mércores, 24 de xaneiro de 2024

BUSCANDO PALABRAS

 BUSCANDO PALABRAS


SETE CATAS NA FRASEOLOXÍA ONOMÁSTICA COMPARADA GALEGO/CASTELÁN-INGLÉS.

 

("Beguiling of Merlin", obra de Edward Burne-Jones)

 

Unha vez, hai anos, Ana Isabel Boullón, a quen unha servidora aprecia e admira, suxeriume que falase (e escribise) sobre os nomes propios na fraseoloxía: a onomástica na fraseoloxía. Daquela díxenlle que prefería disertar sobre alcumes medievais, sempre fascinantes. Pero desde aquel momento, quedoume a idea dentro: unha especie de bala na recámara para futuras elucubracións. Admito que o tema é sedutor. Algunha cousa teño xa traballado (e arquivado) neste sentido e hoxe imos probar algo desta materia. Aproveitando que nos vemos obrigados, por razóns familiares de moito peso, a estudar inglés, ofrecémosvos sete catas nunha especie de aproximación comparativa entre as linguas en contacto en Galicia e mais a lingua inglesa, no relativo á presenza dos nomes propios na fraseoloxía destas linguas.

(A Cruz de Macduff. Lugar moi desexable, digno dunha escapadiña. En Escocia)

 

Tanto en galego coma en castelán o nome dominante, un dos nomes de maior presenza na fraseoloxía, é Xan[1]/Juan, seguido de Pedro (variantes galegas Pericán e Perillán). Sen sermos exhaustivos, permitide que aduza uns cantos exempliños, ben entendido que integramos os refráns dentro da fraseoloxía:

Galego:

Xan de enriba do forno; Xan de ningures; Xan delas; Xan das bólas; Ser un Xan de debaixo da cama; Tan bo é Xan como Perillán; (Chamarse) Xan da nega; Xan Guindán quérese casar e non ten a muller buscada[2] ; A Xan Portal o mesmo lle dá ben que mal; Convidoume Xan Mateo/Romeu e o viño pagueino eu; Dous Pedros e un Xan fan un home cabal; Fainas Xan e págaas Pedro; As contas de Xan non son como as fan etc.

 

(Galaaz o esperado... Fica inmortalizado na Demanda medieval, escrita en galego-portugués, fica na obra inmorrente de Ramón Cabanillas. Aquí aparece retratado polo pincel de George Frederik Watts)

 

Castelán:

Buen Juan; Juan Lanas; La gata de Juan Ramos; Como Pedro/Perico por su casa; Juan Palomo; Juan sin miedo; Perico el de los palotes; Juan Soldao/Soldado; Perico entre ellas; Algo va de Pedro a Pedro; Cuando vino el orinal, muerto era Juan Pascual; ¿De cuándo acá Perico con guantes?; Hay muchos Pedros Fernández; Tan lindo es Pedro como su compañero; Viejo es Pedro para cabrero etc.

 En inglés, no que nós sabemos, os nome que con máis frecuencia documentamos na fraseoloxía son Jack (hipocorístico de John) e o propio John, aínda que hai outros; mais tamén entre nós poden aparecer nomes distintos a Xan e Pedro. Vexamos uns cantos casos: A good jack makes a good jill (aproxímase bastante na semántica ao refrán galego que di: O ovo ben batido hincha como a muller co bo marido[3]); All work and no play make Jack a dull boy (literalmente: ‘Todo traballo e nada de diversión fan de Jack un aburrido’); Before you could say Jack Robinson (só en inglés británico [IB], equivale a  ‘nun dicir amén’); Every Jack has his Jill (vén sendo ‘Nunca faltou un roto para un descosido’); Every man Jack (aproximadamente ‘calquera fillo de veciño’, IB); Jack of all trades (aprox. ‘Xan que vale para todo’); I'm all right, Jack (IB, aprox. ‘ande yo caliente…’ ou tamén ‘a min plim, que son de Lalín’); Jack-a-dandy; Jack-and-Jill bathroom (IB) etc.

As correspondencias entre unidades fraseolóxicas de idiomas distintos nunca é doada e dificilmente se dan coincidencias totais. En ocasións temos o mesmo concepto pero distinta enunciación, con ou sen nome propio. Por exemplo: cando nós falamos dun virachaquetas ou dicimos que tal persoa é dos que van cos da feira e volven cos do mercado, en inglés usan un modismo con nome, exactamente un topónimo: Vicar of Bray. Outras veces é posible atopar correspondencias case exactas, como parece ser o caso do noso Xan de ningures[4] e o inglés Jack Straw, coa mesma semántica (referido a un individuo insignificante).

Nos tres idiomas hai nomes que aparecen nas unidades frasolóxicas pola rima. Así, en galego, dicimos: listo coma Evaristo; Morra Marta e morra farta ou Sábeo san Vicente e sábeo toda a xente, rima que se repite en Onde vas, Vicente? Onde vai a xente/ ¿Dónde va Vicente? Donde va la gente. En castelán oímos: listo, Calixto!, ou tamén Okei, Makei, entre outras. Estes nomes que funcionan como palabras-rima tamén os hai en inglés We are even Steven (que se corresponde co noso estamos a pre) é un bo exemplo. Outros casos que podemos aducir son Happy as Larry;  Ok, Jose ou That's a fact, jack!

 

(O actor irlandés Dan O' Herlithy fixo de Macduff na versión cinematográfica de Orson Welles)

 

Outro denominador común ás tres linguas é o uso de nomes propios tirados da literatura. Un fermoso caso na lingua de Shakespeare é Lead on, Macduff (nós diriamos ”(pase) vostede primeiro”, en contextos en que se deixa pasar diante a alguén). No que eu sei, non se usa en todas as partes, a nós chegounos precisamente -porque ten a orixe na traxedia do rei escocés- de falantes escoceses. O seu uso implica un aquel  humorístico. A frase sufriu unha modificación: en Macbeth literalmente dise Lay on, Macduff. Na península non temos unha frase paralela. Pero si é certo que hai fraseoloxía entre nós con personaxes literarios. En galego dicimos mentir máis ca Turpín/ser máis embusteiro ca Turpín. Outra boa é Sabe máis ca Merlín[5]. Entre xente medianamente ilustrada é posible oír, cando alguén chega tras facerse esperar, algo así como (Por fin/Veloaquí chega), Galaaz o esperado (parafraseando a Ramón Cabanillas[6]) e na terra da nosa nai oímos unha vez (só unha vez, esa é a verdade) “Ai, Roldán, Roldán, pensar que todas as vacas son túas” (é escura pero cabe a posibilidade de termos a orixe no poderoso señor francés, porque en Valdeorras quedou pegada da súa presenza no folclore; no contexto en que fora dita viña equivaler a ai, que cousas temos…). En castelán máis ca frases temos léxico de orixe literaria: (ser) una Celestina, (ser) un Quijote… Mais documentamos polo menos un par de refráns co cervantino Sancho (Ao bon calar chaman Sancho[7]/Al buen callar llaman Sancho[8]; Allá va Sancho con su rocín/rocino; Viento en popa y mar bonanza, navegaba Sancho Panza).

 

(O relembrado actor Juan Calvo Doménech, Sancho Panza na versión española de Rafael Gil, 1947, da obra cervantina)

 

No xogo das correspondencias fraseolóxicas hai casos en que unha frase poida ser vertida por varias no outro idioma. Vexamos este caso con tres nomes: Every Tom, Dick and Harry significa en principio ‘todo o mundo’. Nalgún dicionario dan este contexto preciso: If you tell Louisa, soon every Tom, Dick and Harry will know about it. Xustamente este caso pode verterse en galego con Xan e Pericán: Se llo dis a fulano, logo o saberán (na casa de) Xan e Pericán. Hai un caso parelelo en Pintos (TILG): Vixían todo canto alí se pasa e dimpois van mormulando coas comadres polas casas de Xan e de Pericán. Unha frase sinónima sería todo María santísima, tamén con nome propio.

Pasemos agora a outro caso curioso: en inglés existe este proverbio, Jack of all trades, master of none. Deixando a un lado que se pode acurtar e usar incluso adxectivizar (a Jack of all trades worker), na forma longa equivale ao galego Sete oficios tiña Adán[9] e ningún lle daba pan. En castelán non coñecemos variante con nome propio (Aprendiz de mucho, maestro de nada).

Frases con nomes bíblicos (a propósito de Adán) haber hainas. En inglés amentaremos un par de nomes propios: Caín e Xudas. Unha unidade fraseolóxica co primeiro é raise Cain. Se alguén raises Cain está facendo unha boa. Vén sendo semellante á nosa armarse a de Caín. Co segundo, eles din Jumping Judas!, e con iso expresan sorpresa ou shock. Nós dicimos: léveme/lévete Xudas!, ou, xa en desuso, béigate Xudas!

Á derradeira, digamos que os nomes propios poden aparecer en frases lúdicas que funcionan a modo de trabalinguas. Así, en inglés (americano e británico) temos Peter Piper picked a peck of pickled peppers (documentámola por exemplo nese estupendo libro, The Queen’s Gambit, de Walter Tevis, cando Beth usa a frase para avaliar o seu nivel de ebriedade). Acha o seu paralelismo na coñecida El perro de san Roque no tiene rabo porque Ramón Ramírez se lo ha robado. En galego e mais en portugués tamén se documentan: Se o Pedro é preto, o peito do Pedro é preto e o peito do pé do Pedro também é preto; Martiño cravou un craviño. Que craviño cravou Martiño?

O tema dá para moito. Quizais outro día sigamos. Por hoxe xa fixemos unha cata non desprezable. Deixamos logo xaneiro (xiadeiro) e encetamos febreiro: a ver se a Candelaria ri ou chora…

 

(A materia carolinxia, a que versa sobre obras e milagres do rei franco e dos seus cabaleiros, os chamados "doce pares de Francia" deixou fondas pegadas na nosa terra)

 

 

 

 



[1] Con permiso de María e variantes (Marica, Mariquiña, Maruxa, Maruxiña). Só na obra paramiolóxica de Vázquez Saco se rexistran máis de 30 refráns con eses nomes femininos, sen contar a santa. Había que facer un estudo sistemático.

[2] En: Ana Acuña, “Relacións entre a literatura popular e a fraseoloxía. Novas achegas”, Cadernos de Fraseoloxía Galega 8,2006,13-27.

[4] Ten variantes: Xan ninguén, Xan Portal, Rei Pedro. A fonte de información das variantes é Xosé Antonio Pena Romay: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/149100-ninguen-ningures-equivalente-castela-don-nadie

Outra variante recollémola nós (C. López Taboada e unha servidora) no libro  Así falan os galegos, publicado en 1995: ser un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan Paisano.

[5] Con Merlín hai outra enigmática pero ben documentada nos nosos clásicos modernos (en Pedrayo e Cunqueiro): a frauta de Merlín. Pero esta frase merece un escrito particular. Digamos que aínda a temos suxeita a estudo.

[6] soio resta baleiro un sitial enloitado no que reza este nome: «Galahaz, o Esperado», en: Na noite estrelecida, obra publicada por Cabanillas en 1926.

[7] Vázquez Saco, nº 5651. En portugués tamén temos Lá vai Sancho com o seu rocim.

[8] Conste que non está nada claro que se refira ao Sancho cervantino. Parece ter a orixe en Italia. E Hernán Núñez apostila Y al bueno [callar], Sancho Martínez.

[9] Dinos Patricia Buján: “Adán serve para aludir ó pasado, sobre todo en comparacións como Máis vello cá bragueta de Adán e Vello coma a potra de Adán. Rexístranse tamén paremias e ditos que falan da súa vida: espido coma noso pai Adán, O bocado de Adán o mundo puxo en afán, algúns con moita graza: Dos homes que coñecín, só Adán tivo xuízo: casou con muller sen nai e viviu no paraíso. Outro Adán do refraneiro galego é o Adán inútil dos sete oficios: Sete oficios ten Adán e de ningún gana pan (con variantes); o máis probable é que non garde relación co Adán bíblico e que a súa presenza responda unicamente á rima, xa que outras variantes falan de Bastián (Sete oficios ten Bastián e con ningún gaña pan, outros tantos ten Valente e aos dous fólgalle-lo dente) e de Xoán (Moitos oficios ten Xan e de ningún gaña pan)”. En:  http://ilg.usc.es/agon/wp-content/uploads/2013/10/42.Buj%C3%A1n.pdf). Ás variantes ofrecidas por Buján podemos sumarlles aínda novos nomes-rima: Moitos oficios ten Mazaricón e ningún bon; Moitos oficios ten Pericón, moitos e ningún lle é bon; Muitos oficios ten Peirón i ningún bon; Moitos oficios ten Xan Pericán , moitos oficios ten e ningún lle dá pan. Noutro lugar deixamos trazada a comparanza entre este Adán (malia a respectable opinión de P. Buján, nós vemos moi verosímil que si sexa o Adán bíblico, de quen realmente non sabemos que oficio tiña pero que é de crer que facía algo de todo, porque de quen ía botar man?) dos sete -número mítico- oficios e o deus celta Lug, de quen a mitoloxía nos deixou dito que dominaba outras tantas artes e/ou técnicas (Carme López Taboada, María Rosario Soto Arias: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”, Estudos de lingüística galega, 2, 2010, 221-233).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario