venres, 27 de novembro de 2015

LENDO A...



LENDO A NEIRA VILAS


Esta mañá, ás doce, no corazón da mañá, colleunos de sorpresa a noticia do falecemento do escritor dezao. O primeiro que nos veu á mente foi o humano desexo de que descanse en paz, que o pasamento lle fora levadío. Pensamos tamén que Anisia xa lle foi facendo camiño...


E logo relembramos que no último número da revistiña do noso Instituto, Alén da chuvia, nº 7, hai unha xenerosa e magnífica entrevista, talvez a última que concedeu dese calibre. Non sobrará, se me permitides a licenza, que agradezamos aos colegas a parte que tiveran en tamaño logro (a Susana Piensos, a xefa do dpto. de galego, quen se puxo en contacto coa editorial como primeiro trámite, solicitando a entrevista; aos profesores Xulio Cuba e Xosé P. Mondelo, que levaron adiante o proxecto e desprazáronse á súa casa para recoller en persoa as verbas que logo pasarían á escrita, moitas grazas polo voso traballo, amigos!).





Pola nosa banda, contribuiremos minimamente a homenaxealo  traendo á palestra algunhas mostras da súa riquísima lingua. Do dicionario fraseolóxico bilingüe que unha servidora e mais Carme López Taboada estamos finalizando, deixámosvos este ramalliño de frases.



PEQUENO LISTADO DE UNIDADES FRASEOLÓXICAS EXTRAÍDAS DA OBRA DE X. NEIRA VILAS.


(Deixar/estar/quedar) no aire (¡Cantas preguntas no aire, sen resposta!) (Neira Vilas)

Ale xa/Ao avío (Véndonos dispostos, dixo Tamboril: “Pois ale xa! Mans ó avío”) (Neira Vilas)

Bo é algo ‘menos dá unha pedra’ (Virá o tempo das cereixas e dos pexegos de cedo e das amoras. Bo é algo) (Neira Vilas)

Ter (un) aquel de (Andara algo por Europa e tiña un certo aquel de home de mundo) (Neira Vilas)

Aro do lombo ‘columna vertebral’ (A perna seguíame doendo. E un brazo. E o aro do lombo) (Neira Vilas)

Arre que si/non/xo (Algúns veciños chamárono outra vez; voltaban a ofrecerlle axuda. E el, arre que non, testaneando) (Neira Vilas)

Nunha asentada (Daquel monstro coa andorga disposta a papar sete ovellas nunha asentada) (Neira Vilas)

Quedar en auga de castañas ‘en nada’ (Ó fin todo quedou en auga de castañas) (Neira Vilas)

Ser (coma) un axóuxere ‘moi ledo’ (Era leda coma un axóuxere) (Neira Vilas)

Chegar a un acordo (Despois de moito leirear, os tres irmáns chegaron a un acordo) (Neira Vilas)

Por adiantado (Axustou e cobrou por adiantado) (Neira Vilas)

Sentir a pura bágoa ‘intensamente, moi dentro’ (Desfíxose. Sentino a pura bágoa) (Neira Vilas)

Estar da banda de ‘ao seu favor, da súa parte’ (Tanto se falaba del, que estaba da súa banda unha chea de xente que endexamais o vira) (Neira Vilas)

A barullo ‘en abundancia’ (Houbo cuadas a barullo) (Neira Vilas)

Bico pechado ‘caladiño’ (E nós, calados. Bico pechado) (Neira Vilas)

Lamber o bico ‘deleitarse co gusto’ (Ulidos de tenda e de tixola que se lles meten no corpo e lles fan lamber o bico) (Neira Vilas)

Botarse de + SUBS/T. ‘facer ver que un é moi machote’ [neste caso concreto] (Todo para botarse de home, para que o visen) (Neira Vilas)

Botar por ela ‘desbordarse’ [pode referirirse a unha persoa e daquela significa esaxerar ou facerse un máis do que realmente é, de onde se deduce que a palabra botarate, botarata, como temos nós oído tamén, en feminino, emparenta co verbo de orixe xermano-galaica botar ] (Cando fuxe o verán, inda que non haxa enchenta, o río decote se arrumba e bota por ela) (Neira Vilas)

Dar no branco (Unha mañán, dempois de estar disparándolle ás gueivotas e ás caguamas, sin dar no branco, o condestable pousóu a pistola e Casteleiro colléuna) (Neira Vilas) (As caguamas, claro americanismo, figura no DRAE como de orixe caribeña, son un tipo de tartaruga)

Sen cabo ‘sen fin’ (Noite sen cabo) (Neira Vilas)

Choutar coma un cabuxo (Vou ledo, festeiro, choutando coma un cabuxo dunha beira noutra) (Neira Vilas) (En galego tamén dicimos ‘coma un corzo’; en cast. é común ‘como un gamo’)

Non haber outro camiño (Pero os armadores negáronse a todo. E a folga púxo se en marcha. Non había outro camiño) (Neira Vilas)

Acender unha candea a Deus e outra ao diaño ‘querer servir a intereses contrarios’ (Confidente dos armadores, dado a acenderlle unha candea a Deus e outra ó diaño) (Neira Vilas)

No carozo de ‘no corazón, no medio e medio’ (E el alí, no carozo daquel remuíño, soio coa noite e coa botella) (Neira Vilas)

Non ser do caso (Había moita vixilancia e non era do caso arriscarse) (Neira Vilas)

De certo (De aquí pódoche dicir que temos unha cóbrega na casa. ¡De certo!) (Neira Vilas) (Correspóndese esta unidade fraseolóxica coa castelá ¡De verdad!)

Dicir para o seu chaleco (“Cousas da América”, dixo para o seu chaleco) (Neira Vilas)

Estar de chos ‘de bo humor’ (Historias certas ou maxinadas (...) que te adicabas a contarnos algunhas veces, cando estabas de chos, dándolle moito solás a cada cousa e poñendo ese xeito persoal no dicir e no acenar) (Neira Vilas) (Probablemente de orixe expresiva, a palabra chos podería formarse por apócope da voz onomatopeica chascarraschás/chascorraschás, do son das cunchas das vieiras cando se facían chocar en foliadas e pandeiradas)

A chupe ‘en forma de pico’ (Comezaron a subir o monte. Era moi a chupe) (Neira Vilas) (A imaxe que vén á mente é dos famosos ‘pirulís’ de caramelo, que se chupaban e tiñan forma de pico)

Contar o conto ‘resultar ileso, saír con vida dun perigo’ (Bo foi que podo contar o conto. Pero inda me treman as pernas coma xostras cando penso no acontecido) (Neira Vilas) (A xostra é unha vara flexible coma un vime, con ela danse xostrazos; é moi posible que xostrazo sexa a base de derivación de xostra, con apócope; xostrazo déixase emparentar con lóstrego, lostregazo)

As cousas son así ‘a vida éche así’ (Pero, que se lle vai facer... Aturar e acabouse. As cousas son así) (Neira Vilas)

Erguerse das cuñas ‘alporizarse, enfurecerse’ (Erguínme das cuñas e boteime a el coma un cadelo) (Neira Vilas)

Ser cousa de ver ‘cousa bonita, digna de verse’ (Era cousa de ver. Un eito de homes, río abaixo, gurrando coa rede e cos peixes) (Neira Vilas)

A dentadas (Dispúxose a abrir o camiño a dentadas. Catro cans quedaron de seguida estarricados no chan) (Neira Vilas)

A valmontes ‘atravesando campos e montes, sen ir polos camiños’ (Acordamos liscar. Dito e feito. Fuximos a valmontes) (Neira Vilas)

(Caer) coma un palloco (A bicicleta quedou engarrada nas ponlas dun freixo, e eu batín coma un palloco no chan) (Neira Vilas)

Comer/manducar o pan que o demo amasou ‘sufrir penurias na vida’ (Cando un vai polo mundo ten que manducar o pan que o demo amasou e apandar co que caia) (Neira Vilas)

Nun saque ‘de golpe’ (Amiguiño: Voucho dicir nun saque: Tamboril ten moza) (Neira Vilas)


:::::::::::::::::::


Aquí é onde o deixamos por hoxe. Sirva, xa que logo, como pequena homenaxe ao pai de Balbino, o pai do primeiro grande best seller en idioma galego do século XX. Que a terra lle sexa leve!

Ningún comentario:

Publicar un comentario