GALICIA INMORRENTE
COLABORACIÓNS ESPECIAIS
A Virxe de Fátima e o Meniño Xesús en Pontevedra.
(Iconografía popular da aparición da Virxe de Fátima en Portugal)
1. Este 10 de decembro de 2015 cúmprense cen anos da aparición en Pontevedra, Galicia, da Virxe e o Meniño Xesús a Lucía, a única pegureira de Fátima supervivente das aparicións de 1917 en Cova de Iria. En 1925 Lucía tiña 18 anos, había mes e medio que estaba en Pontevedra como postulante das Doroteas, esperando ir ao noviciado a Tui, onde tomaría o hábito. Os dous cadros que coñezo desa aparición non reflicten a Lucía correctamente: píntana coma unha monxa de 40 anos, polo menos. Un anacronismo.
Este centenario é unha boa ocasión para dar a coñecer a presenza da Virxe e o Meniño Xesús en Pontevedra, presenza que pasou bastante desapercibida tanto en Galicia como en España. Comeza no lugar das aparicións un ano xubilar para o 2026, co lema “María conservaba todo isto no seu Corazón” (Lucas, 2, 51). Vén empalmar co de Roma da Redención, a piques de rematar e abre camiño ao Ano Santo de Santiago no 2027. Grandes oportunidades que marcan ritmo ás vidas.
2. Contexto da aparición de Pontevedra: está en relación coas de Fátima e coa misión que daquela a Virxe lle encomedarara a unha Lucía de dez anos naquel momento. Ao saberen que a Señora era do ceo, os tres pastorciños pedíronlle que os levase con Ela ao ceo. A Virxe aceptou levar aos curmáns pero tiña outro proxecto para Lucía, a quen lle dixo: Ti quedas aquí algún tempo máis (era 1917 e faleceu en 2005, o concepto do tempo para a Virxe é amplo), Xesús quere valerse de ti para darme a coñecer e a amar. Quere establecer no mundo a devoción ao meu Inmaculado Corazón. A quen a abrazar prométolle a salvación e serán queridas as súas almas por Deus coma flores postas por min para adornar o Seu trono (…). Lucía púxose triste por quedar soa, entón a Virxa consólaa: nunca te deixarei: o meu Inmaculado Corazón será o teu refuxio e o camiño que te levará a Deus. Este diálogo tivo lugar na aparición do 13 de xuño de 1917. Un mes máis tarde, na de xullo, a de maior contido, inclúe os tres segredos, a Virxe continúa co seu proxecto para implantar a devoción ao seu Corazón Inmaculado e dilles: Virei pedir a Consagración de Rusia ao meu Corazón Inmaculado e a Comuñón reparadora dos primeiros sábados [1].
![]() |
| (Os tres pegureiros de Fátima: Jacinta, Francisco e Lucía) |
A Virxe cumpriu a súa palabra: foi ao encontro de Lucía, quen daquela vivía en Galicia, primeiro en Pontevedra en 1925, concretando a devoción aos primeiros sábados de mes, e despois en Tui en 1929, en onde xa vivía Lucía e foi entón cando lle pediu a Consagración de Rusia ao seu Corazón Inmaculado.
3. Centrámonos agora no ocorrido en Pontevedra o 10 de decembro de 1925: Lucía estaba na súa pequena cela do convento das Doroteas cando se lle apareceu a Santísima Virxe e ao seu lado o Meniño Xesús, subido nunha nube de luz. A Santísima Virxe puxo a súa man no ombreiro de Lucía, mentres sostiña na outra o seu Corazón, rodeado de espiñas.
O primeiro en falar foi o Meniño Xesús (o promotor da mensaxe). Díxolle a Lucía: Ten compaixón do Corazón da túa Santísima Madre. Está cercado de espiñas que os homes ingratos lle cravan a cada intre e non hai ninguén que faga un acto de reparación para sacarllas.
Despois falou a Nosa Señora e repetiu case as mesmas palabras, pero ao final engadiu a súa mensaxe de salvación para todos os homes e mulleres: Mira, miña filla, o meu Corazón cercado de espiñas que os homes ingratos me cravan sen cesar con blasfemias e ingratitudes[2]. Ti, polo menos, procura consolarme e di que, a todos os que durante cinco meses, no primeiro sábado se confesen, reciban a Santa Comuñón, recen o Rosario e me fagan compañía durante 15 minutos meditando nos misterios do Rosario, co fin de desagraviarme, lles prometo asistilos na hora da morte coas grazas necesarias para a súa salvación.
Unha devoción con contido claro, con gran premio final: a salvación eterna. Pero pouco coñecida e talvez menos practicada, nalgúns casos para estrear, centrada na reparación e desagravio para unirse a Deus coa confesión e a Comuñón e centrarse no rezo e contemplación dos misterios do Rosario. A Virxe cumpre así o que anunciara oito anos antes en Fátima (13 de xuño de 1917).
4. Outros dous momentos do Meniño Xesús con Lucía en Pontevedra[3].
Conta Lucía: O día 15 de febreiro de 1926 estaba eu moi ocupada co meu oficio e case non me acordaba da aparición do día 10 de decembro anterior (…). Ía botar o lixo fóra do xardín, era alí onde algúns meses antes encontrara un meniño a quen lle preguntara se sabía o Ave María. Respondérame que si sabía. Eu mandeille que a dixese para oíla, como el non se animaba a facelo soíño, díxena con el tres veces e ao final das tres Avemarías pedinlle que as dixese el só, non foi capaz de dicir só o Ave María. Pregunteille se sabía cal era a igrexa de Santa María. Respondeume que si, entón díxenlle que fose alí todos os días e que dixese así: “oh, Miña Nai do ceo, dádeme o voso Meniño Xesús”. Ensineille iso e marchei.
![]() |
| (Santa María a Maior, xoia arquitectónica de Pontevedra) |
O día 15 de febreiro de volvendo eu alí, como de costume, encontrei un neno que me pareceu ser o mesmo e pregunteille: “E ben, pedícheslle o Meniño Xesús á Nai do ceo?” O meniño vólvese a min e dime: “E ti, propagaches polo mundo o que a Nai de Deus che pediu?” E coa mesma transfórmase nun Meniño resplandecente, coñecendo eu daquela que era Xesús (p. 14).
Lucía faloulle entón das dificultades que partían do seu confesor e da súa superiora. O Meniño Xesús díxolle: “É verdade que a túa superiora soa non pode facer nada, pero coa miña graza todo o pode”.
Lucía aproveitou para preguntarlle se valía facer a confesión para os primeiros sábados nos oito días. “Si, aínda con máis tempo, con tal que me reciban en estado de graza e teñan intención de desagraviar o Inmaculado Corazón de María”. “Xesusiño, e os que se esquezan de formar esta intención?” “Poden facela na confesión seguinte”[4].
![]() |
| (Lucía durante a súa estadía en Tui) |
Desde hai un tempo ampliouse o espazo da pequena cela de Lucía, no piso alto onde fora a aparición para darlle máis cabida aos peregrinos, na Casa da Virxe [5].
Neste tempo de Advento en que adoitamos pedir máis pola paz, unha petición sempre actual, agora que temos unha guerra en Europa, a situación dramática de Gaza e conflitos noutras moitas partes do mundo, agora en que o Papa acaba de facer un chamamento á paz na súa visita ao Líbano, arestora é un bo momento para pedirlle á Virxe, repetindo as verbas de protección que Ela lle prometeu a Lucía, que o teu Inmaculado Corazón sexa o meu refuxio e o camiño que me conduza a Deus.
Beatriz Romero, doutora en Historia, catedrática xubilada do IES ‘Eusebio da Guarda’.
[1] Folleto El Mensaje de Fátima. Habla Lucia, 70ª edición, Madrid, Ediciones Sol de Fátima, 1997, pp. 12, 15 (www:soldefatima@auna.com).
[2] A primeira vez que escoitei isto sorprendeume que a Virxe puxese ao mesmo nivel blasfemias e ingratitudes; persoalmente parecíanme peor as blasfemias. Despois de recapacitar tiven que darlle a razón á Virxe. As blasfemias proceden de persoas arredadas que teñen unha problemática interior sen resolver e profiren exabruptos como desafogos contra a Virxe, quizais porque a súa Perfección supón unha labazada para a súa conduta. As ingratitudes son dos seres próximos, dos que se espera cariño e gratitude polas moitas dádivas que se lles dan continuamente. É a nosa propia experiencia: molesta menos unha impertinencia ou faena dunha persoa afastada ou allea, que a falta de detalles de persoas próximas, ás que un se entrega. Cómpre que repasemos como é o noso agradecemento.
[3] Foron narrados por Lucía. En Joaquín María Alonso, El Mensaje de Fátima en Pontevedra, Madrid, ediciones sol de Fátima, 1975, pp 12, 13.
[4] Memorias de Lucia la vidente de Fátima, apéndice primero, páx. 167 e ss. Ediciones Sol de Fátima, Madrid, 1988.
[5] Dirección: Santuario das Aparicións, Rúa Sor Lucia 3. 36002 Pontevedra, máis datos en Internet. Esta casa garda tamén outro tesouro: o altar sobre o cal tivo Lucía, en Tui, a visión da Santísima Trindade, no momento en que a Virxe lle pediu a Consagración de Rusia ao seu Corazón Inmaculado. Todo isto se pode visitar neste ano xubilar, ata decembro de 1926.






Ningún comentario:
Publicar un comentario