martes, 17 de setembro de 2019

A NOSA CASA


A NOSA CASA


INAUGURACIÓN DO CURSO 2019-2020.

(Vista do 'pavillón novo' coas novas fiestras. Foto de Charo Soto)

Onte tivo lugar na nosa casa a inauguración do novo curso coa presenza de numerosas autoridades. Na mesa que presidía o salón de actos sentaban as seguintes persoas: a Conselleira de Educación, Universidade e Educación Profesional, Carmen Pomar Tojo; o secretario xeral desa consellería, Jesús Oitavén Barcala; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal Rodríguez; a directora do Instituto, Mª Isabel Ruso de Lago.

 (Vista dunha fachada lateral, pendente aínda de renovación)


De por parte, o Estado estaba representado polo noso ex colega, profesor que foi de moitos de vós, Manuel Regueiro Díaz, actual Director da Alta Inspección Educativa do Estado en Galicia.
Non faltaron autoridades en representación do Goberno municipal herculino: contamos coa presenza do concelleiro de Educación, Cultura e Memoria histórica, Jesús Javier Celemín Santos.
Estaban, ademais, no que nós sabemos, estoutras autoridades académicas:  a xefa da Subdirección Xeral de Centros, Susana Castro Barral; a xefa da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila Cea; o xefe da Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, Juan Durán Alonso; a xefa da Subdirección de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández; o xefe da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Juan Carlos Varela Vázquez; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato; o xefe territorial da Consellería de Educación na Coruña, Indalecio Cabana Leira; o xefe do Servizo territorial de Inspección educativa da Coruña, Iván Mira Fernández, e mais a Inspectora educativa do noso Instituto, Berta Estrada Arias.



 (Mesa de autoridades ao fondo, nun primeiro plano as nosas tres alumnas que nos deleitaron coa 'cantiga de panadeiros')


(María Vázquez, e as irmás Marta e María Rodríguez)


A presenza de tantas autoridades débese a que este ano o noso centro representou todos os centros de Ensino Medio de Galicia (por certo que tamén este inicio de curso a Universidade da Coruña representará as universidades do Estado e virá o rei ao Paraninfo da Mestranza). E a razón pola que foi elixido o noso centro é que finalmente, despois de longos anos de espera (unha servidora inda relembra que cando o finado M. Fraga Iribarne, daquela Presidente da Xunta de Galica, nos visitara co gallo de cumprir cen anos o Instituto, xa daquela -repito- se lle formulara a necesidade dunha reforma integral para o edificio; nós fomos testemuña do paso de varios conselleiros de distintos partidos políticos que si prometeran pero non cumpriran levar a cabo esa necesaria reforma). Falta aínda unha segunda fase, mais a primeira está a piques de ser cumprida. Podiamos engadir non sen tempo, emporiso case que preferimos congratularnos e desexarnos mutuamente cen anos máis de Eusebio da Guarda na Coruña. E que o vexan e desfruten os nosos bisnetos e os seus fillos…

Antes dos cantos introdutorios a mestra de cerimonia, a subdirectora do centro, Teresa Fraga Cisneros, pediunos que gardaramos un minuto de silencio para honrar a memoria das tres vítimas pontevedresas da violencia machista. Un silencio case absoluto nos penetrou. Descansen en paz. Tristes destinos.


 (A señora conselleira de Educación diríxese ao noso alumnado. Foto tomada da prensa)

(A señora conselleira e a señora directora soben xuntas as escaleiras de entrada ao noso Instituto. Foto tomada de Internet)

(Dona Carmen Pomar asina no libro de honra do Instituto. Foto cedida por Mª Isabel Ruso)


Logo tres alumnas nosas axudáronnos a esquecer a dor e concienciarnos da ledica de seguirmos vivos (visto con que facilidade un ser humano pode pasar en segundos da vida á morte). María Vázquez Arjomil, e as irmás Marta e María Rodríguez Cobo, tocaron e cantaron para os presentes unha fermosísima Cantiga de panadeiros. Tras elas tomou a palabra Mónica Gestal, a representante máis antiga do alumnado no Consello Escolar: no seu breve discurso relembrou a emoción do primeiro día que subira polas marmóreas escaleiras do edificio hai seis anos e como axiña se encontrou nesta súa segunda casa coma quen se encontra dentro dunha gran familia. Ela mesma foi a primeira en agradecerlle á Xunta de Galicia o esforzo económico realizado en beneficio da conservación deste noso edificio histórico.

A continuación dirixiuse ao público que enchía o salón de actos a directora, Mª Isabel Ruso. Levounos ao derradeiro cuartel do XIX, concretamente relembrou o ano 1871, cando o mecenas coruñés ofrecera desinteresadamente ao Concello parte da súa fortuna para levantar o novo Instituto. Agradeceu tanto á Consellería como ao propio Concello da cidade a clara aposta que sempre mantiveran para conservalo; ela mesma apostou a que o matrimonio (Modesta Goucouría e Eusebio da Guarda), se puidese vernos, estaría desfrutando moito deste acto e rematou a súa intervención cun concepto xa clásico entre nós, os que formamos parte da Comunidade Educativa deste Instituto: aquilo que marca a diferenza. Iso significa, aclarou a directora, que as alumnas e os alumnos saen deste centro non só coa bagaxe intelectual propia de quen adquire coñecementos en matemáticas, física, linguas, artes plásticas etc., senón que tamén saen cun sobresaínte cum laude en amizade, compañeirismo, traballo en equipo… Eles son as mulleres e homes que escribirán o futuro. Moi certo. A mocidade ten a chave dese ansiado (porque periga, como periga o clima, a limpeza da auga, a paz mundial, a saúde dos desprazados, a estabilidade socio-económica…) futuro.

Pechou o acto de inauguración a señora conselleira: transmitiron as súas primeiras palabras a idea de ser para ela un privilexio estar aquí, nun Instituto que forma parte da Rede de Institutos Históricos de Galicia: peza do patrimonio histórico educativo da nosa comunidade. Nese sentido, anunciou un proxecto de próxima elaboración, unha Normativa específica para o coñecemento e regulación de centros históricos de Galicia, proxecto necesario para unha mellor posta en valor e salvagarda dos nosos centros históricos.



(Fotos das novas fiestras no Pavillón Novo. A luz multiplícase. Fotos de Charo Soto) 



Recordou así mesmo o enorme esforzo económico que supuxo a reforma do edificio: un millón trescentos mil euros. A reforma, engadiu, logrará que o edificio gane en eficiencia enerxética sen perder de vista a súa singularidade e valor histórico.

Aludiu logo ao alumnado total do país (Galicia), arredor de 148.000 persoas, para insistir en que  da mesma maneira en que a información, o saber intelectual é importante, tamén o son as habilidades sociais, os valores éticos e cívicos.

Soubo agradecerlle ao corpo do profesorado -aos xubilados e aos que permancecen en activo- o seu labor, subliñou (desde o noso propio punto de vista moi acertadamente) o papel das humanidades no sistema educativo (imprescindible, dixo, para axudarnos a manter o pensamento diverxente, crítico, a necesaria reflexión previa á busca e toma de decisións) e comunicounos que como educadora que foi antes de ocupar o cargo que ocupa, quixo e quere lograr a creación dun bo Servizo de Inclusión e Orientación Educativa. En consonancia con esa premisa, ten pensado a súa Consellería incluír un segundo orientador nos vinte centros educativos con máis alumnado de Galicia (entre os que está o noso Instituto). Finalizou a súa intervención cunha especie de chiscadela de ollos cómplice coa directora: tras agradecerlle ao equipo directivo o seu traballo ao longo destes últimos anos, tras deixar ben sentada a idea clave de que a Educación é a mellor baza para contribuír á mellora da sociedade, finalizou dicindo que nós somos, nós somos e vós sodes, as persoas que marcamos, que marcan a diferenza.

 (Alumnado nun primeiro termo -vemos á nosa oradora Mónica Gestal, primeira na banda da dereita- e profesorado ao fondo. Foto de Charo Soto)

Non foi un acto plúmbeo en absoluto, máis ben curto, seguindo a máxima aquela de Gracián, o bo se é breve, dúas veces bo. As autoridades foron visitar as obras xa concluídas no chamado Pavillón Novo, e rematamos todos xuntos petiscando saborosos bocados na Aula Picasso. Feliz curso a todos! 

 (Parte do que aínda queda por facer: é curiosa a pedra á vista, fachada que dá ao patio entre os dous pavillóns. Logo quedará cuberta de novo. Foto de Charo Soto)

Ningún comentario:

Publicar un comentario