venres, 2 de xaneiro de 2026

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORREDOIRA

O MANDIL DA MOURA I

 

(Gravado do s. XIX, da autoría de Corsi. Aparecen as tres matres xermanas,  as Mariae. A da esquerda é a que mellor dá idea de que a deusa usa o mandil para resgardar ofrendas ou o que for que fosen).

 

Este día, falando con Ana Romero, de quen un sempre aprende algo interesante, comentáballe eu que entre a miña irmá e mais eu estamos facendo un pequeno artigo sobre folclore e etnografía do Castro de Montesclaros e preguntaba Ana se había novidades. Díxenlle que non eran novidades absolutas, variantes interesantes si… E engadín que había un relato longo sobre as parteiras das mouras e chamoulle moito a atención. Comentei que era francamente atractivo ese tema (en Irlanda son as parteiras das fadas… creo que terei que subir algo ao blog sobre este punto) e daquela Ana dixo meditativa: nunca tal oín… teño escoitado falar, iso si, de mouras que levan no mandil laxes de dolmens… E aí fun eu a abraiada. No mandil? Ca! Eu sei de mouras que transportan pedras enormes ao lombo ou enriba da cabeza ou incluso nunha man mentres que fían na roca ou dan de aleitar á criatura pero no mandil, nunca... E onde? E respondeu Ana: Pois sen ir máis lonxe, en Cerqueda.

 

(Pedra da Arca. Cerqueda, Malpica de Bergantiños)

 

Ah, miñas donas e meus señores! Outro tesouriño ao saco, ou á buchaca. Un mandil. Ou bandil. Igual debería ir o étimo ao b- de bandear[1]e abandoxar porque sempre, tradicionalmente, andan levando as mulleres cousas de aquí para acolá no mandil… Van á horta recoller fabas ou o que sexa? Levan para a casa os froitos da terra no mandil… A nosa nai, valdeorresa,  sempre que relembra a avoa con quen se criou, a miña bisavoa Clarisa, de cada tres veces, dúas serven para recordar esta conversa: Agüelica, que leva no mandil? [ía tapado] –Nada, filla, nada, herbas para os coellos… E a nosa nai explica unha e outra vez: Era tan boa tan boa que axudaba con uvas e castañas e comida aos da casa de X, eran moitos fillos e a paga do marido non chegaba para saciar a fame de todos, e tapaba co mandil porque non quería que se soubese. Unha actitude moi evanxélica, xa sabedes “que non saiba a man esquerda o que fai  a man dereita”[2]. É inevitable relembrar tamén aquelas lendas piadosas que liamos na nosa infancia na escola, por exemplo a de Santa Casilda[3] que levaba pan para os tristes cativos en dura prisión e cando era interceptada polo cruel e pagán pai cun áspero que levas aí, no mandil?, respondía abrendo os marabillosas pregas mandilianas: rosas que collín no xardín. E rosas era o que vía o pai, nunha transfiguración digna da santidade.

O caso é que nós nunca antes oiramos nada do mandil da moura galega. As nosas mouras levan as pedras dos dolmens ou simplemente penas extraoridanriamente grandes, senlleiras, ao carrelo, ás costas, ou na cabeza e esa fazaña pode ser compatible  co acto de fiar na roca e aleitar a filla ou o fillo. O significado destes atributos, destas capacidades magnificadas, queda para outro día.

Subliñemos hoxe que este dato da oralidade con que nos agasalla Ana Romero únenos, unha vez máis, á Europa atlántica e tamén centro-europea. Nun artigo básico da autoría de Fernando Alonso Romero[4], dísenos que en Bretaña hai numerosas lendas sobre dolmens que foron construídos por fadas que levaban as pedras no mandil e que tamén ían fiando (p. 13). O castro escocés de White Caterthun, en Menmuir, foi construído polas bruxas. Unha mañá unha bruxa levaba no seu mandil pedras para a muralla pero rompeulle o mandil e caeu unha grande pedra que na actualidade pode verse no exterior do lado norte da muralla do castro (p. 14)[5]. Nas lendas de Pomeramia hai xigantas que fixeron camiños e outeiros coa terra que levaban nos seus mandís. E nas do noroeste de Alemaña, xigantas que transportaban pedras no mandil (p. 17). No folclore irlandés a Vella[6] relaciónase principalmente coa península de Beare, no suroeste de Irlanda, aínda que por toda a illa hai lendas sobre dolmens e megalitos que construíu a Vella coas rochas que transportaba no seu mandil (p. 20).

 


(A Pereirosa, A Viseira pequena, A Coruña. Escribimos sobre esta pena na revista do Instituto, "Alén da Chuvia". Recollimos varias versións, nunha tróuxoa ao carrelo un heroe, noutras dúas a moura que viña fiando na roca)

 

Que a vella deusa Cailleach levaba mandil dan conta fontes moi antigas. Así,

O  Leabhar Mór Leacain, coñecido como «O libro de Lecan», manuscrito irlandés tardomedieval do s.  XIV recolle nun seu apartado (An Banshenchas)  breves historias de mulleres das lendas irlandesas e cita en varias ocasión a Cailleach, vestida  con indumentaria gris, un mandil e un chal sobre os ombreiros.

Non son as únicas deusas europeas con mandil. Do santuario do Palacio de Knossos, en Creta, proceden as Deusas das Serpes: na súa típica vestimenta da arte minoico-micena figuran os volantes e o mandil superposto. Os mandís de pel de cabra eran a vestimenta habitual das rapazas libias e Herodoto deixou dito: a vestimenta de Atenea e a égida foron tomadas polos gregos das mulleres libias[7]. Así que temos como moi probable que a éxida de pel de cabra de Atenea sexa en orixe un mandil.

 


(Atenea coa éxida protexéndolle o brazo. Posible derivación do mandil primitivo da divindade feminina)

 

Ata aquí chegamos por hoxe. Seguiremos outro día. Feliz aninovo!

 



[1] Non é así: o m- é etimolóxico. A voz é da familia de mantel.

[2] Mateo, 6:3.

[3] A Real Academia da Historia dedícalle unha páxina a Casilda de Toledo; ao primeiro di que todo o que a rodea é totalmente lexendario e que o único que se pode determinar é que viviu no s. XI, pero logo relata tintín por barín a lenda. Está moi ben, unha cousa non quita a outra, é tan fermosa… (https://historia-hispanica.rah.es/biografias/10589-santa-casilda).

[4] F. Alonso Romero (1998): “Las mouras constructoras de megalitos: Estudio comparativo del folklore gallego con el de otras comunidades europeas”. Anuario Brigantino nº 21, 11-28.

[5] Nestes versos o irlandés Jonathan Swift describe a mítica Cailleach, dando forma á paisaje escocesa  ao dejar caer pedras do seu mandil  para formar outeiros  como Carron-more e Carrion-beg, un motivo folclórico común que explica as características xeográficas como accións de poderosos seres antigos, en particular a Cailleach como deusa da creación: “And dropped a heap on Carron-more; /Then stepped one thousand yards to Loar, / And dropped another goodly heap; / And then with one prodigious leap, /Gained carrion-beg; and on its height / Displayed the wonders of her might.” “E deixou caer un montón sobre Carron-more; / Logo avanzou mil iardas ata Loar, / e deixou caer outro bo montón; / E entón, cun salto prodixioso, / alcanzou Carrion-beg; e desde esa altura / Mostrou as marabillas do seu poderío”.

[6] Da “Vella” falamos algo neste blog (“Visitando Monteagudo de Bergantiños”, venres, 26 de marzo de 2021. En Irlanda asóciase coa deuse Cailleach.

[7] https://juancarloslemusstave.wordpress.com/wp-content/uploads/2015/09/graves-robert-los-mitos-griegos-i.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario