martes, 13 de maio de 2025

VISITANDO...

 

VISITANDO FILADELFIA

 


 

Admiraredes comigo o afán de retomar e plantar no novo mundo flores do vello mundo clasicista. En calquera caso, os habitantes desta fermosa cidade abrevian e dinlle Philly. Leo que é a sexta do país, en número de habitantes. Ten o prestixio da historia, a pátina bastante ben conservada do que foi o núcleo fundacional, o das trece colonias.

(G. Washington amosa o seu mandil masónico a B. Franklin. Era un agasallo para o xeneral Lafayette, membro da loxia masónica de París. A obra escultórica é de James West)  

 


 

Estivemos só tres días, suficientes para facernos unha idea cabal das riquezas monumentais e artísticas da cidade. Tiñamos o hotel ben situado e puidemos camiñar a todas as partes que nos interesaban: o mercado, a casa onde se asinou a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América en 1776, a casa do concello, os dous ríos[1], os museos…


 

Nós había pouco que viramos na televisión a miniserie John Adams[2], sobre o que fora o segundo presidente dos EEUU e nesa serie Filadelfia xogaba un papel principal. Foi interesante ver in situ a casa onde se asinara aquel famoso documento. Puidemos asistir a unha longa charla en inglés sobre a historia, os personaxes etc. Había un montón de xente nas bancadas e todos nun absoluto e respectuoso silencio. O home, uniformado, que daba o discurso de cando en vez facía preguntas á xente do público, supoño que para comprobar canta historia do seu país sabían ou relembraban. Lamentablemente o noso grao de entendemento do inglés falado non pasa dun modesto nivel medio e só vos podo reproducir un par de frases: “esta é a casa de todos”, “e de repente por esa porta entrou George Washington” e tamén “algunha pregunta?”. Xa vos facedes unha idea do que tería que mellorar o noso inglés competencia.

 


 

 


 

(Río Delaware e ponte Benjamin Franklin)

 

Nun dos paseos preto do Delaware puidemos ver unha estatua que inmediatamente chamou a nosa atención. Ao vela intuímos unha lenda fundacional talvez ou un mito. É a estatua de Tamanend. Lemos o seguinte: O xefe Tamanend, co brazo estendido para dar a benvida, está de pé enriba dunha tartaruga mentres unha aguia cun cinto de wampum  nas súas gadoupas está pousada no seu ombreiro. Para a tribo Lenni-Lenape, que deu a benvida a William Penn á súa chegada a Pensilvania en 1682, a tartaruga simbolizaba a Nai Terra e a aguia representaba un mensaxeiro do Gran Espírito. Tamanend era o líder da tribo Lenni-Lenape, e o cinto sostido polas gadoupas da aguia significa un tratado de amizade acordado entre Penn, Tamanend e outros nativos americanos (https://www.associationforpublicart.org/artwork/tamanend/). A estatua de bronce  é obra de Raymond Sandoval (instalouse en 1995).


 

No lugar onde custodian a chamada Campá da Liberdade hai sempre moita cola para entrar pero no xardín próximo teñen bos carteis informativos con boas fotografías. Así puidemos informarnos de que todos os serventes de John Adams eran homes libres, mentres que os de George Washington eran esclavos. Ninguén, nin sequera os padres fundadores, se libra das humanas contradicións. De España nin papa. Quero dicir, do papel de España á hora de acadar a independencia da metrópole europea. Polo menos, eu vir non vin nada. Mais tamén é moi humano errar…

(Elfreth's Alley. Din que é a rúa máis antiga dos Estados Unidos. O noso Luís dixo: "con permiso das de San Agustín"). Foron edificadas nas décadas comprendidas entre 1720-1830.  

 
(Aquí viviron Poe, a súa esposa Virginia Clemm Poe e a nai desta, Maria Poe Clemm, alcumada Muddy, valerosa muller que soubo coidar dos dous. Viviron aí de 1843 a 1844 pero debe ser esta a única casa que se conserva na cidade, digo das casas que habitou Poe en Filadelfia. Vivindo aquí publicou un par de contos: "The Black Cat" e "The Gold-Bug")  

 

(Co frío que ía había que alimentarse ben. Aquí, no "Reading Terminal Market" almorzamos sempre e tamén xantamos un contundente bocata típico, o "Cheesesteak", no famoso Molly Malloy, de fortes resonancias irlandesas...)

(Bulbos e tulipáns estaban en plena floración. Endebén, a nós tocounos soportar unha intensa onda de frío)    

(Museo de Arte. Imprescindible. Chamou a nosa atención canto gótico francés veu ao novo mundo pedra a pedra)


 


 

(Aí xace B. Franklin. Bótanlle moedas...)

 

(Casa de Betsy Ross -1752-1836-, de quen se di que foi a primeira en bordar a bandeira de barras e estrelas)

(Eastern State Penitentiary. Para unha servidora, un museo dos horrores. No seu día tivo o seu aquel. O escritor Ch. Dickens dixo que dos EEUU só lle interesaban  un par de cousas e unha delas era este cárcere (a outra eran as fervenzas de Niágara). A verdade, porén, é que o conxunto  impresiona. A día de hoxe é unha atracción turística de primeira orde)    

(O edificio-museo de Rodin imita algo a casa que o escultor tiña en Meudon. Este museo de Filadelfia é obra da iniciativa privada, foi custeado por un rico magnate. Paga a pena visitalo. Unha pequena xoia....)


 

 

(O museo de Rodin é impresionante, é un dos máis completos do escultor fóra de Francia. Aquí vemos "Andrómeda", en mármore) 



[1] Un é o Delaware, chamado así por Lord De La Warr, primeiro gobernador e capitán xeneral de Virxinia, quen explorou a baía en 1630 e mais a área do río onde se aplicou por primeira vez o seu nome. O outro é o Schuylkill (a voz ten orixe no idioma neerlandés). Flúe durante 135 millas desde Pottsville ao sueste ata Filadelfia,  onde se une ao río Delaware como un dos seus maiores afluentes.

[2] A miniserie, baseada nun libro de David McCullough, foi dirixida en 2008 por Tom Hooper e protagonizada por Paul Giamatti (J. Adams), Laura Linney (Abigail Adams), David Morse (G. Washington) etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario