domingo, 27 de decembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA: CORUÑESES NO URUGUAI


Nun artigo publicado en 1976 estuda Emilio González López (alumno que fora do noso Instituto, grande historiador e  autor de numerosas obras, unha delas de carácter autobiográfico, onde deixa escritas páxinas memorables sobre profesores e compañeiros que tivera no ‘Instituto da Guarda’...) da vida e obra de tres coruñeses que xogaron un papel digno de lembranza na historia americana.  Titulouno Ilustres coruñeses próceres de la independencia del Uruguay, e dedícallo a outro ex alumno do noso Instituto, A Salvador de Madariaga, historiador de la América española.

 (Foto do historiador coruñés Emilio González López tomada da Internet)

Comeza o seu estudo recordando que a emigración galega foi a máis numerosa de todas as emigracións españolas nos territorios do Río da Prata, e en concreto en Montevideo o grupo galego máis numeroso di que era o coruñés, formado sobre todo por funcionarios; hai que ter en conta que na Coruña estaba o principal porto español con comunicacións constantes con América (xa en 1773, reinando Carlos III establécese aquí a Comisión encargada de la expedición de familias de emigrantes, e alá se foran sobre todo galegos, asturianos e leoneses para colonizar aqueles inhóspitos territorios: Víctor F. Freixanes, entre outros, soubo pasar ben ao terreo literario aquelas historias épicas e reais; tamén na Coruña, no lugar próximo á actual Palloza e edificio da antiga fábrica de Tabacos, estiveran ata finais do XVIII os Correos Marítimos que ían e viñan a América).

 (D. Antonio Díaz, prócer uruguaio e coruñés de nacemento; foto tomada da Internet)

Empezamos con D. Antonio Díaz: nacera na Coruña en 1789 e fora bautizado na recentemente construída igrexa de san Nicolás. Con 13 anos emigrou cos pais a América e foron instalarse a Montevideo, cidade favorita dos coruñeses do outro lado do charco. Con 18 anos tocoulle vivir a 2ª invasión inglesa dos territorios do Río da Prata; alistouse no Batallón de Infantería do Comercio co grao de Subtenente, e tomou parte na batalla do Cradal; derrotados os españois, tiveron que retirarse a Montevideo, defendido daquela por fortes murallas. Os ingleses eran superiores en artillería e houbo que capitular. Díaz foi un dos prisioneiros, e no asalto a Montevideo foi ferido dun machadazo, quedándolle para sempre unha cicatriz na fronte. Cando rematou a guerra, o noso protagonista foi ascendido a tenente pola súa actuación valerosa nesta campaña. Expulsados os ingleses, volveu ao comercio. Ata que en maio de 1810, a ruptura do Cabido (especie de goberno pseudo-autónomo da colonia) co virrei e o nomeamento polo Cabido dunha Xunta Gubernativa independente da metrópole, forza a Díaz a tomar as armas. Francisco Elío representa a autoridade española e contra el érguense Artigas, Rivera e Lavalleja, e con eles estaba Antonio Díaz, e  sempre con eles toma parte na acción victorioso de Las Piedras, que puxo fin á dominación española na Banda Oriental e deixou sitiado a Elio en Montevideo, acción esta na que o coruñés era capitán.

Cando en 1813 se convocou unha Asemblea Constituínte das Provincias do Río da Prata, un dos 9 deputados que enviou a Provincia da Banda Oriental (hoxe Uruguai) foi Antonio Díaz, nomeado secretario do grupo.

Tamén foi amigo e colaborador do xeneral Alvear e con el se traslada a Bos Aires: na Arxentina reside 14 anos (este Alvear tiña idea de facer da Arxentina unha especie de protectorado británico, polo cal estivo desterrado en Brasil).  Máis tarde, Díaz uniu o seu destino ao de Bernardino Rivadavia, un crioulo de orixe galega, antigo oficial do Terzo de Voluntarios de Galicia, que tivera unha brillante actuación na defensa de Bos Aires contra os ingleses en 1807 (Rivadavia chegaría logo a ser o primeiro Presidente do país riopratense, en 1826).

Díaz tamén tivo un papel destacado como xornalista: por exemplo, perante as pretensións portuguesas de anexionar a Banda Oriental, e a incorporación por parte de Brasil deses territorios en 1821, participa e alenta coa pluma a resistencia armada contra os brasileiros; din os historiadores (como por ex. Carlos A. Zubillaga, a quen segue Emilio Glez. López) que Díaz senta as bases do verdadeiro periodismo en Montevideo, rompendo o estreito molde imposto polas gacetas do dominio español. Di Zubillaga que o coruñés participou na batalla de Ituzaingó, que puxo fin ao dominio portugués na Banda Oriental: el foi quen redactou o parte de guerra, o día da Candeloria de 1827 (aí, cumprindo unha das esixencias impostas por Brasil para asinar a paz, é onde ten orixe a existencia do Uruguai como nación independente, á marxe da Arxentina).

 (Mapa de Montevideo no s. XIX, tomado da Internet)

En 1938 vemos a Antonio D. Como Ministro de Facenda da República independente do Uruguai, co goberno de Manuel Oribe; tamén ocupou as carteiras de Guerra e Mariña.

E canda a chamada Guerra Grande entre Rozas e Rivera, cando o novo sitio a Montevideo (compáraa E. Glez. López con Troia...), atopamos de novo ao noso coruñés Díaz desempeñando a xefatura do Ejército del Litoral y del Norte, no combate de Paysandú, o 30 de setembro, episodio histórico en que rexeita a acometida da escuadra anglo-francesa, apoiada por unha partida ao mando de Garibaldi.

Coa presidencia de Gabriel Antonio Pereira (máis sangue galego en acción), entre 1856-60, volvémolo ver dirixindo os Departamentos de Guerra, Mariña e Goberno. O seu labor foi importante: o seu camiño político estivo marcado pola moderación, era eficaz á hora de organizar, sobre todo destacou na política educativa (fiel partidario da universalización da cultura, dos valores civilistas, de que fose o Estado o encargado dun eficaz desenvolvemento da ensinanza pública) e no servizo das postas (correo), establecendo  as cinco estradas principais para ese fin do Uruguai.

(Abonda por hoxe, seguiremos a próxima semana).


 (Mapa da Coruña da primeira metade do XIX tomado da páxina web da UDC: en primeiro termo, á esquerda, vense as edificacións onde estiveran ao longo do XVIII os Correos Marítimos)

Ningún comentario:

Publicar un comentario