mércores, 4 de decembro de 2013

Temas e motivos (I)

Hoxe empezamos un novo capítulo, temas e motivos na literatura. Xa sabedes que hai temas importantes, os universais. Carlos Fuentes, un bo escritor, dos mellores en lingua castelá ou española, dicía que eran doce. Había que investigalo. Agora mesmo non sei cales son. Supoño que entrarán o Amor, o Tempo, a Morte, entre outros. Pero nós aquí imos falar quizais de subtemas, temas pequerrechos, e motivos recorrentes, que aparecen en moitos libros e van constituíndose como elementos básicos ou case sinais de identidade, que achegan interese e beleza a un libro. Imos empezar cos mapas.
Un primeiro libro con mapa que traemos a estas páxinas é O Hobbit de J. R. R. Tolkien. Aí hai un mapa, debuxado polo propio autor, necesario para coñecer a Terra Media. Nome seductor. Hai auga tamén e hai montañas. Ese mesmo mapa válelles aos lectores da súa outra magna obra, O señor dos aneis. Eu tiña unha amiga, Mary (ou María, ou Marietula, que é como a chamaba eu ás veces), nada e criada en Londres (pero convivimos en Friul, as dúas eramos lectoras na Facultade de Letras, en Udine, ou Udín en friulano), e lía todos os anos, ao chegar a primavera, o libro grande de Tolkien. Había que ir buscala á súa habitación-bufarda, porque se somergullaba tanto na lectura que se lle ían as horas do reloxo da cabeza. As letras desprazaban as outras realidades. Nunca coñecín, en troques, quen lese todos os anos poñamos por caso Cantares Gallegos ou El Quijote. Pero se vós coñecedes a alguén non deixedes de dicírnolo.


3 comentarios:

  1. Dende o meu punto de vista a razón máis lóxica de porque o "Señor dos Anéis" ten un maior número de adeptos respecto a "El Quijote" é debido a fecha na que ambos foron escritos:
    O "Señor dos Aneis" é unha obra literaria "recente" que ademais contou cunha serie de adaptacións cinematográficas de gran calidade,todas elas catalogadas coma obras mestras do cine,o que engloba a obra na que éstas se basan nun ámbito de prestixo que impulsa os máis debotos das películas,no caso de non ter lidos os tomos antes de ver a largometraxe,a facerse coa obra escrita completa,ademáis coma punto decisivo a favor,a obra conta cunha linguaxe clara e accesible a todas as persoas cun nivel minimo de lectura.
    Na outra banda situamos a "El Quijote", que, se ben, as numerosas adaptacions que tubo o entorno cinematográfico non pasan de mera curiosidade ou entretemento dunha tarde tamen teriamos que ter en conta a súa fecha de composición (1605-1615) para decatarnos de que o vocabulario usado na obra, expresións e temática (a obra atópase menos dotada da epicidade) esta completamente obsoleto nos nosos tempos, o que termina desenvocando como e evidente, nunha menor popularidade entre os circulos lectores.

    Con isto non quero desprestixiar unha obra coa outra, ambas son o que son, obras mestras da literatura universal, pero cada unha o foi no seu tempo, neste mundo non se vive sempre das vellas glorias.

    ResponderEliminar
  2. Hai tres cousas que non se sosteñen no teu comentario, Bruno. Unha é a ortografía (hai dicionarios de libre acceso na rede). A segunda é dicir que os temas do Quijote están obsoletos. Se eu quixera subliñar temas fundamentais no libro de Tolkien subliñaría a amizade, a fidelidade, o amor. Presentes os tres en Cervantes. Pero é que Cervantes non escribe literatura fantástica: critica precisamente ter a cabeza só no mundo da fantasía. Esa é unha ensinanza básica. Hai que ter un pé sempre na realidade. Ese equilibrio entre o mundo das ideas e a realidade, o pragmatismo do día a día, esa é a lección básica do Quijote. En arte, e en literatura, ademais -e aquí entramos na terceira cuestión-, se unha obra é boa, convértese nun clásico, nun valor universal. Pódese discutir cal é o canon, pero discutir a validez do libro cervantino, son palabras maiores. Paréceme moi inmaturo pola túa parte chamarlle vella gloria ao Quijote. De feito, dubido moito que o leras enteiro.

    ResponderEliminar
  3. Recoñezo humildemente que a miña ortografía é mellorable.En canto ás ideas quizais a non me expresei ben.O único que eu quería deixar claro é que a lingua de Tolkien está máis próxima ao lector actual.A lingua de Cervantes ten centos de anos e resulta máis difícil de entender para o lector de a pé.

    ResponderEliminar