martes, 29 de abril de 2014

Visita ao Arquivo da Catedral de Santiago


Unha visita que se fixo desexar. Primeiro había ser en febreiro, pero houbo que anulala por ameaza de temporal (cicloxénese número...); logo en marzo, esta vez anulámola por falta de quórum (exames). Finalmente, abril. E de doce cazatesouros que ían ir só foron sete: Ana, Carolina, Julia, Paula, Andrés, Juan Andrés e Mario.

Recíbenos Arturo. A entrada ten verxas, escaleiras medievais, esixe silencio cando pisamos a catedral. Empezamos pola zona de traballo. Hai dous licenciados en historia con cadanseu ordenador. División árida en zonas, que vos aforro. Di Arturo que o núcleo duro é a parte que se ve na visita ao Museo Xeral, pertencente á primitiva Biblioteca da Catedral. Nas primeiras salas xa vemos unha chea de libros forrados en vello pergameo. Julia experimenta unha fascinación por esa carísima pel, imaxinamos logo cantos becerriños habería que sacrificar... Dous libros que podo ver de cerca (imos a fume de carozo relativo, e inda así Arturo demora connosco máis do que fai normalmente, entre outras razóns porque o aburamos a preguntas) levan escrito no lombo: “Ramo da Inquisición” e as datas: 1561.1891 e 1561-1655. Libros por onde queira. Bibliotecas completas dentro da Biblioteca. Outro Aleph. Sinala Arturo un lugar no espazo: é a biblioteca xacobea (relatos de peregrinos, relatos de milagres, cartas, actas e relatorios de congresos sobre o tema, etc.). Nova sala, de catalogación arquivística (sería feliz traballando aquí?, pensamento inevitable), esta volta son Protocolos Notariais, por alí pasaron toda clase de cuestións tocantes a preitos, dereitos e escrituras de propiedade, de xente e xente que viviu en Santiago e na terra de Santiago. A catedral era o corazón dun auténtico reino, do ceo e mais da terra. Todo ía parar alí. Mágoa dos guionistas, produtores, directores galegos, que bo Xogo de tronos se faría sobre a catedral, os bispos de báculo e bésta, como di o refrán antigo, de Xelmírez brillando nos tellados fuxindo da ira do pobo, da raíña Urraca en xenial coro con el. Etc. Dinos o xentil (e paciente) Arturo que hai documentos desde o XIV. A que non sabedes o que lle pregunto aí? Respóndeme que en galego hai pouco, case todo en latín ou xa a partir do XV en castelán. Replícolle que ata 1530, aprox., hai documentación en galego. Entón menta a Crónica de don Servando, en galego, do século XVII. Soábame lixeiramente, pero logo a posteriori documéntome e dígovos que esa é outra historia estupendísima, digna dun capítulo á parte. Cambio de escenario. Departamento de galego esta mañá.

-Veña, dicídeme, que foi o que máis vos gustou?
-Os libros.
-Vale, si. Pero en concreto?
-En concreto a Julia gustábanlle os pergamiños.
-É verdade.
-Xa o creo, acariñaba neles coma se fosen…
-Ai, si, profe!, eran preciosos, e tan suaves…
-Iso parécese moito ao fetichismo. Ben, e que máis? Algo que realmente vos impresionara?
-O pasadizo secreto –fala Mario.
-Claro! Incluso a min… (abríase de maneira misteriosa e inesperada unha ampla e fermosa mesa de madeira, onde Arturo tiña colocado un facsímil marabilloso, e aparecían aquelas escaleiras…). A onde conducía? (un pensa nese mito galego do subterráneo que leva á trabe de ouro ou á da alcatrán).
-Á sala de música (varias voces ao unísono)!
-Sala de música, sala de música (indico desacordo).
-Había tres contrabaixos.
-Dous!
-Catro!
-Dá igual, eu só me fixei nun, un exemplar magnífico. E que máis había nesa sala?
-Uns libros enormes.
-Que se chamaban?
Míranse. Esa memoria… Chamábanse Cantorais. Había tamén caixas, libros de órgano. Os cantorais colocábanse en facistois.
-Libros de música. Tiñan a letra grande porque eran para ser lida por toda a orquestra.
-Orquestra non é o nome. Capela catedralicia ou…
-Ou coro –puntualiza Andrés.
-E outra cousa que vos chamase especialmente a atención?
-Os documentos con sinais e que tiñan un metal (son varios a falar, Paula, Juan…)
-Un metal? Ah, o chumbo. O chumbo no selo colgante (case todas bulas pontificias, tamén privilexios reais; o 98% en pergameo, iso si que o recordaban, dixo Arturo que ata 1922 se usou o pergameu).
-E o plano, o debuxo! (son todos a querer falar).
-Cal? (e eu a desmemoriada)
-Aquel da fachada da catedral que se gardaba no moble de caixóns, onde había documentos en plásticos…
-Ah, a fachada anterior ao obradoiro, medieval…
-Non (corríxeme Ana), do XVI.
Logo reviso a miña libretiña. Eu apuntei do XVII, un plano-debuxo do cóengo José Vega y Verdugo, vese unha fachada renacentista, con traza dabondo medieval, de fortaleza; coméntaralle a Arturo que nunca vira ese debuxo e respondeume, é máis coñecido có tebeo, digo en voz alta agora, aos cazatesouros:
-“Moi coñecido”, dicía Arturo, na súa casa á hora de comer… (para os estudosos do tema, claro). Pasemos páxina. Algo máis ou cerramos?
-Aquela mensaxe en latín -Ana.
-É certo. Quixera tela traducida.
-Teño eu unha foto.
-Pois a ver se ma pasas e pedímoslle ao profesor de latín que nola traduza (é unha loanza, colocada no lintel dunha porta, ao arquiveiro, historiador e novelista Antonio López Ferreiro). Pero hai outra cousa na que vos parastes. Un cadro partido pola metade…
-Ai si! Non é que estivese roto, explicounos que non había táboas, cortes de árbores,  tan grandes e tiveron que xuntar dous…
-Todo estaba labrado en madeira, pintada. Quen era o personaxe central?
-Santiago!
-Santiago matamouros. Así dicían que se aparecera na batalla de?
Esa fraca memoria, novamente.
-Na batalla de Clavijo, pero non ten mérito lembralo, eu estudeino de nena. E o rei que comandaba esa batalla? Arturo dixo o seu nome.
Pensan coma tolos. Son cerebros en ebulición.
-Ramiro? (Andrés, de feliz retentiva)
-Iso é. Ramiro I (dubido un intre, primeiro ou segundo?).
(Cando chegamos a casa, dime o meu home: os rioxanos non estarían de acordo, eles cultivaron a lenda de que Santiago chegara tarde á batalla e de que o mérito da victoria había que darllo a san Millán, o voto eran cartos…). Rapaces, mágoa de fotos que non nos deixaron facer. Pero nesa do claustro estamos todos moi guapos. Vouna subir ao blog. E aquelas das ventás?
Julia protesta da calidade da foto súa:
-Aí estou fatal, ta movida.
-E ti, Carolina? Que foi o que che gustou máis?
-O da letra carolina.
-Como? –pregúntanlle.
-Si, a letra, a caligrafía, chamoulle así Arturo.
Sorrimos. Un bonito adxectivo. ‘Carolina’ é sinónimo de ‘carolinxia’, por Carlomagno. Anterior á gótica e posterior a visigótica. O mundo das palabras. O mundo dos libros. O noso mundo. 
Deixo sen comentario as marabillas do Tumbo A, en edición facsimilar, desde logo. Seleccionaría a pintura das dúas infantas, as fillas de Veremundo, dona Sancha e dona Tarasia. As rapazas (Paula e Julia) preguntan canto pode valer un libro así. Antes uns 6000 euros, agora coa crise baixaron
Dicía Arturo, a posición deste arquivo en España? Supoño que detrás do de Toledo e Sevilla. En Galicia, o primeiro. Ou entre os primeiros (en antigüidade, desde logo… conservan documentos do XI, poucos pero haber hainos).

Mágoa de fotos. Sen flash debían permitilas. Non pechamos capítulo sen agradecerlle a Arturo Iglesias a súa santa paciencia para connosco.
(composición das fotos: Mario S. García)


xoves, 24 de abril de 2014

Lendo a... Alejandro Dumas

LENDO A ……..  ALEJANDRO DUMAS
UNHA FLOR, UNHA OBRA LITERARIA
A CAMELIA, A DAMA DAS CAMELIAS

O botánico xesuíta J.G. Kamel  foi o primeiro que trouxo a Europa desde Filipinas, no século XVIII, uns exemplares dunha flor delicada e sen aroma que medraba en distintas zonas de Asia. Pouco tempo despois, Charles Linneo bautizou a planta co nome de camelia, en honor ao relixioso que a descubriu para o vello continente, onde axiña se converteu nun signo distintivo de clase.

A beleza desta especie, de pétalos fráxiles e sedosos, cativou as clases altas europeas por ser tan perfecta coma as rosas, pero aínda máis delicada e de vida breve cando xa está cortada da árbore. A cantidade de variedades que existen e a súa floración no inverno, fíxoa a raíña dos xardíns das grandes casas nobiliarias. No século XIX, as camelias foron símbolo de elegancia e refinamento, e tamén de estatus económico.

En 1848 Alejandro Dumas fillo publicou A dama das camelias, a historia de Margarita Gautier, una cortesá parisina que prendía no seu vestido un ramo de camelias, brancas case sempre, vermellas durante cinco días ao mes, posiblemente para avisar aos seus pretendentes de que non estaba dispoñible nesas xornadas. Os retratos da época amosan como se usaban de adorno no cabelo, no corpiño, nos ombreiros ou no peito. Os adornos con camelias tiñan outra avantaxe para as damas, ao tratarse dunha flor sen aroma, podían usala sen que interferise nos penetrantes perfumes tan do gusto do momento.


Catro séculos despois, as camelias seguen espertando curiosidade e admiración. En Galicia existe una “Ruta da camelia”, un circuíto de xardíns vencellados á cultura da camelia, de grande interese turístico, histórico e artístico, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e dedicación onde é a protagonista, como son: Pazo de Lourizán (Pontevedra), Pazo da Saleta (Meis), Pazo de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), Casa-Museo de Rosalía de Castro (Padrón), Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) e Pazo de Mariñán (Bergondo), por citar algúns dos máis destacados onde cada ano florecen uns cinco mil exemplares de máis de mil cincocentas variedades de diferentes especies.

Galicia é un verdadeiro paraíso para a camelia, xa que a súa terra propicia o seu crecemento lento e as súas follas duras e brillantes dese verde intenso, co que permanecen intactas no outono e no inverno. A floración de xaneiro a abril é una ledicia e non o é menos contemplar o chan cando cae a flor e forma esas fermosas alfombras de color vermello, rosa , branco...

Ao falar da camelia non podemos esquecer a quen a fixo célebre no mundo da moda ao ser utilizada como broche, Coco Chanel, que a tomou como sinal de identidade da marca Chanel, querendo así inmortalizar a flor que o seu namorado lle regalaba ata que un accidente de coche acabou prematuramente coa súa vida.

Benigna Vidal Tomé, Profesora de Lingua e Literatura Galegas

mércores, 23 de abril de 2014

LENDO A CERVANTES

NA COVA DE MONTESINOS.
Hoxe celebramos o Día do libro. Coincide (o número do día e mais o mes) coa data da morte de Miguel de Cervantes Saavedra. Quixera que baixarades connosco á Cova de Montesinos. Está esa pasaxe na segunda parte do Quijote, e na xeografía manchega, a cova está no Parque Nacional das Lagoas de Ruidera. Debería buscar os nomes das fillas da dona Ruidera, tróuxenos apuntados da viaxe á Ruta do Quijote deste ano. Logo procurarei atopalos. O caso é que, como vos dicía, alí teñen lugar cousas fascinantes: por exemplo, vemos o corazón embalsamado que o amante de Belerma quere facerlle chegar. Ese costume debía ser relativamente frecuente, porque no que eu sei, dona Xenebra tamén deixa dito que cando ela morra que llo quiten e llo leven –supoñemos que igualmente embalsamado- a Lanzarote (iso está escrito, salvo erro da miña memoria, no fragmento conservado en galego-portugués do Livro de Tristán), e tamén sabemos que, moito máis tarde no tempo, a dama coruñesa Xoana de Vega fixo o propio co seu corazón, procurou que o levasen xunta os restos do seu amado Espoz y Mina.

http://www.spaincenter.org/turismo/ciudad-real/fotos/r-cueva-montesinos-1.jpg
Porén, se hai algo que me fascina e enche a mente de curiosidade é a pregunta seguinte: para que necesitaría Dulcinea os seis reás? Seis. Esa é a cantidade xusta que as súas doncelas lle demandan a Don Quijote alí, nunha das salas do pazo encantado dentro da Cova de Montesinos. Hai tempo que me pregunto iso. Como comprenderedes, pedín axuda aos sabios do país. A algúns, claro. Non podes preguntarlles a todos. Empecei polo que teño na casa, bo lector cervantino. Díxome: Eu penso que a don Quijote o traizoa o subconsciente, no fondo debeu pensar nun intre que ela é realmente unha aldeá, con necesidades para superar o día a día…
Unha resposta non carente de contido freudiano. Incluso é probable que se acheque moito á verdade, se iso ten sentido aquí. Pero non me di que fai cos seis reás Dulcinea. A segunda persoa á que preguntei é o meu colega de traballo e grande coñecedor do libro de libros en lingua española, o profesor J. L. Gundín. Foi cauto, ficou pensativo, lembro ben que estabamos na porta da sala de profesores,  e non ocultou que a cuestión tiña o seu aquel.  Contestoume: Esa pregunta faime pensar de novo que o que se formula no libro non é tanto un enfrontamento entre “realistas” e “idealistas”, como di a crítica, como un entre “altruístas” (D. Quijote) e “egoístas” (Sancho) máis ou menos maquiavélicos … (efectivamente, don Quijote non dubida da necesidade real do seu próximo, dálle ás doncelas sen pensalo todo o que ten, catro reás). O pequeno discurso do meu prezado colega entra de cheo no humanismo. A súa beleza é innegable. Mais sigo sen saber o que quero. No departamento de galego, á hora da xuntanza do Club de Lectura dos venres, interrogo a miña querida Julia Pedrido. Ri francamente. Encántalle a pregunta, o enfoque. Recórdalle moito aquilo de Nabokov, que ten dentro do bolso Ana Karenina?
Pero non ousa seguir curioseando no fondo sen fondo do pensamento do autor. Vale igual a pena por sentila rir tan feliz.
Entón vexo clara a luz polo camiño que conduce aos sabios. Se Martín de Riquer estivese vivo, con el procuraría comunicarme. Deus o descanse! Sen Riquer no panteón dos grandes cervantistas, debo acudir ao profesor Francisco Rico, cuxos escritos tantas veces estudamos os da miña xeración primeiro no –daquela- Colexio Universitario da Coruña e despois, na Facultade de Filoloxía en Mazarelos. Atendeume desde a súa casa en Barcelona. Unha xentileza impagable a súa. Llámeme y hablaremos de esos seis reales, dixo. E falou. Velaquí a súa tese ao respecto: Bien. Yo creo que esa salida por parte de Cervantes es una gracia, una especie de chascarrillo: es como quitar del plano de la fantasía al personaje, la obra entera si se prefiere, y reducirla al terreno del más puro prosaísmo.  Aunque el para qué de los seis reales, admitámoslo, no lo sabemos, no lo sabremos nunca. El propio Cervantes no sabía, no lo llegó ni siquiera a pensar, para qué esos seis reales. No hay que darle ningún sentido especial. Pero es un recurso muy cervantino: hacer de ella un ser de tierra. Es como el yelmo de Mambrino, como las bellotas que Teresa Panza le envía a la duquesa (en la carta que le escribe), una salida fuera de tono. Relea usted mi prólogo a la edición de Alfaguara del Quijote. Ahí trazo claramente cuál es el núcleo de la obra. No es una novela realista. Aunque el contexto lo sea. El libro es un conjunto de disparates. Alguien dijo que era “un libro escrito con los pies”… Insisto, por hacer una gracia nuestro autor es capaz de escribir cualquier cosa.
Preguntoume o ilustre profesor que me parecía a súa interpretación. Eu díxenlle que me parecía correcta, verosímil (e canto máis reflexiono sobre as palabras do sabio académico, máis me inclino a pensar canta verdade debe haber nelas, quero dicir que si é probable que Cervantes, autor e home de carne perecedeira, nunca chegase a ter in mente en que puido gastar ela os seis reás), e moi ben expresado todo. E o señor Rico respondeume daquela: Siga usted buscando.
Apreciaredes comigo a intelixencia desta última observación. Deixa aberta a porta da polisemia, da infinita capacidade de recrear sentidos da obra literaria superior, a de Cervantes neste caso. Así, podemos continuar elucubrando, se non sobre gastos concretos, afáns miúdos ou graves, si sobre a existencia dunha muller, Dulcinea, da que sabemos pouco realmente, pero si que existe (eppur si muove). Agradezamos unha vez máis ao profesor Rico a súa bondade ao compartir connosco o seu tempo. E non creades –dígovolo a vós, alumnos de segundo de bacharelato; varios me dixestes que non coñecedes o capítulo da cova de Montesinos porque non chegastes á segunda parte- que a primeira parte é suficiente para coñecer a personalidade dos protagonistas do Quijote. Lede tamén a segunda, por favor.

domingo, 20 de abril de 2014

BUSCANDO PALABRAS (II)


(foto de Daniel Mordzinski)

Xa saberedes que nos deixou o egrexio escritor colombiano e universal, Gabriel García Márquez. Podemos dicir, retomando a frase que se le na epigrafía romano-lucense e galaica, que a terra lle sexa leve!
O seu pasamento tivo lugar un xoves luminoso (dío o refrán popular: Tres xoves hai no ano que rebrillan (ou relumbran) máis có sol: Xoves Santo, Corpus Cristi, e o día da Ascensión) e sagrado. A universalidade de García Márquez, o seu espírito libre e recto, apaixonado e amantísimo, fíxo que se comunicase felizmente con lectores de todos os puntos do planeta. Son homes coma el os que, en boa medida, tamén nos redimen , e nos fan sentirnos benaventurados por pertencer á especie humana.
Inevitable nos resulta relembrar esa raíz galega, unha das avoas,  que o une a nós; unha pequena –talvez- raíz que honra a Galicia e que o eximio escritor gustaba de mentar, porque o seu sentido da familia era poderoso e omnipresente. Non debemos, como galegos, tampouco esquecer a importancia que nesta historia vital cobra o editor corcubionense de nacemento, Porrúa, cuxa visión certeira levouno a publicar raudo a obra garciamarqueciana Cien años de soledad (tendes máis datos no artigo “Francisco Porrúa: as raíces galegas dun editor universal”, publicado polo profesor Xosé Pérez Mondelo na revista do Instituto, Alén da chuvia, nº 5, de libre acceso na páxina web do centro).
A nosa mínima homenaxe desde estas páxinas a Gabriel García Márquez terá como núcleo algunhas das súas palabras escritas, presentes aquí e acolá nos seus libros e artigos. Palabras organizadas en frases. El mesmo, sen pensalo nin buscalo, deixoulle á historia da fraseoloxía unha unidade fraseolóxica xa mítica: crónica dunha morte anunciada. De ser título dunha obra literaria, pasou xa a ser unha frase do idioma, un lugar común, un modismo. Se abrimos o CREA, vemos –salvo erro noso- documentada a Unidade Fraseolóxica (formulable así: Crónica de + FRASE NOMINAL + anunciada/anunciado, onde a casa-frase nominal normalmente está ocupada ou ben por morte, ou ben  por un substantivo sinónimo parcial de morte, por exemplo: crónica de una catástrofe/derrota/dimisión/guerra… anunciada; aínda que pode haber variantes que inclúen o adxectivo, como crónica de un viaje abortado) en 24 ocasións.
Nós mesmas, Carme López Taboada e unha servidora, na elaboración –en curso- dun novo dicionario fraseolóxico bilingüe galego-castelán/castelán-galego, integramos varias frases do español común, do español  de Colombia, ou do español de  América,  presentes na obra de García Márquez; algunhas só as enunciamos, outras van acompañadas dun pequeno texto seu. Aquí as tendes. Esperemos sempre que vos animedes a (re)ler os seus libros.

Acto de servicio (Los proclamaba mártires caídos en acto de servicio y los enterraba con funerales magníficos) (García Márquez)
Al amparo de (Había visto la codicia en la adulación y el servilismo matrero entre quienes medraban al amparo del poder) (García Márquez)
Esconder bien los años (García Márquez) (en galego: Levar ben os anos)
Calma chicha (Permaneció en éxtasis durante las muchas horas vacías de las calmas chichas del poder) (García Márquez) (en gal.: Calma branca/podre)
Cuentos de caminos (García Márquez) (en galego: Contos de vellas;  Contos que van para a feira/misa; Cousas que van para a misa e non volven; en cast.: Cuento chino;  Cuentos de vieja)
El cuento del gallo capón (García Márquez) (en galego: O conto de Xan das Fabas, que nunca acaba; en español: El cuento de la buena pipa)
Romper el cuero (Nosotros nos rompimos el cuero para salvar la república) (García Márquez) (en gal.: Deixar a pelella/o pelello/o coiro)
Dios verá (G. García Márquez) (en gal.: Mañá, dixo Deus o que sería;
(Xa) Deus dirá)
Al cantar el gallo (Se despidió al cantar el gallo) (García Márquez) (en gal.: Cantar o(s) galo(s) para o día; Antes de cantar o galo)
Mamar gallo (García Márquez) (en gal.: Comer a boroa; Tomarlle o pelo)
Habladas de borracho (García Márquez) (en gal.: Contos que van para a feira;
(Sonche) contos; Falar por falar)
Tener hígados (Si usted no tiene hígados para verle la cara a la verdad aquí tiene su oro y tan amigos como siempre) (García Márquez) (en gal.: Ser de fígados; Ter cácago/fígado/bos fígados/peito; Ter fígado e pulmóns)
Jugárselas todas (García Márquez) (en gal: Xogar o pan/o pelello/o  todo polo todo; en cast.: Jugarse el todo por el todo)
La mano que le da de comer (Acaban tarde o temprano por escupir la mano que les daba de comer) (García Márquez) (en gal.: A man que lle dá de comer/que lle dá o pan)
Poder cogerse con las manos (Le profesaban una devoción terrestre que se podía coger con las manos) (G. García Márquez) (en gal.: Poder collerse coas mans)
vulg. A toda mierda (García Márquez)  (en gal.: A fume de biqueira/carozo/de pallas;
A lume de pallas; en cast.: vulg. Cagando leches )
A pedazos (Irrumpieron en la oficina con la novedad terrible de que a Leticia Nazareno y al niño los habían descuartizado y se los habían comido a pedazos los perros) (García Márquez) (en gal.: Aos bocadosA pedazos; Ás (a)dentadas)
Los tiempos del cometa (A los cuales no asistía desde  los tiempos del cometa) (G. García Márquez) (en gal.: O tempo das meigas/de Adán/en que os animais falaban; en cast.: El tiempo/los tiempos de Maricastaña)
Hacer trizas (Qué carajo, se dijo, haciendo trizas la tira de papel) (García Márquez) (en gal.: Facer anacos)

Las verdes y  las maduras (G. García Márquez) (en gal.: As verdes e as maduras)

martes, 15 de abril de 2014

OS OUTROS BLOGS: Galego en Londres


Escríbeme Federico Mosquera desde Londres –Federico é ex alumno do noso Instituto, boa xente, grande artista, compositor, pianista no camiño da fama…- e dime que tivo a sorte de relacionarse na vella Londinium cun galego que fai moitísimo por difundir nesa metrópole a nosa cultura. Creo que paga a pena vixotar (como din en Corme, ‘botar unha ollada’) nese blog. Aquí volo deixo. E felices vacacións de Pascua florida!


Galego en Londres: http://galegoenlondres.blogspot.co.uk/

martes, 8 de abril de 2014

Os nosos poetas: Clara Rodríguez González

Despierto cada día sin consuelo
espero solamente su llegada
sintiendo mi alma triste y ya cansada
pero ella nunca llega y yo la anhleo.
Sin verla aquí a mi lado me desvelo
Su olor, su luz, su risa, su mirada,
calmaba mi pasión desenfrenada
ahora convertida en este duelo.
Malgasté tantas horas en amarla
que ahora solo vivo este tormento
y mi único deseo es alejarla.
Intenté todo el tiempo olvidarla,
para así silenciar este lamento
y mi herida al final poder curarla
Clara Rodríguez González
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

Biografía lectora: José Luis Gundín Vázquez

  1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
R: Penso que O porco de pé, de Risco. Tiña un profesor no instituto que aseguraba que o monólogo interior chegou antes á literatura galega que á española.
  1. E en castelán?
R: La isla del tesoro, de Stevenson.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida.
R: Tiempo de silencio de Luis Martín Santos. Ós meus dezasete anos era algo máis semellante a un enigma que a una novela. Estivemos dous meses na clase de literatura, en COU, aclarando ó texto, coido que con certo éxito.
  1. Que libro che prestaría ler agora en galego?
R: Un panorama da literatura galega dos últimos quince ou vinte anos.
  1. E en castelán?
R: Teño gañas de ler Las siete columnas, de Fernández Flórez. Últimamente dame por ler literatura de humor.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler a xente nova?
R: Vida de los doce césares, de Suetonio. É un libro que entretén.
  1. Algún título para agasallar?
R: Metamorfosis, de Ovidio Nasón.
  1. Que libro tes enriba da mesiña de noite?
R: El Quijote y su laberinto vital, do psiquiatra Francisco Alonso e Gramática da Real Academia Española.
  1. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
R: Tamén hai dous: Narciso, de Sánchez Espeso y Jusep Torres Campalans, de Max Aub. Non sei que pasa que non podo pasar da terceira páxina.
  1. Houbo algún texto ou autor que che quedasen na memoria para sempre?
Varios, pero non por criterios estéticos senon vivenciáis. Por exemplo, o soneto “En fin, en fin, tras tanto andar muriendo” de Francisco de Aldana tivo moita culpa de que aprobase ás oposición á Ensino Medio. Non lle vou ter cariño!.
José Luis Gundín Vázquez
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)