luns, 30 de decembro de 2013

TEMAS E MOTIVOS (4). OS DRAGÓNS

TEMAS E MOTIVOS (4)
OS DRAGÓNS.

O dragón é un motivo mítico. Supoño que suxeito a modas, como moitas outras cousas na literatura e na vida. Agora, nestes mundos que corren, teño entendido que hai libros que son levados á pantalla exitosamente nos que aparecen dragóns. Quizais por estaren inspirados nunha época rica en mitoloxías, a Idade Media. Vós igual sabedes dicirme o título da saga na que estou pensando.
De primeiras un estaría disposto a crer que o dragón vén de Asia, dos ceos imperiais de Oriente. Non o negaría eu. Así e todo, na Europa que ten como padroeiro a san Xurxo (Cristimil en Galicia, Cataluña, Inglaterra, Rusia), ben coñecen o dragón vencido pola épica espada do heroe.
Na península ibérica, entre nós, o dragón experimenta unha especie de pseudo-cristianización: entra en contacto cultural co demo, co diabo, e desa endiañada conexión parece xurdir o moi literario endriago. Vouvos traer hoxe un exemplo magnífico, porque magnífica é a obra onde aparece un dos máis antigos endriagos peninsulares. O Amadís de Gaula. Velaquí un libro que vos aconsello moito ler cando teñades todo un verán para gozar da boa literatura. Rapazota, rapazote, adolescente, muller ou home cumpridos, todo ser humano debería deleitarse un ano da súa vida co Amadís. Creou escola, tivo continuadores, e Cervantes respectouno e non o mandou ao lume naquela expurgación feroz da primeira parte do Quijote. No capítulo 73, na illa do diabo, aparece o Endriago contra o que loitará o cabaleiro de cabaleiros. Dísenos que tiña escamas durísimas (como a camisa que lle regala o tío a Frodo Bolsón: delicada e dura como escamas de dragón), ás no lombo, e o terceiro atributo típico dos dragóns: bota fogo pola boca, á par que destila un fétido e insufrible alento, velenoso coma o aire de Mordor, na Terra Escura de Tolkien. Ah!, mágoa que nós non teñamos unha industria cinematográfica poderosa para levar ao celuloide do século XXI este Amadís do XV... E inda menos mal que logramos conservar a versión en castelán, toda vez que a galego-portuguesa se perdeu.

Seguiremos outro día falando de dragóns. Déixovos cunha foto do Saviñao galaico e lucense, onde dous dragóns de pedra románica nos falan de tempos idos e mitos esquecidos.
Foto de Luís González G.

1 comentario:

  1. EN TORNO AOS DRAGÓNS
    Despois de ler o artigo sobre os dragóns, quedei pensando nese tema. Desde sempre me chamaron a atención. Decidin investigar un pouco para comentar sobre eles .
    A palabra dragón fai referenza a un animal mitolóxico , un réptil alado inmenso cunhas cualidades especiais. O seu corpo é moi resistente, protexido por unha grosa capa de escamas que poden ter cores diferentes e que se vai endurecendo coa idade, por iso se di que os dragóns adultos son inmunes aos ataques. Posúen ás que lles permiten voar, soen facelo en círculo e logo lanzarse en picado sobre a súa presa. Se pensa que esa capacidade provén dunha pedra máxica chamada draconita que se atopa na súa cabeza. Ademáis atacan co seu alentó que pode ser de lume, ácido, xeo, gas… e con todo o seu corpo. O seu poder aumenta cos anos, de xeito que os adultos son posiblemente as criaturas máis poderosas dentro do mundo mitolóxico.
    Con relación a súa intelixencia, pode variar desde ser un animal astuto ata converterse nun ser intelixente coma poucos. Todos eles teñen uns sentidos moi desenvolvidos, poden detectar mesmo a seres invisibles, e un oído que percibe o máis mínimo ruido.
    O dragón é un ser máxico coa capacidade de lanzar conxuros, que vai adquirindo cos anos. Hai dragóns bos e malvados. Os dragóns benévolos son os que teñen estas cores: dourada, prateada, broncínea, ocre e cobriza. Os malvados son os de cor vermella, negra, azul, verde e branca.
    Nas lendas teñen aparecido moitos tipos de dragóns e ademais cada cultura os percibe de xeito diferente, así os chineses os presentan como criaturas benevolentes e sen ás, en cambio os dragóns europeos e persas, son seres alados e malvados. Tamén teñen presenza en varias relixións do mundo e en moitas culturas orientais son venerados pois representan as forzas da natureza e o universo sendo fonte de maxia e poderes sobrenaturais, así en China non se pode concebir a celebración do ano novo chinés sen un dragón que presida o festexo, pois é considerado coma un dios benefactor mentres que en Europa representa o mal, o caos, a destrución.
    Nas culturas precolombinas xa aparecen lendas que teñen como protagonistas a enormes serpes, versión indíxena do dragón. Na Idade Media os dragóns tamén aparecen e así a lenda do Rei Arturo non escapou a súa influenza. Unha das tarefas dos cabaleiros da táboa redonda era loitar contra el.
    Moitas veces, os dragóns son en realidade bruxos ou feiticeiros que buscan baixo esa temible apariencia vencer ao enemigo. É o caso do dragón que aparece no mito xermano “El Anillo de los Nibelungos” onde Sigfrido, heroe mítico, descoñece o medo polo que vai en busca de Fafner que habita nunha caverna e que ten o poder de transformarse en dragón.
    Na literatura os dragóns sempre tiveron importancia. Na saga de novelas de fantasía épica creada por Margaret Weis titulada Dragonlance a presenza do dragón é constante. En Eragon, novela fantástica escrita por Christopher Paolini, os dragóns teñen un papel destacado como pacificadores entre as razas dos elfos e os homes. O máis coñecido é Saphira, dragona azul de Eragon. Os dragóns do universo ficticio creado polo escritor británico J.R.R.Tolkien están relacionados nas súas características e fisonomía coas tradicionais lendas europeas. Aparece Smaug como ser egoísta e malvado que acumula riqueza na súa caverna. O seu tesouro desperta a codicia de homes e ananos, como un reflexo do noso lado escuro.
    En “La historia interminable”, novela fantástica do escritor alemán Michael Ende aparece un dragón diferente, que non é malvado ou combativo. Se trata de Fújur que é un dragón branco da sorte, un dos animais máis extraños de Fantasia. Son criaturas do aire e do bo tempo, da alegría. A pesares do seu colosal tamaño son moi lixeiros , por iso non precisan ás, teñen o corpo largo e flexible e o máis sorprendente é o seu canto.
    Existen moitas máis referenzas culturais e literarias sobre os dragóns que se poden analizar e que poñen de manifesto o interés que este ser mitolóxico esperta dende os tempos máis remotos.

    ResponderEliminar