xoves, 28 de marzo de 2024

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN GALICIA

ENTREVISTA A FELIPE SENÉN

 

(Felipe Senén. Fotografía propiedade do retratado. A autoría do retrato é de Xurxo Lobato)

 

-(MRS) Moitas grazas, Felipe, por dedicarnos parte do teu tempo. Empecemos como temos por costume. Dinos, por favor, onde cursaches o bacharelato e se gardas algunha lembranza dos teus profesores.

- (FS) Estudei bacharelato no  Carballiño, por libre, e logo o superior e preu  como oficial no Instituto de Ourense, onde me marcou moito Ferro Couselo e aquela aura de Otero Pedrayo, de Xocas... que tanto insistían sobre o “nivel de espírito” fronte á comercialización imperante xa.

 -Non quero pasar por alto a túa sintonía coas nosas raíces, da miña irmá Puri e miña, por parte materna…

-Saberás que sigo moito a Puri, especialmente por aquelas súas arqueoloxías Valdeorresas. Valdeorras é a  terra do meu pai, meu avó era das mesmas Médulas e o resto de Quereño. Valdeorras é todo un querido universo, un capítulo á parte. Son curmán do periodista José Antonio Gurriarán López, unha vida de cine e aí foi levada a “Una historia de locos”, humanista, antibelicista, socialista... Pediumo e fíxenlle a tradución da súa biografía infantil  “As mulleres do Monte”, sobre as guerrilleiras de Pena Trevinca. Aconsello a súa lectura a todo valdeorrés. E velaí tantas nostalxias perdidas ente os montes, a lousa e o Sil...

-Debo confesarche que me acordei moito de ti este día atrás… As obrigas familiares impedíronme asistir á túa charla aquí na Coruña, nas chamadas Portas Ártabras, sobre o Museo Carlos Maside. Ponnos un pouco ao día do que falaches os que non puidemos ir, Felipe.

(Museo 'Carlos Maside'. Todas as fotos, agás as do entrevistado, están tiradas de Internet)

 

- O do Museo Carlos Maside é unha obriga de memoria neste noso confín do Leteo, unha denuncia que nace “da inxuria o rudo encono” e sempre vencellado ao seus creadores, Díaz Pardo e Seoane e en momentos da “Longa noite de Pedra”... E o paradoxo é que hoxe, entre tanta “democracia” se  perde e detúrpase o senso orixinario, humanista, o de creación dunhas empresas de memoria, dun  imaxinario galego de artistas e de sensibilización. Tal como significaba o Laboratorio de Formas de Galicia, seguidor evoluído  do Seminario de Estudos Galegos. Díaz Pardo, Seoane, creadores das cerámicas de  Sargadelos, do Castro, da editorial do Castro, do Instituto Galego da Información, do Museo: industrias da memoria para dignificar Galiza. Galiza e @s traballadoras..., pero xa ves, dado o estado de apropiación indebida, sen ética, nin estética, semella que non se entendeu nada. Estado da cuestión que, entendo, forma parte dunha forte aculturación que sofre Galiza. Pese aínda a que abonda a intelectualidade, iso si, moi ególatra, comercializada e celebracións de días, actos, libros, premios..., mentres que a normalidade é un emporio de feísmos, resultado, efecto con causa  na aculturación. A miña insistencia teimuda sobre tan expresivo tema contaxia a actividade de Portas Ártabras e de Amigos dos Museos  a fin de enxergar (que é poñer os sentidos + saber) nestas cuestións que nos coutan  para agrandar o humanismo.

(Vista do interior do museo 'Carlos Maside')

 

-Pois aínda quería eu facerche outra pregunta complexa pero fundamental sendo ti quen es. Vouche pedir que volvas un pouco atrás no tempo e nos ilustres sobre a túa experiencia como director do Museo Arqueolóxico. Xa che comentei que na miña modesta opinión hai tempo que debería terse transformado nun Museo Arqueolóxico digno da cidade da Coruña.

(Patio de armas e Casa do Gobernador. Castelo de San Antón)

 

- Vale. Conto algo dos 22 anos que pasei no castelo-cadea de San Antón, un espazo rebelde, máis pensado e edificado como sólida defensa militar e prisión, que como museo. E iso é o que debera ser hai algunha década, museo de si mesmo. Entón o novo Museo Arqueolóxico debera contar con espazos propios: recepción, arquivo, exposición, conservación, almacén de fondos en reserva, wcs apropiados..., como o de Pontevedra ou o de tantos sitios. Pero non me escoitaron nin me entenderon, estaban noutras cousas e amistades.

(Casco de Leiro, unha das xoias que se gardan no Museo Arqueolóxico de San Antón)

 

A miña filosofía foi o pragmatismo, tentar de facer un museo de actores máis que de pasotas espectadores…, pero o sitio rebelábase. Aínda así creamos e naceu unha asociación de amigos dos museos, sen espazo, entendendo que un autobús era un aula que nos levaba aos sitios culturais. Tratei tamén de recuperar todo aquilo de memoria que se perde: aumentaron os obxectos arqueolóxicos e moitas doazóns, tratei que se viran para que non se perdera memoria... E iso mesmo tamén se rebelou contra a didáctica pretendida do museo e contra min. O sitio non daba.  Era un museo provincial de arqueoloxía[1], co mínimo persoal e sitio expositivo e sen almacén, pretendín que todo estivese aberto, santabárbaras, capela, despachos..., que dese todo de si. Mesmo tratei de crear un arquivo, unha biblioteca, recuperamos a casa de botes (que era unha taberna) e para ese labor tratei de introducir a etnógrafa Begoña Bás. Así apareceu todo un material de auxilio á información e á formacións: Diapositivas de continente e contido do museo, unha pequena guía, monografías, o Boletín  Brigantium... 


 

Así é que, como servidor público, pensei máis no común que na parte intelectual e persoal (curricular), na investigación quero dicir.  Así é que alí estiven con esas teimas do  1975 o 1996 . No 1997 tratei de dar unha lección, algo no que penso moito, a de aprender a desprenderse do que queres. E aínda sen lograr novos espazos, máis persoal, máis dignidade para  o Museo, que se tratara como entón se trataba a tanto novo e flamante centro interactivo das ciencias: Casa de las Ciencias, Domus, Casa dos Peixes, Museo Nacional de la Ciencia etc. etc., brandindo a mensaxe de que o Castro de Elviña, a Torre de Hércules, Madariaga, a Pardo Bazán, Maria Pita, Maria Casares, todo canto significa o humanismo... merecerían trato igual ás “ciencias”. Así que dende o 1997 até o 2015 pasei como Técnico de Cultura da Deputación, propuxen recuperar o Teatro Colón, mercar o Forno do Forte de Buño, o Pazo do Allo, os Batáns de Mosquetín , a Casa de Wenceslao Fernández Flores, darlle vida e anovar o Pazo de Mariñán, recuperar obxectos persoais e obras da familia Murguía Castro, de Carlos Martinez Barbeito, obra de Díaz Pardo... e conseguiuse. Creáronse premios de literatura, fotografía, ensaio, pintura..., con xurados de academias, colexios profesionais…, como fórmula democrática. Tróuxose a Mario Benedetti, a Ernesto Cardenal, Ana   Matute... En fin...

Sempre entendín que o xeito de facer é máis importante que a solemnidade e o protocolo das inauguracións do feito, que a cultura é o  que os seres humanos cultivamos e que corre o perigo de mercantilizarse en “días”, “actos”, “libros”..., mentres que a pragmática galeguidade dos bos e xenerosos, ao servizo do espírito, pérdese.

 E si,  é certo que o común, todo o que compartimos, agradecéusenos de moitos xeitos, colaborando, nos medios, con premios e agasallos.  É certo que puiden investigar o tema do simbolismo, as relación co universo celta, con Irlanda, os mitos... Iso sería o meu, tendo como modelo a xeración ourensá de Risco. Dalgún xeito téñoo feito, divulgando - que non vulgarizando- en infindos artigos e medios. Tentando  sempre fuxir desa tendencia esperpéntica e feísta da tonechería campante, que non é máis que un efecto da aculturación que sofre Galiza. Direiche que o modelo, naqueles anos difíciles, foi Díaz Pardo, herdeiro do Seminario de Estudos Galegos, creador do Laboratorio de Formas, das cerámicas e editorial do Castro, de Sargadelos, do Museo Carlos Maside, do Instituto Galego da Información. Isaac e Seoane, re-creadores sobre a tradición para industrializala, anovar o imaxinario, dignificalo…, e xa ves, hoxe non se entende aquela lección e negocian con tan importante herdo.

 

(María Begoña Bas López: museóloga no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón (A Coruña). É doutora en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor céntrase na investigación do patrimonio arquitectónico popular de Galicia)


 

-Que estás lendo arestora?

- Leo ou máis ben estudo, ensaios, agora unha tese de Maribel Iglesias Baldonedo sobre Asorey e escribo sobre o tema, seguindo e ampliando a miña tese da importancia que tivo a familia Peinador e o seu Balneario de Mondariz, a través de encontros e parladoiros, para aquel galeguismo de “bos e xenerosos” que buscaba o “espírito” de Galicia a través do celtismo e do cristianismo, irremediable -podemos dicir- no ADN deste noso confín. Tamén estou a ler de Suso de Toro “o País da Neboa” e outro sobre tema similar de Carlos Núñez, lecturas co  fin de complementar datos para un libro meu sobre “Galiza confín céltico”, agora mesmo debera sair en Galaxia algo sobre Risco e O Grial, da miña autoria; pero nin sei como vai iso que hai dous anos me pediron.

-Ao final si que che “roubei” un montón de tempo e de enerxía. Pero dásnos materia de reflexión. Moito en que pensar. Agradecémosche a sinceridade, a amizade e o teu profundo amor pola cultura. Seguimos.

- Infindas graciñas, velaquí pois, e queda coa mellor aperta de saúde e ansia.

 

(Felipe Senén na Magna Grecia)

 

 



[1]  Lemos: “o Ministerio de Defensa cedeu a fortaleza ó concello da Coruña, quen aprobou a conversión do edificio en museo arqueolóxico provincial en 1964, centrado na arqueoloxía e historia da cidade”, mais a día de hoxe a titularidade do museo é municipal (Nota de Mª Rosario Soto).

Ningún comentario:

Publicar un comentario