luns, 7 de setembro de 2015

A NOSA CASA



A NOSA CASA: O RELOXO.

A nosa casa ten faiado, un faiado de película, absolutamente. Eu cando era estudante nunca subín e nin tan sequera soñaba con que fose como é: digno de ser soñado por un neno ou por un escenógrafo. Un día destes dedicámoslle unha páxina ou dúas en exclusiva. O conto é que para ir ver a maquinaria do reloxo hai que pasar polo faiado, anicándose  un algo de cando en vez para non chocar coas trabes enormes e cacarañadas da couza.

 (Reloxo do Pazo de Capitanía, na Praza da Constitución; toca o himno nacional de España ás oito en punto da mañá)
Este noso reloxo foi xa citado no blog da biblioteca, nunha entrevista na que o avó dun alumno contaba que el nacera no reloxo do Instituto... Unha forma metafórica de dicir que a familia vivía no faiado, porque –efectivamente- in illo tempore, os conserxes tiñan vivenda no edificio das escolas e/ou institutos. O reloxo daba as horas en voz alta, unha nosa colega recorda que de nena vivían na praza de Pontevedra e as badaladas do reloxo do Instituto atroulaban a un... Agora non soan, pero o reloxo funciona.

 (Reloxo do edificio do vello Real Consulado do Mar da Coruña)
 
Todas as santas semanas do ano vén poñelo en hora un home nacido en Oleiros, o señor Antonio González Mallo, de familia de reloxeiros (polo sogro, de Ambroa, Tordoia). Leva 36 anos vindo á nosa casa, que se di logo... É reloxeiro municipal, quer dicir, que é o Concello coruñés o que lle paga. Achegámonos á esfera. Tocamos a pedra, quedan restos na man. Di Antonio: “É pedra chorona” (frase digna dun canteiro, eis os grandes canteiros de Galicia, da Terra de Montes, de Noia, de Canduas de Bergantiños, os que arrincaron con suor pedra de santa Margarida, de san Pedro de Visma...). Pregúntolle, que me explique o concepto. É doado: é areosa. “Había que restaurar a esfera, o contorno en xeral, pega moito o sol, estropea a esfera...”, engade, case filosofando ou case destilando escepticismo. Digo eu, “Este reloxo debe ser dos máis antigos de Coruña, será máis ou menos vello có do Obelisco?”. Responde el: “Ai, o do Obelisco debe ser máis antigo... –ton de respecto total-, ese leva catro transmisións para as catro esferas...”. Logo axiña averiguo que non, o Obelisco inaugúrase estando Picasso entre nós, en 1895, se non me falla a memoria. E o noso é tan vello coma a casa e imos facer agora 125 anos de historia. O reloxo do Instituto, se non marro, é o terceiro en antigüidade da cidade: o primeiro é o de Capitanía (canda o pazo da segunda metade do XVIII , pero, tamén é verdade que xa fallou, o actual é novo, o orixinal está no Museo do Exército aquí na Coruña, e que conste que é unha peza única); o segundo é o da Palloza, o da Fábrica de Tabacos (de 1804) pero creo que agora está parado, xa sabedes que están obrando porque a fábrica deixou de funcionar como tal e vanse reutilizar as dependencias, ben reformadas –como debería estar reformado o interior do noso Instituto- para seren usadas polos funcionarios de Xustiza. E o terceiro, mais coa vantaxe de ter un funcionamente ininterrompido, é o noso. Podedes miralo ben. Todo un símbolo do paso do tempo.

 (Reloxo da vella Fábrica de Tabacos, na Praza da Palloza)
 
Dinos tamén Antonio que son igualmente antigos os do Museo do Concello, o floral dos xardíns e o do “Museo de Panadeiras” (aquí xórdenos unha dúbida, porque este reloxo da rúa de Panadeiras, o que está –e en feliz funcionamento, incluso canta con voz pequena as horas- enriba do edificio de fins do XVIII do Real Consulado do Mar da Coruña, non logramos datalo, aínda que xa volo direi, porque me vai facer o favor de averigualo se pode unha ex profesora –e moi querida- do Instituto, Mª Josefa Sánchez Posse, estreitamente vinculada á Biblioteca do Consulado; sabemos, iso si, que é un engadido, non consta nos gravados antigos do edificio do Consulado).

 (As interioridades do noso vello reloxo, do Instituto na Praza de Pontevedra; a foto é xentileza de Olga Vázquez)

Non me digades que o tema dos reloxos non é precioso... Cando eu traballaba en Údine –Udín en friulano-, como lectora de español, e me interesaba pola vida e milagres da cidade que chegou a ser tan amada –foron tres anos felices da miña mocidade-, vin saber que alí estaba a sé dunha das fábricas de reloxos máis importantes de Italia. Daquela a miña mellor amiga era María, nacida e criada en Londres; pois ben, cando fun á súa casa por primeira vez, ao baixar do tren na Estación Victoria da vella Londinium, María chamou a miña atención sinalándome o grande reloxo redondo da estación, “Mira, que ves?”. E vin que debaixo da esfera estaba escrito UDINE.

(Reloxo do noso Instituto, nun gravado de principios de século XX, cando o edificio aínda estaba exento)


O reloxo do Instituto noso non sei dicirvos a ciencia certa onde se fabricou, pero D. Antonio, o reloxeiro, calcula que en Eibar: de alí viñan case todos os reloxos coma este, case todos “os reloxos de torre”, a casa máis coñecida de Eibar era “Viúva de Murúa”.
Rematamos coas palabras del: “A campá soaba pero está estropeada, polo menos hai 6 anos que non soa. A corda dura exactamente 8 días. Este é un reloxo clásico.  Manter estes reloxos está ben, despois de tantos anos...”

luns, 31 de agosto de 2015

VISITANDO



VISITANDO ALMERÍA II

Toda paisaxe nos conmove, e máis aínda se cadra aquela que nos comunica saudade do ido.  A modernidade, o turismo e, sobre todo, os plásticos, mandaron ao esquecemento sistemas de cultivo doutrora. Adeus aos valados, ás norias e aos alxibes: na disxunctiva entre progreso ben entendido e progreso-apisoadora, loitamos por conservar certa memoria. E aínda que non sempre podemos tanto como quixeramos, sementamos... “Sementa, que algo queda” é un aforismo amado que me transmitiu Uxía.
Tamén desaparecen oficios. En Almería como en Galicia como en todas partes do Occidente civilizado. Os almerienses eran alcumados legañosos polo tradicional cultivo do esparto (pola poeira do esparto víñanlles enfermidades aos ollos e ao non teren medios para curarse nin ir ao médico, acababan con grandes males na visión). Contábanos Carlos Belmar a tradición da Virxe do Esparto, a de Atocha, segundo a cal os reis ían levarlle a ramiña do esparto, nunha especie de querer facer ver que tamén eran reis dos humildes (os campos de esparto chámanlles os almerienses atochares, en relación filolóxica cos nosos toxos –raíz fitónima; eu recordeilles a cantiga do milagre mariano da Virxe de Atocha versificada polo rei Afonso, a meniña que acompaña na sega os pais, mete na boca unha argana e morre asfixiada, entón suplican á Virxe –logo chamada de Atocha porque aí están, no antigo prado de Atocha, en Madrid- e esta sálvaa de contado, facendo que bote para fóra a espiga que se lle atragoara).

 (Noria: vimos algunha reconstruída, a da foto é en Guadalquilar; había outra preto de san José, en Boca del Fraile, refeita por un carpinteiro do lugar)


(Alxibe, hainos tres veces máis longos, non todos están igualmente conservados)

 (Cerámica tradicional de Níjar: rameada, chinesco de gota pequena e de manchas; vese tamén a alcuza para "pintar a perilla")


Van desaparecendo, digo, vellos oficios como os oleiros: en Níjar había unha rúa enteira, gremial, de oleiros... Atendeunos amablamente unha muller, con filla casada en Barcelona, que nos contaba que acababa de traspasar milagrosamente o negocio a un home novo, un estranxeiro, creo que alemán.
Segue funcionando bastante ben, en troques, o negocio das jarapas. Preto da igrexa, no alto de Níjar, compramos dúas, a rapaza nova que atendía amosounos orgullosa as fotos da familia real, había pouco que pasaran por alí e a raíña dona Letizia comprou unha para a habitación dunha filla, amosóunola rapidamente. Tamén nos amosou o tear onde as fan. A raíz da voz jarapa é a mesma da nosa farroupeira:  con varianza de xénero, equivale ao noso farrapo, co mesmo sufixo despectivo (presente tamén no cast. guiñapo, paralelo ao noso -oupa; a base farra, con permiso de Corominas, queda para outro día).  En castelán, harapo,  o efe inicial aspira e cae –desaparece- no norte pola acción do substrato vasco, pero no sur vedes que non sempre desaparece, mantense a aspiración velar forte, grafada co jota de jarapa.
E visitamos Los Millares, e quixemos visitar La cueva de los Letreros. O poboado dos Millares pertence ao Calcolíto (dentro do tradicionalmente chamado período neolítico), botemos a vista atrás, preto de 4000 anos antes de Xesucristo. Foi unha das citanias ou cidades máis grandes da Europa Occidental. Xunto co esteiro do río Teixo, as máis grandes concentracións humanas da península daquela. Coincide esa cultura, a dos Millares, co florecemento do noso megalitismo. O que máis chama a atención –o espazo todo é espectacular, espléndido de luz e calor, quizais sexa precisamente ese un dos factores que entran en xogo á hora de cuestionarnos a eticidade ou a pertinencia de arrincar dese chan nutricio e familiar os restos humanos que logo se expoñen no escaparate museístico, e digo isto case ao meu pesar, porque o Museo de Almería é unha beleza, e ten detrás un labor ben feito, un coidado exquisito, pero non podo por menos, meus amigos, de cuestionar ese tratamento dos restos humanos aínda que sexan do calcolítico, aínda que non teñan parentes próximos vivos, salvo nós mesmos,  que nos interrogamos sobre este criterio de ofrecer á vista eses ósos...-, son os campos de túmulos funerarios, hainos  ás mans cheas, había clases sociais ben diferenciadas, e había enterramentos colectivos, familiares ou tribais, de ata cen individuos.

 (Enterramentos en 'Los Millares'. Arriba, in situ; abaixo, no Museo de Almería, as portas cos círculos son de louxa, de pizarra, belísimas; fixádevos que hai ídolos, representacións posiblemente dos propios defuntos: hainos tamén nos nosos monumentos megalíticos, como Dombate)


Non puidemos atopar –tristemente hai que dicilo, tiven que oír varias veces a frase é que estamos en España...- un só libro sobre Los Millares, nin nas instalacións do propio xacemento, nin no Museo de Almería, nin na Alcazaba (a onde amablemente telefonaron desde o museo). Nada de nada: progresar tamén é arrequentar as estruturas do turismo cultural.
Remato coa cova dos letreros. Outro aviso para navegantes: levabamos un libro sobre Almería comprado un mes antes e datada a reedición no 2015. A información sobre horario de visitas estaba obsoleta totalmente. Así que chegamos conforme o libro ás doce en punto para recoller entrada á cova e todo o noso gozo nun pozo. O libro falaba de visitas diarias (que menos en agosto!) pero nada, eran tres días á semana e estabamos lonxe de san José, máis de 200 km. Ida e volta. Non volvimos. Nesa cova está o famoso gravado do bruxo (demonio para algúns autores, como Maringer, por ex.). Vedes na foto que ten unha especie de fouciño nunha man (pero se comparamos con outros debuxos de España debuxudos polo abade Breuil, podía pensarse nunha machada ritual) e na outra un corazón, o que fai pensar en sacrificios, talvez humanos (hai moita literatura sobre costumes funerarios prehistóricos, quero só lembrar aquí a Cueva de los Murciélagos, na veciña Granada, onde se encontrara o esqueleto dunha muller cun diadema de ouro na cabeza –sacerdotisa?, raíña?- e ao seu arredor, xacentes, doce esqueletos femininos en semicírculo sostendo nas mans cestas de fino esparto, sen dúbida de vellas ofrendas florais ou así).  

(O 'Bruxo', reprodución fiel no Museo de Almería; está na chamada cova dos Letreros, en Vélez Rubio). 

(Velaquí tendes o Cerro Maimón: aló arriba, tras a verxa, está o abrigo natural, a Cueva de los Letreros)

luns, 24 de agosto de 2015

LENDO A...



LENDO A...

LENDO CONTOS POPULARES. 

Creo que nunca vos dixen o moito (que vos sei querer..., di o rei trobador nunha das súas sublimes cantigas d’Amor, aquela de aque me en vossa prison), que me engaiolan, que me gustan os contos populares. De sempre. Se non temese aborrecer sería aquí e agora quen de relembrar os que me contaba miña nai (Almendrita, A flor do alilá, non moitos máis, pero pedíallos unha e outra vez ao longo dos sete primeiros anos e repetíaos sen cansazo), meu pai (papá dramatizaba coa voz cando facía de lobo, en Carapuchiña ou naquel estupendo dos sete cabritiños, un dos cales se agachaba tras o reloxo, ou naqueloutro da cabra montesina do monte montesinal, que saía da despensa e ameazaba con chapar a protagonista, daquela viviamos nos Castros e a nosa despensa tiña porta que logo abría eu con medo...). Díxenlle onte ao meu compañeiro de fatigas, a ti contábanche contos de neno? Nin o primeiro. Vaia por Deus!, menos mal que a vida compensa e tenme a min para esgotar a cota. A raíña indiscutible dos contos da miña infancia era a avoa Rosario, a valdeorrense. Era unha fonte de sete canos, o raio que non cesa. Sabía restras, con poemas incluídos (-¿Moza que riegas la albahaca, cuántas hojitas tiene la planta? –Caballero de capa y sombrero, ¿cuántas estrellas hay bajo el cielo?), e cando me narraba docemente aquel da malvada raíña moura que suplanta á outra raíña cravándolle un alfinete entre a mata de pelo mentres a peiteaba converténdoa en pomba, a avoa acariñaba o meu propio cabelo, facendo coma quen... Espero que no paraíso siga habendo quen lles conte contos a eles, ou a quen contarllos...


En todas as partes do mundo hai contos populares. Vouvos dar unha mostra de aquí e acolá de cando en vez. Un aspecto fascinante deste tipo de literatura é que se enrosca coma unha glicinia ou como a vide por entre distintos xéneros: os contos populares tamén poden beber do mito, pero eles mesmos arraigan sen que nos percatemos na haxiografía (as vidas de santos, é o caso da vida da francesa santa Marta e o dragón, ou a vida de santa Xenoveva), na Biblia (aí un dos expertos é Asimov, xa vos poñerei outro día exemplos), na literatura chamada culta (no Lazarillo a estudosa Mª Rosa Lida de Malkiel rastrexaba contiños populares, folclóricos, centro europeos, polo menos rastrexaba concomitancias), na fraseoloxía (Estar coma o rei nunha cesta lévanos aos contos onde o meniño fillo de reis é botado ao río nun cestiño..., a frase que sexa para as boas fadas remite aos contos onde hai fadas que bendín os meniños acabados de nacer e concédenlles doas), etc. Algunha vez escribimos sobre o tema e se gustades, o artigo está dispoñible na rede (http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/cfg11.pdf).
Hoxe quero centrar o discurso nun libro espléndido: Cuentos populares mexicanos, nunha coidada edición do 2015 a cargo de Fabio Morábito (o limiar non se pode perder: tremenda dose de sentido común e ben facer...). Recoméndovolo encarecidamente. De todo o que quixera dicirvos, escollo tres cousiñas (o 3 é o número por excelencia, número prototipo, xerador de estruturas narrativas contísticas). Unha, a riqueza de linguas do país, México. Todos están traducidos pero Morábito especifica sempre en que lingua foron narrados inicialmente: hainos en español de Jalisco, de California...; hainos en lingua mixe de Oaxaca; hainos en náhuatl; en maya de Yucatán, de Quintana-Roo;  en tepehuano de Durango. Unha pasada de riqueza lingüística (quizais sexa esa unha das causas de dar México ao mundo escritores tan bos: pensadores -Alfonso Reyes-, poetas –o propio Reyes, Octavio Paz-, novelistas - Agustín Yáñez, Carlos Fuentes-, contistas –Elena Poniatowska, etc., etc.).

Dúas, sempre a voltas coa lingua: recordades que vos dixen que as palabras nacen, multiplícanse, viaxan, multiplícanse de novo en variantes, e morren? Pois os contos, ou os temas,  tamén viaxan: coma os mitos, coma as frases. Aquí neste libro atopamos, por citar só un par de casos interesantes, un motivo curioso: o da serea muda. Aparece no conto titulado “La reina Isabel”, narrado en español. A pregunta do millón é, viaxaría ese motivo desde a nosa terra? Que nós saibamos, a historia da serea dos Mariño, dona Mariña, muda ata que o home fai aceno de guindar co fillo ao lume (entón ela berra, cáelle o anaco de carne que atrancaba a glote, e fala) aparece en substancia xa rexistrada no Libro das Liñaxes medieval galego-portugués. E esa, no que nós sabemos, é a documentación máis antiga deste motivo, o da serea muda. Os galegos viaxan a México desde o principio (nun libro que nos trouxo Miguel dunha súa viaxe á cidade de México D.F. consta o listado dos homes que acompañaban a Cortés na noite triste no primeiro cuartel do XVI e un deles –polo menos- ten apelido galego [trátase do libro México Viejo, de Luis González Obregón, aí consta que nesa noite do 30 de xuño de 1520 marchaban á cabeza varios capitáns de Cortés, entre eles Francisco de Lugo], e sabemos tamén que o primeiro libro de matemáticas que chega a aquel continente, é publicado polo galego Juan Díez Freile en México en 1556,  sabémolo mercé a un catedrático de matemáticas que foi do noso Instituto, David Fernández Diéguez). Grazas a outro conto (“El zahorí de Caca”) vemos que é unha frase, Aí é onde a porca torce o rabo, a que probablemente viaxou desde Galicia.  O DRAE dáa como propia de Cuba, pero vémola na Internet ben establecida en Colombia (cultura Costeña) e México. Esta é a explicación semántica que dá Eladio Rodríguez desta frase popular galega: “Ahí é donde a porca retorce o rabo, dícese cuando se encuentra una dificultad grande y difícilmente vencible”; o TILG recolle como primeira documentación da frase a de Noriega Varela (1928). No corpus histórico da RAE (CORDE) non a documentamos. A imaxe de retorcer o rabo ao porco como sinónimo de ter entre mans unha seria dificultade aparece, ademais, no cantigueiro popular galaico: mirade estes versos recollidos por Saco e Arce: Eu casar ben me casara , Por estar acompañado , Manter fillos e muller , Retorcerll ' ó porco o rabo.

 (As ilustracións do libro de contos que vos recomendo son de varios artistas: A. Balcázar, I. Barrón, M. Monroy, J. Palomino, R. Peláez, I. R. Esquivel, S. Solís e F. Vanden Broeck)

E tres, e rematamos por hoxe. Hai poucos contos “puros” (que resulten virxes a un oído afeito, quer dicir, contos nos que sexa case imposible ver semellanzas ou subtemas doutros contos, contos que nos resulten totalmente inéditos, digamos). Pero neste libro atopamos algún. Un auténtico tesouro. Destacaremos un, que me deixou así como abraiada, chea de curiosidade e misterio: pregunteime, pero onde está aquí a mensaxe –a vella ‘moralexa’, nunca morta de todo, importante para un docente non perdela de vista...-, cal é a novidade, o Tema que nos quere transmitir? O relato chamémoslle ‘puro’ (para o meu entender canto menos, por novidoso nunca antes oído) titúlase “El hombre haragán”, vén de Chiapas e a lingua é o tzotzil –nome de ave...-. O home non dá pancada, vive do traballo dos demais,  e con todo devén rico. Sabedes como? Porque soña. Ten un soño marabilloso e así dá co ouro. Non se sorprende, ademais, de que chegue a el ese diñeiro, porque o soñou.  Ese é o punto: sabe soñar e sabe valorar os seus soños (e tamén sabe repartir). E todo cunha calma planetaria total. Un conto moi fermoso, abofé.

luns, 17 de agosto de 2015

VISITANDO



VISITANDO

PARQUE NATURAL DE CABO DE GATA

Acabo de ler un relato inédito da miña amiga Uxía sobre a Beleza así con maiúscula. Nese relato é a contemplación dunha obra de arte o que produce o pracer, un pracer tan grande e poderoso que é quen de redimirnos. Máis ou menos, ela escribe e comunica mellor o tema, asegúrovolo. Pero as interrogantes que envolven ese tema e o complementan son igualmente importantes: a obra de arte que transmite beleza faina o autor gratuitamente ou debe ser guiado por un arquetipo superior, a idea de (un) deus, ou Deus, por exemplo?
Non hai resposta por parte de Uxía. Eu de min sei dicir o que sei dicir: que si hai sempre un arquetipo posible ou iso penso: Deus, muller/home amados ou terra amada. Que Uxía ama Italia está fóra de toda dúbida. Que Machado amou Soria como arquetipo telúrico, tamén. Quizais aquí e agora podiámonos preguntar: escribiría igual unha obra mestra (como Campos de Castilla) Machado se estivese en Canarias, por poñer un punto xeográfico distante? Posiblemente si ou quizais non estea tan claro, tanto somos capaces de valorar o contexto: a terra é máis ca un contexto, penso. É case a metade da vida, diría...
Serve este limiar para adentrarnos no parque natural de Cabo de Gata, onde pasamos uns días inesquecibles de agosto. Interésame moito animarvos  a que tomedes notas canto viaxedes. A literatura que así se xera pode que non sexa para publicar pero si para reler e revivir cando pasan os anos, e axuda á propia introspección e ao coñecemento de un mesmo. Por estas terras almerienses viaxou hai tempo Goitisolo (Campos de Níjar), por poñer un exempliño bo.

 (Cabo de Gata, un topónimo xa documentado no s. XIV. Os arrecifes)
 (Cabo de Gata. Dáse como hipótese que 'Gata' vén de 'Ágata', pero é discutible porque hai Serra de Gata en Extremadura. Vese ao lonxe o Arrecife chamado do Dedo)

Atopamos moi boa xente, e moi concienciada. Nun punto de información atendía un rapacete que estudaba Ciencias Medioambientais e confesaba que era o interese pola xestión do parque natural o que o motivara: hai moitas cousas que se podían facer mellor, hai moitos problemas para conxugar a conservación do parque e o desfrute por parte de tantos turistas, un problema básico é o lixo... Outro é a conservación do patrimonio arquitectónico (torres emblemáticas como a dos Alumbres en Guadalquilar, ou a torre en forma de pata de cabalo de Mesa Roldán, están caendo na total desidia, pedra a pedra). Vemos na prensa de onte que Andalucía e Galicia andan parellas na valoración en calidade medioambiental que acaba de publicar Greenpeace. Pero a xestión das costas é do peor no caso galego.

 (Cabo de Gata. A outra hipótese para 'Gata' é do latín 'Cápita' a través dun fenómeno da fonética árabe, resultando un topónimo redundante, 'Cabo do Cabo'. Vemos os 'Adoquines', formación volcánica sumamente belida)

(San José. Ao fondo o 'Cerro del Medio')

Un traballador mozo dun hotel en Almería capital (na procura de sombra diante da catedral serodia, tardo renacentista, os tres sentados) dicíanos: si, estou moi orgulloso da miña terra, e esa zona onde parades é un exemplo de xestión... aínda que quedan moitas cousas que mellorar... e si, esas rutas en catro por catro das que me falas son unha forma estupenda para dar a coñecer a riqueza do parque, hai só un par de anos ou tres que funcionan, foi unha boa idea.
As rutas parten de san José, o lugar onde pernoctamos (foi unha aldea de pescadores, sita entre o Cerrro del Medio e o propio cerro onde outrora estivera o Castelo de san Xosé: toda esa costa estivo chea de puntos defensivos, atalaias árabes, torres artilladas feitas logo pola Coroa española, castelos que indefectiblemente levaban nomes de santos, como san Pedro, san Felipe...), e ofrecen 3 itinerarios: Cabo de Gata, a ruta do cine e a ruta dos piratas. O do cine non o quixemos (pensamos que era moito cartón-pedra e moi tópico, pero logo a posteriori, vimos como esa industria marca nomes e lugares e forma unha xeografía de seu, nada desprezable), o Cabo de Gata xa o percorreramos pola nosa conta (aí é onde se fan das fotografías máis típicas: é onde están os arrecifes –vellas chemineas volcánicas- con nomes como las sirenas, el arrecife del dedo, e aí se focaliza o texto de Ptolomeo que alude á abundancia no cabo de pedras semipreciosas, orixe dunha das hipóteses para Gata, en relación coas ágatas) e daquela optamos pola ruta dos piratas. A fortuna quixo que nos conducise  un guía ilustrado, a quen non podemos por menos de relembrar, Carlos Belmar. O que tal aprendemos! Empezamos cunha pequena discrepancia de enfoque porque eu pregunteille polo nome de Roldán (hai a Mesa de Roldán, e o Faro de Roldán, estupendo topónimo, debe ser a mención de Roldán sita máis ao sur de Europa) e comentei a posibilidade de que fose xa bautizado ese cerro-meseta  polos homes que acompañan a Alfonso VII na campaña de 1147 (recordemos: cos homes do reino de León  viaxan tamén francos, navarros, aragoneses, cataláns e xenoveses; recordemos de paso que Alfonso VII, o que fora ofrecido de rapaz á Virxe dos Ollos Grandes de Lugo, criado logo polo señor galego da casa de Traba, é fillo dun francés, Raimundo de Borgoña); díxome Carlos que non cría, era moito tempo para que se mantivese un topónimo (ao que eu retruquei que daquela a ver como pervivían os topónimos fenicios, ou tocando aínda a campaña do XII, a ver como perviviu la playa de los genoveses,  e mais o Morro de los genoveses, a uns quilómetros de san José, espléndido areal, super masificado, malia o control –que o hai- e o pago de 5 euros por deixar ben aparcado o coche, forma de que a xente opte polo servizo efectivo de autobuses públicos; este novo topónimo alude ás 200 naves xenovesas que esperaron nese abrigo natural as ordes do rei Alfonso para atacar conxuntamente a baía de Almería), e tirando da lingua por ese pretexto filolóxico, Carlos deixou en evidencia a súa análise da historia daquel período: a conquista de Almería no XII foi unha obra de acoso e derrubo dun reino (Almería ) que facía sombra comercialmente aos cristiáns da península e ás repúblicas mariñeiras itálicas. Viñeron, arrasaron e en dez anos escasos, fóra. Sen quitarlle a súa parte de razón e verdade, porén, puntualicei: pero non me negarás, Carlos, que tamén desde aquí pirateaban e arrasaban as costas de Galicia...
Digamos que a cada un lle doe o seu? Naturalmente, humanos somos. Pero logo, vendo no Museo de Almería o material fragmentadísimo pero indicador da poderosa civilización árabe-andaluza no vello reino almeriense, comprendín moito mellor a saudade do perdido, a mágoa da destrución total, porque Almería (cuxa bandeira, a da Taifa, en verde/branco/verde, é a primeira bandeira de Europa descrita nun texto histórico)  podería ser outra Granada con Alhambra, outra Córdoba con Mezquita, e non...

(Unha primeira visión do volcán 'La Granatilla')

(Dentro do cráter; detrás da imaxe humana vese unha das chemineas; hai aves e hai minúsculos granates por onde queira, no chan e nas pedras)

(Volvemos á costa. O mineral branco é a bentonita)


(Praia fósil)

(Mesa de Roldán ao fondo. O seu fareiro -ten o faro con fareiro máis alto de España-, Carlos Sanz Cruz, home moi querido, escritor, outro ser concienciado e conservacionista, describe a Mesa Roldán coma un dinosaurio deitado no mar, a cabeza á esquerda da imaxe) 

Malia iso, a terra é poderosa, absorbente, aparentemente monocromática e desértica; entrando, camiñando, véndoa de preto nas calas, nos cráteres, nos camiños de andar, é dunha variedade nutricia, rica en matices e en cores pola abundancia de distintos minerais (ouro, granates minúsculos, mármore branco, coral fosilizado, andesita, bentonita...). É primixenia, terra de xénese e de explosións iniciáticas. Miguel (coñecido en san José, outro almeriense de pura cepa, namorado do seu) aconsellounos a visita de La Granatilla, un volcán nada masificado polos turistas, e alá fomos, nun solpor inesquecible. A desolada soedade aparente pouco a pouco foise transformando no ventre matriarcal que nos acolle e ao que volveremos. Un silencio amoroso envolvía o noso espírito facendo ben doado comprender parte da mellor poesía nosa, a telúrica, a de Novoneira, a de Machado en Soria, a do Vintesete, a prosa de Otero Pedrayo, a razón básica de sermos quen somos e como somos.
Vouno deixar aquí por hoxe. Seguiremos outra semana. Quedade con algunhas das fotos. Aquel verso famoso Navegar é preciso, vivir non é preciso, convértese hoxe en Viaxar é preciso...

 (A torre artillada en forma de pata de cabalo de Mesa Roldán)

 (Faro de Mesa Roldán)