xoves, 6 de novembro de 2014

A CORUÑA


A Coruña (I)

Primeira entrega deste capítulo novo. A Coruña. Amo esta cidade, que é a miña, malia ter cambiado tanto –e non necesariamente para mellor- des que eu era nena. Terán aquí cabida cuestións coma estas:
-Nomes (microtopónimos coruñeses) e pequenas elucubracións sobre os seus étimos.
-Comentarios sobre a necesidade de conservar os vellos topónimos.
-Historias pequenas da Coruña antiga, da Coruña que se perdeu (non para sempre, se recuperamos algo para a memoria dos que virán).
-Anecdotario coruñés variado.
-A Coruña na literatura.

Como sabedes xa case todos os que me coñecedes, ademais de coruñesa, son filóloga de vocación: non vos estrañaredes que comece cun microtopónimo coruñés auténtico, de caste: Labañou. Ademais, vivo no Distrito V, e tócame, xa que logo, de preto. Vivo ollando o mar: vexo desde a biblioteca-estudo da miña casa a Torre, vexo o Orzán que cantou Florencio Baamonde, vexo as pedras chamadas o boi, a vaca, o becerro, vexo a punta Percebeira, a Praia da Capela, a de Verberiana… E o Instituto.

Labañou é un topónimo cuxo étimo non está claro ao cento por cento: emparella sen dúbida co galego-berciano Laballos. Hai dúas opción verosímiles para explicalo: dunha banda, temos a posibilidade de pensar nunha raíz hidronímica. LAB*/LAV*, a do verbo lavar, a do latín lauaclos, a do castelán lavajo (emparentada coa de nava –hidrónimo prerromano, ‘depresión pola que corre un río’), unha raíz que dá idea de ‘charco, pucharca de auga que non dá secado, que permanece’ (auga de chuvia ou aquí en Labañou, auga que vén do mar tamén, que traen as fortes vagadas).
 

A outra opción é a miña preferida, porque nos fai pensar nas laxes, nas pedras planas que caracterizan sen dúbida de forma clara a morfoloxía de Labañou. Raíz litonímica, pétrea. Raíz atlántica ou europea LA*- , presente en lágena (documentación medieval super frecuente e coñecida), en laia, laxe, lapa, lasca, laca, lávana (en Fernández Santos, na novela Los bravos, aí aparece recollida lávana, unha novela que integra léxico occidental leonés; volvemos achar a voz nun relato do asturiano José Méndez: "Alguna vez en el río tumbado sobre una lávana viendo pasar las nubes" -en "La última palabra", publicado no ABC Literario o 7 marzo 1987-, aí vese ben que unha 'lávana' é unha pedra grande e verosímilmente plana), lancha, etc.
(As grandes laxes de Labañou)
(A fonte de Labañou, hoxe medio cegada, un manancial de boa auga que debeu ser un lavadoiro noutrora)
 
No libro de Edelmiro Bascuas sobre hidrónimos hai unha sinonimia lap-/lab - que talvez servise para reforzar esta miña hipótese favorita (a que iguala lapa=lávana como tema lítico): Laboina, Lapoena o Labena, Labona (Salamanca), Laboena  (Braga) [Citado por Bascuas na p. 133, en Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia].
(Labañou: especie de praia de coios, é o Penoural)
 
Labañou presenta un sufixo en –ou algo ambiguo. Ou procede dun diminutivo en –olo ou procede dun aumentativo en –ón (algún paisanos de aquí de toda a vida de feito pronuncian máis ben Labañón; no galego común, vulgar pero patrimonial ao cabo, carallou, temos esa conmutación sinonímica por carallón, así figura no DdD, tantas veces por min citado, abonada a sinonimia polo profesor Constantino García, que en gloria estea).

(O Penoural. As fotos foron feitas por Xácome González)

Ora ben, dicídeme con sinceridade: están tan lonxe entre si unha raíz hidronímica e unha lítica? Non se poden unir? Creo que si: porque é a auga, a poderosa auga do Atlántico neste caso, a que pole e fai das grandes pedras o que entendemos por laxes: pedras lisas na superficie, planchadas (ou lanchadas, laqueadas, lacadas…) pola forza da auga.

(Labañou: a barriada)
 

Antes vivir en Labañou era case un pecado, como denotar extracción humilde. Xa non é o caso. Antes dicir que eras de Labañou era poñer en garda ao interlocutor (aquelas bandas terribles que pelexaban a pedradas e metían medo: os de Corea eran de Labañou). Agora algo cambiou o conto.  E sempre se pode cantar con Negrete aquilo de Es mi orgullo haber nacido en el barrio más humilde… Grandes na historia naceron en aldeas, como Belén. Que conste.

(Labañou: as "casas de Franco")

O meu colega e amigo Xulio Cuba coméntame o seguinte sobre o barrio de Labañou que el coñeceu de rapaz: Os primeiros grupos que se fan en Labañou aló polos anos 50 son as casas baratas amarelas, de dous ou tres pisos. A esa barriada chamabámoslle “China”. Logo fíxose o grupo que pasou a ser denominado “Japón”, eran coloradas, e  por último construíuse o barrio de “Corea”, xa imaxinarás por que [por que se lle chamou así?, porque coincidiu no tempo coa guerra de Corea, e por seguir coa serie anterior], son as casas dunha planta, de Pardo de Santallana… [Eu pregúntolle por ‘Catanga’] Non, Catanga non pertencía a Labañou; os de Catanga eran os das casas dos mariñeiros, cerca do Peruleiro, e da Virxe de Ronda de Outeiro. Eran tremendos, había guerras con pedras [de tanto sabor literario: Delibes en Las guerras de nuestros antepados narra as pedradas de rapazolos entre aldeas e lugares, igual que fai Sender relembrando o seu Aragón natal, a ribeira do Cinca, en Crónica del Alba], e cando baixaban [cara ao centro, á cidade…; tamén miña nai, cando eu era nena, aló nos Castros, enfronte do Mirador –avenida do Xeneral Sanxurxo- onde me eu criei, cando se amañaba para ir ao centro, dicía: “Vamos allá abajo”], era o terror, “Aí veñen os de Labañou”, e cantaban:

                “China, Japón,

                Corea: Labañou!”

Era o seu grito de guerra!

Aquela Coruña…

1 comentario:

  1. Ola,

    Corea e o primeiro lugar en construirse (1951) na Labañou "moderna", o Grupo María Pita e posterior. Cando se construíu Corea o núcleo principal de poboación de Labañou estaba no que hoxe e Rúa Honduras e Avda. Labañou. A vida dos Labañounenses, na primeira metade do s. XX, desplazábase hacía San Roque de Afora, moi preto e con moitos mais servizos (fontes, lavadoiro, tendas, etc.) O cruceiro da fotografía, hoxe en Corea, veu da Capela de San Roque de Afora e incluso un dos primeiros nomes de "Corea" foron "Casas Ultrabaratas de San Roque de Afuera", así aparecía na prensa da época.

    A poza que indica, de agua doce, e un pilón que se empregaba para recoller auga mediante bombas para os cortellos. Labañou tivo cortellos ata a construcción do Paseo Marítimo. Por certo, moi preto da poza, nas rochas enfronte do Millenium, existe unha pena que chamábamos "A Ruada" e documentos de principios do século XX, en castelán, denominan "Arroada". Preto tamén está o "Cabalo", que as veces aparece como o "Cabalo de Seapena".

    Como nota anecdótica a explicación que se nos daba de nenos cando preguntábamos pola orixe do nome Labañou era a seguinte: unha señorita viñera a tomar "las aguas" e paseaba pola beira do mar pese as advertencias dos lugareños de súpeto chegou unha ola e deixouna empapada coas conseguintes chanzas dos paisanos: "Labañou, labañou!". Unha etimoloxía errónea pero divertida e que ainda hoxe cóntase como explicación.

    Saúdos,
    Andrés

    ResponderEliminar