martes, 9 de xaneiro de 2024

A CORUÑA

 COLABORACIÓNS ESPECIAIS

A CORUÑA

LEMBRANZA DE ÁNGEL PADÍN E OLGA VIAÑO 


 

O meu pai é lembrado por moita xente como un home humilde, amable, curioso e retranqueiro. Naceu na rúa de San Andrés, pero mudaronse pronto á nova parte da cidade a un edificio da rúa Federico Tapia en plena Plaza de Vigo que daquela era falar casi das aforas da Coruña. Conta unha das miñas as, irmá do meu pai, que os levaban ás veces de excursión e chegaban ata a Plaza de Galicia! O meu pai contaba que xogaba ao fútbol na Plaza de Vigo cunhas zapatillas feitas con trapos e cordeis que lles facía á miña aboa. Tamén contaba, primeiro aos/as seus fillos/as e despois aos/as netos/as, e sempre quitándolle ferro á situación, o que significaban uns circulos azuis grandes que mesmo parecían feitos con tiza e que permaneceron moito tempo na fachada da casa Barrié en Federico Tapia con Marcial del Adalid: Cando soaban as sirenas nos tempos de guerra porque pasaban os avións inimigos, os círculos indicaban que alí había un refuxio onde tiñan que ir correndo a gorecerse, e remataba contando que cando soaban as sirenas coreaban os rapaces “Cosorro, cosorro, todos a los furregios” para acabar coas risas da audiencia.

 

(Ángel Padín)

Viña de familia acomodada, cun pai falanxista, bastante duro por épocas, e que pensaba que os homes da familia tiñan que facerse a sí mesmos e procurarse unha vida. Non así ás súas irmás, unha irmá era afillada de Pilar Primo de Rivera (temos unha carta dela moi interesante para retratar a época) como era pico naqueles momentos ... Ángel Padín estudou no Colexio Dequidt e logo nos maristas onde competiu a nivel nacional en varias especialidades de atletismo acadando moitos premios e copas que aínda andan por algún lado na casa familiar. De mozo, cando ían ao cine, vían a película dende o outro lado da pantalla porque era máis barato e cando unha parella bicábase, gritaban no galiñeiro “Cuadro, cuadro”. Foi un home bastante ávido de coñecemento, gústaballe investigar e compartir despois curiosidades e sempre contar anécdotas para que esa curiosidades quedaran na memoria dalguén mais.

 

(Olga Cristina Viaño. Entre outros datos da súa biografía imos destacar este: foi a primeira muller que dirixiu un xornal en Galicia)

Olga Cristina Viaño era de Ferrol, de familia republicana, orfa de nai aos 4 anos e cun irmán, Enrique Viaño Sánchez, falecido con 17 anos no Cruceiro Baleares. Olga e Ángel (Gelín chamáballe cariñosamente na casa) coñeceronse en Madrid despois de estudar previamente outras cousas en diferentes sitios. Ela era moi boa estudante, pero como non quixo facer o curso da sección femenina, non a deixaban cursar estudos superiores, así que antes de poder chegar a Madrid a facer periodismo, que era claramente o seu, fixo enfermería e deu clases no Instituto Concepción Arenal de Ferrol.

 


A Ángel enviarao seu pai a cursar algo de xestión para que se fixera cargo da fábrica de apósitos familiar, pero non lle gustaba nada. Viviu a vida de estudante de Santiago e fixo un par de cursos de dereito... E creo que lembrar que despois enviárono castigado a estudar algo a Asturias cuns primos, ata que marchou a Madrid a estudar na Escola de Periodismo. Non tiña moito diñeiro así que Olga compara moitas veces a comida con él. Foron teimudos e fixeron a carreira que foi o amor das súas vidas profesionais.

 

Os meus pais tiñan os roles repartidos como mandaba a época. Ela traballaba e levaba todo o peso das cousas da casa, que mérito e que forza de vontade. Pero nunca foi a muller que está detrás dun home, foron compañeiros que se apoiaban e traballaban xuntos en todo o  profesional. E gastaron todo o posible na educación dos seus sete fillos e fillas privándose eles de moitas cousas. Na vida e na etapa que viviron tocáronlles eventos históricos moi importantes dos que gardamos en casa moitas anécdotas e lembranzas, do que fixeron no periódico un famoso 23 de febreiro ou cando ardeu o Pazo de Meirás, o primeiro voo dende Alvedro... pero iso xa é outra historia.

 

(Sé da Biblioteca de Estudos Locais. A Coruña)

Atopamos aínda hai pouco un artigo de Olga Cristina asinado con iniciais O.V. que data de outubro de 1971 de cando Picasso cumprira 90 anos e o Instituto de Estudos Coruñeses “José Cornide” lle rendera unha homenaxe ao artista. E é a finais dos sesenta,  principio da década dos 70, cando Ángel comenta no seu libro que colle o relevo daqueles que, recoñece, fixeron moito camiño da investigación sobre a estadía de Picasso na Coruña e empezou á procura de evidencias que mostrasen que Picasso fixera a súa primeira exposición na rúa Real da Coruña como alguhas voces comentaban ou se, pola contra, ía ser certo -como aínda outros mantiñan- que a súa primeira exposición fora en Barcelona. E todo isto tendo en conta que Picasso lembraba a primeira exposición e dicía que tiña que haber cadros seus en Galicia e que estaría disposto a recoñecelos.


 

 


Pois non se cansou Ángel de ler e buscar durante horas, días e meses na hemeroteca da Voz de Galicia e por fin puido gritar Eureka! Non era doado atopar a crítica de arte porque non aparecía o seu nome; porén detallábanse os dous apelidos do pai, pero a crítica era para un artista novel de quen vaticinou o crítico que “no dudamos en afirmar que ese modo de empezar a pintar acusa muy buenas disposiciones para el arte pictórico en el infantil artista”.

Despois atopou unha segunda crítica onde pon que son cadros do pai, pero fala de novo dun neno. É o retrato dun coñecido mendigo da Coruña. É sen dúbida de Picasso e parece ser que antes de viaxar a familia a Barcelona -o seu pai xa se fora pronto- puxeron algúns dos seus cadros á venda para poder acadar uns poucos cartos.

A partires de aí a investigación sobre a estancia de Picasso na Coruña non para. E conseguiu tanta información e libros, e anécdotas de persoas que falaran directamente con Picasso que despois de todo ese esforzo sentiu a necesidade de doar os libros nos que baseou parte da súa investigación á Biblioteca Coruñesa de Estudos Locais para que algunha curiosa ou curioso teña material para iniciar novas pescudas

 

(Foto de Picasso o ano en que deixa A Coruña, primavera de 1895)

Débese moisimo a Ángel e a Olga na creación da casa museo Picasso, no roteiro Picasso da cidade e no recoñecemento da importancia da etapa coruñesa de Picasso (1891-1895). Picasso deixou na Coruña parte do seu corazón no cementerio na tumba da súa irmá Conchita, como Ángel e Olga deixaron tamén con profunda tristura ao seu fillo Ángel, morto a idade de 20 anos.

Tamén Picasso levou consigo a nostalxia do seu primeiro amor por unha rapaza que atopou nos pasillos do Eusebio de Garda. Naquel centro onde se portaba mal adrede para que o castigasen e se puidera adicar a pintar sen interrupcións.

(Blanca Padín Viaño)

 

Creo que os meus pais poden estar contentos de darlle á etapa coruñesa de Picasso a importancia que merecía, o mesmo Picasso dicía que prefería a súa etapa coruñesa á de Barcelona. Quen sabe. Moitos viñeron despois das investigacións de Ángel e Olga e vemos con mágoa que non adican un minuto a recoñecer a investigación de Ángel sobre a etapa coruñesa dun rapaz coruñés nado en Málaga, especialmente porque Ángel recoñeceu sempre as fontes e persoas que lle levaron aos resultados da investigación. Atrémove a reivindicar que sería quizais de xustiza que el tivera a súa propia rúa por todo o que aportou a esta cidade coruñesa na liberdade de prensa, na cultura e vida e sociedade. Contribución que quedará alomenos plasmada nalgúns artigos por aí arquivados esperando a que alguén do futuro os volva sacar á luz.

 Blanca Padín Viaño.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

 Agradecemos a Blanca Padín Viaño que nos agasallase con estas lembranzas entrañables sobre os seus pais. Como lle agradecemos, a ela e ao seu esposo, que confiase no profesorado do ‘Eusebio’ para a educación na etapa correspondente ao ensino secundario dos seus fillos. 

Todas as fotos están atiradas do vídeo "Picasso na Colección Padín-Viaño na Biblioteca de Estudos Locais" (https://youtu.be/zZDieooq5zl?feature=shared)

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario