venres, 30 de maio de 2025

BUSCANDO PALABRAS

 

FALSAS ETIMOLOXÍAS OU ETIMOLOXÍAS POPULARES. PARTE II

 


 

Xa se ve que é un tema que me gusta. Falei del noutrora neste blog (29 de setembro de 2019). Hai seis anos, non está mal. Vaise o tempo coma a auga das mans.

Disto hai materia para encher varias páxinas. Medirémonos. Chegan cinco casos. Vou empezar por ideas peregrinas de grandes filólogos. Así comprobaremos unha vez máis que ninguén está libre de faltas, “non hai pega sen mancha negra”, case é menos marcado aqueloutro proverbio que di: “Ao mellor escribán cáelle un borrancho”. Indo ao caso, comecemos con Sarmiento. O padre Sarmiento foi un erudito de sete estralos, se meteu o zoco etimolóxico en boa medida é comprensible porque a filoloxía pide instrumentos: hoxe temos corpus documentais ás mans cheas, temos Internet para conectarnos nun santiamén cos sabios do mundo, temos bases de leis fonéticas ben asentadas xa desde os neogramáticos alemáns do XIX etc. Dito o cal, procedamos.

(A Coruña na portada da edición de 1845 do libro de Vedia e Goosens)

 

1º caso: Sarmiento trae Orzán de (turris) ardens (pola torre de Hércules e o seu facho). Tampouco é que sexa doado asegurar ao cento por cento o étimo da baía coruñesa pero haberá que arrimarse a Corominas. Con permiso de Edelmiro Bascuas. [1]  Así que somos partidarios de integrar Orzán na familia de orzar, dun verbo latino *Ortiare que significa ‘erguerse, elevarse’ (hipótese de Corominas[2]) e ben sabe Deus que historicamente esas ondas, o mar de Orzán en xeral, alzábanse coma cabalos entolecidos. Non diriamos nós que o mar de Orzán chegaba ao outro lado coma se a cidade alta fose unha illa. Iso é moito dicir. Sobre todo porque se pensamos nun verbo latino, cando chegaron aquí os romanos construíron no que hoxe é a Rúa Real e tamén no que hoxe son os Cantóns. É dicir, o itsmo era sólido, edificable… Outra cousa é que esporadicamente puidese haber mareas espectaculares ou terroríficas, como aquela que narra Vedia e Goosens.[3]


 

2º caso: O noso admirado Luis Monteagudo tamén achega ideas etimolóxicas peregrinas, ou iso pensa unha servidora. Mais insisto, quen pode tirar a primeira pedra? O ilustre coruñés propón traer Riazor de BRIGANTINORUM (https://www.fundacionlmonteagudo.com/OBRAS_MONTEAGUDO/1956_08_21_brigantia_y_brigantium_II_problema_de_toponimia_corunesa.pdf). A ver, xa me gustaría. Que étimo tan bonito, tan sedutor… Francamente. Pero se examinamos os Riazo, Riazón, Riazoo que hai por aí adiante… En fin. Está claro que a base é RÍO. O erre final había que matizalo. Fálase dun sufixo diminutivo[4], con toda a lóxica, desde logo, non deixaba de ser un regacho pequeno o que baixaba a desembocar aí, na praia que hoxe chamamos de Riazor. Non faltou quen pensase en “río de azor”, polas aves.

 

(Mapa da batalla de Elviña. Vese como desemboca o río de Riazor na baía do Orzán)

3º caso: Houbo máis dunha persoa intelixente e con prestixio que pensou en traer Coruña do latín Columna. É unha idea comprensible pola torre. Desde o punto de vista fonético non hai atranco. Pero dalo por bo implicaría desentenderse dos topónimos celtas que nos rodean en Europa: A Clunia arevaca (hoxe Coruña), a Clunia próxima a Brigantium (hoxe Breguenz, en Austria), e o Cluniaco de Francia,[5] sen contar variantes próximas que hai en Irlanda.

 

(Mapa antigo. Vemos "Clunia" debaixo de "Brigantium", e por riba deses dous topónimos vemos o que Roma chamou o "lago brigantino", na Retia)

 

 Segue sendo complicado tomar partido, pero nós arrimámonos á hipótese celtista, como Moralejo pai e fillo, como Fernando Cabeza, Isidoro Millán e outros. [6] Gonzalo Navaza, outro dos grandes filólogos de Galicia, non descarta relacionar o noso étimo con Cluny (sen importar agora a datación, é dicir, cando xorde ese nome). Navaza fala de que o topónimo xorde con Afonso IX como nome “imposto” polo rei. El xa sabe que nós discrepamos. Nin comprendemos como se pode suprimir de golpe o Crunia do Codice Calixtino,[7] que sería anterior no tempo, nin tampouco vemos clara -aínda faltan estudos definitivos- a orixe dos curunniecos, da Domo Curunniace dos susarros[8]. Estámonos referindo á inscrición, bastante coñecida, seguinte: Cloutius Clutami f(ilius) … Susarru(s) domo Curunniace (CIL III 2016). Recordo perfectamente que Carlos Búa, eminente indoeuopeísta, preguntou en clase (vid. neste blog artigo LENDO TEXTOS PRELATINOS DA PENÍNSULA do 14 de xuño de 2018), no seu día: “estes Curunniace algo terán que ver coa Coruña actual?” Interrogación retórica, poderiamos dicir, no sentido de que a resposta é obvia: “imposible sabelo con certeza absoluta”. A estes chamémoslles “escrúpulos” aínda se lle sumaría a observación dalgúns historiadores que obxectan que o dicitur (“nouam construo populationem in loco qui dicitur Crunia apud turrim de Faro”) da carta-repoboación de 1208 alude a un vox populi anterior a esa data na súa recta interpretación. Neste sentido relembremos as palabras de J. Ramón Barreiro Fernández, historiador por excelencia da cidade da Coruña: Adviértase que el nombre de Crunia no aparece impuesto por el Rey sino que era un nombre ya utilizado: “un lugar llamado Crunia” (Historia de la ciudad de La Coruña, p. 97). E unha derradeira observación non desprezable á hora de deixar aberta a cuestión: non esquezamos que os nomes en toponimia maior adoitan seren impostos polos pobos máis importantes ou polos pobos conquistadores (Algarve, España, talvez Brigantium…). 

 


 

4º caso: España ‘terra de coellos’. [9] Con todos os meus respectos, paréceme unha etimoloxía popular moi divertida. Non me convence moito, a verdade. Se me preguntásedes por que me inclino, non sabería dicir. Hai anos lin a teoría de Manuel Rabanal Álvarez: o nome España foi dado por xentes de fóra (fenicios ou cartaxineses) que habitan ao sur da península ibérica e pola perspectiva esta terra sería ‘a que cae ao norte’, sempre en lingua semita. Parecía moi verosímil, de igual modo explícase Algarve, pola perspectiva xeográfica. Ora ben, tedes que saber que nos últimos tempos, a hipótese con máis seguidores no mundo académico é a de Jesús Luis Cunchillos e José Ángel Zamora, expertos en filoloxía semita do CSIC. Traen España de *I-span-ya, ‘isla/costa dos forxadores ou forxas (de metais)’, pola intensa actividade mineira e metalúrxica que había no sur (reino de Tartessos) cando chegaron os fenicios.

5º caso: Viana (do Castelo). Esta é unha etimoloxía popular das típicas. Contáronma nesa deliciosa localidade portuguesa. Recordo moi ben a informante; era unha artista da xoiería e compreille un colar precioso, que poño moi pouco, quizais porque espero a ocasión especial e propicia ou porque me gusta telo na recámara. Aquí o conto fala dun pai posesivo ou obsesionado pola pureza da filla, Ana, e tena encirrada no castelo… Un día de chiripa ou de milagre, un mariñeiro que tendía redes a secar logrou vela pola fiestra do castelo e foi correndo polas rúas, berrando “Vin a Ana, vin a Ana” e de aí Viana. A que ten o seu aquel? Fai sorrrir.

 

(O deus Coso era adorado polos susarros)

 

 



[1] O experto académico Iván Méndez dá por boa a hipótese do gran coñecedor de hidronimia europea, Edelmiro Bascuas que trae Orzán dunha raíz prerromana, *Ortium, que significaría ‘auga que flúe’, pensando precisamente nesa imaxe de tempos hipotéticos super pretéritos en que a Coruña-cidade alta era unha illa, de tal manera que as augas do Orzán fluirían cara a baía. Parécenos moi imaxinativo mais pouco probable. Integrar Orzán na familia de Orza e orzar e pensar nun verbo co valor semántico de ‘alzarse, elevarse’ coma un barco eleva a proa cara ao vento cando vai á orza, esta hipótese, dicimos, xustifica tamén a oronimia Orzán (monte ourensán)/Orçano (lugar situado na aba dunha montaña, en Trento, Italia), porque un monte se eleva desde a terra.

[2] Corominas postula, para os termos náuticos orza e orzar, un *ortiare  a partir do verbo latino orior, -iris, -īrī, ortus sum ‘erguerse, levantarse’. É curioso, cantomenos curioso, que para explicar a etimoloxía dun tema hidronímico europeo, Orontio, Giovanni Alessio (un lingüista e indoeuropeísta italiano que foi profesor universitario en Venecia, Trieste, Florencia e autor, entre outros centos de obras, dun dicionario etimolóxico) postulase tamén unha forma derivada deste mesmo verbo, orior (“Il tema idronimico mediterraneo *Orontio-“, Revue internationale d'onomastique, 1950,  2-2  pp. 93-107).

[3] En diez de noviembre de este año [1684], ocurrió el fenómeno de una marea estraordinaria; ayudado ademas el mar con algun viento ó temporal duro, fue sucesivamente ganando elevación, y entre dos y tres de la tarde entró por el Orzan en diferentes puntos: llegó al hospital de san Andres, y anegó una porcion de casas terreñas ó ranchos á piso llano que estaban en frente del arenal, destruyendo los muebles, ropas y cuanto tenian los que las habitaban: la resaca atravesó por la calle de santa Catalina, mezclándose en el Canton pequeño con la bahía; y por el Caramanchon y camino que iba á Labañou, alcanzó al campo de Carballo y huertas que habia al pie de la muralla inundándolas todas: otro brazo de agua cruzó por la Rua-nueva al Canton grande dándose también la mano los dos mares por este punto, y como la bajada fue tambien muy violenta, quedó en seco mucho pescado en medio de las mismas calles y en el arenal del Orzan. (Enrique Vedia y Goosens, Historia y descripción de la ciudad de La Coruña, 1845, p. 111).

 

[4] O sempre relembrado Nicandro Ares dinos: “Riazón, na forma de Riazoo en 1294 (CDO1241-42), parece diminutivo de Riatius (CILV 8215) ou de rivus ‘río’ (DCECH)” (Nicandro Ares Vázquez, Estudos de toponimia galega, tomo II, p.  795). E o grande Edelmiro Bascuas (aínda que discrepemos puntualmente con algunhas propostas concretas, iso nunca invalida a visión global da obra dun filólogo; se hai algo importante na vida á hora de discrepar é a idea de que, formulada sempre con corrección e boas formas, a discrepancia é fonte de riqueza), traza a hipótese de Riazor < *Riuaceólum, dun derivado de rius ‘río’. A concatenación de sufixos é algo común na nosa lingua (vizorro (< ave + azo + orro), bonacheirona, camionetalla, regazadiña ‘o que se leva no regazo’, regachiño, regachada etc.), e témola no castelán riachuelo. Desde logo, a coexistencia de regacho/regato en galego dá que pensar na aparición posible dun iode que produce a palatalización en –cho e facultaría a interdentalización en –zo-.

 

[5] L’étymologie de CLUNY a fait couler beaucoup d’encre mais reste énigmatique ; dans les cartulaires en 825 figure CLUNIACUS, qui appartient aux chanoines de Saint Vincent de Mâcon. En 910 c’est CLUNIAGUS ; en 926, ager CLUNIENSIS avec Ruffé et Château. (https://www.cgsl.fr/la-boutique/les-dossiers/7539-cluny-x-1837-1850.html). Efectivamente, esa raíz celta non está nada clara, aínda que hai datos (sobre todos se se examina microtoponimia de mosteiros irlandeses) para pensar que o valor semántico de CLUN-, irlandés CLÚAIN nos estea indicando unha terra que (xa) non é cultivable, terra sacralizada.

Podemos ver unha evolución paralela á de Clunia/Coruña burgalesa, en: Santa María de Cluniaco, Coruniego o Cruñego (fundación baixo medieval da orde dos cluniacense no Bierzo, en Vilafranca do Bierzo): yten mando a la yglesia de coruniego otro caliz (1573 Testamento de Juan Pimentel capellán de su majestad y hermano del conde de Benavente, en: https://investigadoresrb.patrimonionacional.es/index.php/node/8292).

 

[6] Monteagudo, cando estuda o étimo do Chonia, afluente do Tambre, fala deste étimo celta, Clunia e traza unha posible relación co microtopónimo Coruña, no val do Dubra (en: Hidronimia gallega, https://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab1999PDF/1999%20255_316.pdf).

 El proceso análogo [rotacismo ou paso CL > CR] desde Clunia a Cruña tenía que estar ya incoado en el siglo I. (Isidoro Millán González-Pardo, Toponimia del Concejo de Pontedeume y cartas reales de su Puebla y Alfoz, 1987, p. 96, a letra grosa é nosa).

 

[7] Recordemos tres cousas sobre a interpolación CRUNIA no famoso códice do s. XII. 1. Non figura en todas as edcións, só nalgunha versión, o cal suscita lóxicas dúbidas. 2. Pero estar está e figura a carón de Santiago, como próxima no espazo á cidade do apóstolo. 3. Cousa tamén moi lóxica porque, aínda que Crunia/Coruña non fose cidade con bispado (coma as outras que veñen nese listado do C. Calixtino) é xa na baixa Idade Media un lugar fundamental no Camiño, ao ser o porto por excelencia do territorio de Santiago, porto ao que chegan milleiros de peregrinos do norte de Europa e o C. C. non deixa de ser unha especie de guía turística. Un bo coñecedor do tema dinos: Por la Porta da Pena o de la Atalaya salía un primer camino hacia A Coruña o Crunia, así citada como ciudad importante por el Códice Calixtino antes de haber recibido el fuero de Alfonso IX en 1208. (Fernando López Alsina,  El Camino de Santiago: realidad histórica y tema historiográfico, p. 97).

 


[8] En cuanto a Curunniace, Albertos (1975: 47) la relacionaba con Curunda (CIL II 2633), ciudad de los Zoelas, pueblo astur, relación que acepta Prósper (2002: 372), quien, a su vez, explica el nombre como procedente de *Kurund-yFko-. Resulta tentador ponerlo en relación con el moderno Coruña, aunque la situación de los susarros en el oriente del conuentus lucensis o en el occidente del asturicensis impide la identificación geográfica. Existen también algunos antropónimos oc-cidentales de la misma base, concretamente Curundus y Curundea58, pero la explicación etimológica no es clara (Eugenio R. Luján, “Pueblos celtas y no celtas de la Galicia antigua”,  Elea, 9, 2009, p. 243).

 

Eu máis ben diría que dificulta, non que impide. Non se pode perder de vista o factor mobilidade: a xente móvese. Por exemplo (quede claro que hai ducias de exemplos de mobilidade), dos habitantes da Clunia arevaca din os expertos que son das xentes que máis emigraron cara ao NO, seguindo a minería...

 

A identificación domo Curunniace = Curunda xa aparece en Holder (Alt-celtischer sprachschatz). Nesa mesma obra Holder procede a unir, a identificar Cor-inn-io-n e Corindu. Hai un pobo, os coriondi, en Hibernia coñecido por unha única mención de Claudio Ptolomeo, que habitou o sur do actual Leinster, Irlanda. Tense identificado co lugar chamado Conraid, no val do Boyne. Ocupouse tamén da Curunda hispana Rodríguez Colmenero  (El faro romano de Brigantium Flavium, Torre de Hércules de A Coruña).

 

Este susarro chamado Cloutius estaba de servizo en Dalmacia. Para os susarros, Monteagudo chega á península itálica, el trázalles filiación etrusca (Anuario Brigantino 1999, nº 22, p. 77). E que di Leite de Vasconcelos dos seúrros (moi verosimilmente emparentados cos susarros)? No seu artigo sobre os seúrros (“Os Seúrros”, O Archeologo Portugués volume 29, p. 157 e ss.), Leite de Vasconcelos estuda a inscrición de Tridia, seúrra, transaeminiense (de alén Miño), exs c(enturia) Serante (centuria ou castelo ou castro) e cando estuda Serante, nome sobre o que non hai tampouco certezas etimolóxicas, Leite chega aos nosos Sar e Sarela.

 

Así que, no tocante aos Seúrros, coma aos Susarros, certezas non hai e as opcións, a día de hoxe, permanecen moi abertas. Igual ca co nome da Coruña: a cuestión fica aberta. Dime a miña irmá, arqueóloga, boa coñecedora do punto en cuestión, que dos ópidum grandes próximos ao porto coruñés, Elviña e Pastoriza –xa non amenta os castros pequenos pero próximos coma o de Nostián-, hai aínda moito por descubrir. En Elviña hai xa abonda información e con todo e iso non se leva escavado máis aló dun oito ou dun dez por cento do total. Quen sabe se os nosos netos ou bisnetos non atoparán epigrafía?

 

Si sabemos, en troques, que varios susarros levan nomes celtas (Cloutius, Ambati –na tésera do Courel). Los susarros aparecen mencionados en varias inscripciones, a las que hay que sumar, según ha mostrado Correa (2002), la leyenda Susarros/Susarres que se encuentra en monedas visigodas en las que hasta ahora se leía un topónimo Arros/Arres. No sabemos con certeza si este pueblo era galaico o astur (Luján, opus cit., p. 241).  Así pues, en el caso de los susarros el conjunto de su onomástica, salvo el propio etnónimo, parece también de raigambre celta (Luján, opus cit., p. 243).

 

E tamén temos que ter en conta outro factor importantísimo, suxeito aínda a certas dúbidas interpretativas: que significa DOMUS (domo Curunniace)? Non é tanto pertencer a un territorio concreto como pertencer a un clan familiar: “la indicación domo designa la origo en contraposición al domicilium” (Pedro López Barja de Quiroga, “El censo provincial, los popull y los castella en Gallaecia', Gallaecia 18, 1999, p. 357).

 

En fin, meus prezados receptores, que hai incógnitas por resolver antes de tomar decisións definitivas sobre os coruñecos ou curunniacos prerromanos e a antigüidade do noso topónimo maior, Coruña.

Quizais algún de vós pense, pero as primeiras documentacións claras da forma deste topónimo noso, o que a día de hoxe pronunciamos Coruña, eran bisilábicas... Pois xa había de todo. CURUNIA está xa en 1208 nun documento afonsino (CODOLGA). Por exemplo. Hai outros casos trisilábicos medievais pero non podemos deternos máis aquí.

 

Non podo rematar esta elucubración sobre os curunniace sen dicirvos isto: se estes tales estivesen na orixe da actual Coruña, a hipótese celta –na nosa humilde opinión- quedaba descartada. Nada de Clunia. Habería que ir a unha raíz Cor-, co que as opcións abriríanse en flor de moitos pétalos (cor- ‘dureza pétrea’; cor-o/corio- ‘exército’, como pensa Ismael Velo; Corona ‘a das alturas, a da croa?, (como en Navia Corona); (A)Cor- do deus Cronos como sempre dixo J. Caridad Arias etc.) Vale máis deixalo aquí. Comprendemos perfectamente que a Real Academia Galega, na voz dos seus expertos en toponimia, declinen optar por hipóteses sobre o étimo de moitos topónimos, empezando por Coruña. Tampouco é esa a función das academias da lingua, todo hai que dicilo. Queda claro que nós imos por libre. O cal ten as súas vantaxes, como acabades de ver. Elucubramos, revisamos algo o pasado, volvemos aos clásicos, dubidamos, discrepamos tranquilamente. E así vai a vida.

 


[9] El conejo es una animal íntimamente ligado a Esp[aña. Tanto es así que el propio nombre de la nación proviene de la denominación fenicia y romana y significa "tierra abundante en conejos". Hispania proviene del fenicio i-spn-ya. Los romanos tomaron la denominación de los vencidos cartagineses, interpretando el prefijo i como "costa", "isla" o "tierra", ya con el significado de "región". El lexema spn, que en hebreo se puede leer como saphan, se tradujo como "conejos" (en realidad damanes, unos animales del tamaño del conejo extendidos por África). Los romanos, por tanto, le dieron a Hispania el significado de "tierra abundante en conejos", un uso recogido por Cicerón, César, Plinio el Viejo, Catón, Tito Livio y, en particular, Cátulo, que se refiere a Hispania como península cuniculosa. En algunas monedas acuñadas en la época de Adriano figuraban personificaciones de Hispania como una dama sentada y un conejo a sus pies. (https://www.diariodemallorca.es/part-forana/2014/02/11/espana-proviene-fenicios-romanos-significa-3853368.html)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario