luns, 9 de marzo de 2015

VISITANDO



VISITANDO O COLEXIO LABACA


Os cazatesouros visitamos o colexio Labaca. Algúns destes alumnos do Club de Lectura estudaron nesa escola a etapa primaria, previa á estadía no noso Instituto. O fundador foi Ricardo Labaca , un filántropo coruñés, xunto coa súa irmá Ángela; relembrade por favor o significado da palabra, de filein ‘amar’ e ántropos ‘home’, e situade a estes seres humanos á par doutros coruñeses ilustres como Teresa Herrera ou Eusebio da Guarda.

 (As baldosas hidráulicas son as orixinais. Foto de Charo Soto)


En canto ao arquitecto do edificio Labaca, Leoncio Bescansa Casares, outro coruñés culto, viaxeiro, amigo de estudar ben a importancia da luz e da hixiene para facilitar a vida dos rapaces tantas horas metidos nun mesmo lugar, deixádeme que vos diga que fixo o bacharelato  no Instituto ‘Eusebio da Guarda’ .

 (Parte dos "cazateouros" na biblioteca das Escolas Labaca)

Recíbenos o director, Andrés Soto Domínguez e mais a Xefa de Estudos, Rosa Velasco González. Andrés, unha vez instalados os cazatesouros na biblioteca actual (aula noutrora), diríxenos a palabra e explícanos un pouco as ideas que animaron e conformaron o pensamento e as bases destas Escolas Labaca (no inicio chamadas ‘Escolas do Ave María’). Hai un bo resumo de tales ideas no artigo que o señor Soto publicou na revista Eduga: “Centenario das Escolas Labaca” (tédelo dispoñible na rede: http://www.edu.xunta.es/eduga/694/que/centenario-das-escolas-labaca).

Fixástevos que na entrada hai dúas portas? Agora só entramos e saímos por unha, pero antigamente, por unha delas entraban os nenos e por outra as nenas, e logo dentro ían a aulas distintas (...). Agora esta rúa [Juan Flórez] está chea de casas e edificios altos, pero cando se construíu esta escola apenas había construcións, logo foron facéndose casas-chalé, como esa que queda na esquina [da rúa Ferrol], imaxinade como sería esta zona da Coruña no ano 1915, cando se inaugura o colexio...

 (As pizarras son as orixinais. Andrés, o director, amósanos como soben e baixan)

Logo facemos unha visita ás instalacións. Rosa Velasco -unha persoa chea de enerxía e entusiasmo, nótase moitísimo que ama o seu traballo..., eu ao oíla non podo evitar pensar que se todos os profesionais do ensino tivésemos a metade de fe e confianza no que facemos, outro galo nos cantara a todos...- percorre logo connosco o centro mentres nos conta como fixeron aquela fermosa cortina [con botellas de plástico recicladas, recortadas formando ondas en espiral, con flores de papel cortadas a man polos alumnos, unha cortina que se reformula de acordo coas estacións do ano, ora son flores, ora follas de outono...], ou como teñen pensado amañar os espléndidos mapas no pavimento do patio, mapas do mundo en relevo, aquí, ves?, botámoslle auga e xa temos ben delimitados os océanos que bañan os continentes...

Ao final da nosa visita espéranos a torre. Nese espazo, nesa terraza sobre a rúa Juan Flórez, hai unha especie de varanda na que puxeron macetas con plantas que os propios rapaces –sempre acompañados de adultos- axudan a coidar. Soben os cazatesouros, tres a tres, polas estreitas escaleiras, á torre. Torre calada coma un encaixe de Camariñas. Este día, no ciclo de conferencias que organizou a Dirección do colexio para celebrar o centenario da súa fundación, falou da arquitectura singular do mesmo, e mais do arquitecto Bescansa, o señor Fernando Agrasar Quiroga, e unha das cousas que dixo foi precisamente esa, que el subira á torre en agulla [cando eu era nena inda estaba en pé a outra torre en agulla de Bescansa, a da igrexa dos xesuítas da rúa Juana de Vega], e que lle resultara unha experiencia privilexiada.

 (Pintura, con valor didáctico, conservada desde hai cen anos)

Todos os nosos alumnos querían subir, levounos un tempo, e malia as arañeiras, aínda que ben acompañados polo arrolo das pombas, todos saíron contentos. Agora, profe, tiñas que levarnos a tomar un chocolate con churros. Estes rapaces si que saben pedir. A final de curso farémolo.
(Mª Rosario Soto Arias, membro do Club de Lectura do IES 'Eusebio da Guarda').

(As plantas -hai moitas máis- que coidan entre todos)

 (A torre calada, obra de Bescansa Casares, como todo o edificio orixinal. Foto tomada do artigo de Andrés Soto en 'Eduga')

Ningún comentario:

Publicar un comentario