xoves, 18 de decembro de 2014

Canción do labrego



 


Con humildade e mansedume
o labrego vai abrindo a terra.
Suco a suco, paso a paso.

Vai ollando, como de costume,
pasar ás anduriñas lixeiras.
Suco a suco, paso a paso.

O sol queimao dende o ceo
Mentres a súa suor rega o chan.
Suco a suco, paso a paso.

Só se escoita o silencio
e o campesiño segue a labourar.
Suco a suco, paso a paso.

Ninguén recoñece o seu trafego duro,
ninguén recoñece a súa valía,
mais o corazón máis puro
é o de quen máis escravizan.
E suco a suco, paso a paso
o labrego vai facendo o seu traballo.
Jorge Carril       
(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

Poema do regato perdido



Entre as abidueiras
escóitase a túa canción,
perdida e senlleira,
que lle chega a un ao corazón.

Entre as abidueiras
camiñas pola fraga amodiño
e o teu alegre balbordo
racha o silencio montesío.

Entre as abidueiras
consolas ás estrelas
que baixan do ceo
a chorar na túa orela.

Entre as abidueiras
nin sequera precisas un nome
para facer máis livián
a existencia do Home.

Como te admiro,
compañeiro sufrido,
sempre esquecido
entre as abidueiras.
Autor: Jorge Carril
(sección coordinada por Xosé P. Mondelo)

luns, 15 de decembro de 2014

ENTREVISTAS



ENTREVISTAS A VIGUESES QUE AMAN OS LIBROS
ENTREVISTA A FRANCISCO CASTRO.

Mª R. SOTO: -Fálanos algo da túa vida, brevemente.

F. CASTRO: -A miña vida é a dun home que xa dende neno tiña claro que a súa existencia ía ter que ver coa comunicación. De non ser escritor tería sido músico ou trapecista de circo. Algo así. Levo escribindo toda a vida, escribo e espero escribir ata o día derradeiro da miña vida. Por outra banda, son un home que ama profundamente a vida e as persoas que me poden facer máis grande como ser humano.

-Este día, na presentación de Tes ata as dez, dixeches –se non me falla a memoria- que ese era o libro número 21 que escribías. Bo número, múltiplo de 7... Para celebralo teño entendido que vas de festa a Lugo. Cóntanos, por favor.

-Si, de festa a Lugo a conmemorar os 25 anos de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil que presido. Facemos unhas xornadas alí. Mira ti que festa, traballar...

-Aínda non lin esa obra que acabamos de mentar, pero teño ben fresca na memoria In vino veritas. Podemos centrarnos nela un momentiño? A ver, para empezar: gústache a enoloxía? Que viño galego nos recomendarías?

-Pois a verdade é que eu son máis de cervexa que de viño. Non teño nin idea. Se teño que escoller eu vou trabucarme seguro. Aprecio un bo viño, pero non me atrevo a recomendar ningún. Se un día queredes que falemos de cervexas, daquela a cousa xa veredes que cambia.

-E o amor?Acheguémonos ao núcleo desa dialéctica que formula a novela: como enfocas ti o amor, como o protagonista, é dicir, coma unha forza que debilita ao que ama? Ou estás máis próximo ao outro extremo, todo se reduce ao pracer físico, sexan cales fosen as súas esixencias?

-Eu creo que non son contraditorias esas posturas. Nada me interesa máis que o asunto amoroso. Nin para a literatura nin para a vida. É O Tema, así, en maiúsculas. É o gran asunto que está presente en todos os meus libros. En todos. No meu caso persoal, creo que cada vez son máis da segunda versión: a pulsión sexual, o poder do corpo, da vida, do instinto. Pero insisto, a fin de contas é complementario do primeiro: amamos porque sentimos. E sentimos non co corazón. Sentimos coa pel. Cando  menos eu. Iso non me impide ser moi romántico. Que conste.

-Na obra hai moita metalinguaxe, moita hiperconciencia (ou hiperconsciencia creadora, se se me permite a expresión). E un efecto buscado á mantenta? É talvez a peaxe que hai que pagar á época en que nos tocou vivir, en continuo bombardeo informativo?

- Estou de acordo. E entendo que esa é unha das “marcas da casa” da miña escrita. E ten que ver co que dixen na primeira das miñas respostas. Dalgunha maneira, dende moi cativo son moi consciente da miña vida, da súa temporalidade, da necesidade de aproveitala e de, dalgunha maneira, deixar unha impronta. Igual por iso estudei Filosofía. En calquera caso, nos meus libros sempre hai esa voz narradora que é moi consciente de todo o que está pasando, do que se está escribindo e narrando...
 (Este venres pasado, na tertulia na librería coruñesa)


-De todo o que dixeches o venres pasado na tertulia na librería, vou quedar aquí e agora con dúas cousas importantes a meu entender: unha, aquelas palabras túas sobre o doado que é atopar hoxe en día motivos para a desesperanza e incluso para desexar a morte, mentres que o autenticamente difícil é querer seguirmos vivos, tirar sempre para adiante. Creo que é un pensamento que te define, clave.  A segunda idea é doutra clase distinta: falando do sistema literario do que ti como editor e autor e nós como lectores formamos parte, enfocaches a relación co ensino dunha forma digamos para min novidosa: eu estou afeita a introducir os temas de literatura de segundo de bacharelato que abranguen a fin do s. XX e comezos do XXI subliñando a importancia que para o sistema tivo a Autonomía, a integración do noso idioma no mundo do ensino, o campo rico de novas posibilidades, de novos mercados, que iso supuxo e supón... Pero ti puxeches o foco nos condicionamentos que ti –imos exemplificar  necesariamente- como individuo que escribe e crea experimenta precisamente por mor dese factor. Queres falarnos un pouco neste sentido?

-Si, claro. Eu creo que unha das eivas grandes que ten o noso sistema literario é o absolutamente dependente do ensino que é. Non se venden libros, así, en xeral, en Galicia. Comparativamente co resto do estado estamos moi por debaixo de case que todo o mundo. E do pouco que se vende, case que todo é en castelán. En galego é unha cousa ridícula. E por suposto, case que toda a venda ten que ver coa prescrición educativa. Iso é terrible. E quero que se me entenda ben: o terrible non é que se prescriban os nosos libros. Iso está moi ben. O terrible é que practicamente todo o mercado se reduce a iso. O problema é que non podemos ser profesionais. O problema é que non temos un país detrás que nos respalde. Non somos cataláns, para entendernos. Alí sae “50 sombras de Gray” e sae tamén o mesmo día en catalán, porque a xente vai mercar a tradución dese libro estadounidense en catalán. Alí estréase unha película americana e as salas están cheas de copias dobradas ao catalán. Aquí o país pasa. E é todo o culpa nosa. Eu estou farto de que se lle bote a culpa ao goberno. Toda esta realidade condiciónanos. Os que escriben en castelán non teñen estes condicionantes, non teñen que estar facendo alegatos de defensa da lingua, da cultura. Limítanse a escribir. O noso é heroico. E moi canso.

-Francisco, que estás lendo arestora?

-Pois estou gozando coma un neno pequeno de “A volta ao mundo en 80 días”. Lina moitas veces, pero estou angustiadísimo -a pesar de que sei que lle vai dar tempo- coa posibilidade de que o pobre Phileas Fogg non o consiga. Velaí a maxia da boa literatura.

-Como será a próxima novela?

-Estou rematando a segunda aventura do Inspector Hermida, o protagonista de 'O corazón da Branca de Neve'

-Dinos, para rematar, que é o que che gusta máis da Coruña. E moitas grazas por atendendernos. Unha aperta fonda.

-Da Coruña gústame todo. Sobre todo a súa xente. Teño grandes amigas e amigos da Coruña. É unha cidade fermosa que adoro.


xoves, 11 de decembro de 2014

VISITANDO



VISITÁNDONOS

Como xa vos comentamos, o noso instituto participou na ‘Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación’. Con ese gallo o venres 28 de novembro, 31 alumnos –e entre eles dúas rapazas dos Cazatesouros- levaron a cabo unha sesión dun Pleno da Deputación. Organizar ese pleno deu faterna, deu choio. Primeiro houbo que procurar os voluntarios: aí botaron unha man aqueles profesores que previamente colaboraron na Semana (Mercedes Martínez-Romero, Mª Jesús Quintáns, Verónica Túñez, Beni Vidal e Juan Lence; un traballo moi de agradecer, porque estabamos cos exames da primeira avaliación). Logo houbo que proceder á distribución formando grupos: 17 tiñan que constituír o grupo popular, 9 constituíron o grupo socialista e 5 agrupáronse no bloque nacionalista (logo, á hora de votar, saían resultados como 17 /VS/ 14, e dicíame unha encargada de prensa da Deputación: “Totalmente verosímil: tal cal é na realidade”). Tratábase diso,  de reproducir a estrutura actual dun Pleno da Deputación da Coruña.  Ao principio os rapaces (algúns de 3º da ESO, a maioría de 4ª e 6 voluntarios de 1º bach., logo citaremos os seus nomes, que menos...) non se prestaban a tomalo moi en serio, houbo que animalos e convencelos, o xogo da democracia pode ser atractivo e nunca se sabe onde están os bos comezos... Non dispoñiamos de moito tempo, tivemos que facelo todo a fume de carozo. O venres 28, cando xa estaban en acción, Fabio (dos maiores) que era espectador, dicíame: “Pero profe, está todo pactado”. “Claro, non pode ser doutra forma, dispoñen dunha hora escasa, non querían poñerse nerviosos discutindo os resultados, está todo pactado pero por eles mesmos”. “E foron eles tamén os que escolleron a que grupo pertencer?” “Naturalmente”.
Os temas propuxémolos entre todos, Isabel tivo a idea da subvención, e a idea de subir o soldo partiu dun meu coñecido, deputado por certo (cando soubo o que organizabamos díxome por teléfono rindo: “Van propoñer temas eles? Pois que propoñan que nos suban o soldo”).
(A mesa do pleno: de esquerda á dereita, a secretaria -Lucía, membro do Club de Lectura-, a presidenta e a vicepresidenta. As fotos foron feitas por José Carlos Rivas)
Velaquí os temas: 1. Proposta dunha ruta turística da Raíña Lupa. 2. Proposta dunha subvención ao IES ‘Eusebio da Guarda’ para unha reforma integral. 3. Proposta de transporte universitario gratuíto para os estudantes que vivan en lugares sen servizo público aos campus de Ferrol e A Coruña. 4. Proposta dun roteiro  megalítico-castrexo (empezando polo Castro de Elviña e seguindo por Borneiro, Dombate, etc.). 5. Proposta dunha rede de Bibliotecas Itinerantes polas parroquias distantes dunha Biblioteca Pública. 6. Proposta de subida de soldo para os señores deputados.
O da subida do soldo prestábase a valorar dalgunha maneira a madurez da rapazada. Para a nosa sorpresa nun primeiro momento –estabamos ensaiando na aula de 4º A-, todos ,zas!, ergueron a man a favor, houbo que lles rogar que o meditasen... caía a alma aos pés..., onde está a nobreza de ánimo, o afán de mellorar o mundo da mocidade, con tanto paro que hai no país...- e mudaron de opinión. Esa proposta saíu rexeitada.
Por outra banda, a proposta de subvencionar o noso Instituto queríaa asumir o grupo popular, pero claro, tivemos que demostrarlles que non podía ser, que o Instituto é cousa da Xunta, tamén gobernada por eles e que non podían pedir algo que non lles corresponde... Total, que a asumiu o grupo socialista. Saía rexeitada pero na quenda de réplica pediuse como mínimo que a Deputación subvencionase o amaño do Salón de Actos, a posta ao día dos medios audiovisuais dese paraninfo, e o argumento dos rapaces foi convincente: aí fanse cousas e actos que valen non só para os alumnos senón tamén para todos os coruñeses (conferencias, concertos, presentacións de libros, presentación dos actos da lumerada de san Xoán...).
(Un momento do pleno: votando)

O dos mínimos gustoulle aos rapaces. No tema do roteiro megalítico-castrexo, proposto polo Bloque e tamén rexeitado, chegouse novamente a un acordo de mínimos: polo menos que se axilizase, que se potenciase a posta en funcionamento das instalacións –moi paradas- do Castro de Elviña, visto que segundo a lei, a Deputación está chamada a entenderse e relacionarse estreitamente co Concello coruñés.
E o caso foi que cando estabamos ensaiando, un par de días antes do venres, o meu coñecido, pai de ex alumnos nosos, (“Esta Deputación é a mellor de España, Charo, non o dubides”, dicíame en voz baixa mentres participabamos como espectadores o venres, con auténtica paixón aínda non esgotada, e iso que leva anos largos aí dentro), chamounos para preguntar: “ E que tal se recibides unha visita sorpresa o venres?” Pero ten que ser un segredo...
E así foi como os rapaces, xa situados nas súas bancadas, e xa ben disposta a mesa coa presidenta (Juncal), a vicepresidenta (Claudia) e mais a secretaria (Lucía), chegou o visitante secreto e sentou na mesa como un máis. Claro que non era a primeira vez que o  señor Diego Calvo estaba connosco. Xa nos visitara cando celebramos os 120 anos de existencia. Riu e participou con espírito xove. E ao rematar, felicitou a varios dos participantes. “Aquí hai boa madeira”. Por suposto. Estamos nun dos mellores centros  da contorna. Longa vida ás institucións públicas educativas! 
 (Foto de grupo tras rematar o pleno)

OS NOMES DOS ALUMNOS QUE PARTICIPARON NO PLENO:
Antón Bello Carrillo
Lucía Blanco Miguens
Jorge Blanco Rodríguez
Paula Calvo Piña
Jorge Cambón Olea
Ángel del Canto Facio
David Carreiras Quintas
Laura Castro Martínez
Juncal Alma Castro Vázquez
Hugo Costoya Amenedo
Alejandro Ferro Deus
Óscar Fernández Cotelo
David Franco Orol
Gadea Franco Pérez
Arancha Gómez Díaz
Lucía Gómez Lora
Henao Serna, Juan José
Pedro Incio del Río
Julia López de la Osa Abente
Uxía Llamosas Fernández
Álvaro Martínez Feijoo Marco
Pablo Martínez Iglesias
Gonzalo Morán Méndez
Pedro Novoa Maximino
Ignacio Pérez Tato
Claudia Pita Álvaro
Clara Ramírez Eirís
David Salido Ponte
Pablo Solleiro Sánchez
Inés Tejero García
David Vaamonde López
 (Pleno finalizado. Os rapaces, felices, toman a mesa)


(Todos os voceiros estiveron soberbios. Aquí Pablo Solleiro defende a potenciación do Castro de Elviña, nunha acción coordinada da Deputación e mais do Concello. Foi felicitado pola énfase parlamentaria polo Presidente da Deputación, Diego Calvo)

martes, 9 de decembro de 2014

Salinger (1) (2) (3) (4)




Feito por Mario S. García e X. Pérez Mondelo
(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)

xoves, 4 de decembro de 2014

VISITANDO



VISITANDO


VISITA DE ALFONSO BLANCO TORRADO (II)

(A profesora Carmen Vázquez presenta ao conferenciante no salón de actos do noso Instituto o día 11 de novembro. Fotos de Xosé P. Mondelo)

“Díaz Castro era un home perfeccionista. Deixou cando morreu obra sen publicar, nós tiñámola alí, na sé de Xermolos. Escribiu dous cadernos de poesía, “Follas verdes”, e “Follas ao aire”..., agora, no 2014, Galaxia publicoulle a obra completa. Era tímido, remiso a darse a coñecer. Dos 33 poemas que conforman “Nimbos”, calquera pode aparecer nunha antoloxía de poesía universal.  Trataba de sintetizar o fondo –a mensaxe- e mais a forma, buscaba esa síntese,  non quería que cabalgase un plano por riba do outro, por iso son todos e cada un dos 33 poemas tan plenos, tan redondos. Mirade que tamén os músicos do noso país foron sensibles ao valor de “Nimbos”, aí tendes A Quenlla ou o grupo “2 na Fronteira”. A poesía, soa, é doada de cantar, e transmite ben as emocións das persoas, como transmite a beleza.

Cando morre, en 1990, púxoselle este verso precisamente no epitafio: “A beleza feriume para sempre”. Alguén dixo del se sería católico e dogmático. Para ser  hai que estar aberto, aberto para oír a palabra de Xesús. .. Eu penso que non era nin dogmático nin cadrado... El tiña que estar aberto, “para traducir os Nóbel eu teño que meterme nesoutros mundos...”, non podía ser pechado, tiña necesariamente que abrirse a mil mundos. Ben é verdade que estivo un tempo no seminario, cursando a carreira de crego, vivindo unha relixión conservadora, xa se sabe, si, e hai un pouso... Dubidou logo entre ser mestre ou ser xornalista ou tradutor, el estivera sete anos en Vilagarcía, levárao o Aquilino, daba clases de alemán daquela, cando inda non había Escola de Idiomas... Viviu unha verdadeira Odisea para poder comprar gramáticas, dicionarios para aprender húngaro, por exemplo, nunha época (arredor 1940) en que era imposible atopar aquí un posto de tradutor, e xa vedes, chegou a aser coordinador de todos os tradutores no CSIC. Mais sentíase exiliado alí, en Madrid. “Galiza vai en min”: un home agradecido á terra nai.

Retornou nos anos 80. Era moi amigo da mocidade. Canda o Festival de Pardiñas, el estaba alí. Empataba coa mocidade. Recordo que veu aquí á Coruña, visitara a cidade vella, Riazor... Gustáballe ler a nosa historia,  tiña unha predilección especial polos castros, as mámoas, e tamén –sempre co lapis e o papel no peto- amaba recoller refráns e ditos populares. Gustáballe falar. Dicía: “Cando morre unha palabra, vai unha biblioteca con ela”.

Cumpriría 100 anos o 19 de febreiro. Para coñecer o mundo, debemos coñecer as súas tribos (as urbanas de New York coma as da Amazonia), e temos, claro está, que coñecer tamén a nosa tribo (tradicións, ritos, formas de soñar, formas de establecermos relacións sociais, desta e das outras latitudes). Así pensaba el”.
 (De esquerda a dereita: Xoán Vila, Susana Piensos, Carme Vázquez, José Antonio López, Alfonso Blanco, o seu acompañante, Charo Soto, Isabel Ruso e Emilio Insua)

(As preguntas dos nosos alumnos ao señor Blanco quedan para outro día) (Continuará).

domingo, 30 de novembro de 2014

Pradolongo

Durante moito tempo acostumámonos a que os protagonistas das películas se chamasen John, Jack, Bill ou Charlie. Agora, o audiovisual galego, que pese a todas as súas carencias avanza a pasos axigantados, intenta contarnos historias que lle acontecen a xente coma Raquel, Martiño e Armando, os personaxes de Pradolongo. 


Unha historia que acontece en Galicia. Uns personaxes  cos que nos poderíamos topar no instituto. Unha película absolutamente dirixida á mocidade, pois ten como tema o paso da infancia á madurez, e como este cambio afectará á amizade dos tres rapaces. Unha irmandade nacida na infancia, a piques de romperse na entrada ao mundo dos adultos. 

É unha cinta singular pola proximidade que transmite, especialmente aos rapaces da idade dos protagonistas. Pero sobre todo é a proba de que, pese a todas as adversidades, a nosa nacente industria non se rende.
Eduardo Lampón
(sección coordinada por X. Pérez Mondelo)