luns, 2 de marzo de 2015

CLUB DE LECTURA



II MARATÓN SOLIDARIO DE LECTURA “ROSALÍA DE CASTRO”

LUNS 23 DE FEBREIRO DE 2015

         Con moita ilusión comezamos este segundo maratón o derradeiro luns 23 de febreiro ás 8:30 da mañá. Conservamos o nome de “Rosalía de Castro” porque naceu o ano pasado nun 24 de febreiro como a nosa eximia escritora, pero este ano tivemos que adiantalo un día porque o luns é a única xornada lectiva na que conviven a ESO, o Bacharelato, os de diúrno e tódolos alumnos de nocturno: ESA, Bacharelato, Ciclos Formativos e PCPI.

         Comezou o profesor de Inglés Carlos Vázquez Furelos cos seus alumnos, na lingua da Súa Graciosa Maxestade, por suposto lendo varios poemas rosalianos.
         Seguiron alumnos de bacharelato lendo en galego con Beni Vidal Tomé, entre todoos fixeron fermosas lecturas corais, declamando tamén a propia Beni. Xulio Cuba e Pepe Mondelo levaron igualmenter os seus alumnos que leron e cantaron con paixón; cómpre suliñar o feito de que os alumnos de Pepe recitaron poemas e contaron contos de memoria (“Os tres pelos do demo”, por exemplo, nun estupendo exercicio de participación colectiva).

         Xulio deleitounos cunha declamación perfecta do poema “Dos finos burgueses”  de Manuel María.
         Houbo máis profesores que se achegaron para ler eles sós como Mario Simón e Juan Carlos Méndez Ávila, que leu en Francés; Carmen Aquino e Charo Soto, a nosa vicedirectora, que entre outras moitas lecturas entretivéronos coa “Illa do tesouro”; Emilio Insua leu a Catulo, en Latín, por suposto e mais a primeira páxina do Quijote tamén en Latín. A profesora de Francés Chus Quintáns veu asi mesmo cuns alumnos pra ler “O principiño”.
A profesora Susana Piensos achegouse cos alumnos de 3º V, traían na man listos para a lectura, poemas da afamada poeta brasileira Cecília Meireles.
         Dúas profesoras de Lingua Castelá, Alba Lorenzo e Ana Rey viñeron cos seus alumnos que leron contos clásicos do Infante Don Juan Manuel e do conde Lucanor;  contribuíndo tamén na nosa solidaria tarefa metendo na furna as súas contribucións solidarias; bravo por todos eles!

                  A profesora de Inglés Mar Sendino achegouse despois cos seus alumnos de primeiro que leron cun acento verdadeiramente bo, para seren tan cativos.
A nosa directora, Isabel Ruso de Lago, leu tamén e estivo connosco na hora do xantar, non paramos nin un minuto: comimos no Salón de Actos uns bocatas e por quendas a ler. Eu traballara cos meus alumnos de Ciclos na clase o libro de Joël Dicker “La vérité sur l´affaire Harry Québert” e alterneina con anacos da “Illa do tesouro”.

É verdadeiramente subliñable o esforzo empregado pola profesora de Lingua Castelá Luisa Varela quen levou a tódolos seus alumnos de 1º e 2º de Bacharelato Vespertino e que recitaron, os máis, de memoria poemas de Antonio Machado; e coma unha soa alma botaron na furna adicada á Cociña Económica os seus cartiños. Grande exemplo pra todos! 

De seguido viñeron os meus alumnos de 2º de Guías, lendo a citada obra de Dicker. Chapeau por eles!
O pai de Georgia,  alumna de 2º de Bacharelato Vespertino, Recitou un poema composto por el mesmo e Georgia adicounos uns momentos musicais inesquencibles tocando ao chelo a composición de Pau Casals “El cant dels ocells” cunha sensibilidade exquisita.
Viñeron a continuación os meus alumnos de 2º de Axencias lendo con mestría en Francés, bravo pour eux!
E rematou a festa da lectura solidaria con alumnos da ESA lendo “El mundo de Sofía” e os alumnos de Xoán Vila, profesor de Inglés, lendo ao igual co seu profesor na lingua de Shakespeare.
Eu quixen rematar ca lectura do “Principiño”, en concreto o capítulo do raposo, no cal tanto se fala da amizade.
Cando abrimos a furna e contamos o recadado o reloxio estaba moi perto das once da noite. Obxectivo cumprido! Grazas a todos por participar!
                                      María José Martínez Girón (Coordinadora do Club de Lectura do IES Plurilingüe 'Eusebio da Guarda')







Ningún comentario:

Publicar un comentario