domingo, 22 de novembro de 2015

OS NOSOS POETAS



OS NOSOS POETAS



Lamento nun cemiterio


Que triste e deprimente é a morte…

Mil noites engaioladas sen poder

volver ver as estrelas.

Un  tedioso descanso

onde a luz da lúa escapa

coma un esbirro polos beizos

da realidade,

que se vai, distante, do noso soño.

Ningún beixo máis do aire

salgado mariño nas nosas bocas.

Triste destino!

O esquecemento eterno da beleza

e da arte. Ve como se esvaecen

a envexa, a luxuria, o amor,

as paixóns e os pecados

que nos dotan daquela doce

humanidade…

Ningún alento máis do aire divino

nos nosos evanescentes peitos,

aos que abandonaran, fuxitivas,

a calor e a fermosura da vida.



Cantar dun vivo desesperado


Ah, a perda e a dor da vida!

Cen voltas ao sol ata o eterno anoitecer,

Miles de verbas de amor baleiras,

Coma rosas murchas,

cubertas coa cor do sangue,

igual có roxo inicio da existencia…

Para que tanto desazo?

Onde están os seres idos,

que noutrora encheran,

con súbita graza e calor repentina,

todos os ocos do meu corazón?

Se a miña alma está feita de recordos,

que será dos meus prantos e alegrías

sen aqueles que os causaron?

Que son eu, nunha falsa flor

da xuventude,

senón unha sombra do que fun?

Nos bordos da corda frouxa

ou dunha corda a punto de colgar.

E que é a morte, se a vida

xa está perdida?

Levo universos pechados na miña mente:

liberareinos do po de estrelas,

que ao po hei de tornar,

co estilete da desesperación do vivir.

Ou, existencia! Ou, desgraza!

Ou, amor esvaecido coma area

no reloxo imparable da creación!

Adeus, adeus!

(Ainhoa Grandío Álvarez, 2º de bacharelato no curso 2015-6).


A ESTÉTICA NEOGÓTICA/NEORROMÁNTICA

(Mary Shelley. Imaxe tomada da Internet)
 

Esta estética neogótica e/ou neorromántica que formula a nosa alumna non é só propia do século XIX (inda que aí acada o clímax: é o tempo de Mary e Percy B. Shelley, que se xuraban amor eterno no cemiterio, diante da tumba de Mary Wollstonecraft...,  eran aquelas tardes daquel ano sen verán de 1816 en que se reunían os amigos na vila Diodati e alí se fraguaban as primeiras páxinas do Frankenstein ou de O Vampiro...; de feito arestora  Ainhoa  está lendo Mathilda and other stories de M. Shelley), senón que aparece tamén na obra dalgúns nomes senlleiros das vangardas do XX. Teño nas mans o tomo II da edición facsimilar da coruñesa revista Alfar (un novo tesouro: unha pequena caixa de tesouros poéticos e artísticos: algúns dos grandes de América como Reyes, Vallejo, Borges, J.J. Casal; algúns dos grandes do dominio do castelán peninsular como Guillermo de Torre, Machado, Alberti...; algúns dos grandes do dominio galaico-portugués do momento, como António Nobre, Álvaro Cebreiro, Noriega Varela, Eladio Rodríguez...) e aí apréciase algo do que vos dicía: 

Yo doy mis besos en el cementerio a la mujer que adoro (...). Lo que se llama la vida no es nada (...). Qué días más intensos (...), abrazados a ratos silenciosamente como si fuésemos nuestro mausoleo (de “Idilio”, de Ramón Gómez de la Serna, texto datado en novembro de 1923).

 (Portada da coruñesa revista Alfar, t. II)

E apreciade a estética igualmente decadentista destes versos de Antonio Espina (1924):

La Vida. Tedio letal

Forma que informa el fantasma...

E se volvemos de novo ás páxinas escritas polo autor das greguerías, podemos acompañalo polos campos santos (o cal trae á nosa memoria aquelas veladas nocturnas que os homes da Coruña do XIX facían anualmente ao cemiterio de san Amaro –fala Estrada Catoira, no libro xa mentado neste blog, dunha auténtica procesión cívica na que participaba a boa burguesía herculina- para honrar os ilustres galegos, tales como M. Murguía, M. Curros, E. Pardo Bazán, etc.)  a través da literatura das laudas sepulcrais, non exenta de beleza. Velaquí unha mostra breve:

Ángel aprisionado en este suelo

fué de bondad ejemplo sin segundo,

flor de virtud, que marchitaba el mundo,

divino aroma que le absorbe el Cielo.




 (Foto de R. Gómez de la Serna, tomada da Internet)
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario