luns, 14 de setembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA: A FONTE DOS FRADES.


 (Arriba: mapa de Montaigú, de 1723; na liña superior que discore en paralelo ao mar, ao "Orsán", lese: "Conducto de las Aguas de San Pedro que están haciendo para la ciudad", esas augas veñen desde a Fonte dos Frades; no mapa de abaixo, tamén do XVIII fálase da Nueva fuente de los cristales)

Hoxe quero presentarvos unha fonte que moitos de vós descoñeceredes totalmente. Eu mesma vivía na ignorancia dela ata que a miña irmá, arqueóloga, ma amosou a través das fotos que ela e o meu irmán político fixeran.  Unha auténtica sorpresa. Ten tes nomes, aínda que a “oficial”, a que Puri me presentou,  é A fonte dos frades. Foi un namoro a primeira vista. Nunca vos dixen que esta nosa terra está chea de tesouros? Seguro que si, adoito repetirme... Esta fonte é un deses tesouros. Sen dúbida ningunha. A fábrica é da primeira metade do XVIII (logo cumprirá 300 anos), o proxecto foi dun enxeñeiro con apelido foráneo, francés de orixe se non erro, Montaigú (do corpo de enxeñeiros militares; este en concreto, D. Francisco Montaigú, desenvolveu varios proxectos na Coruña –e tamén en Ferrol-, como ampliación de estruturas defensivas no perímetro do núcleo vello ou cidade alta, a ampliación do Hospital do Bo Suceso que rexían os irmáns de San Juan de Dios, etc.), e a fábrica é obra, en colaboración, do ilustre Casas e Novoa. Xa con estes méritos creo que chega para apreciar esta coruñesa fonte. Durante máis de 200 anos estivo operativa: recollía augas que logo, por medio da chamada Viaxe de Visma, por medio do acueduto de santa Margarita (agora chamado do Paseo das Pontes), conducía a auga á cidade, concretamente levábaa á Fonte de san Andrés.
A Fonte dos Frades ten unhas dimensións importantes, que non se aprecian facilmente, porque vai baixo terra:  ten 12,10 metros de lonxitude, 4,10 de anchura e 2,83 de altura, cunha forma de bóveda de canón. Esta magnífica obra do XVIII periga. Pola desidia das Instituións (ah, dor!, co orgullosos que estamos de ser desta cidade e desta autonomía) e pola desidia nosa (sabemos ben que a ignorancia non sempre exime de culpa). Que conste que hai asociacións de veciños que xa clamaron e supoño que seguirán clamando xustiza para esta xoia de fonte. Na prensa tamén vemos que hai publicadas cousas. Pois sigamos contribuíndo tamén nós, alumnos coruñeses que me ledes, seres na flor da vida, en proceso educativo aínda... 



 (A fonte, por fóra e por dentro: as fotos fixémolas onte, domingo: comesta pola vexetación e con pintadas inmisericordes; o interior do túnel está cheo de papeis e lixo)

Oístes falar do enfoque comunicativo? O enfoque é un elemento básico da Comunicación: traza rectas, perspectivas: liñas para chegar ao núcleo (o que se pretende que sexa a verdade temática: o tema por excelencia, trazado con ánimo de informar ben e verazmente). Nunha boa comunicación hai que escoller o mellor que se saiba e poida o enfoque. Se un é libre de falar é máis doado centrar o enfoque. Afortunadamente, aquí falamos en liberdade. E amor ao noso. Porque me temo que van da man: liberdade e amor polo outro, por comunicarlle ben ao outro. Aquí, na fonte, caben tres enfoques: un pragmático e utilitario (destruámola sen pena nin gloria e construamos casas que dan cartos), un segundo a medio camiño (conservómola pero como aí estorba, trasladémola a onde non amole) e un terceiro enfoque, o do progreso que toma como núcleo xerador de novos discursos a beleza entendida como Patrimonio artístico, monumental, histórico, orixe de nós.
Opto pola terceira vía. Creo que a miña irmá tamén. Díxome hai pouco: “Respecto á fonte, o mellor é deixala onde está porque ademais do elemento arquitectónico, forma parte dun conxunto mais amplo, de canles, acueductos, arquetas e fontes e porque ademais ten un manancial que é vital respectar. Será a nova urbanización, de facerse, a que terá que adaptarse á fonte. Ou iso sería a lóxica e o sentido común”.

 (Interior da fonte hai uns anos, con mellor aspecto; a fonte está moi preto das Casas dos Mariñeiros, e é un pecado non conservala ben).

Con respecto aos nomes, a xente tamén lle chama Fonte romana (polas grandes pedras de sillería, pola pura monumentalidade) e Fonte da Gramela (porque está aí, no lugar da Gramela). Sobre o topónimo Gramela (tamén hai rúa, rúa Gramela, en lembranza do lugar) leo en certos blogs publicados coas mellores intencións, que o nome orixinal tivo que ser Agramela. Discrepamos (Gramela documéntase en Portugal, é voz común en galego, xa hipotizarei outro día do étimo [hai dúas hipóteses básicas, ou relacionar co garamelo para cazar lobos ou raposos, ou irse á voz americana, arxentina, gramilla, que figura no DRAE], e figura xa así nun inventario de microtopónimos nun catastro de 1847, e na Gran Enciclopedia Galega figura outra Gramela ; iso sen contar con que Agramela carece de bases sólidas, dos derivados de ager, agri non hai ningún agram-, salvo en composición, Agromaior). A voz Viaxe  (citada na frase A viaxe de Visma) figura como ‘acueduto’ no DdD, Dicionario de Dicionarios  que dirixe o profesor-doutor Santamarina. Veremos como tratamos os coruñeses esta fonte no futuro próximo. Sabedes que procuro confiar sempre. Pero...

 (O acueduto de santa Margarita na Coruña, nutríase coa auga da Fonte dos Frades e mais coa da Fonte de Nelle)

(Outra foto, tomada coma a anterior da Internte, do que se conserva do acueduto de sta. Margarita)

Sobre o porqué do nome dos frades, unha informante alude a que os xesuítas tiñan aí propiedades. Sabe Deus... En: https://es-la.facebook.com/Emalcsa/photos/a.347547035287476.74199.183247251717456/473550442687134/
Tamén din que aí se lavaban uns frades dun convento que había na Gramela. Deixémolo para os historiadores; polo que eu sei, non é necesario que houbese convento, abonda con que membros dunha das congregacións que houbo na Coruña tivesen aí algunha propiedade, granxa, leira, hortas..., e con iso xa se explicaría o microtopónimo]

1 comentario: