martes, 17 de decembro de 2013

Temas e motivos II


TEMAS E MOTIVOS (2ª entrega)

 

Outro libro moi coñecido con mapa é A illa do tesouro, de Robert L. Stevenson. Foi Xulio Cuba quen mo fixo relembrar. Un clásico. Ten acción, vida, dinamismo, un punto de vista –o do rapaz, Jim- sempre atractivo e eficaz, e ten un ingrediente máxico, o tesouro. Todos soñamos algunha vez con descubrir un tesouro. Cando eu era nena de oito anos, pasaba longas tempadas cos meus avós que vivían en Monelos, nunha casa que xa non existe e na que eu nacín (aló un pouco embaixo corría aínda o río que agora vai canalizado camiño da súa desembocadura, preto de onde estivo o castelo de san Diego). Xogabamos aos tesouros: dividiámonos en dúas bandas de rapaces, bandas inimigas, claro, e o xogo consistía en axexar onde agachaban os outros o tesouro para roubárllelo en canto se descoidasen ou se ausentasen. Había días, durante as vacacións, en que bulía na cama porque me deixaran erguer xa, almorzar veloz e baixar a vixiar o tesouro de nós, para que non viñesen pillalo os da outra panda. Era un tesouro con papeis de prata e cores cuberto cun cristal de cu de botella e tapado logo con terra (porque daquela había moitas rúas sen asfaltar), cousa simple e máis ben simbólica. Pero que intensa nos facía a vida aquel xogo de nenos!
Ocultar un tesouro vén sendo case sinónimo de ter un segredo. Di Mario Benedetti, autor máis que recomendable, nun seu relato, que todo ser humano deber ter un.
Comenteino un día nunha tertulia no Manhattan e díxome Benito que el lera que había tribos no planeta onde era obrigado ter un segredo. Inda que iso significase tan só ter unha pedra pedriña agachada. A pedra do segredo. Bo título para que un de vós se anime a escribir un relato.


martes, 10 de decembro de 2013

EU LEVO O NOME DUN PERSONAXE LITERARIO


Son Marisa Fernández Lorenzo e levo o nome do personaxe de Marisa Mallo, do libro que leva por título O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas. Non creo que teñamos parecido físico, xa que no libro se describe como unha rapaza de cabelo vermello e moi fermosa, tanto que os protagonistas do libro (Daniel Da Barca e o militar Herbal) ficaron prendidos da súa beleza nada máis vela. Semella unha desas rapazas que, ao facer a súa aparición, se converten en centro de todas as olladas. Tampouco nos parecemos nas orixes, ela nace no seo dunha familia poderosa e influínte, é afillada do alcalde, filla do notario, irmá pequena do párroco e neta de don Benito Mallo, un gran comerciante con moitos contactos. Isto de nacer nunha familia rica e con influencias a priori parece unha vantaxe, mais tórnase unha condena para Marisa, xa que o seu avó non quere que se relacione co médico Daniel Da Barca, o seu gran amor, que pertence ao bando dos republicanos e estes están a piques de perder a guerra. Que a relacionasen co doutor sería chamarlle a ela tamén “roxa” e podería traerlle moitos problemas, influído así negativamente nos negocios do gran comerciante. Mais Marisa é firme nas súas ideas, e aí si me identifico plenamente con ela, desde que viu por primeira vez ao doutor Da Barca gustoulle, e a partires do primeiro minting no que o escoitou falar namorouse por completo. Non lle importa que a súa familia se interpoña, ou as dificultades que se presenten no camiño, ten claro desde o primeiro momento en que ve ao doutor que quere estar con el e é capaz de sobre pórse a todo contratempo. Certo é que que tiñan moitas cousas en contra, e sobre todo nun tempo tan duro e cru como podía ser a Guerra Civil española e os meses sucesivos a esta. Mais o amor non entende de épocas históricas, e a pesares de que a familia de Marisa se opuxo, e de que ela non podía ver ao doutor Da Barca porque este estaba na cadea, Marisa mantívose sempre firme, esperouno, foi fiel, constante á hora de ir velo ao cárcere e de escribirlle cartas, paciente e finalmente soñadora, porque nunca perdeu a ilusión de que ese pesadelo rematara algún dia e puideran estar xuntos. El tamén persegue este fin, e entre a súa fortaleza e a súa boa sorte vai zafando da morte en varias ocasións. Os falanxistas considérano un perigo xa que era un dos líderes da Fronte Popular, gran orador, e queren prendelo e fusilalo como fixeron cos seus compañeiros galeguistas e republicanos. Mais foi esta faceta de orador e sobre todo de persoa nobre e boa a que namorou a Marisa, a cal ten claro que o amor non se escolle, nin ocorre varias veces na vida. Tan claro o ten que hai un intento de suicidio, brevemente mencionado, por parte dela cando a familia se nega en rotundo a que siga namorando co doutor, ela considera que ou é con el ou non existe vida.

