mércores, 10 de maio de 2017

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN OS LIBROS



Entrevista a Rubén Amón


Rubén Amón (Madrid, 1969) é un escritor e xornalista que recalou en El País en Septembro de 2015, despois de traballar máis de 25 anos en El Mundo. Foi enviado especial aos Balcáns e corresponsal 12 anos en Roma e París. Ten publicados dez libros de temáticas diversas como a ópera, fútbol, touros, arte e política. Tamén participa en tertulias radiofónicas (Onda Cero) e televisivas (La Sexta, Cuatro e Antena 3).
En El País é analista político, reporteiro e comentarista dos espazos audiovisuais. Tamén escribe no xornal un blog dedicado á ópera, “Recóndita armonía”.
Rubén Amón é fillo do humanista, escritor e crítico de arte Santiago Amón, membro da redacción que fundou El País.

1. -Como chegaches ao mundo laboral? -Empecé muy joven, 17-18 años, de manera bastante accidental. Empecé a trabajar en la radio (Antena 3 entonces) antes de comenzar incluso la universidad. Y parece ser que el periodo de prácticas se ha prolongado 30 años.

2. -Onde te ves máis virtuoso, coma xornalista ou coma escritor? -Me considero un periodista que cuida el lenguaje. Cuando hablo, cuando escribo. Escritor lo soy en el sentido del esmero con que procuro escribir, pero no soy un novelista. Y sí soy un periodista. Siento una curiosidad polifacética a las cosas que pasan.

3. -Se tiveras que escoller entre os teus libros, cal sería o que máis te representa? - El que más me representa es el último: "El tigre mordió a Cristo", un retrato de personajes extremos -conocidos y no conocidos- que termina siendo un autorretrato.

4. -Algún consello para os estudantes que nun futuro queren exercer de xornalista? -Mi consejo es dedicar mucho tiempo a instruirse y fomarse. El periodismo es un oficio. Pero se mejora mucho en él leyendo, leyendo y leyendo.

5. -Cales son as claves para escribir tal variedade de libros e artigos de diferentes temas? - La clave sería no ponerse límites a la curiosidad. Tener una mirada de amplio espectro. Eso no significa escribir o hablar de cualquier cosa con superficialidad, sino de aplicar la técnica y la pasión periodística a cualquier asunto.

6. -É o xornalismo o cuarto poder?(lexislativo,executivo,xudicial e este). - El periodismo es un poder, pero no creo que sea el cuarto, el primero o el sexto. Es un índice de transparencia. O de opacidad, si no puede ejercerse con libertad. Y es un poder que debe emplearse  con responsabilidad. Siguiendo los principios deontológicos y la sensabilidad.

7. -Hoxe en día a liberdade de expresión é real ou os xornalistas escriben baixo unhas liñas impostas polo medio para o que traballan? - La libertad con que pueda ejercerse el periodismo es una prueba de si una democracia lo es o no le es. Y España es una democracia aseada, aunque algunas sentencias judiciales contra la libertad de expresión y las presiones a las que se exponen algunos medios puedan dar una sensación confusa. Los medios tienen sus líneas editoriales, sus anunciantes, sus requisitos de supervivencia. No existe un periodismo utópicamente puro. La cuestión es acercarse a esa idea lo más posible.

           Entrevistador: Manuel Oro, alumno de 2º  bacharelato F no curso 2016-17.

mércores, 3 de maio de 2017

VISITANDO



VISITANDO


Visitounos o escritor vigués Pedro Feijoo Barreiro. Ao salón de actos acudiu parte do alumnado de segundo de bacharelato; leran previamente a súa novela Morena, románica e perigosa. Confesaba sen ambaxes Pedro que entreter é para el o primeiro (no caso do libro en cuestión, para logralo hai primeiro que vencer o pasmo inicial, enunciable máis ou menos nestes termos, Jo, profe, que gordo é...). A miña intención é enganchar desde a primeira páxina. Fala abertamente, ás veces nun fío de voz, así coma quen non quere marcar moito a súa presenza. Hai algo de delicadeza neste artista integral, que ama a música, o cine e a literatura. É para el unha gozada participar neste contexto: poder poñerlle cara aos seus lectores, como pechar un círculo (que podía ser enunciado así: ti es o emisor do libro e os lectores son o receptor: e agora o receptor convértese no emisor que che fai preguntas, e ti no seu interlocutor).


Cóntanos que Morena... a escribiu –a novela- durante tres anos, tras a publicación de A memoria da choiva; concibiuna a modo de entretemento ou divertimento, porque a Memoria... foi un libro moi intenso, que o esgotou (mentalmente, ou case: polo grao de concienciación que quixo transmitir, ao ser o tema o da denuncia da manipulación do noso patrimonio cultural). Quedou, digamos, seco. Así que, perante ese non podo máis decidiu que a seguinte novela sería unha gamberrada (cando oín esa palabra, non puiden evitar recordar a Rico, aquela vez que comentou –cando lle preguntara sobre para que necesitaría Dulcinea os seis reais- que Cervantes escribe o Quixote a título de chascarrillo; tamén me veu á memoria O porco de pé, coa súa forte compoñente de parodia; logo un dos rapaces preguntaríalle se, efectivamente, a novela risquiana estaba entre os seus modelos a seguir). Unha comedia gamberra, que vén sendo o mesmo. Sen filtro. A dicir verdade, engadiu aínda sobre este punto, o sistema literario galego non se caracteriza por ter un grande repertorio de comedias. Escribir unha comedia tamén ten un aquel de actitude (aquí podedes interpretar libremente: cada un de vós, lectores, percibiriades un aquel distinto, algo de castígate, amor e rouba para saír adiante –ou para seguir a moda imperante, cossì fan tutti, talvez).

 (Pedro Feijoo Barreiro, entre Beni Vidal e Charo Soto. A foto é de Isabel Armesto)

Axiña lle pediu á rapazada que preguntasen. Abriu a quenda Jorge Carril, quen quixo saber polas fontes de inspiración. Como autores favoritos mentou a Eduardo Mendoza (citou varios títulos) e a Tom Sharpe (coa súa serie de Henry Wilt). Gústalle ao vigués o humor británico. Tampouco se escapa da atracción do cine: desde os irmáns Marx, pasando polos Monty Python, Woody Allen, ata Les Luthiers e Os Simpson.
Beni Vidal (prof.): Como decides o tema?
-(En síntese) Recoñezo que lle dou moitas voltas, pero unha vez que se me mete unha idea na cabeza, unha vez que tomas unha decisión é coma se se apoderase de ti unha especie de obsesión compulsiva... e sabes que lle dedicarás a ese tema como mínimo dous anos. No caso de Morena... sabía que quería relaxarme, descansar do esforzo documental, e sabía que quería escribir unha comedia sobre un roubo.
Carmen Arbaizar: Hai algún personaxe autobiográfico?
-Esa é a pregunta do millón (Pedro repasa varios dos seus personaxes: Simón Varela, arquitecto titulado que na realidade amaña galiñeiros ou case, Aquiles que empeza querendo ser xornalista e acaba publicando nunha revista de Santiago especializada en marcianos, aqueloutro que é axente artístico e acaba especializado en mancos...). Algunha vez certo crítico me ten preguntado por que esa predilección por personaxes perdedores e fracasados? Por que ese gusto polo anti heroe? Insisten: “hai moito de autobiográfico neses personaxes?” Eu respondo: “Nooon!”, pero miña nai –así, na soedade da casa- dime: “A ver, un pouco si hai”. Morena... é unha gamberrada que intento revestir da maior verosimilitude posible. É un disparate pero por exemplo, o percorrido desde a cidade ao santuario é exactamente así... Na comedia nunca esaxeramos bastante... Pero si, un pouco si que hai, como dicía a miña nai. Xa está dito e é verdade: un escritor sempre reescribe (das experiencias vividas ou lidas).
Inés Tejero: Cando decidiches ser escritor?
-A vocación sempre (desde neno) estivo aí. Desde a época de Lamatumbá, cando escribía cancións sixelas con certa mensaxe... Foron doce anos de dedicación exclusiva á música, non houbo nin unha soa semana na que tivera a maleta completamente desfeita e chega un momento en que me vexo a min mesmo escribindo Os fillos do mar en varias bañeiras de varios hoteis de media Europa...
Daniel Abelenda: Que opinas da crítica que di que es un autor de best sellers?
-A min gústanme todas as críticas. Honestamente non me podo queixar. O 90% das críticas son boas, mais agradezo igualmente as boas ca as malas. Eu non escribo para a crítica nin para coñecerme a min mesmo, senón para falar convosco. Admito sobre todo as que me fan os lectores para procurar mellorar. No país hai moi bos críticos, Armando Requeixo, Ramón Nicolás... Mala crítica? A que confunde crítica con insulto. No sistema literario debemos caber todos...
Antía Rodríguez: A literatura déixache tempo para a música?
-Tampouco é que me interese achegarme xa con tempo a ese campo. Xa está: xa foi. E aproveiteino ao máximo... Acabas acumulando un montón de cacharros: teño nun recanto do xardín un cuartiño... ás veces de noite entro, acendo pero logo apago e saio, non sexa que me oian e veñan e se encha aquilo de amigos e xente...
Jorge Blanco: Pódese vivir ben facendo exclusivamente literatura en galego?
-Moi boa pregunta. É moi difícil se só se publica en galego, é moi difícil e moi minoritario. Pero si sendo galego e con acceso a outros idiomas e outras culturas. Antes falábase de militantes das letras, xente sacrificada. Mais é como ser fontaneiro ou enxeñeiro... eu non fago outra cousa, é o meu oficio. Os meus libros tradúcense ao castelán, esa é a outra metade... En Galicia somos moi poucos os que vivimos da literatura pero somos máis que hai cinco anos. Non viaxamos en jet privado nin teño tampouco unha illa privada en Hawai pero si que se pode vivir. Claro que somos un país pequeno e temos unhas vendas que teñen o seu teito.
María Gómez: Algún consello para ser escritor?
-Non creo que sirva -como diría Woody Allen, “en caso de guerra eu só serviría de prisioneiro”-. Dar consellos dáme pudor. Primeiro, crer no que fas; segundo, antes que nada, tes que ter unha actitude. Eu escribo, xa o dixen, para entreter e necesito entretervos para contarvos o que vai por debaixo da mesa. Arriba un thriller pero debaixo hai un discurso. E ese é o motor. E nesa actitude ten que haber verdade. Logo vén a disciplina... En fin, compromiso contigo mesmo e crer, crer no que fas.
Sara Fraga: Que estás lendo agora?
-Estou lendo a Pierre Lemaitre (dedícalle un bo eloxio). Recoméndovos Vestido de noiva (Robe de marié), e tamén a súa serie, que cómpre ler en orde, sobre o inspector Camille Verhoeven... Ah!, e Alex, a súa cuarta novela. Outro autor que me apaixona é James Rhodes, o autor de Instrumental.


Marta Lado: Cal é a obra da que te sentes máis orgulloso?
-Esta pregunta é coma aqueloutra que se lle fai ao que ten tres fillos, “a quen queres máis?” As tres novelas son importantes para min, as tres supuxeron algo. Os fillos... conectou ben co público e reconectou co best seller (aquí dedícalle un par de comentarios positivos ás outras dúas: daquela directamente pregúntolle pola obra que está para publicar, Os fillos do lume). Levo tres anos con ela. Si, esa é a miña favorita: é unha volta aos Fillos do mar...
Jorge Carril: Que posibilidades ten a literatura galega fóra de Galicia?
-O sistema literario español é a selva: nós temos un sistema literario moi amable. Trátannos con agarimo...O que si é verdade é que cando publicas novelas que transcorren en, chamémoslles así, “espazos periféricos”, nos últimos tempos xorde un interese focalizado neses lugares: aumentan as visitas ao val de Baztan e a Elizondo, mercé ás novelas de Dolores Redondo, ou pensemos na Praia dos afogados, agora todo o mundo quere visitar Panxón, e igual pasa cos espazos nos que transcorre O lapis do carpinteiro...
Beni Vidal: A editorial presiona o autor para que publique?
-Entende que cada autor ten o seu ritmo. Aquí cóidasenos moito...
Carmen Arbaizar: E como fixeches para introducirte...?
-En parte foi grazas á influencia de Suso de Toro. Foi el quen me tomou da súa man e quen me puxo en contacto co editor, con Manuel Bragado... Hai moito traballo por facer e hai sitio para todos... Sempre hai alguén que está pendente de ti.
Bonitas palabras, esperanzadoras, para pechar este encontro. Agradecemos moito a Pedro Feijoo a súa presenza comunicativa no noso Instituto.



mércores, 26 de abril de 2017

VISITANDO



VISITANDO A MANCHA

 (Interior dunha 'venta' en Puerto Lápice. O carro en que obrigan a regresar a don Quijote á aldea puido ser coma ese)


Tras varios anos de viaxar coas alumnas e os alumnos, este ano viaxei co meu home e mais con amigos. En parte, seguimos o itinerario deseñado por José Luis Suárez, quen levaba décadas capitaneando a expedición do Instituto. Preguntábame onte, e a que hora visitastes as Tablas de Daimiel? Visitámolas á tardiña, e alí estabamos á caída do sol, no solpor. Esa é sen dúbida a mellor hora. A verdade é que tivemos o privilexio de ver varios solpores memorables, e vivimos tamén a lúa chea sobre os Cigarrales, desde a outra banda do Texo, con Toledo perfilándose en fronte de nós. Unha beleza. Toledo sorprendeunos no pazo de Santa Cruz cunha exposición magnífica sobre o tempo de Cervantes. Logo selecciono para vós unhas cantas fotografías. 

 (Unha das vistas posibles dentro do Parque Natural das Lagoas de Ruidera)
 (Subindo polo vieiro vermello, rico en 'almagre'; arriba hai restos dunha mina que xa explotaron os romanos... Por aquí subiría tamén don Quijote, camiño da cova de Montesinos. Preguntábanos Jesús dentro da cova: "pensades que Cervantes estaría aquí?" Si, polo ben que describe do interior)

(A ermida, próxima ao camiño ascendente que conduce á Cova: será esta aquela á que se refire Cervantes no capítulo seguinte ao episodio de Montesinos, cando volven da cova? A dedicación é a san Pedro de Verona)

Á diferenza da viaxe programada co alumnado, esta feita puiden finalmente cumprir un dos meus desexos anteriormente frustrados: baixamos á cova de Montesinos, sen corda pero con casco. Levabamos un guía excelente, unha desas azarosas sorpresas do destino. Jesús era un apaixonado da súa terra (natural de Alcázar de San Juan), un convencido a ultranza da orixe alcazareña do noso Miguel. Unha servidora rendeuse perante tanta fe firme. Só puiden articular un tímido pero, Jesús, hai fortes contraargumentos... Frase que logo, como leredes máis adiante, tiven que repetir aínda máis timidamente, por non ferir sentimentos que percibía eu tan fondos. Xa vos adianto que manteño ideas encontradas sobre este feito: Miguel de Cervantes é de nación manchega para moitos manchegos. Case que é de lei: a Mancha penetrou tanto nel, na súa magna obra, que merecería ser manchego. Como din os italianos, se non è vero è ben trovato. Diredes moitos de vós: pero é acientífico. Xa, pero recórdovos o que dixo Pascal: a verdade sen amor non vale nada. Diante desa defensa tenrísima, conmovedora, inxenua incluso (interesada tamén se queredes, pero que amor non ten algo de interese, salvando o da nai, o do pai tamén, e o de Deus?), diante diso, digo, que valor poden ter os datos obxectivos? Un valor innegable –xa vedes que me debato: é o peso da verdade, a verdade pode moito e fainos libre-, aínda que debe ceder algo diante da outra verdade, a dos alcazareños que non manexan eruditamente os datos pero queren que Miguel sexa un deles. O noso guía Jesús contaba que a el lle contaban os devanceiros e sempre oíu dicir que por alí, polas fragas con sabinas, polos recendentes vieiros montesíos de Ruidera (hoxe denominado Parque Natural das Lagoas de Ruidera, e chámase así polo ruído tremendo das augas que en volume sen conto caen nas fervenzas...), paseou o neno Miguel co seu pai. Insisto: que tenrura! Migueliño camiñando polas vereas da man do seu pai...

 (Fachada da igresa de Santa María a Maior, en Alcázar de San Juan, onde se conserva unha copia da partida bautismal de Miguel, fillo dun Cervantes Sabedra: foron tres alcazareños amables e xentís os que nos permitiron entrar, sabendo que viñamos da Coruña só por ver a pía bautismal e a igrexa famosa; xa estaba pechada a igrexa porque era día de procesións e non había visitas a esa hora; grazas mil, amigos)


(Permitiredes que vos recorde que a Virxe do Rosario é patroa da miña cidade e mais tamén dos alcazareños; nesta viaxe soubemos que se celebra o 7 de outubro en memoria da vitoria de Lepanto, vitoria á que contribuíu o noso Miguel)

Creo que aquí debería acabar hoxe o discurso: e mais non podo. Na dialéctica cerebro/corazón, tan machadiana, hai que darlle o seu ao seu dono. Entre os argumentos máis sólidos a prol da orixe indiscutible, a alcalaína, de Cervantes, está o testemuño dos amigos que o trataron, o apreciaron moito, o coñeceron ben. Un deses amigos foi o home de igrexa,o frade Antonio de Sosa. Os datos que vos facilito están tomados dun libro que lin inda hai pouco, unha xoia de libro, escrito por unha investigadora colombiana finísima, moi sabia e moi humana: Mª Antonia Garcés, Cervantes en Argel. Historia de un cautivo, 2005. Aí lemos, por exemplo, que Sosa resume o caso –un dos intentos frustrados de escapar do cautiverio-  no seu Diálogo de los mártires de Argel: “Y los prendieron a todos, y particularmente maniataron a Miguel de Cervantes, un hidalgo de Alcalá de Henares que fuera autor deste negocio, y era, por lo tanto [el] más culpado” (negriña nosa). Outro día seguiremos con ese libro enriquecedor da hispanista que traballa na Universidade de Cornell, EEUU.

 (Do tempo de Cervantes: Planisferio de Martin de Waldseemüller, Estrasburgo, 1507; foi na introdución a esta obra onde Waldseemüller propón por vez primeira o nome de América para as novas terras acabadas de descubrir polos europeos)

(Así pintou a Cervantes Manuel Wssel de Guimbarda, cadro datado en 1880. Non hai ningún retrato fidedigno del, de Cervantes)

 (A bandeira de Lepanto)

 (Este gravado, no que aparece representado Miguel de Cervantes, é de 1800)

mércores, 19 de abril de 2017

VISITANDO



VISITANDO

 Tiveron os faventinos ou barceloneses a sorte inmensa de atopar esta inscrición de época romana. Isto é o que pon:

Colonia Iulia Augusta Faventia Paterna Barcino.



Rematamos as vacacións de Semana Santa visitando Barcelona, onde traballa o noso primoxénito. Estivemos tan só tres días e medio, mais  foron intensísimos. Non pisamos un museo (salvo o pequecho do mosteiro de Poblet), pero ruamos e ruamos, “fixemos o vermut” (como din os cataláns) na Barceloneta, papeamos coma abades (salientarei, porque a gastronomía tamén é cultura, meus queridos, un par de pratos: un arroz mixto saboroso no sitio que me recomendara Ana, a vosa profesora de inglés, Les sete portes, e un polvo delicioso, primeiramente cocido en cervexa do Montseny e logo grellado, nun lugar con moito engado, Pla de la garsa) e fomos de compras. Barcelona é a capital do deseño, veño abraiada, canta roupa de autor, se se me permite a expresión... Roupa e calzado. Unha pasada! E, naturalmente, compramos algún que outro libro nunha das librarías de vello. Logo pásovos unha adiviña dun ensaio que comprei sobre ese tema, as adiviñanzas.


(San Xurxo -ou san Xurdo, como din os dezaos- é un santo moi europeo: é patrón de Inglaterra, de Rusia e tamén de Cataluña. Así, aparece moito na cidade; endebén, o padroado barcelonés correspóndelle a santa Eulalia)


(Exemplo de decoración modernista, na casa Amatller, do arquitecto Josep Puig i Cadafalch)

Agora que se achega o día do libro, o día en que se celebra tanto o padroado de San Xurdo como o padroado de Cervantes sobre as letras universais, eu buscaba na cidade calquera referencia cervantina. Cataluña é terra de trobadores, como Guillem de Cervera (a ver se atopo un fragmento seu para o remate deste discurso); de bos arturistas, como Victoria Cirlot; de finas sensibilidades medievalistas, como o poeta Carles Riba, autor –como relembraredes algúns de vós- de cedos poemas en galego do neotrobadorismo, e é terra de bos cervantistas, como o ínclito Martí de Riquer, quen fora asemade grandísimo experto na poesía trobadoresca, ou como Francisco Rico. Todos os que lemos a Riquer sabemos da estadía de Cervantes en Barcelona: e inda que non o estudara o sabio barcelonés, xa o supoñeriamos tras a lectura dos capítulos correspondentes da segunda parte do Quijote. Paseando polo barrio gótico, onde vive Suso, preguntabámonos en voz alta onde pernoctaría Miguel, cal sería a casa onde transcorre o episodio da cabeza encantada... A verdade é que non logramos ver nada, agás a rúa Cervantes, algo afastada dese barrio.


 (A Escola de Artes e Oficios: moi preto da rúa Cervantes; aquí veu destinado desde A Coruña o pai de Picasso)

En Barcelona, porén, non faltan referencias históricas que nos fan evocar tempos pretéritos fascinantes en maior ou menor grao. Da época romana puidemos ver restos da muralla, dos tempos da fundación con Augusto no poder; vimos mención nunha placa a Luís o Piadoso, quen foi rei da cidade no 801 (era fillo de Carlomagno, o emperador proclamado no 800); vimos outra placa en memoria do rei de Aragón (de Cataluña e de Sicilia, reino este herdado da nai, Leonor de Sicilia) Martín o Humano, que defendía o Papa de Avignon, Benedicto XIII; vimos unha lembranza aos cataláns mortos na defensa da Casa de Austria, na guerra de sucesión ao trono de España, a principios do XVIII, e vimos, naturalmente, a estatua xigantesca, de Cristovo Colón, co dedo estendido sinalando non se sabe moi ben qué: uns din que Xénova, outros o horizonte sen máis.

 (A Barceloneta é unha das barriadas barcelonesas con máis celme popular: ten a súa propia bandeira)

Non sei se sabedes que hai pouco houbo unha petición para que derribasen esa estatua, pero a alcaldesa de Barcelona –con bo criterio ao meu enteder- dixo eufemisticamente que non era o caso (se non erra a miña memoria, dixo que non era unha prioridade). Colón chegaba da primeira viaxe e fora recibido polos chamados Reis Católicos, que celebraban cortes en Barcelona. En que pazo tería lugar o encontro? Non hai certeza absoluta. Sería no Pazo Real, no barrio gótico? Moi probablemente. Na base da estatua aparecen gravados nomes dos cataláns que acompañaban a Colón: Bernat Boïl, Pere de Margarit, Jaume Ferrer de Blanes, e o valenciano Luis de Santángel. Este Margarit (era capitán militar, Pere Margarit del Castell d’Empordà) pregúntome eu se será o mesmo que cita Pondal cando na súa obra épica (Os Eoas), vai mentando un a un, os homes que viaxaban na nao capitá (La Gallega ou Santa María) e nas dúas carabelas:
Ti, Margaride fugiches ousado / A guerra do hirmán e do parente/ A insidia q’ o bardo celebrado/ Soe juzgar injusta e insolente; / Mas ti, para probar seu infundado /Juicio ser indigno e inclemente, / Mostrastes q’eras digno do Oceano/ E d’un renome ilustre e soberano (estrofa XXI, edición de Amado Ricón).
En calquera caso, que quede constancia para as futuras xeracións deses ilustres e valerosos homes, paréceme fundamental. Trátase, en certo modo, de primar (primar, non enmascarar nin esquecer) a comunicación, a irmandade, a rica e produtiva mestizaxe, sobre os factores negativos, tales como a colonización, a masacre, a aculturación.
Pechamos cos fragmentos prometidos. Primeiro a adiviñanza. Segundo, poesía de autor.
Devina devineta... (=Adiviña adiviñanza...):
En un dia si ho repares
una vegada em veuràs,
dues en una setmana
i en un mes no em trobaràs
(= Nun día se te fixas / unha vegada me verás, / dúas nunha semana / e nun mes non me atoparás).
Espingadura d’En Cerveri
A la plug’e al ven iran
                cels que muylleres an,
                cels que muylleres an.
I              Li amic iran espingan,
                a la plug’e al ven iran,
                e cil que no espingaran
                a la plug’e al ven iran,
                las donnas seran a lor dan,
                               e.ls escarniran
                               e.ls escarniran.
A la plug’e al ven iran
                cels que muylleres an,
                cels que muylleres an.
(= Á chuvia e ao vento irán os que teñen muller, os que teñen muller. I. Os amigos (namorados) irán tocando o albogue, á chuvia e ao vento irán, e aqueles que non toquen (ou canten) terán enfadadas as donas e farán deles escarnio etc.) (Só transcribín a primeira cobra deste poema de Guillem de Cervera, tamén coñecido como O Cerverí. Recorda bastante a bailía de Airas Nunes, inda que varía o punto de vista: no poema do compostelán son as mulleres namoradas as que entran no baile, mentres que aquí son os amigos namorados os que tocan e cantan, aquí os convocados son eles, non elas).

(Mosteiro de Poblet, xa en terras tarraconenses. Espléndido exemplo de arquitectura cisterciense. Poblet é antropónimo, era o nome do ermitán fundador)