Outro
libro con mapas é Viaxe a Galicia
(1745) de Fr. Martín Sarmiento. O
ilustre viaxeiro non só foi debuxando algún que outro pequeño
mapa, senón tamén inscricións nas lápidas, nas rochas, nas
campás… Este mapa que escollemos corresponde á provincia de
Pontevedra, cerquiña da grande montaña do Candán e do mosteiro de
Acibeiro. Nel vemos a Casa das Raposeiras. Nesa casa viviron
ancestros do propio Sarmiento, e do tataravó, do capitán Alonso
Gosende, dinos algo dabondo curioso, dinos que conduciu as milicias
da terra de Montes que acudiran cando o de Drake (Sarmiento escribe
Dracke) en
axuda da nosa cidade, Coruña. E engade que trouxo unha imaxe da Nosa
Señora do Rosario e depositouna nunha capela da igrexa de Cercedo.
Tedes que saber que Fr.
Martín Sarmiento foi un dos homes que máis amaron Galicia de todos
cantos son nados. Amaba igualmente as voces galegas, preguntaba e
escribía todos nos seus caderniños. E logo, fixádevos que cousa
tan entrañable, logo soñaba con iso. Nun seu capítulo (“Reflexión
física sobre un soño”) nárranos un deses soños, en que lle
pregunta a un rapaz polo nome dun monte e soña con estrañas e
bonitas respostas. Fíxome moitísima graza lelo. Podemos atirar nós
tamén outra reflexión: os soños prolongan a realidade que amamos,
recréana, reduplícana. E, como se aprecia claramente co sabio
galego, dannos pistas para o coñecemento daquel que soña.
A literatura de viaxes
é un saco sen fondo. Un meu amigo friulano escribía unha magna obra
sobre viaxeiros a Venecia no século xa non relembro cal. Vós sen
dúbida oístes falar da viaxe por América de Darwin. Coñecedes
algún outro libro de viaxes?
Jorge Juan y
Santacilia, científico ilustrado do XVIII, moi vinculado a Ferrol,
que está de aniversario este ano, tamén fixera un periplo ao
Vicerreinado do Perú para participar na medición dun arco de
meridiano… Tedes información deste español digno de lembranza no
enlace con que rematamos este capítulo. Continuará.
Ningún comentario:
Publicar un comentario