mércores, 21 de setembro de 2016

A NOSA CASA



A NOSA CASA


AS DONAS DO EUSEBIO PRIMEIRO



Xa sabedes que estivemos celebrando o 125 aniversario do ‘Instituto da Guarda’. Con ese gallo entre o alumnado do Club de Lectura e mais unha servidora elaboramos unha serie de murais con fotografías das mulleres do Eusebio. Unha selección, naturalmente. Ben como alumnas, ben como docentes, polo noso Instituto pasaron toda unha galería de personaxes. Houbo pintoras (Mª Dolores Díaz Baliño, Carmela Correa-Barceló...), escritoras (poetas como Ángeles Penas, Mª Pilar Pallarés ou Luisa de la Esperanza Villalta, a quen recordamos cando facía COU no Eusebio, fermosísima criatura a quen a Parca axiña lle cortou os fíos da vida –moito sentimos non ter unha foto mellor dela que a pequerrechiña que aparece no mural), científicas (Celia Brañas, Mª Luisa Telo,  Mª Josefa Wonenburger...), docentes de Universidade (Mª Rosa Sara Saurín de la Iglesia...), politólogas (Pilar García Negro, a quen se lle debe a primeira conferencia pronunciada en público en galego no noso Instituto, sobre Castelao –polo menos é a primeira da que hai constancia documental), investigadoras (Mª Dolores Cabré, Mª Rosario Castells, Isabel Martínez-Barbeito, Carmen Pallarés....).

 (Outra ilustración de Mª Dolores Díaz Baliño. Docente do noso Instituto, tía de Isaac Díaz Pardo, polo seu estudo pasaron ilustres nomes da arte galega, como a tamén pintora Mª Antonia Dans)

Debo desde aquí agradecer unha vez máis a colaboración de todas aquelas persoas ás que interroguei na procura de datos e algunhas outras ás que me atrevín incluso a pedirlles unha fotografía. Todas foron xentís, comprensivas e colaboraron encantadas.

Como somos humanos e sentimos con intensidade maior o que nos toca moi de preto, quixera que me permitirades relembrar con afecto a María Muruais, xa falecida, a que fora a primeira muller directora do Instituto, e profesora miña de inglés. Recordo que nos primeiros cursos do vello bacharelato eramos poucas as rapazas que escolliamos inglés, ela poñíanos en roda e asignábanos un novo nome, un nome máis británico, digamos. Eu era Elsie.



Recordarei así mesmo sempre con cariño inefable á catedrática de latín, Mercedes Boado, a quen debo terme inclinado polas letras (dubidaba...), tanto e tan ben nos sabía introducir no universo das linguas itálicas, no mundo da tradución.



De María Teresa Rdguez. Taboada xa falei un pouquiño na prensa, ao ser entrevistada por unha nosa ex alumna, Claudia Morán, agora xornalista. Amei, amo e amarei a literatura cervantina porque ela, Mª Teresa,  sementou a base en nós. Os seus apuntamentos sobre a xénese do Quijote inda os gardo na memoria con fidelidade: ninguén na facultade compostelá superou en riqueza e  profundidade aqueles apuntamentos.



Houbo profesoras no Eusebio, logo docentes de Universidade, que, á súa vez, contribuíron a que das nosas aulas saísen futuras profesoras universitarias: é o caso de Ana María Álvarez Pellitero, quen fora profesora de Yolanda Novo.



E houbo unha muller, compostelá de nación, que pasou brevemente ensinando no Instituto, para establecerse logo como arquiveira en Ávila. Tereina sempre na miña lembranza, pola pegada que deixou nas persoas ás que podemos chamar as súas herdeiras intelectuaias ou profesionais. Chegou ás miñas mans unha peza de oratoria (unha conferencia titulada co nome da homenaxeada e recordada: Carmen Pedrosa Pérez-Davila, archivera y gestora pública) dunha súa sucesora no arquivo provincial de Ávila (Carmen López Sanchidrian: a conferencia impartiuna no Foro Guiomar de Ulloa o 5 de marzo do 2014) que para que dicirvos, emocionoume. Se a inmortalidade fose causa de dúbida e incerteza, velaquí temos unha proba irrefutable de que si é posible permanecer: permanecemos, permaneceremos algúns de nós na memoria dos outros, amigos, discípulos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario