domingo, 18 de outubro de 2015

ENTREVISTAS DE OUTONO



ENTREVISTAS DE OUTONO

ENTREVISTAS A EX ALUMNOS DO EUSEBIO DA GUARDA

ENTREVISTA A FEDERICO MOSQUERA MARTÍNEZ, COMPOSITOR E PIANISTA.


Mª R. S. –Moitas grazas, Federico, por concedernos parte do teu tempo, sabemos que tes un outono  de infarto, se se me permite a hipérbole... Ti estudaches toda a ESO e mais o Bacharelato no Eusebio. Rescata do esquecemento un par de lembranzas para nós, por favor.

-Moitas grazas a ti, é sempre un pracer volver ás orixes, e de feito os meus anos no Eusebio da Guarda foron verdadeiramente as orixes de todo o que son e fago agora. Tamén estudei no colexio co mesmo nome, xusto ó carón do Instituto, pero falando das miñas lembranzas dos anos da ESO e o Bacharelato…son tantas e tan ricas que non é doado seleccionar, pero dareiche unhas cantas: lémbrome ben da fascinación que me producía desde neno a fantástica colección de animais disecados que se atopa na planta baixa do edificio; saltando ata 3º e 4º da ESO, foron  experiencias moi importantes os dous intercambios a Nantes e Amiens, e un ano despois a viaxe a Paris. Por último, lémbrome de moitísimas clases de profesores aos que admiraba e admiro, e por suposto a serie de charlas no Salón Nobre de Instituto a cargo de persoeiros relevantes da Cultura Galega: Manuel María, Isaac Díaz Pardo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña… Deixou unha fonda pegada no meu recordo o recitado a cargo deste último do seu poema O Gato da Tasca Mariñeira

-Hai unha rica entrevista dispoñible na rede que che fixo Andrade Malde no 2013 (en Mundoclasico.com), e aí falas amplamente das túas influencias musicais, dos vínculos que te unen á Sinfónica de Galicia, do teu paso por Cracovia, da túa estadía en Holanda, dos profesores no Conservatorio da Coruña que marcaron a túa educación musical para ben, do nacemento do teu amor pola música no seo familiar... É unha entrevista imprescindible para adentrarnos na túa vida. Pero sempre quedan cousas por saber, por exemplo, creo que tamén fuches convocado polo Vaticano, e que pernoctabas nun palacio romano digno dun bosquexo literario mínimo... Cóntanos algo diso.

-Estás moi ben informada. Para sermos exactos non foi o Vaticano, senón a Igrexa Española de Roma. Un día recibín unha inesperada chamada de Roma do Rector de dita institución, encargándome unhas composicións para cuarteto de cordas e voz sobre o tema das parábolas da Ovella Perdida e o Bo Samaritano. A sorpresa foi enorme, posto que eu non tiña ningunha relación con esa Institución de Roma, e nunca tiña feito antes unha obra de temática relixiosa. Como eu son persoa á que lle gustan os retos decidín aceptar o encargo, aínda que tiña moi pouco tempo para completalo, iso sumado ás miñas obrigas co Master de piano en Rotterdam que estaba rematando ese ano. Pois efectivamente,  para ás dúas estreas, que tiveron lugar na Igrexa de Santiago e Montserrat de Roma a finais de Febreiro e principios de Marzo de 2013, fun invitado a aloxarme no Pazo de España na via Giulia, o cal fixo a experiencia aínda máis sorprendente e inusual. Déronme unha habitación con vistas á Basílica de San Pedro, e tiña total liberdade para moverme polo pazo, que tiña, entre outras moitas marabillas, esculturas orixinais de Bernini.

-A min persoalmente chámame a atención a capacidade túa para formar parte de distintas agrupacións: a facilidade para relacionarte con outros artistas ou profesionais da música: fomos testemuñas daquel marabilloso concerto a piano a catro mans con Sara, a túa noiva; na Coruña hai pouco, nun trío case perfecto de corda; agora estás nun proxecto interesantísimo, Gelria... Que nos dis ao respecto?

-Para min a música é un fenómeno global e,  aínda que a miña actividade se centre na chamada Música Clásica, non descarto ningún proxecto fóra deste ámbito que sexa motivante e me poida interesar. Por iso procuro dar concertos con diversas formacións (dous pianos, catro mans, trío de cordas, óboe, cantantes, …) sen pecharme por isto a proxectos tan interesantes como Gelria, do cal eu son parte activa e fundadora xunto a Marío G. Cortizo (co cal estudei, como ben sabes, no Eusebio) e Elena Tarrats. 

-Levades tamén entre mans a publicación dunha obra que combina música e poesía galega, unha empresa que vos honra e honrará a Galicia. Como se titula? Cando sae ao mercado?

-Esta é precisamente a base do proxecto Gelria, que conxuga o meu amor pola poesía coa música: consistiu en facer unha Antoloxía da Poesía galega posta en música por Mario e mais eu, formada por 14 poetas dende Rosalía ata os nosos días. Foi un traballo moi ambicioso, en primeiro lugar pola selección dun só poema, suficientemente representativo, de cada un dos autores, e logo polos criterios estéticos que nos puxemos para facer a música: respectar ao máximo a estrutura, estilo e carácter do texto, así como a época histórica na que foi escrito. O resultado é, por tanto, a suma dunha grande variedade de influencias musicais: música tradicional, jazz, pop, música clásica, etc. Este proxecto , tendo a base de trío de piano, percusión e voz, ten un numeroso elenco de colaboradores: o contrabaixo de Pablo Pérez, Xosé Lois Romero ao acordeón e percusión, a voz de Rubén Fernández, trío de cordas de Rosalía Vázquez, Cibrán Seixo e Paula Sánchez, cantareiras-pandereteiras de Lilaina, oboe de Benxamín Otero. O proxecto, se todo vai ben, sairá ao mercado antes de verán de 2016. 

-E a vida en Rotterdam? É moi distinta á vida no golfo ártabro?

-É distinta por suposto, pero síntoa máis próxima que, por exemplo, a sensación que tiña cando vivía en Cracovia (Polonia). É unha cidade cun grandísimo porto, e sempre que oio as gaivotas o seu son transpórtame a Coruña. Tamén teño a oportunidade de mercar unha gran variedade de peixe, cousa moi pouco habitual noutros moitos países de Europa. Para resumir, gústame moito a vitalidade que respira a cidade, sempre en continuo cambio e movemento, a súa riqueza cultural, e a comodidade que brinda para vivir e desprazarse por ela. 

-Tres desexos para o futuro, Federico.

-Un deles entre xeral e utópico: que remate a crise e que as condicións laborais melloren en Europa  e en España en particular. Que haxa saúde e felicidade entre os que me rodean. Que continúe crecendo no mundo da Música, con proxectos aínda máis estimulantes e ambiciosos.

-Grazas pola túa cortesía, polo teu exquisito trato sempre para connosco. Toda a sorte do mundo para vós, os fillos artistas de Galicia. 

-Grazas a ti, foi un verdadeiro pracer.

 (Foto promocional de 'Gelria': aconsellámosvos que escoitedes unha das súas cancións, con letra de Manuel Antonio, clicando no enlace, abaixo)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::: 

Velaquí un par de enlaces interesantes que nos pasa Federico:
Sobre Gelria: 


Rituales y sortilegios:



Ningún comentario:

Publicar un comentario