sábado, 31 de agosto de 2019

BUSCANDO PALABRAS


MICROTOPÓNIMOS (I).


 (Petróglifos de Pena Longa)




Hoxe imos na procura de microtopónimos. Periodicamente teño mandado aos meus alumnos traballos voluntarios sobre os microtopónimos da parroquia dos pais, avós ou da propia parroquia de nacencia. A verdade é que me teñen dado auténticas xoias. Hoxe procuraremos nós algún que outro da parroquia do meu esposo, onde pasamos parte do verán. A parroquia é Santa María de Cortegada, Silleda, Pontevedra. Non pretenderemos sermos exhaustivos, senón que deixaremos a porta aberta para engadidos futuros.

A Campana dos Mouros. Lugar mítico. Miña sogra recordaba ir aló coas nenas con certo aire de misterio. Entraban e oían ruídos como de campás. Luís di que hai dúas campás dos mouros, e que unha debeu ser unha mina en tempos, agora está desfeita, xa non existe. A outra é unha rocha enorme cunha especie de fenda que serve de entrada. Hai lenda que fala da existencia dun túnel subterráneo que comunica a Campá dos Mouros co Castro do Cura. É esta unha lenda recorrente no territorio galaico (aínda hai pouco falamos da nosa visita cos profes a Vilanova dos Infantes e unha señora maior comentaba doutro túnel que partía de alí e chegaba ao castro de Castromao). Cando llo comento a Luís (que é un motivo recorrente) dime: pero é verdade. O que proba como penetran no noso imaxinario os mitos que mamamos de nenos. Son ataduras coa terra.

 (A campá dos mouros. A fenda de entrada)


(A campá dos mouros desde outra perspectiva, a fenda quedaría á dereita da foto, baixando)


A Carballeira do Rei. Máis ou menos é transparente. Carballeira ben se entende. O conto está en rei, que podería vir dunha posesión real (como o fermosísimo piñeiral do rei, en san Pedro de Moel, cerca de Leiría, Portugal), ou máis verosimilmente entre nós, de ‘rego’, ou dun apelido ‘Rei’ que se daba frecuentemente aos nenos depositados nos hospicios. Sabe Deus…

O Carpazal. Este sí que é un nome transparente. Hai carpazas, con flor lila. É un monte, atravesado por un camiño fermoso, con fentos, carballos, e as carpazas. Baixa encostado e chega ata Taboada vella, e seguindo, ata o río Deza, atravesado aí pola ponte de Taboada, a que ten ao seu carón a inscrición en pedra que fala do século X en que se fixo (na primeira feitura, enténdese).

 (Imaxe no Carpazal)


O Chamor. Non teño claro o seu étimo. É un orónimo. Aquí é a montaña de referencia. Precioso nome, verosimilmente vinculado ao ferrolán Chamorro. Hai Virxe, Nosa Señora de Chamorro. Querendo, podemos ver o orónimo morro e un prefixo Cha- como en Cha+burro. Como en Cha+Martín? En chapotear din os expertos que ese cha- deriva ou se corresponde co sub- latino. Non sei que vos diga. O Chamor pasa dos 800 metros e ás veces ten capelo ou sombreiro, indicador de cambio de tempo. Está orientado ao Atlántico e por aí veñen as frontes. No outono tapízase de fentos e cóbrese dun manto rubio. Alonso Ríos, natural desta parroquia, púxolle a un seu fillo este nome, Chamor.

Fonte Cuberta. As fontes son sempre para nós pequenos tesouros. As fontes do romanceiro, as da flor da auga da mañá de san Xoán. As fontes dos xuramentos de amor, as fontes onde de nenas en Valdeorras iamos coller caldeiros de auga fría para meter alí as botellas do viño do xantar… A Fonte Cuberta descubrimos este ano que está nunha nosa posesión (tras fraccionar entre veciños o que fora monte común). Fómola ver. Eu pensaba nunha cuberta de pedra, pero évos unha cuberta vexetal: un teito arbóreo.

 (Fonte Cuberta. A auga nace no manancial que hai un pouco máis arriba, á esquerda da foto)


A fonte de Fondevila: Fondevila é un lugar e o seu étimo é ambiguo. Pode significar precisamente ‘fonte da vila’ ou ben ‘fondo da vila’. Efectivamente, está situada aló embaixo, chegando xa ao río, desde o punto de vista da parroquia enteira (Cortegada: ten unha parte que empeza na montaña, onde o Chamor, e vai vindo, baixando cara ao río). Nunha casa das primeiras de Fondevila había, Luís ben o recorda, un escrito, pintado con letra que semellaba do dezanove, que poñía Fondo da vila. Se temos en conta que hai moitos lugares chamados Cimadevila, parece esperable que ese fose o étimo. De todas formas, a fonte dá unha auga riquísima e veñen de lonxe collela, para beber. Deita auga todo o ano, e a foto que vos mostro foi tirada en pleno agosto.

 (A fonte de Fondevila. A auga marabillosa, a estrutura de pedra igual: o cano, en troques, desmerece totalmente)


Laboriz (gheto de Laboriz). Aquí, nestes lares, un gheto é un anaco pequeno de terra, ben delimitado. Con gheada. Como penetra esa voz foránea, gueto (de orixe italiana), no acervo popular galego é cuestión que nos supera neste momento, pero apostariamos non tanto pola penetración moderna, tras a segunda Guerra Mundial, senón que pensamos que vén de antes. É verba antiga e a título de hipótese tráena os galegos que foron a América (lemos que a certas barriadas de emigrantes chamábanas así). Hai un lugar que se chama O Gueto en Monforte de Lemos. En canto a Laboriz, só caben tres posibilidades (non temos bibliografía suficiente a man como para confirmar nada). Unha, integrar a voz na familia de labor, labranza etc. Dúas, o sufixo parece xenitivo de posesión -como en Guitiriz-, logo igual haxa ou houbese un antropónimo (se cadra un alcume), un *Laboricus. Tres, hai quen pronuncia Leboriz, logo cabe pensar en ‘lugar de lebres’. E esta idea vén reforzada pola presenza en Galicia de varios lugares así chamados, Leboriz (habemos mirar na magna obra de N. Ares).

Lamachá. Como nunca o vimos escrito non sabemos se cadraría mellor escribir Lama Chá. En principio, a ortografía é indiferente. Son brañas, é dicir, prados moi húmidos. A etimoloxía é transparente. Coñecemos máis lugares así chamados, un en Ourense, outro en Portugal. En Arteixo, no val de Loureda, hai un Lamamá.

A Madorna (Calzada da madorna). Esta palabra resúltanos fascinante, por difícil, mais tamén pola propia eufonía… Vemos que en Cascais (Portugal) hai outra Madorna. Ao primeiro, nós sempre pensamos na asociación con medorra, voz derivada de meda, pero de novo Deus sabe. Aquí nestas terras de Trasdeza como voz común madorna (variante modorna) conmuta ou vale por modorra. En Vigo temos a madroa: ambas poden estar relacionadas e pode que haxa unha metátese de rn/nr. En calquera caso, nada podemos asegurar. Esta “calzada” ou camiño vello de carro comunicaba -agora é unha pista, unha estrada- os lugares de Camporrapado e a Brea. No buscador da Xunta atopamos unha Madorna en Ourense, microtopónimo tamén no concello de san Amaro. Quédanos no tinteiro aínda que na Coruña da nosa infancia había unha Madrosa (pode que compartan a raíz). Tiña unha amiga na escola que era da Madrosa. Agora retoponimizaron Lamadrosa. Algún día escribiremos algo sobre esta cuestión toponímica coruñesa.

Pena Barrada. Actualmente é un prado e non vemos pena ningunha. Pero tamén é verdade que está nunha zona de moito penedo; de feito moi preto hai unha enorme, no ‘monte común’, á que lle chaman a peneda grande. Este prado de Pena Barrada tamén está a carón do lugar chamado O Barral.

Pena Longa. Lugar de petróglifos. Agora ben sinalizados. Están estudados polo arqueólogo dezao Xulio Carballo. Foi canteira e o que queda salvouse polos pelos.

Porto do Río: Penso que toma o nome polo feito de ser un paso: hai pedras para pasar por riba… Coincide o río co camiño nese tramo. No inverno o camiño está solagado. No verán quedan pedras brillantes ao descuberto. O río é o chamado aquí ‘Río Pequeno’, abeirado por varios muíños (que tiñan e inda teñen teoricamente dono: repartíanse por días, por quendas, entre familias; cando paseamos por aí sempre entra a gana de pillar unha desas enormes moas redondas para facer unha mesa no xardín…, pero onde están din ben, falan doutro tempo con voz alta e clara). O ‘Río Pequeno’ desemboca no Deza máis abaixo da Revolta, alí onde lle chama ‘a xunta dos ríos’. Antes había un pontello de madeira. Luís recorda ben onde estaba, pero non hai fotos. Nin rastro xa, claro.

A Trigueira. Agora é un prado. Algún día botábase trigo. Luís di que cando era pequeno xa non se botaba trigo, pacían as vacas xa e había algunha árbore. Era daquela unha chousa (voz xenérica, galego común, da familia do latín clausurare. Chousa vén no diccionario académico.


 (Este é o "Prado de Cexo", recibe o nome do posesor. Ao fondo vemos o Chamor)


:::::::::::::::::::::::::::.

Ata aquí chegamos por hoxe. Xa sabedes que para nós é un pracer inconmensurable falarvos dos microtopónimos. Relembrade, por favor, a necesidade de gardar memoria deles. Hai nada, na charla (a do móbil) de varios profes (somos unha montoneira) do Insti, chegounos unha preciosa foto da zona de Labañou dos anos 60, e poñía “Os Rosales nos anos 60”. De Rosales nada. Ou Labañou (topónimo ben documentado xa desde a Idade Media) ou lugar de Fontán, así se chamaba daquela.  Seguiremos outro día. Feliz reincorporación á rutina post vacacional!

2 comentarios:

  1. Olá,buscando información sobre o Calvo Sotelo da Cruña, atopome este interesante bloghe.
    Aquí na Laracha tamén temos un lughare que se chama A Trigheira. Outro tamén é Leborís, que tamén da nome ó Ies "Agra de" Leborís". Penso que é nome Germanico??.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Espero chegar a tempo... Pídolle mil desculpas por tardar tanto en ver o seu interesante comentario. A Laracha, seino pola miña irmá arqueóloga, é un concello moi rico e moi preocupado asemade polo seu patrimonio cultural. Sigan así! Con respecto á súa pregunta, esa é unha posibilidade, certamente. Eu non me sinto capaz de certificar cal é o étimo digamos "definitivo". A hipótese de considerar LABORIZ como variante de LEBORIZ existe: e para LEBORIZ o finado Nicandro Ares (toda unha autoridade na materia) deixou escrito que viña do antropónimo xermano LEUBERICUS (p. 470 de "Estudos de toponimia galega", tomo I, unha obra que a Real Academia Galega ten á disposición do público na rede. Un cordial saúdo

    ResponderEliminar