luns, 7 de xullo de 2014

LENDO A ANA MARÍA MATUTE


PEQUENA HOMENAXE A ANA MARÍA MATUTE.

Ola! Son Suso e estudei toda a vida no Eusebio da Guarda, primeiro no colexio e logo no instituto. Lin Olvidado rey Gudú cando tiña dez anos, no 96. Apenas recordo nada, pero si sei que me entusiasmou, que me gustou moito; estábao lendo un meu amigo, non mo deixaba e pedinlles aos meus pais que mo mercasen. Comprámolo en Ourense, estando alí de visita, na librería Torga. Tamén relembro que o lin dun tirón. Podo dicir o que xa se sabe, que é unha especie de fantasía medieval, a historia dunha saga familiar. Había unha personaxe, Gudulinca… Trata da ascensión e caída dunha estirpe… Vénme agora á memoria un trasno, un trasno do viño que axudaba a…
Para min foi unha lectura mítica. E agora, en homenaxe a Ana María Matute, teño pensado relelo. Ah!, e algo importante, aí gardo todo: entradas, billetes, cartas, follas de árbores, todo o que aprecio e que se pode gardar nun libro, está aí, na edición de hai case vinte anos, de Olvidado rey Gudú, na casa de Coruña.
Era Gudulina o nome, non Gudulinca. Velaquí está o que vos dicía: unha foto da primeira moza, a primeira alta na Seguridade Social, entradas de concerto (de Leonard Cohen, de Sabina, aquel de ‘Héroes del Silencio’ en Zaragoza), un tícket dun regalo importante que fixen, unha folla, cartas do señor dos aneis, a entrada da estrea de De profundis, máis de concertos (Andrés Calamaro e Ariel Rot en Salamanca no 2006, esa fora a primeira vez que eu vía a Quique González), a tarxeta da miña identificación como guía na Olimpíada de Física no 2005 en Salamanca, e  billetes de Macedonia (en cirílico) e de Estonia… Decididamente, teño que volver ler Olvidado rey Gudú.
                                                           Xesús Luís González Soto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario