mércores, 4 de decembro de 2013

Entrevista aos amigos (I)

-Preséntate, por favor, e dinos cantos libros levas publicados. Máis ou menos.

-Chámome Xosé Ramón Pena. Canto ao número de libros publicados -e deixando a un lado edicións anotadas, libros de texto...- levo sete novelas e, no ensaio, outros tantos (e un novo en camiño).

-E premios? Podes amosar algo de fachenda. Permitímoscho.

-Gañei o premio Xerais e tamén o Losada Diéguez.

-Naciches en Betanzos, viviches na Coruña, e agora, desde hai anos, tes a residencia en Vigo. Con cal te quedas?

-Pois onde levo máis anos xa é en Vigo. Nunca me esquecen as outras dúas cidades, pero agora mesmo creo que son vigués.

-Así que es profesor, novelista, investigador… Se che mandasen prescindir de algo, de que prescindías?

-Creo que de ningunha; resúltame difícil pensar niso. Non obstante, por pura bioloxía -e polo moi mal que nos están tratando aos profesores, que non polos alumnos!- deixaría a "cousa" de profesor.

-Recoméndanos un libro ou dous. Dáte de conta que o consello é para os nosos alumnos, tanto da ESO, como do Bacharelato.

-A ver; evidentemente, os meus libros -e supoño que a pregunta, loxicamente, está referida aos de ficción- son, todos eles, fillos meus. Non é o que máis satisfaccións de crítica e de pública me teña dado, pero, por razóns sentimentais, teño unha especial querencia por "A era de Acuario". Non obstante, supoño que a un público como o que se sinala, o que mellor lle prestaría sería "A batalla do paraíso triste".

-Ti que estás lendo agora?

-Como estou co II volume da miña "Historia da literatura galega", ando con moitos materais á vez, de diferente ámbito (textos, pero tamén ensaios, libros de historia, epistolarios...) da xeira do Rexurdimento. Ah!, e acabo de ler Matarte lentamente de Diego Ameixeiras. Moi pracenteira lectura.

-Teño entendido que fuches colega de Ferrín. Como eran os claustros con el? Como era como compañeiro de traballo?

-Do Ferrín profesor sei o que din os seus alumnos: alguén que lles soubo transmitir o amor pola literatura, polo idioma; unha persoa dono de toda unha cordilleira de coñecementos de todo tipo e, ademais, alguén perfectamente accesible.
Como compañeiro "académico", unha persoa cordial, cun bo sentido do humor e, igualmente, moi accesible.
Pero é que eu teño de sempre unha relación persoal con el. Daquela, resúltame imposible pasar por alto o Ferrín amigo. E aí teño que dicir simplemente isto: é alguén que coñece, e que practica, no máis fondo aquilo de ser amigo dos amigos.

-Segues tocando a guitarra? Recordo que cando eramos universitarios cantabas a Serrat de marabilla. Segues amando a música?

-A túa memoria é mala: cantaba a Serrat.... moi mal; defendinme un pouco -só un pouco- mellor con José Afonso. Pero si que agradezo a túa enorme benevolencia. De todos os xeitos, non eran os cantautores os meus favoritos: en realidade, o que de veras sempre me gustou é o rock -Stones, Police, Santana, Eric Clapton- e mais a bossanova -devoto de Vinicius de Moraes-. O que pasa é que admiro demasiado a esa xente (tamén a Serrat e a José Afonso, que conste en acta!) como para nin antes nin agora andar a destrolazos. Pero, vaia: en petit comité si que sigo tocando a guitarra (e pido perdón a quen coubese por tela tocado algunha vez nun escenario; todos pecamos algunha vez, non?)


-Grazas por dedicarnos o teu tempo. Anímate un día a achegarte ao ‘Eusebio’ para falarnos da túa obra. E parabéns por esa Historia da Literatura Galega 1 que acabas de publicar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario