domingo, 15 de novembro de 2015

LENDO A...



LENDO, UNHA VEZ MÁIS, A CERVANTES.


Hoxe o que nos pide o corazón é homenaxear o país veciño, a Francia, a dulce France, como di a Chanson de Roland nun verso –da versión do manuscrito de Oxford-  que recolle o derradeiro pensamento de Rolán.

E sempre que se poida, non é mala política obedecer o corazón (xa sabedes: o ideal é a relación harmónica coa lóxica, coa cabeza, coa mente). A forma de facelo que vos propoño é rastrexar a presenza da literatura francesa no libro de Cervantes, no Quijote, aproveitando que este ano está de aniversario a publicación da segunta parte (recordemos que fora en Madrid,  por Juan de la Cuesta –coma a primeira-, e precisamente no mes de novembro de 1615 se asina unha das aprobacións prescritas, o que significa que ata finais dese ano non debeu saír  á venda esa segunda parte). Así dun tiro matamos dous pombos, como di o proverbio galaico.

Neste traballiño lévanos pola man un sabio catalán dos máis grandes que houbo, o profesor Martín de Riquer, cuxos libros honran a biblioteca de calquera casa.

 (O prof. Martín de Riquer. Foto tomada da Internet)


A literatura francesa penetra na nosa península desde tempos inmemoriais: basicamente por tres vías. Unha, importantísima, o Camiño de Santiago ou Camiño francés (recordo perfectamente estarmos os catro da familia oíndo a un ilustrado parisino que nos contaba pé da torre de Saint Jacques no corazón da vella Lutecia, como de alí –e vindas de Alemaña e mais da Grande Bretaña- saían greas de seres humanos para peregrinaren a Compostela de Galicia); outra, non menos importante, os matrimonios que tanto unen aos pobos (casaban infantes con infantas, príncipes con princesas, raíñas con reis, e casaban xentes do común: unha servidora, sen ir máis lonxe,  ten tamén un apelido francés: o segundo da avoa paterna, Allut); e a terceira vía importante, a  influencia cultural depositada polas ordes relixiosas francas, como Cluny e Císter.


A PRESENZA DA LITERATURA FRANCESA NO QUIJOTE.


En primeiro lugar situamos a Dulcinea: don Quijote namora sen tela visto nunca. Funciona aquí o poderosísimo tópico do amor de lonxe ou amor de oídas (como o propio manchego afirma, sólo estoy enamorado de oídas... , na parte II, c. 9), ben documentado xa na poesía cortés provenzal (tanto en Guilhem de Peiteu, como e sobre todo, en  Jaufré Rudel, sublime poeta do XII).


Roldán: O duque bretón, sobriño de Carlomagno, é o protagonista do libro épico por excelencia da literatura francesa, La Chanson de Roland: a súa fama e popularidade traspasa rapidamente as fronteiras e os xéneros, entra a saco no romanceiro (En París está dona Alda,/ a esposa de don Roldán..., recitaban os nosos antergos) e dá lugar a novas marabillosas versións do Renacemento italiano (o Orlando furioso de Ludovico Ariosto, que tan ben coñece Miguel de Cervantes). En I, 1 aparece Roldán el encantado (vencido polo heroe fabuloso español Bernardo del Carpio); volve aparecer en I, 25, etc.


Os doce pares de Francia: Aparecen en boca de don Quijote cando di esas palabras esenciais: Yo sé quién soy...(I, 5). Están en letras de ouro gravados na Chanson, pero xa antes son citados na  chamada Nota Emilianense. No Poema de Fernán González (épica castelá) enuméranse estes: Roldán, Oliveros, Turpín, Ogier de Dinamarca, Baldovinos, Reinaldos de Montalbán, Terrín, Gualdabuey, Arnald, Angelero, Estolt e Salomón.



Reinaldos de Montalbán (I, 1): este heroe épico francés, Renaut de Montauban, é o protagonista dun cantar de xesta do s. XII. Vémolo frecuentemente en romances hispánicos.


Lanzarote: I, 1, presenza indirecta, cando recita os coñecidos versos don Quijote, Nunca fuera caballero/ de damas tan bien servido..., tendo en mente o autor o romance que remata como fuera Lanzarote/cuando de Bretaña vino. Lanzarote do Lago, pai de Galaaz, fillo adoptivo e esposo da dama do Lago, aparece documentado por vez primeira para a historia da Literatura Universal na obra do francés Chrétien de Troyes. 


A raíña Xenebra: I, 13. Aí alúdese aos amores de Lanzarote e a raíña Xenebra, amores que se narran por vez primeira na novela en verso Li chevaliers de la charrete  de Chrétien de Troyes, na segunda metade do XII. Tamén se documenta noutra súa novela (Li chevaliers au lion) por primeira vez no que sabemos a crenza xermana segundo a cal as feridas do asasinado deitan sangue en presenza do asasino (en I, 14).


Valdovinos e o Marqués de Mantua (I, 5): Daquela eran famosísimos personaxes do romanceiro; derivan da versión hispánica da lenda francesa de Ogier li Danois (Valdovinos ou Baldovinos é o persoeiro épico galo Baudouin –observade a semellanza da raíz co antropónimo bretón Baudica ou co galego Boudín-, e o marqués de Mantua é o propio Ogier o danés, chamado entre nós Urgel ou Urgero en castelán, e Oxeiros na versión ao galego do tristemente falecido profesor Flores).


Fierabrás: Dá nome ao famoso bálsamo milagreiro (I, 17). Aquí Cervantes parodia un motivo frecuente nos libros de cabalarías. O cantar de xesta francés Fierabrás dátase cara a 1170.



A penitencia de don Quijote en Sierra Morena (I, 25): Aínda que o modelo próximo en que bebe Cervantes é o libro de Amadís, non podemos esquecer que  este ‘modus operandi’ do cabaleiro queda descrito na novela xa citada Li chevaliers au lion (é Yvain o que pena na fraga durante longo tempo), e esa é unha das primeiras aparicións literarias.




A volta de don Quijote á aldea na carreta (I, 47): É a opinión de Riquer que Cervantes puido ter en mente o capítulo correspondente da novela Li chevaliers de la charrete, cando Lancelot sofre a infamante proba de ser conducido por un anano nunha carreta.

(Queda para a próxima semana o escrutinio da segunda parte, onde se falará do encantador Merlín).


Ningún comentario:

Publicar un comentario