xoves, 23 de agosto de 2018

VISITANDO


LABRISTAS (Un paseo pola capital de Trasdeza)

 ("Costureira", de Jonathan Mariñas García)


Houbo varias misas na tardiña aquí na aldea polos meus sogros e de cada vez viña Manuel de Regalade e tocaba a campá para anunciar que chegaba o cura e logo para anunciar que empezaba xa a celebración. Nunha desas quedei un bocado na entrada da capela na carballeira a ver se falaba algo con el. Así que lle preguntei primeiro se sabía tocar a morto diferenciando home de muller, e dixo que había quen sabía. Logo pregunteille se se tocaba a bautizo ou a voda e díxome que antes si (quizais relembredes algúns de vós que teño unha querencia especial polo asunto este das campás: se crese na reencarnación, reencarnábame nunha montaña tibetana, moi achegada ao son primordial…); a continuación pregunteille se tamén se facían soar para advertir das tronadas ou dos incendios e daquela el e algunhas mulleres que estaban escoitando esta leria negaron con énfase, e eu tiven que acalalos un tanto así dicíndolles que non tan lonxe, en Dos Iglesias, preto de Forcarei, aínda había quen recordaba de antes que as campás avisaban do lume… E foi entón cando Manuel atallou: -Pero eu non son campaneiro. Eu sonlle canteiro… -Ah…! Amigo! Canteiro! El fixo aceno cara a aló, cara o Candán ou quizais o Chamor, cara a montaña, mentres eu, que pensaba en sabe Deus que imaxes ou cruceiros ou fontes dignas de claustros en que meditar medievais, dixen: -Como o de Cortegada, o que xa faleceu hai anos, o señor que chamaban Casanova… (nós temos na casa da aldea unha cheminea feita por el, e tamén foron feitos das súas mans o altar e os candieiros da igrexa parroquial de Santa María de Cortegada, merecedora, coa contorna próxima, dunha páxina de seu neste blog). Manuel cortou tamén con énfase: -Casanova? Casanova era labrista! (cargádelle ben ao ton admirativo) Eu son canteiro do que corta a pedra… Era un labrista e naturalmente entendín que viña a ser a verba sinónimo de fino artista, e disculpade o pareado. Quedei encantada de oír unha palabra bonita que nunca antes oíra. De alí a uns días viñeron xantar connosco Fernando e Rosario e quixeron “saudar” un vello amigo (Luis Trabazo Sanmartín, que en paz estea) na súa derradeira morada no cemiterio de Silleda e cando saïamos dixémoslle que podiamos botarlle un vistazo ás tallas que están expostas estes días na Carballeira das Pedrosas (“un luxo”, dixo Fernando, “un luxo para calquera cidade, esta Carballeira que ten Silleda”) e contámoslle o que eu vos acabo de contar a vós. Así, ao rematarmos a visita lanzou o autor de Toponimia de Galicia esta interrogación retórica: Daquela estes son labristas?


 ("Abrazo" de José Rocha Pino. Ao día seguinte de facer nós a foto, limparon eses sinais de incivismo)

 ("Muller dando o peito", Rubén Touriño Reboredo; abaixo: "A Coitadiña, José Sampedro Caamaño)


Alumnos todos da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, algúns son alumnos avantaxados, sen dúbida ningunha.

 ("Despedida", José Rocha Pino)

 ("Kramer e Gaus", Francisco Escariz Jamardo)

("Nena cun cabaliño balancín", Raúl Martínez López. Tema delicioso, xa tratado por Arturo Souto, nun cadro presente na VI Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, celebrada en 1984)

 (Na portada deste libro vemos fotografado o óleo de A. Souto titulado "La niña del balancín")

("Neno con polo", Daniel Vera Fernández)

 Penso sinceramente que todos merecen nota na elección do tema. Iso como pouco dicir (pero se tedes paciencia para oír máis, oíde: a costureira é a miña favorita… Luís coincidiu comigo, mais eu logo pensei nesa figura tan vencellada á miña infancia: cando era rapaciña de menos de 9 anos cosían tres mulleres na miña familia: a tía Agustina, irmá do meu avó Manuel Soto, vivía un par de casas máis abaixo cós avós, en Monelos, na rúa J. Galiacho que inda existe; a casa olía a humidade, tiña no cuarto onde probaba un manequín enorme para os meus ollos e unha fiestra con vistas ás hortas detrás das casas, na Cubela, hortas que eran nalgún inverno asolagadas polo río; agora nin hortas nin Cubela nin río, e a tía Agustina cariñosa e amiga de recoller o pelo nun moño baixo descansa cerquiña de Pondal en san Amaro; cosía a miña avoa Pura, a súa cuñada, tiña unha táboa enorme a carón da cama turca e desde aquela fiestra eu miraba que a cuadrilla dos nosos “inimigos” non localizase e desfixese o tesouro agochado [papel de cores dos caramelos cuberto dun cristal cu de botella verde tapado con terra nun furado], lembro perfectamente o xiz azul que usaba para marcar as liñas nas teas… e tamén cosía a tía Maruxa en Valencia do Sil, naquel comedor de luz inesgotable que daba ao negrillo, ao pendello, á palleira, na aldea chea de vida e rapazada noutrora, con forno comunal, aira, fontes, breveiras, concheiros e barcaza inmensa que transportaba de todo dunha e doutra banda do río: a avoa Pura –orfa de pai e nai- cosía porque non quixo seguir os pasos da avoa Xenoveva, cigarreira e suxeita a un horario fixo; en cambio a tía Maruxa, que fora aprender corte e confección a Barcelona onde residía xa un seu irmán, o tío Fulxencio, era costureira ou modista de vocación, mans de ouro as que ela tiña, ela foi a que lle fixo o precioso vestido de noiva á miña nai, unha irmá para ela. Descansen as tres, Pura, Agustina e Maruxa, en paz. Costureira era a muller tamén de pedra do Trual, en Valencia, que preferiu ser pedra que maltratada en poder do Roldán famoso; costureira a de Castelao, que logo colle a lepra, coitadiña; hai modistas en O lapis do carpinteiro, e á costura dedicará o seu tempo Lola, en As Rulas de Bakunin, por poñer sí un par de exempliños. Costureira bonita igualmente a de Maside).

 ("Home pedindo esmola", Lorenzo Lede Mouriño)

 ("Home agardando", Pedro J. Rodríguez Álvarez; debaixo: "Home cun neno no colo",  Emilio J. González Martínez, e "Maleta", Álvaro Somoza López)

Déixovos xa para que miredes as fotos e pensedes se paga a pena vir un día dar unha voltiña por Silleda. Non quixera pechar esta páxina sen que lle deamos sinceros parabéns ao Celta, que hoxe celebra os seus 95 anos de existencia como club. Toda Pontevedra e toda Galicia está hoxe de festa co equipo de Balaídos. 

 ("Home de pé co seu fillo", José L. Fernández Ferradáns)

 ("Muller despedíndose", Nicolás Ricón Luis; Nicolás tamén é o autor do Gaiteiro, o Rilo, de Betanzos, así chamado, famosísimo, cantado por Vales Villamarín, nacido en Oza dos Ríos...)

 ("Zapateiro", José Gómez de Bernardo)


(Arriba: "Canteiro", de Víctor M. Otero Sanjorge; debaixo: "Ferreiro, de Víctor Durán Cabanelas)


xoves, 16 de agosto de 2018

VISITANDO


VISITANDO DEZA

Paseo por Trasdeza

(Cada intervalo mide dez centímetros)
 
Como moitos de vós xa sabedes, boa parte do verán pasámolo en terras de Trasdeza. Gústanos dar paseos, e algúns poden ser interesantes, de certo proveito. Aí atrás, dando unha voltiña ao chou, atopamos esta xoia, este pequeno tesouro en pedra. É de propiedade particular: aseguráronnos que leva na casa de moi vello, e xa lle teñen ofrecido cartos para comprarllo mais néganse, é da casa. Un poderoso argumento. 

 (As mans, entrelazadas. Podería pensarse nunha figura feminina sedente?)

 

A nós pareceunos unha escultura castrexa, pero chi lo sa... A feitura é tosca, como podedes apreciar polas fotografías. 


Igualmente podería etiquetarse como medieval, supoñemos. Cando lle comentei á miña irmá, arqueóloga, se podería ser unha especie de guerreiro mostrouse moi escéptica: Normalmente na estatuaria de guerreiros castrexos as mans agarran un escudo. A comparanza con estatuas de guerreiro galaicos ou galaico-lusitanos, xa que logo, afórrovola. Iso si, quedamos para outro día e outra páxina emprazados a unha charla sobre eses guerreiros. Na exposición magnífica da que xa falamos neste blog que se desenvolveu en Ourense, denominada In tempore suevorum fixeime nun par de efixies-estatuas funerarias ou pseudo estelas funerarias que moito me recordaron á de Trasdeza que hoxe traemos a Cazatesouros. Seguide desfrutando do verán, con ou sen sol.

 (Estela funeraria -exposición "In tempore suevorum"- de Victorino, morto con cerca de vinte anos. "In pacem")

(Esta, tamén da exposición sobre a época dos suevos, foi a que máis se semella, ao noso entender á figura dezá. Non apuntamos datos, se non falla a nosa memoria, non os había... Si parece ser estela funeraria, pero...)

 (Detalle das mans, é a mesma figura sen datos. Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)

xoves, 9 de agosto de 2018

TEMAS E MOTIVOS


MANUSCRITO AZERRATA CON MAPA





“A Nosa Terra era entón unha illa…”


O día sete de agosto chegou ás nosas mans un manuscrito azerrata con mapa. Eilo! Preséntovolo con moito pracer. É unha beleza de mapa, na miña humilde opinión… Á esquerda a illa chamada A Nosa Terra, á dereita o país de Tagen Ata, que linda cun territorio colonizador e con afán de ser imperio, denominado A Terra Ancha. No medio de Tagen Ata e A Terra Ancha, un cordel de serras, onde habita a aguia Cirus. O corazón de Tagen Ata está ocupado pola Grande Fraga, salferida de pequenos lagos que non se ven no mapa: aí, na fraga, habita o lobo Vela. Tampouco vemos no mapa as quince naves que sulcaron o brazo de mar que separa A Nosa Terra de Tagen Ata: nelas ía Dindadigoe (coa espada Derbfoll), rei da Nosa Terra, para esposar Isebelt, a irmá do rei Enmek Tofen, rei de Tagen Ata, quen logo cabalgará sobre Cirus para comandar o exército que vingará a ofensa feita na súa cara irmá, Isebelt.

Fría Hortensia diralle aos rapaces que veranean ese ano ricaz e inesquecible en Vilanova que en toda historia hai sempre un malvado: o noso mapa está cruzado por dous. O primeiro, malísimo e innecesariamente cruel é Kodraf, irmán de Isebelt, que aproveita a festa de vodas no pazo do irmán o rei, para visitar as cortes onde estaban os fermosísimos cabalos (criados en grea, veloces –eran os que atopou logo Roma e chamará Lampóns) traídos da Nosa Terra e vai cortándolles un por un os seus atributos nun arrepiante masacre que provoca que fuxan espavorecidos e morran logo sen remedio…

O segundo axente do mal é o propio pobo da Nosa Terra: esixirá e clamará por vinganza e deshonrará con viles traballos a propia raíña Isebelt (xa esposada con Dindadigoe e nai dun fillo herdeiro do trono, posiblemente ademais, un trono único: herdaría tanto A Nosa Terra como Tagen Ata). Dindadigoe, que queredes que vos diga, non debería oír as peticións inxustas do seu pobo. Tan desprezable é un rei que comete inxustizas co seu pobo como un pobo que obriga o seu rei a cometelas. Un esposo que converte a esposa en indigna é tocado por esa mesma indignidade. E viceversa, naturalmente. Pero así é a historia, así a narra Fría Hortensia.

Xosé Luís Mendez Ferrín, o autor de Fría Hortensia, constrúe un relato épico poderosísimo. Sen dúbida ningunha, un dos mellores escritos na nosa lingua. Domina por igual a mitoloxía celta que a mitoloxía e narratoloxía tradicional galaica. Celta é o pote de Gradel, celta a sucesión en cadea de animais-axudantes máxicos, celtas son as reminiscencias dunha deusa-amante dos cabalos-deusa egua, celto-irlandesa a fragmentación da illa en reinos. A muller de ferro frío con pano ao cachirulo na cabeza, posuidora da comunicación entre dous mundos, é galega. A aguia que conduce o home-rei ao seu destino (e fixádevos que en Xogo de Tronos tamén hai un animal que voa e conduce a muller-raíña ao seu…, pero Ferrín é anterior no tempo…) pertence á narratoloxía galaica: está en Brancaflor (a do cuspe máxico, a da variña de condón, que o ourensán coñece ben porque as mulleres da famila así llo contaron). A forza física de Isebelt, capaz de cargar ao carrelo os corpos sacrificados de ducias de animais que o pobo de A Nosa Terra haberá de comer, esa forza hercúlea feminina é a das mouras galegas que transportaron penas e rochas ao tempo que fiaban na roca e aleitaban o fillo…

Xosé Luís Méndez Ferrín cumpriu este sete de agosto oitenta prodixiosos anos. Publica Amor de Arhur no ano mil novecentos oitenta. En Retorno a Tagen Ata, vemos un só país (A Nosa Terra e Tagan Ata).

Parabéns, señor das nosas letras!

 (Foto tomada da prensa, en Internet. Vemos á dereita da fotografía a X. L. Méndez Ferrín, daquela Presidente da RAG. Desde o principio animounos a que celebrásemos o 120 aniversario da posta en marcha do 'Instituto da Guarda'. El mesmo impartiu naqueles actos no 'Paraninfo' -así chamaba el o salón de actos nobre- unha conferencia sobre a importancia dos centros públicos na Educación do país. Sentimos non ter a man unha foto mellor...)