Gustoume moito poder ler este libro, pois é destes que te somerxe na lectura desde a primeira liña. Apaixonante polo fondo histórico, e moi romántica polo triángulo que se presenta mediante os personaxes, por unha banda a parella de Marisa Mallo e Daniel Da Barca, e por outra Herbal (narrador da historia) quen sentía un amor segredo por Marisa mais que sabe desde o primeiro momento que nunca poderá ser correspondido. É unha lectura que recomendo, e máis se é coa edición que eu manexei, de Xerais conmemorando o seu XXV aniversario, ilustrado por X. L. De Dios, o cal lle vai pondo cara aos personaxes e semella que a historia cobra aínda máis vida.



(Foto tomada da ed. de Xerais, 2005)

ENTREVISTAS AOS AMIGOS (2ª ENTREGA).

Hoxe temos o privilexio de poder dialogar cunha eminencia.
A nosa entrevistada brilla con luz propia na Lingüística española e mais europea. 
-Preséntate, por favor.
-En fin, Charo, en fin..., máis me soa a cardeal da curia romana... Meu pai utilizaba moito a palabra «lumbrera» (con certa retranca, ás veces).
Son Milagros Fernández Pérez, nacín en Albarellos de Monterrei (Ourense), son profesora dende novembro de 1981 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, na que exerzo como catedrática de Lingüística Xeral. Imparto docencia de Lingüística e Psicolingüística nos estudos de grao e máster, investigo en diferentes esferas da Lingüística aplicada, e teño tamén algún tempo adicado a responsabilidades de xestión universitaria. 
-Ti es catedrática da USC desde bastante nova, non si? 
-Son catedrática dende xuño de 1998. Profesora funcionaria (Titular de Universidade) dende outubro de 1986. Defendín a Tese de Doutoramento en xaneiro de 1983. E rematei os estudos de Licenciatura en xuño de 1978.
Creo que a cadencia de promoción é aceptable. Teño a sensación de ter traballado arreo, sempre con ganas e iniciativa, e movida por inquietudes de coñecemento. 
-Parafraseando o clásico aforismo latino nada humano me é alleo, de ti tamén se pode dicir que ningunha póla da árbore lingüística che é allea: dominas as regras básicas da gramática chamada xenerativa, sabes dos fundamentos do funcionalismo europeo, es experta en lingua de signos, podes adentrarte mellor cá maioría de nós nos segredos da constitución interna do cerebro, dedicas parte do tempo aos estudos sobre a linguaxe infantil... En que nivel te atopas máis cómoda ou con que te identificas mellor? 
-A miña curiosidade lévame por rutas variadas. Resulta chocante que a curiosidade non estea ben vista. Nos anos '70 unha rapaza que se facía preguntas non sempre era ben recibida. E aínda hoxe no Diccionario de la RAE figuran definicións con apreciacións negativas sobre a curiosidade (1. f. Deseo de saber o averiguar alguien lo que no le concierne. 2. f. Vicio que lleva a alguien a inquirir lo que no debiera importarle. 3. f. Aseo, limpieza. 4. f. Cuidado de hacer algo con primor). Alomenos, hai algún xeito de «ser curiosa» que si parece positivo, e que pode canalizar o desexo de comprender o funcionamento das cousas  polo feito de ser «esmerada», e «cuidadosa».
Como dicía, móveme a necesidade de afondar nas diferentes vertentes da linguaxe para debuxar a visión global. Creo que resulta imprescindible dispor dunha imaxe do conxunto para mellor poder achegarse ás partes. Quizais por isto non participo de cultivar só un método nin de seguir os postulados dunha escola concreta. E isto non significa que sexa «galega que nen sobe nen baixa», mais ben é prudencia antes que indecisión (o que, por certo, é aplicable ao dito prexuicioso sobre os galegos «indecisos», «inseguros», «vacilantes», o que somos é prudentes, sensatos e discretos).
A idea de que o coñocemento sobre as linguas non procede dun único enfoque nin da aplicación dun método en exclusiva acompáñame dende hai tempo. Entendo que facer ciencia significa construír con pezas de distinta procedencia teórica. Nin o estruturalismo esgota a análise fonolóxica, nin a  gramática xenerativa completa a descrición sintáctica, nin o distribucionalismo consome os ocos posicionais, nin tampouco a glosemática alcanzou a converterse na teoría axiomática da linguaxe. Facer ciencia en lingüística equivale a conxugar enfoques, ponderar métodos e sobre todo orientar as pesquisas cara a unha meta. Resumindo: depende de qué busques e qué pretendas para decidir o xeito de abordalo e as técnicas para describilo e analizalo.
A orientación dos meus intereses investigadores cara á fala singular e non-canónica (en proceso de adquisición e en situación de merma e disfunción por causa de patoloxías) vén marcando o meu rumbo de traballo dende a segunda metade dos '90. A Lingüística do «sistema» de Coseriu, da «langue» saussureana, desenvolta ao redor do canon da lingua escrita e modulada sobre a figura do emisor, non tomaba en consideración as producións de fala peculiares no desenvolvemento da linguaxe ou nos casos de disfunción. Formular pesquisas descritivas sobre emisións verbais non canónicas constituía un reto para abordar investigación non-rutinaria e novidosa. Os materiais verbais peculiares producidos realmente (tanto se trate de nenos como de persoas con algún tipo de trastorno verbal) esixen observación minuciosa, con itinerarios descritivos diferentes e moitas veces multidisciplinares, para afondar no coñecemento e comprender a súa mecánica. As premisas básicas do valor da fala infantil e da fala mermada descansan na significación comunicativa das condutas verbais dos nenos e das persoas con algunha disfunción. Os datos que estes falantes aportan constatan a súa eficacia na interacción. Así que unha lingüística de corte comunicativo debe contemplalos. Os grandes repertorios de datos sobre fala especial abundan na importancia daquela premisa. Precisamente, no meu traballo  indagador destes últimos 15 anos hai que sinalar o fito de ter elaborado un corpus de fala infantil (o corpus koiné de fala infantil), que contén datos de linguaxe en proceso de desenvolvemento (adquisición do castelán e con algunhas mostras de desenvolvemento do galego) abondo ilustrativos da eficacia comunicativa nas primeiras etapas. Os datos do inventario constatan que aproximarse á fala infantil significa deseñar moldes comunicativos distintos aos canons do sistema baseado no modelo de lingua estándar.
Máis  en concreto, a base koiné contén datos lonxitudinais de fala de nenos na franxa de idade entre os 22 meses e os 4 anos. É unha galería ampla de interaccións espontáneas en entornos de escola infantil de 34 nenos e 37 nenas, gravadas en soporte audiovisual e logo transcritas nun  soporte informático internacional que se coñece co nome de CHILDES. O corpus koiné de fala infantil é un repertorio de 166 transcricións que se pode consultar no sitio da web: (http://childes.psy.cmu.edu/data/Romance/Spanish/). O recorrer a grandes repertorios de fala infantil ten matizado (e case que desterrado) a concepción universalista e instantánea que vincula a adquisición da lingua a unha predisposición e a un coñecemento innato propio da especie. No seu lugar, deféndese a convenencia de recoñecer que todos os nenos falan, mais que non todos o fan do mesmo xeito nin todos amosan o mesmo grao de destreza, razón pola que se volve imprescindible prestar atención ás súas producións verbais.
-Unha das últimas veces que falamos ao vivo, estabas preparando un interesante artigo para publicar na Universidade de Murcia sobre o sexismo na linguaxe, na lingua que usamos diariamente. Que nos dis a este respecto? Erradicar o sexismo é unha utopía inalcanzable, ou? 
-Está claro que a lingua é un reflexo da sociedade. As representacións ideolóxicas e de desequilibrio móstranse nos comportamentos, e non se pode esquecer que os usos lingüísticos son conduta. Así que se hai sexismo na linguaxe é porque hai desaxustes sociais. Esta é cuestión moi complexa e delicada, sobre todo porque a repercusión dos desequilibrios leva en moitos casos á violencia de xénero. E case que dá reparo simplificar e quedármonos na lingua...
Entendo que o camiño para cambiar relacións de poder e de dominio está na educación, e que é proceso longo no que interveñen moitos actores. Hai que cambiar mentalidades, representacións que están moi arraigadas, e que na maioría das veces só se mostran de xeito sutil. A través da lingua pódense promover cambios. Os que se buscan, segundo parece, ao redefinir nos Dicionarios aquelas entradas léxicas con connotacións desprezativas cara ás mulleres (por exempro, s.v. zorro/zorra). Pero máis que nada aqueles cambios que, sen dúbida, se deberan dar no plano discursivo, cando en marcos conversacionais se perciben desequilibrios, como os que denotan intervencións que poñen en dúbida a capacidade (“¿estás segura do que dis?”), que manipulan o pensamento ou as reaccións (“agora vas dicir que era o que esperabas”), que monopolizan a conversa ou truncan a quenda..., e que traslocen xerarquías de poder marcadas. É na comunicación cotiá onde hai que pór maior atención porque é nas coordenadas discursivas onde, moitas veces sen apenas notarse, se introducen ingredientes sexistas e de dominio. 
- Escribir, producir, investigar, como se leva iso coa docencia? Unha porcentaxe non desprezable de alumnos que pasan pola Universidade española, din que os grandes sabios, os grandes investigadores pasan moito da docencia e dos alumnos... Que opinas ti?
-Non é fácil a combinación, non. E todo se complica se engadimos as obrigas de xestión (coordinación, trámites, organización académica...) que tamén son parte importante da actividade universitaria.
Ao meu modo de ver, un profesor universitario debera ter un perfil investigador notable e ben definido. O ensino superior debera tender á formación en investigación e á preparación en técnicas punteiras e novidosas. Ao fío disto, ¿que vai ensinar o profesor se non investiga?
De tódolos xeitos, eu  diría que nestes últimos 15 anos a tendencia ten sido a de priorizar a vertente docente descoidando a investigadora. As técnicas pedagóxicas están sendo introducidas coma se foran a panacea para solventar os problemas de aprendizaxe xerais. O panorama é complexo e preocupante porque se toma un instrumento (ferramentas pedagóxicas) como se fora o mecanismo exclusivo de solución. Cando en realidade a aprendizaxe baséase en contidos de coñecemento relevante que hai que dominar. E, máis que nada, consiste en adicación, disciplina e horas de estudo. Por moitas técnicas pedagóxicas, se non hai contidos selectos e se non hai esforzo, non se acadarán resultados de éxito.
Creo eu que un profesor universitario ha ser un investigador que transmite os logros de coñecemento que vai acadando. Ao tempo que ensina, constata o valor das achegas investigadoras e comproba se deixan pegada entre os estudantes: unha ruta excelente para verificar se o que se explica resulta convincente e ten garantías. Por outra parte, a vertente docente pode ser elemento dinamizador da investigación: programas sobre temas que non se coñecen en profundidade, preguntas na aula que precisan extender intereses, sensacións de explicacións escasas ou superficiais, poden ser detonantes para iniciar liñas de pesquisa. A relación entre docencia e investigación debera ser de ida e volta.
-Milagros, que estás lendo agora? Que tes na mesiña de noite?
-Últimamente teño tendencia aos contos. Permítenme a lectura de relatos pechados e considero que é literatura da grande, a concentración en tarriños pequenos. Así que sigo enganchada a Alice Munro (a Nobel deste ano, que sentín coma se llelo deran a un familiar!), a Clarice Lispector. Pero tamén a novelas-río de autores norteamericanos coma Jonathan Franzen (recomendo Las correcciones), Jeffrey Eugenides (La trama nupcial), que describen con ironía fina  e metáforas transparentes («llevaba siempre el pelo como el de una moneda recién acuñada»), e constrúen perfiles psicolóxicos moi acabados das persoaxes, que se van identificando por como pensan e como falan. Teño debilidade por este xeito de novelar. Agora mesmo, estou  con  Años luz de James Salter, e cos contos de Clarice Lispector, Felicidade clandestina.
Teño o costume de reler e repasar obras. Releo moito a Cunqueiro, a M. Rivas, a Vargas Llosa. E poesía de Rimbaud e Verlaine. 
-Recorda para nós algo de cando eras adolescente. Onde fixeches o bacharelato? 
-Aqueles anos sempre tan presentes..., a adolescencia é a forxa do que seremos. A vida en Albarellos, quilometros en bicicleta con neve, xeada, e choiva no inverno para ir a Verín ao colexio das monxas e facer o Bacharelato elemental. Frío que conxelaba os dedos das máns e que impedía escribir ata pasado un tempo. Meu pai, tódalas noites, tamén en bicicleta, ía recollerme para facer o camiño de volta. Examinarnos por libre no Instituto "Rosalía de Castro" en Santiago. Os anos de Bacharelato superior  (5º e 6º) e o Curso de Orientación Universitaria (COU) xa transcorreron en Ourense, no Instituto do Posío e con internado no Colexio Menor. Aprendizaxes da vida aos 15 anos na convivencia con rapazas de procedencia variada, e pola disciplina do internado. Viaxes de fin de curso por estradas infinitas ao sur da Península e pola costa portuguesa, que teñen depósito imborrable na memoria.
Os veráns en Albarellos tamén eran de bicicleta. Para ir ao río a Requeixo e a Vilaza bañármonos. Meus pais tiñan unha tenda de ultramarinos que había que atender. Naquel local había sempre reunións de adolescentes para intercambiar libros, escoitar música (The Doors, Elvis, Cat Stevens, Bob Dylan, Neil Young...), conversar ou namorarse. Daquela foron libros coma El origen de las especies, La Regenta, Anna Karenina, Crimen y castigo, e o primeiro amor. A orientación universitaria estaba no pensamento, e no trasfondo Marie Curie e Rita Levi-Montalcini como modelos, pero tamén a gran Concepción Arenal, muller admirable aos ollos de meu pai: «Todas las cosas son imposibles mientras lo parecen», «El hombre que se levanta es aún más grande que el que no ha caído». 
-Desde sempre tiveches clara a vocación de filóloga? 
-Penso que o meu destino podería ter sido a bioloxía, a química, ou mesmo o dereito (o que meu pai quixera para a filla), mais foron os estudos de Letras, a fascinación pola Lingüística, o que me orientou na ruta cara á formación superior. Quizais non poida aducir unha motivación senón moitos imponderables para explicar tal decisión. En calquera caso, o que si tiña peso era o aliciente das técnicas rigorosas para investigar a linguaxe: o principio estrutural de oposición «unha unidade é o que outras non son» despertaba en min tales inquietudes que comecei os meus estudos universitarios en Filoloxía xa seducida pola Lingüística. Atraíame ser investigadora no campo das linguas. 
- Sendo como es unha investigadora e doutora que te moves en círculos próximos á lingua española, nunca deixaches de interesarte pola lingua de Galicia, desde logo comigo sempre falaches en galego. Un galego bonito, ourensán. Que lles dis aos meus alumnos coruñeses tocante a este punto? 
-No tema das linguas, cantas máis, un plus de oportunidades e de habilidades de coñecemento. O bilingüismo e multilingüismo individuais enriquecen, non limitan. As conexións neuronais non se esgotan, senón que se multiplican por aprender e manexar linguas. O incremento de repertorios para comunicarse facilita, nunca entorpece.
Na nosa comunidade debera ser común ter destrezas de uso en galego, e manexar as linguas (galego/castelán) de xeito natural, conforme o pidan as circunstancias ou os interlocutores. Isto é o que predica o «enfoque adaptativo» da lingua (ou do rexistro) para mellor acomodarse ás necesidades do interlocutor e conseguir a eficacia comunicativa pretendida. O emisor que fala ha estar motivado por ser exitoso na súa mensaxe, así que debe considerar a ruta e as estratexias para facerse comprender polo interlocutor, axustando a lingua aos que lle escoitan.
Os beneficios do bilingüismo/multilingüismo son indudables. Pero non podemos reducir as linguas ao seu papel como instrumentos de comunicación. Son tamén códigos que enraízan en marcos culturales e antropolóxicos. A lingua galega dá soporte ao que nos define como pobo con historia e valores. O mundo global dos intercambios non debera confundirse co mundo da diversidade cultural. Todos nós (os galegos) formamos parte dunha tradición idiomático-cultural que dá pouso e nos identifica, e que se manifesta (entre outras evidencias) a través da lingua galega. É razón dabondo para non deixar de falarmos sempre galego cas nosas parellas, fillos, netos. A transmisión da lingua na esfera familiar é fundamental para manter o noso patrimonio.  
- Recordo que cando empezabas no departamento de lingua española na facultade da praza de Mazarelos, estaba colgado o retrato de Noam Chomsky, por quen sentiades unha especie de veneración. Segue sendo digno de atención o seu discurso? Ou xa pasou á historia? 
-Noam Chomsky é un intelectual lúcido, aínda hoxe. Nestes tempos de confusión e engano, as súas reflexións son verdadeiros faros que iluminan:
«Para facer que se acepte unha medida inaceptable, basta con aplicala gradualmente, a contagotas, por anos consecutivos...Privatizacións, precariedade, desemprego, salarios que non aseguran empleos decentes, tantos cambios que terían provocado unha revolución se se aplicaran dunha vez» (N. Chomsky, 10 estratexias de manipulación do medios , que se poden ler en: http://noam-chomsky.tumblr.com/post/13867896307/noam-chomsky-10-strategies-of-manipulation-by-the).
No campo da Lingüística, a gramática xenerativa tén pasado por moitos modelos e cambios de versión, e o predicamento da teoría non é o que era nos '70 e '80. Os meus inicios na andadura investigadora, como sabes, estaban movidos polo carácter «científico» co que se presentaba a lingüística de Chomsky. Tiven incluso un período de correspondencia epistolar co gran mestre. Mais conforme iba avanzando na miña tese de doutoramento, con máis claridade se constataba que a ciencia lingüística non pode reducirse a «un modelo  dun falante ideal», nen a un marco teórico tan formalizado en regras abstractas. A Lingüística ha dar cabida á diversidade verbal, ha traballar con datos comunicativos, ha baixar á area da observación da fala real. Fíxenme superfán de E. Sapir e mesmo de R. Jakobson. 
-Moitas grazas por dedicarnos parte do teu precioso tempo, querida. 
-De nada, raiña, a mandar.

mércores, 4 de decembro de 2013

Temas e motivos (I)

Hoxe empezamos un novo capítulo, temas e motivos na literatura. Xa sabedes que hai temas importantes, os universais. Carlos Fuentes, un bo escritor, dos mellores en lingua castelá ou española, dicía que eran doce. Había que investigalo. Agora mesmo non sei cales son. Supoño que entrarán o Amor, o Tempo, a Morte, entre outros. Pero nós aquí imos falar quizais de subtemas, temas pequerrechos, e motivos recorrentes, que aparecen en moitos libros e van constituíndose como elementos básicos ou case sinais de identidade, que achegan interese e beleza a un libro. Imos empezar cos mapas.
Un primeiro libro con mapa que traemos a estas páxinas é O Hobbit de J. R. R. Tolkien. Aí hai un mapa, debuxado polo propio autor, necesario para coñecer a Terra Media. Nome seductor. Hai auga tamén e hai montañas. Ese mesmo mapa válelles aos lectores da súa outra magna obra, O señor dos aneis. Eu tiña unha amiga, Mary (ou María, ou Marietula, que é como a chamaba eu ás veces), nada e criada en Londres (pero convivimos en Friul, as dúas eramos lectoras na Facultade de Letras, en Udine, ou Udín en friulano), e lía todos os anos, ao chegar a primavera, o libro grande de Tolkien. Había que ir buscala á súa habitación-bufarda, porque se somergullaba tanto na lectura que se lle ían as horas do reloxo da cabeza. As letras desprazaban as outras realidades. Nunca coñecín, en troques, quen lese todos os anos poñamos por caso Cantares Gallegos ou El Quijote. Pero se vós coñecedes a alguén non deixedes de dicírnolo.


Entrevista aos amigos (I)

-Preséntate, por favor, e dinos cantos libros levas publicados. Máis ou menos.

-Chámome Xosé Ramón Pena. Canto ao número de libros publicados -e deixando a un lado edicións anotadas, libros de texto...- levo sete novelas e, no ensaio, outros tantos (e un novo en camiño).

-E premios? Podes amosar algo de fachenda. Permitímoscho.

-Gañei o premio Xerais e tamén o Losada Diéguez.

-Naciches en Betanzos, viviches na Coruña, e agora, desde hai anos, tes a residencia en Vigo. Con cal te quedas?

-Pois onde levo máis anos xa é en Vigo. Nunca me esquecen as outras dúas cidades, pero agora mesmo creo que son vigués.

-Así que es profesor, novelista, investigador… Se che mandasen prescindir de algo, de que prescindías?

-Creo que de ningunha; resúltame difícil pensar niso. Non obstante, por pura bioloxía -e polo moi mal que nos están tratando aos profesores, que non polos alumnos!- deixaría a "cousa" de profesor.

-Recoméndanos un libro ou dous. Dáte de conta que o consello é para os nosos alumnos, tanto da ESO, como do Bacharelato.

-A ver; evidentemente, os meus libros -e supoño que a pregunta, loxicamente, está referida aos de ficción- son, todos eles, fillos meus. Non é o que máis satisfaccións de crítica e de pública me teña dado, pero, por razóns sentimentais, teño unha especial querencia por "A era de Acuario". Non obstante, supoño que a un público como o que se sinala, o que mellor lle prestaría sería "A batalla do paraíso triste".

-Ti que estás lendo agora?

-Como estou co II volume da miña "Historia da literatura galega", ando con moitos materais á vez, de diferente ámbito (textos, pero tamén ensaios, libros de historia, epistolarios...) da xeira do Rexurdimento. Ah!, e acabo de ler Matarte lentamente de Diego Ameixeiras. Moi pracenteira lectura.

-Teño entendido que fuches colega de Ferrín. Como eran os claustros con el? Como era como compañeiro de traballo?

-Do Ferrín profesor sei o que din os seus alumnos: alguén que lles soubo transmitir o amor pola literatura, polo idioma; unha persoa dono de toda unha cordilleira de coñecementos de todo tipo e, ademais, alguén perfectamente accesible.
Como compañeiro "académico", unha persoa cordial, cun bo sentido do humor e, igualmente, moi accesible.
Pero é que eu teño de sempre unha relación persoal con el. Daquela, resúltame imposible pasar por alto o Ferrín amigo. E aí teño que dicir simplemente isto: é alguén que coñece, e que practica, no máis fondo aquilo de ser amigo dos amigos.

-Segues tocando a guitarra? Recordo que cando eramos universitarios cantabas a Serrat de marabilla. Segues amando a música?

-A túa memoria é mala: cantaba a Serrat.... moi mal; defendinme un pouco -só un pouco- mellor con José Afonso. Pero si que agradezo a túa enorme benevolencia. De todos os xeitos, non eran os cantautores os meus favoritos: en realidade, o que de veras sempre me gustou é o rock -Stones, Police, Santana, Eric Clapton- e mais a bossanova -devoto de Vinicius de Moraes-. O que pasa é que admiro demasiado a esa xente (tamén a Serrat e a José Afonso, que conste en acta!) como para nin antes nin agora andar a destrolazos. Pero, vaia: en petit comité si que sigo tocando a guitarra (e pido perdón a quen coubese por tela tocado algunha vez nun escenario; todos pecamos algunha vez, non?)


-Grazas por dedicarnos o teu tempo. Anímate un día a achegarte ao ‘Eusebio’ para falarnos da túa obra. E parabéns por esa Historia da Literatura Galega 1 que acabas de publicar.

xoves, 28 de novembro de 2013

Eu levo o nome dun personaxe literario. Sétima entrega

Ola! Son J. Andrés Justo, de segundo da ESO, e levo o nome dun personaxe literario, o Andrés de Nunca seré tu héroe, da autora María Menéndez-Ponte.
Que me gusta de Andrés? Que é moi bo rapaz, axúdalle aos amigos e dá a cara por eles. Exemplo: cando falou co pai de Belén, e cando defendeu o Marroquí.
Que non me gusta? Que ao primeiro se emborrachaba e que pasaba de todo e suspendía.
En que me asemello a Andrés? Semello un pouco o protagonista en que non me gusta nada cociñar e que cando me poño moi nervioso non me saen as palabras.
En que me diferencio do Andrés do libro? En que é máis maior ca min, e eu non saio de noite, non sei debuxar cómics tan ben.

Visitando...

Visitamos a biblioteca da Real Academia Galega. Queremos facer un mural e colgalo no taboleiro do Instituto, igual que fixemos xa con outro dedicado á Biblioteca Nacional. Como só dispoñiamos de apenas unha hora e houbo moito que vivir e moitas cousas que asimilar, deixamos para outro día o labor de pasar a papel o vivido. Así que nos xuntamos este martes os cazatesouros no departamento de galego, onde sempre, para revivir aquela visita.
-Recordades o día? Cando foi?
-O martes 19.
-Estabamos todos?
-Todos menos Álvaro.
-Como se chamaba a bibliotecaria que nos atendeu?
-Ana Menéndez Rodríguez [algúns miran nos seus apuntamentos, son super dilixentes].
-Foi moi riquiña connosco, non si?
-E simpática..
-E tímida !
-Amable.
-Ao chegar sentamos…
-Era o lugar de consulta. Foi fundada a biblioteca en 1905.
[Píllanse, uns pisan as palabras dos outros porque todos queren falar].
-Estivo en varios sitios. Primeiro na casa de auga.
-En Rego de auga.
-E no Concello! Tamén no Concello!
-Ata que pasa á sé actual en 1978. Rúa Tabernas 11. No primeiro andar da casa de Emilia Pardo Bazán.
-Hai 50.000 libros.
-Cincuenta mil volumes [corrixen eles mesmos]. Divídense en monografías, que son os que teñen máis de 50 páxinas e están nos estantes, e folletos, de menos de 50, e están en caixas.
[Botan fume os cadernos de notas].
-E recordades algunhas das persoas que doaron as súas bibliotecas particulares?
-Siiii! Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Marcial del Adalid, Antón Villar Ponte, Isidro Parga Pondal, Luís Seoane, Xosé Fontenla Leal…
-Pero Fontenla Leal desde Cuba [nova precisión das rapazas, Rita ou Carmen]. E foi un dos fundadores da Academia.
-Ben, fillos. Moi ben! [Estou moi orgullosa destes rapaces. Que Deus os garde!]
-E agora o refrán, profe! [Este é Andrés]
-Non é un refrán [digo eu].
-O martes é un día santo…
-É unha cantiga. Collimos ao chou un boletín…
-[Puntualiza Ana] O martes é un día solto / é porque é amartizado / tráiote no pensamento / e no corazón gardado.
-Un boletín do ano? [Pregunto].
-1912
-Que foi o ano do afundimento do Titanic e tamén da inauguración de…?
-¿?
-Non recordades… pois si que volo dixen. Do pazo municipal coruñés, do pazo de María Pita.
-Ah!
-Agora as xoias. A bibliotecaria tíñanos preparadas varias xoias bibliográficas.
-O primeiro periódico galego, O vello do Pico Sagro. De mil seiscentos…
-Non pode ser de mil seiscentos. Ten que ser de mil oitocentos e pico.
-De mil seiscentos é a primeira descrición do Reino de Galicia. 1551.
-Iso si. A do Licenciado Molina. Que tamén estaba.
-E as edicións príncipe de Cantares Gallegos, e de Memorias dun neno labrego.
[Os rapaces da esquina de alá corean]
-E o Taller silencioso de Luís Seoane. Sobre Picasso. Cos nomes!
-Veña. Imos cos nomes de Picasso e acabamos [acompáñanos a miña titoranda do mestrado de galego, Marisa, que fala con acento precioso da mariña lucense e pregúntolle se sabe onde estudou Picasso…, aquí mesmo, aquí mesmiño].
-[É coma un recitado infantil, non desmerecería daqueles que inmortalizara Machado] Pablo, Diego, José, Francisco de Paula, Juan de Nepomuceno…
-Sen o de [corrección deles].
-… Juan Nepomuceno, María de los Remedios, Cipriano…
- Cibrán en galego [preciso eu, e interrompo, claro].
-…Cipriano de la Santísima Trinidad, Ruiz Picasso!
-Non está mal. Nome de fillo de rei.