mércores, 14 de setembro de 2016

VISITANDO



VISITANDO "Starmus 2016"


O verán é, para moitos de nós,  tempo de viaxar. Hoxe imos ver onde pasou boa parte do verán o noso colega e amigo, e profesor voso,  Mario S. García. Xa sabedes que, á parte de docente e físico, el ama as estrelas e eses mundos siderais. De feito, este sábado pasado estivo na Veiga, preto de Valdeorras, preto de Pena Trevinca, nun dous dous espazos de Galicia denominados star light, se non erro, espazos privilexiados para observar o ceo, e alí impartiu unha conferencia. Mais tamén viaxou a Tenerife e despois estivo en Canadá. Prometinlle unha introdución mínima: agora que fale el. Dámosche xa as grazas, Mario. Que haxa na túa vida moitos veráns frutíferos coma este!

 (Mario S. García con Chris Hadfield)


“Pois si, este verán foi ben viaxado. Deixemos a experiencia de Canadá para máis adiante. Vou contar o que para min foi asistir a Starmus. O creador, o astrofísico de orixe armenio Garik Israelian, melómano e músico por afección, ten moitos colegas que tamén desfrutan escoitando ou creando sons. E viceversa, moitos músicos vense atraídos pola Ciencia coma fonte de inspiración. O caso é que hai uns anos, Garik “tirouse pola borda” organizando o primeiro Starmus, un evento que aúna ámbalas dúas disciplinas. Para iso chamou a persoeiros coma Brian May, membro da lexendaria banda Queen e tamén astrofísico. Todos eles, entusiasmados, chamaron a outros colegas (porque os científicos, coma nós, fan cousas do estilo de “que vai Hawking á festa? Pois eu tamén quero ir!”). Garik case perde a saúde e tamén puxo en xogo o patrimonio personal, pero aquel tolo evento tivo unha resonancia a escala planetaria. Logo viría o segundo, que tamén petou de noticias os informativos e levou o nome das Illas Canarias como un destino algo máis que de sol e praia. Daquela eu non puidera asistir pola data de celebración, pero agora, á terceira, tiven a oportunidade, e quedei pampo cada día co que vía. Para explicarme, permíteme unha comparación primeiro. Imaxina que, como afeccionada ao balompé, segues as estrelas da liga española, o que non quita que lle botes unha ollada aos grandes xogadores doutros países e que admires as grandes estrelas de tempos pasados. Agora imaxínate que hoxe tes a oportunidade de, un tras outro, poder velos en directo, falar con eles, sacar unha foto de recordo… Sería un bo plan, non si? Pois imaxínate que mañá podes repetir con outros, e pasado outra vez… así ata cinco días!

 (Concerto de Anathema, coa presenza de S. Hawking)


Para min foi incluso esgotador! É que non dabamos feito! Os horarios eran maratonianos, e máis que comer, repoñiamos forzas polo camiño co que podiamos. Tivemos a sorte de saber o hotel no que se aloxaban, e para alá iamos cada día para velos máis de cerca. Mesmo deixabas de estar cun premio Nobel para ir ás carreiras a saudar a outro. Na cabeceira do cartel de Starmus estaba o astrofísico Stephen Hawking, aínda así o certo é que xuntáronse ata  oito galardonados xuntos e iso é un acontecemento que nunca antes se vira,. Stephen fora á segunda edición e decidira voltar ás illas coa súa vontade inquebrantábel. E para agradecerllo, creáronse as medallas co seu nome. Divulgadores da Ciencia, músicos, astronautas, cosmonautas e científicos, todos eles facendo piña con Hawking, todos eles desfrutando duns días de certo descanso co clima das illas, mesturándose con xentes que viñeran de todo o mundo a renderlles unha homenaxe sincera.


Para min foi moi emocionante falar co físico Kip Thorne, pai do incríblel experimento LIGO, o que detectou as ondas gravitacionais. Firme candidato para o Nobel, Thorne anda a preparar a súa segunda película, tras o éxito de Interstellar.


Tiven a satisfacción de falar con Chris Hadfield, astronauta canadiano, e non me defraudou. Sabedor do valor que teñen os seus vídeos de divulgación na Estación Espacial Internacional, e da versión do clásico Space Oddity que segue estoupando nas redes, fixo un papel impecábel. É igual que o que describe no seu libro Guía de un astronauta para vivir en la Tierra (que podes atopar na biblioteca do Eusebio).

 (Con Neil deGrasse)



E Neil deGrasse Tyson, astrónomo e divulgador norteamericano, que como sucesor do lexendario Car Sagan foi o condutor da serie Cosmos: A Space Odyssey. Por certo, Neil estudou nun instituto de ciencias no Bronx neoiorquino e sabedes cantos premios Nobel teñen saído da súa escola? Pois tantos coma en toda España!  (dá que pensar, non si?)


Tamén moitos outros: Brian Greene -quen traballa nas teorías de supercordas-, Adam Riess -Nobel por demostrar a expansión acelerada do Universo-, Brian Cox -outro xigante da divulgación científica-, Jill Tarter -impulsora da busca de vida intelixente extraterrestre-, Carolyn Porco -astrónoma especialista nos planetas exteriores-, Joel Parker -científico da NASA que traballa nas sondas New Horizons e Rosetta-, o astrónomo e lord Martin Rees, o astronauta suízo Claude Nicollier -foi un dos que lle puseron gafas ao telescopio espacial Hubble para que funcionara ben-, Sir Roger Penrose, Richard Dawkins, Brian Schmidt, Robert Wilson…


O venres, último día desta edición, o protagonismo absoluto foi para a música e para o homenaxeado. Hawking prestara a súa metálica voz para unha magnífica versión de Pink Floyd feita polo grupo Anathema (‘Keep Talking’). E non podía quedar na grada.  Subírono ao escenario e alí estivo! Sarah Brightman, Rick Wakeman, Chris Hadfield, a Orquestra Sinfónica de Tenerife, un longo concerto de Hans Zimmer -compositor da banda sonora de Interestellar- coa participación final de Brian May, sempre cun fondo visual de envolventes imaxes… ao remate estabamos todos case exánimes!


Starmus foi unha experiencia única e moi enriquecedora. Desexo que siga por moitos anos, e gustaríame voltar, sen dúbida.”

2 comentarios: