libremente
escolleitos polos redactores (e fixádevos que non engado “e redactoras”, porque
son amiga de cultivar o principio de economía lingüística: credes que caio
nunha especie de contradición?, non o vexo eu así, pero recordade por se acaso
aquel refrán que di “a perfección fóra de nós”).
(A capitá da policía de Nova York na serie televisiva 'Castle')
Empezamos pola flexión. Citaba o prof. Casado
na súa intervención na UdC do pasado 7 de maio, casos de palabras que
flexionaron xenericamente: azafato, aeromozo, pizpireto, niñero... A
ese listado podemos engadir (como novidade en relación coa 22ª edición): Pocero, ra.
1. Persona que
fabrica o hace pozos. Este é un claro avance, un bo
modelo de definición equitativa, deberían estendelo a máis casos, como: Soldador, ra.m y f. 1. Encargado de soldar (mellor: “Persona encargada de soldar”).
Hai, ademais, varios casos de cambio de
etiquetación gramatical: no canto do antigo ‘com.’ (común, que facía
alusión ao xénero gramatical dalgúns subs., como mártir e testigo, que de
seu non son masculinos nin femininos), agora, na última edición, óptase por
especificar ‘m. y f.’, cousa preferible na miña opinión (mal se entende que un
subs., como cabo, sexa un nome masc.
nunhas acepcións e común noutras, e así figuraba na 22ª ed.). Na 23ª figuran
como ‘m. y f.’ Casos como: cabo; canciller; capitán, na.; endocrino, na.;
jefe, fa.; mártir; piloto; presidente, ta.; sargento; soldado.
É evidente que agora o feminino gaña
visibilidade, no caso de capitán, na.;
presidente, ta.; jefe, fa.; endocrino, na.
, fronte á etiqueta com. engadida á
forma masculina que aparecía en solitario.
Podemos esperar que algún día, igual que
entrou no dicionario modisto (unha
flexión innecesaria porque o sufixo –ista
vale perfectamente para ambos xéneros, un caso bastante claro de dominio do
masculino sobre o feminino, ou se preferides, do prestixio dos grandes señores
da costura sobre as modistas de andar por casa... pero quen queira entender que
entenda), entre por exemplo cancillera?
Pregunto. Se escribimos en google La
cancillera alemana atopamos 7840 concorrencias. Onde está o límite do uso,
a fronteira ou a isoglosa que dá entrada ao DRAE? Boa pregunta.
Que formas masculinas tradicionais flexionen a
un feminino despectivo ou negativo (marota,
sargenta, formadas sobre maroto,
sargento), non é algo que quede baixo o control da Academia: si lles
podemos pedir que aumenten a presenza do feminino en casos como pedrero e cantero (flexionou, en troques, pizarrero,
ra.). Sempre houbo mulleres traballando nas canteiras (podedes ver este
artigo na prensa: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/03/15/as-canteiras-do-laton-da-borna/0003_201503V15C13996.htm).
Pasemos agora ao plano B) dos exemplos
libremente escolleitos polo equipo redactor da 23ª edición do dicionario que
nos ocupa. Verdadeiro punto débil da igualdade desexada. Non atopei nin un só
caso (tampouco podo poñer a man no lume, pero asegúrovos que a mostraxe que
fixen cubriu moitas páxinas...), nin un só caso, digo, de feminino referida ás ciencias, á técnica,
ao intelecto (salvo fabas contadas, como ¡Qué
tía más lista! (s.v. TÍO,A), e xa vedes que aí lista é ambiguo). En cambio, mirade estes exemplos con masculino:
Concentrado
en el estudio (s.v.
CONCENTRADO), Me conectaron con un
especialista (s.v.
CONECTAR), En la expedición se
incluyen varios científicos (s.
v. CIENTÍFICO, CA.), Conferencia de
científicos sobre el cambio climático (s.v. CONFERENCIA), Es un especialista en su materia (s.v. MATERIA), Hemos avisado a los técnicos... (s.v. SEGURO), Esta Facultad ha sido siempre una buena cantera de
investigadores (s.v.
CANTERA), El detective resolvió el
caso (s.v. RESOLVER), Un profesor muy didáctico (s. v. DIDÁCTICO, CA.). Etc.
Realmente nada impide que de vez en cando se
equilibre a balanza (é importante que se equilibre esa balanza: este día na
presentación da unidade didáctica en honra da doutora María Wonenburger no noso
instituto, relembraba o señor vicepresidente da Xunta que as estatísticas
cantan: só un 15% de mulleres optan por carreiras técnico-científicas, /VS/ 40%
dos homes, e posicionábase pola necesidade de equilibrar tendencias) con
exemplos de innovadoras investigadoras ou
ingenieras, científicas, brillantes
matemáticas, metafísicas ou informáticas.
Hai algún exemplo en que a muller brilla na
arte: Su
mentora lo inició en el arte desde muy pequeño (s. v. INICIAR), pero
os casos a favor do masculino tamén son aquí dominantes: Aquella novela lo
consagró como gran escritor
(s.v. CONSAGRAR), Es un artista como
la copa de un pino (s.v. COPA),
Es un literato, no así como quiera,
sino de los más sobresalientes de España (s.v. QUERER), Los cantos del poeta (s.v. CANTO), Un actor con muchas tablas (s.v. TABLA). Etc.
Veñamos á esfera do poder. Atopei un exemplo
en feminino:
Señora Presidenta (s.v.
SEÑOR, RA.) fronte a todos estes en masculino: Mandamos a nuestros
presidentes y oidores que...
(s.v. COMO), El presidente firmó al
calce (s.v. CALCE), El ministro puso el conforme (s.v. CONFORME), Se hizo dueño del cotarro en poco tiempo (s.v. COTARRO), Juan es hombre de representación en Madrid (= ben considerado socialmente,
s.v. REPRESENTACIÓN), El alcalde
resaltó la importancia del proyecto (s.
v. RESALTAR), El juez resolvió a su
favor (s.v. RESOLVER), Sacar alcalde (s.v. SACAR).
(A matemática coruñesa María Wonenburger: estudou o bacharelato no noso Instituto, Coruña hónraa dándolle o seu nome a unha rúa)
Podedes estar pensando pero Charo, os exemplos en masculino valerían tamén para as mulleres...
Claro que valerían. Esa é a cuestión. Valen? Pois que consten. Porque o que é
innegable é que á hora da verdade, os exemplos en feminino, que os hai, son ou
anódinos ou son canto menos cuestionables. Vouvos poñer unha decena de exemplos:
Atraía
a las mujeres por su valentía y por su romanticismo (s.v. ROMANTICISMO: e
non podían as mulleres seren atraídas pola capacidade pensante? E, sobre todo, non podía ser o enfoque máis activo a favor da
muller, seren eles os atraídos pola intelixencia delas?).
Ella me quitó el ir a
paseo (s.v. QUITAR: preguntámonos por que, que mala e
caprichosa esta muller..., se inda fose La
médica me quitó...).
La
cuesta me ha dejado hecha papilla
(s.v. PAPILLA: non ten nada de malo cansar, evidentemente, pero
si redundar nos eternos tópicos clasificatorios: o home forte, a muller feble).
Reposó
su mirada en ella (s.v.
REPOSAR; muller obxecto: suxeito pasivo).
Enfermedades
de transmisión maternofilial (s.
v. MATERNOFILIAL: hai varias posibilidades positivas no lugar de enfermidades, palabra inequivocamente neg.: legado, herdanza, xens).
Cuidan
la salud del feto y de la madre
(s.v. MADRE: reproduce vellos esquemas: hai que protexer a muller como ser débil,
inferior, suxeita á todo tipo de “proteccións”: enfoque pasivo de novo: a
muller necesita ser coidada).
Anda,
querida, no le des más vueltas
(s.v. QUERIDO; é un ex. bastante paternalista, a muller obxecto do consello é
susceptible de ser xulgada como pesada; que traballo custaba poñer un exemplo
do tipo “Anda, querida, no lo había pensado yo así",
“Caray, querida, qué buena idea has tenido”).
La
enfermedad la condicionó en su vida posterior (s. c. CONDICIONAR: muller débil, enfermiza)
No
la vi bien, pero estaba como cansada
(s.v. COMO) (que perrencha con pintarnos débiles e enfermizas...)
Obedece
a tu madre y no contestes
(s.v. CONTESTAR: cuestiónase a autoridade da muller).
Non
sigo, pero podería. Quedan na man os casos de nomes propios, do tipo: Alejandro Magno no conoció la derrota (s. v. CONOCER), La riqueza matérica de la pintura de Rembrandt (s.v. MATÉRICO, CA.), Según Aristóteles (s.v. SEGÚN), El papel de Segismundo (s.v. PAPEL), Los diarios de Jovellanos (s.v. DIARIO), Un relato calcado de un cuento de Clarín (s.v. CALCAR), etc. Non atopei un só caso deste tipo con nome de muller, e ben sabe Deus que
hai mulleres que deixaron pegada indeleble na historia da humanidade. Como
conclusión: todo é mellorable, e os exemplos con personaxes femininos do
dicionario da RAE tamén.
(Mª
Rosario Soto Arias).
Ningún comentario:
Publicar un comentario