luns, 31 de marzo de 2014

Banda deseñada: Persépole, de Marjane Satrapi

Hai que ter un grande valor para relatar toda a túa vida a millóns de descoñecidos, e, aínda así, non importarche o que pensen de ti. Con Persépole, Marjane Satrapi logra narrar os feitos que condicionaron a súa vida, ó mesmo tempo que consegue entreternos e emocionarnos coa súa incríble historia, rodeada de sucesos coma a ditadura do Xa persa, e da terrible guerra civil que desencadeou a súa caída e a posterior imposición do réxime islámico. Satrapi conseguiu sobrevivir nestas condicións e, aínda así seguir adiante ata convertirse nunha exitosa debuxante, que xa gañou galardóns coma o Premio Autor Revelación do 2001 e o premio ó mellor guión do 2002 no Festival internacional do cómic de Angoulême. 
A historia comeza en Irán (a súa terra natal) con Marjane (ou Marj, coma a apodan) no 1980 relatándonos os eventos que precederían á revolución Islámica. Narra algunhas das numerosas protestas dos opositores ó réxime do Xa, un emperador absolutista que usurpara o trono ao lexítimo rei Iraní, converténdose en pouco máis ca unha marioneta suxeita ós designios dos países poderosos. Marj nárranos, baixo o seu punto de vista, algúns feitos destacados durante as revoltas como a queima dun cine a manos dos soldados do Xa, ou o Venres Negro, no que as manifestacións foron brutalmente sofocadas, cunha cantidade de mortos incríble. Sen embargo, o réxime do Xa remata por caer, para alegría dos numerosos protestantes. Por todo Irán celébrase este feito, e os presos políticos son liberados.  
Sen embargo, nas seguintes eleccións, sucedeuse a ‘revolución islámica’ de Jomeini, que demostrou ser un réxime opresivo,  peor co anterior. Os antigos heroes da revolución foron presos e executados, mentres que outros escapaban do país. A protagonista decatouse disto tras coñecer que o seu tío Anush, un comunista, foi preso polas súas ideas, opostas ó réxime.
Ao pouco de impoñerse este goberno, estalou a guerra con Iraq. Non se dan detalles de gran importancia desta, porque se centra na vida da familia Satrapi, caracterizada pola escasez. Movidos polo medo, os pais de Marjane mándana cunha amiga da familia a Austria.
Lonxe da súa familia, Satrapi ten que adaptarse á súa nova situación, completamente diferente á vivida ata entón. A súa vida coa familia resulta ser bastante conflictiva, pois aínda que a maior parte da familia é amable con Marjane, a nai resulta ser unha persoa moi desagradable, que envía á protagonista a un internado de monxas. Porén, tras uns poucos anos no internado, Satrapi é expulsada pola súa etnia e as súas ideas revolucionarias.
Os capítulos seguintes tratan dos anos de xoven adulta da autora, dos seus noivos e os seus estudos, que terminan fracasando, deixando a Marjane na rúa. Porén, consegue regresar a Irán, coa inesperada axuda da amiga da súa nai.
Xa de volta en Irán, a protagonista séntese desprazada e fóra de lugar, pois a xente e a situación cambiaron moito. Pouco a pouco vaise adaptando e retoma os estudos de arte, con numerosas dificultades de expresión debido á dureza do réxime e a súa personalidade revolucionaria. Ao final, consegue acabar os estudos e casar, aínda que ao pouco tempo divórciase. A novela remata con Marjane no aeroporto, saíndo de Irán.
Persépole resultou ser unha novela moi entretida, comprensible (pola súa linguaxe  coloquial) e moi expresiva polos fantásticas ilustracións da autora. 

Reflicte á perfección os sucesos históricos que sufriu Irán recentemente, como son a caída do Xa persa e a imposición do réxime islámico. O que máis me chamou a atención foron os capítulos sobre a guerra Iraquí-Iraní, nos cales toda a novela adquiría un ambiente triste, e sobretodo, tenso, pola probabilidade que tiñan os Satrapi de ser bombardeados dun momento a outro. Esa parte tamén amosa a peor cara da guerra: a destrución, as vítimas inocentes.  Aínda que esa parte foi a que maís me impresionou, o resto do libro non se queda atrás, sendo unha historia moi interesante, sobre todo se temos en conta que é verídica.                                                         
                                                                               Antón Tembrás López, 1º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario