domingo, 13 de decembro de 2015

ENTREVISTAS AOS AMIGOS



ENTREVISTAS AOS AMIGOS. ENTREVISTA A ALEXANDRE VEIGA RODRÍGUEZ.

Mª R. Soto: -Grazas infinitas, caro amigo, por desviar parte do teu tempo para o noso blog. Preséntate, por favor, dille aos meus alumnos quen es.

-Son Alexandre Veiga, Catedrático de Lingua Española na Facultade de Humanidades de Lugo, Universidade de Santiago de Compostela.

 (Todas as fotos foron tomadas da Internet)
-Non coñezo un lugués que non ame apaixonadamente Lugo, e ti non es unha excepción. Aconséllanos un bo itinerario, dinos que obxecto de arte ou de (pre)historia consideras máis imprescindible, que nos recomendas xantar?



-Na capital inaugurouse aínda non hai moito tempo un “museo interactivo” histórico, coñecido pola sigla MIHL, que, sobre todo cando se está celebrando algunha exposición ou serie de actos culturais, pode ser unha boa visita para escolares ou alumnos de secundaria. En calquera caso, nunha visita a Lugo con intereses culturais non debe deixar de visitarse, por unha parte, o museo provincial e, por outra, a catedral, que inclúe o seu propio museo. No museo provincial, ademais dos cadros da pintora luguesa Julia Minguillón, de esculturas de Asorei, de fondos pictóricos procedentes Prado en Madrid, dalgún mosaico romano e máis da colección de reloxios de sol exposta no claustro, chaman sempre a atención especialmente as pezas en ouro da colección Álvaro Gil, sobre todo o torques de Burela e un pequeno carneiro con ás de orixe aínda non establecida con seguridade. Fóra da cidade, pero a distancia non moi longa, son pouco menos que obrigadas as visitas a Santa Eulalia de Bóveda (templo paleocristián “rodeado de misterio”) e máis ao Castro de Viladonga e o seu museo.
¿Xantar? Sobran opcións nesta cidade, que, en certo modo, sempre fixo xirar a súa vida en torno á gastronomía. O mellor é dar unha volta polas rúas da parte vella, en especial a Rúa Nova e máis a Rúa da Cruz, onde atoparemos dende restaurantes “de alto nivel” ata magníficos lugares de tapas e mesóns a prezos perfeitamente asequibles. Un pulpiño non debe faltar nunha visita a Lugo.

-Agora vaiamos ao Lugo da túa infancia. Onde estudaches ti o bacharelato? Que profes recordas con máis afecto?

-Estudei no entonces chamado “Instituto Nacional Masculino de Enseñanza Media”, hoxe “IES Lucus Augusti”, moi ben situado á beira do parque “Rosalía de Castro” e xa entón (agora máis) dotado de moi boas instalacións, tanto no propio edificio como no seu entorno (pavillón polideportivo, etc.). A biblioteca conta cuns fondos bibliográficos realmente singulares e valiosos (é mágoa que o seu depósito non poida estar aberto ao público) e no primeiro piso pódese admirar unha magnífica colección de animais disecados, debida a un catedrático de Ciencias Naturais da posguerra, don Francisco Bernis Madrazo, ornitólogo que sería xefe de sección no Museo de Ciencias Naturais de Madrid e cofundador da Sociedade Española de Ornitoloxía. Entre os meus profesores sen dúbida destacaron, en relación á que sería a miña traxectoria posterior, dous: Xesús Alonso Montero (Lingua e Literatura Españolas) e máis Amable Veiga Arias (Latín), que, ademais de profesor, foi o meu pai. Creo que non é casualidade que nos anos en que estes dous catedráticos de Letras coincidiron naquel instituto, nel se formasen non poucos posteriores catedráticos de universidade tamén de orientación filolóxica (Arcadio López Casanova, Antón Santamarina, Jesús Pena Seijas, José Luis Rodríguez, Camilo Flores Varela, eu mesmo...) e das súas aulas xurdisen, sempre co xermolo que D. Xesús Alonso sabía tan ben coidar e facer medrar, nomes de sona na poesía galega contemporánea como Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade Paredes, Fiz Vergara Vilariño, os irmáns Valcárcel ou Claudio Rodríguez Fer. Dubido moito que outro centro de ensino medio, en España ou fóra, vise xurdir en poucos anos unha xeración comparable de filólogos e amantes das Letras. Non cabe dúbida de que entre as décadas dos sesenta e os setenta o “meu” instituto vivía unha verdadeira idade de ouro.

 (Instituto 'Lucus Augusti')
 
E non quero deixar de lembrar a Don Saturno Lois Piñeiro, notable artista plástico e, para min, profesor de debuxo e manualidades, xa daquela moi entrado en anos, unha persoa excepcional a quen, clase tras clase, puñamos ao borde do ataque de nervios coa nosa indisciplina.



-Ti es un dos máis grandes fonólogos do país, e todos os aprendices de lingüista sabemos da importancia da fonoloxía e o que fixo avanzar a ciencia da linguaxe desde os anos 30; mais tamén es un experto en morfoloxía verbal. A min antóllaseme que o subsistema verbal é máis estático có primeiro nivel mentado, o da fonoloxía. Coas novas máquinas, espectrógrafos, programas de ordenadores específicos e demais, parece que este último se presta a maiores avances. Que opinas? Se tiveses que dedicarte só a unha destas dúas disciplinas, con cal quedabas? 

-Teño que deixar esta pregunta, en rigor, sen resposta, basicamente porque non me podería inclinar en exclusiva por ningún dos dous ámbitos de investigación. Ademais, son incapaz de estar moito tempo seguido traballando na mesma liña, e constantemente salto do fonolóxico ao verbal e do sincrónico o diacrónico, alternando aspectos concretos de estudo. Nos últimos anos, por exemplo, dediqueime moito a problemas de relectura crítica do “Poema de Fernán González” (s. XIII), sobre todo no referente a construcións verbais que non sempre me parecen ben establecidas nas edicións críticas do texto. Os avances técnicos ós que fixeches referencia benefician máis directamente ao estudo da fonética, e non penses que ás veces non boto en falla algo parecido a uns “espectrogramas” que reflectisen a sustancia de contido gramatical expresada polas correspondentes formas.

-Como honra Lugo a memoria do teu pai, que en gloria estea, o señor Amable Veiga? Porque non me cabe a menor dúbida de que o autor daquela obra, Algunas calas en los orígenes del gallego (básica para coñecermos e valorarmos os primeiros documentos que testemuñan o nacemento do noso idioma) merece xa non digo unha estatua, quizais máis do gusto do XIX, pero si o nome dunha rúa ou praza...

-Son a persoa menos indicada para pronunciarme nese senso. A min abóndame con percibir constantemente o tan respeituoso recordo que, en xeral, os que foron os seus alumnos gardan do meu pai, de quen aprendín tantas cousas non só relativas á investigación lingüística, senón tamén en canto á práctica da docencia. Non son poucos, por outra parte, os antigos profesores de Bacharelato do meu instituto -que foi, por certo, o primeiro Instituto de Ensino Medio de Galicia, fundado en 1842- que creo merecedores dunha rúa ou praza, empezando polo antes mencionado don Francisco Bernis Madrazo, e sen esquecer a Filgueira Valverde (que por aquí pasou) ou a D. Valentín Portabales, director do centro por varias décadas entre os séculos XIX e XX, pero hai máis nomes de momento inxustamente esquecidos.

-Que escribes arestora? Que estás lendo? Como vai esa editorial da que formas parte?

-Como anticipei, paso constantemente dun tema a outro e teño pendentes de finalización cando menos tres libros (por non dicir catro) que teño empezados. Espero, cando menos, rematar dous, que teño moi avanzados, ao longo de 2016. A editorial (“Axac”) pouco a pouco, vai adiante, levamos xa máis de sesenta títulos publicados, o que ten o seu mérito nos tempos que corren e tendo en conta que publicamos, sobre todo, libros relacionados coa lingüística, que nunca permitirán pensar en grandes cifras de vendas.

-Que lle pides ao futuro?

-Sei o que lle pediría ao pasado, pero o pasado xa está escrito. Agora só desexo ver algunha perspectiva vital minimamente sólida para as dúas fillas que teño e ser capaz de rematar algúns dos meus proxectos investigadores aínda pendentes e, por que non, algún proxecto de creación musical (a miña máis fonda frustración) que tamén teño, pero pensar no futuro é algo que sempre nos condena á conxectura.

-Unha aperta desde aquí, unha agradecida e forte aperta, Alexandre.

-Outra igual de forte.

 (O cadro fotografado titúlase 'A escola de Doloriñas' e é un dos máis representativos da obra pictórica da artista lucense Julia Minguillón)

Ningún comentario:

Publicar un comentario