MARTES 1 DE
DECEMBRO 2015.
Visítanos o
escritor Francisco Castro Veloso. Énchese o paraninfo-salón de actos do
Instituto coa rapazada de primeiro da ESO. Chapó!,
portáronse xenial. Leran previamente Chamádeme
Simbad. Dinos Francisco “Escribes na soidade da casa” (e pensamos de
contado na habitación propia de
Virxinia Woolf...). Francisco é un home que sabe comunicar, vive de e para a
comunicación. E atrévome a dicir que, ademais, é un home sincero. E simpático,
cun sentido do humor digno dun herdeiro do Grupo Nós (traballa na editorial
Galaxia, en boa medida tamén coherdeira daquela xeración).
(Aquí estamos: os rapaces do Club de Lectura do martes, os maiores, rodeando ao escritor e mais a unha servidora; a foto é de Arturo Ponte, ex alumno da época de Santiago).
“Chamádeme Simbad” é con
diferenza un dos libros máis queridos, dos varios -21 xa- que levo escritos,
por certo que agora en febreiro vai saír o número 22 (xa
nos adiantou o tema: a violencia de xénero; dixo nun momento cara ao final: “Son home e feminista. Un home é máis home se
é feminista ca se non o é”)... Vós
sabedes que pracer inmenso cando ves que a túa obra se traduce a outras
linguas, ao italiano, por exemplo... Non quero máis, non pretendo máis que
poder contar unha historia que vos marque.. . e que me permita visitar cada
tanto un centro ou dous coma este... Cando falo na tele (é verdade que este
escritor polifacético, ex profesor, ex presidente de Galix, pai de dous fillos,
membro da editorial Galaxia, traballa tamén na TVG) intento falar de cousas que son importantes. E no libro igual, non
quero só entreter, aínda que vos topastes con escenas divertidas coma cando lle
agocha o móbil ao pai, e o avó berrando que veñen os piratas... Ou cando a nai,
desorientada –ten Alzheimer: tema básico do libro- sofre aquela alucinación e
ve no medio e medio do corredor a avoa... Eu vivo na autoestrada –tiñan que
darme unha tarxeta especial-, oio moito a radio, e non se fala de cousas
importantes, celebramos o día mundial da SIDA pero non se fala dos recortes na
investigación, non se fala de que para ter axudas para coidar os enfermos de
Alzheimer, por exemplo, hai xente que está esperando, que están tardando máis
de dous anos en responder á petición de axuda, anos... Son de Vigo, son
celtista: gústame a Coruña, amo esta cidade. Son celtista e deportivista, ás
veces digo isto e rómpolle os esquemas a algunha xente. Si, pero no fondo impórtame
un pito a Champions Liga, son outras as cousas que afectarán aos meus fillos e
que vos afectarán mañá a vós. Volvendo
á novela que lestes, asinaba eu libros na Comunidade valenciana, estabamos na
Universidade, e achegouse a min unha muller duns 50 e tantos anos e dime:
“Morreu miña nai de Alzheimer hai tres anos e non chorara: lin o teu libro (traducido
á lingua desa parte da península) e levo
dous días chorando sen parar”. Significa moito. Para iso serve a literatura (tomade
nota, fillos, tomade nota), para
comunicar... Eu levo escribindo toda a vida, érgome ás cinco e pico da mañá, os
outros dormen, eu escribo (que me recorda a min ese dato? Emilia Pardo
Bazán erguíase ás seis e non paraba ata as doce de escribir). O mellor traballo do mundo. O oficio de
escritor é o máis fermoso do mundo. E que vos direi do grande milagre da
tradución?
(Esta foto e mais a de abaixo foron feitas por Charo Soto)
“Un
home é a súa memoria”, dixo Borges. Eu
sempre digo que ter o Alzheimer é morrer dúas veces. Da xénese do libro, tiña claro
que o protagonista tiña que ser unha nena ou un neno: serdes nenos é ese
momento en que entendedes moitas cousas dende a limpeza. Mirade, vós podedes
discutir, engarrar un no outro e pelexar no primeiro recreo. Sepáranvos. Chega
o segundo recreo e sodes quen de xogardes xuntos. Sen rancor. Esa é a clave. No
libro vedes que hai cousas que non se din con clareza pero que dividen e
separan o pai e o tío... Gardan rancor. Os adultos cando hai que arrimar o
ombro e coidar os vellos ou os enfermos non xogamos sempre limpo, botamos
balóns fóra...
Os
nosos alumnos fanlle preguntas. O coloquio foi tanto ou máis interesante. Houbo
rapaces moi maduros á hora de formular cuestións. Algúns eran do Club de
Lectura dos venres, como Martina, que se dirixiu a Francisco nestes termos: Gústame moito Paulo, o protagonista, porque
nos outros libros con neno protagonista que teño lido ou é super intelixente ou
é moi infantil, e este Paulo creo que se axusta moi ben á súa idade, non é nin
moi listo nin moi parvo. Díganos, en quen se inspirou? Da resposta do autor
salientamos unha frase a modo de síntese: Os
nenos non son idiotas. Son nenos.
Outra
pregunta versaba sobre as perpectivas de futuro, se agora somos sensibles como
nenos, é de esperar que de adultos fagamos algo por cambiar as cousas? Que cres
ti, confías en que será así?
Conformaríame en que cada vez
que escoitedes que se gastan miles de milleiros de euros, cando non millóns, en
portaavións por poñer un exemplo, que pensedes “Ah, se gastasen iso en mellorar
ou paliar esa doenza...!”, entón xa me conformaría, si. Pensade en Ronaldo: un
corpo de ouro, unha marabilla de xogador: se collésemos e o partísemos en
anacos, e do pé tirásemos novos anacos, un anaquiño do seu pé, iso é o que se
gasta en avanzar nas investigacións coma a de curar o Alzheimer.
Por que non renunciamos á
iluminación de Nadal e collemos esa partida presupostaria e destinámola aí...?
(Nesta foto vemos a Francisco e mais a algúns membros do Club de Lectura dos venres, os máis pequenos en idade, pero grandes lectores)
Un
coloquio para pensar. Escribo para
cambiar o mundo. Así é, así será e así foi. A escrita foi unha auténtica
revolución na historia da humanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario