23 de abril. Día de Cervantes
De fortuna e adversidades da estatuaria de Cervantes vinculada a Galicia
![]() |
| (Busto de Miguel de Cervantes na vella Praza do Campo ou do Pan, hoxe Praza de Cervantes. Santiago de Compostela) |
Presento ante os vosos ollos un par de notas sobre estatuaria cervantina feita por galegos, mercé a galegos ou en Galicia. Deixaremos a porta aberta a futuras investigacións: confesamos con absoluta sinceridade, e un chis de desolación, que non atopamos datos básicos sobre boa parte das estatuas das que trataremos. Son as cousas da vida. Salvo erro pola nosa banda, son cousas que tamén indican a triste desidia en que nos instalamos comodamente en ocasións.
![]() |
| (Estatua de Antoni Solà dedicada a Cervantes situada na vella Praza de Santa Catarina, hoxe das Cortes) |
Empezaremos pola estatua de Miguel de Cervantes en bronce, da autoría do escultor catalán Antoni Solà i Llansas, que se ergue en Madrid, na Praza das Corte e antes de Santa Catarina. Foi a primeira de carácter digamos totalmente civil (aínda que a espada de D. Miguel nos di que era un militar). Foi fundida en Roma e chega a Madrid en 1835. Lemos no artigo fundamental de Pérez-Magallón[1] que a obra vén debidamente asinada:
ANTONIO SOLÁ. BARCELONÉS / LA HIZO EN ROMA AÑO 1834; FUNDICIÓN LUIS JOLLAGE Y GUILLERMO HOPSGARTEN PRU-SIANOS
Aínda que a estatua foi erixida pola vontade expresa do rei Fernando VII, realmente a quen lle debemos boa parte do mérito e quen contactou con Solá foi o ferrolán Manuel Antonio Fernández Varela, un home con moito poder na corte (ten ficha na RAH, fonte sempre fiable[2]): arcediago, confesor, gran predicador, escritor, conselleiro real, comisario xeral de Cruzada, académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Todo un mecenas. El mesmo custeou a estatua. Na prensa galega podemos ler o seguinte verbo desta figura histórica: El señor Varela protegió a mucha y muy diversa gente distinguiendo especialmente a sus paisanos los gallegos: fundó colegios, desecó lagunas, erigió la estatua de Cervantes que está en la plazuela de las Cortes, ayudó a Larra, a Espronceda y dio a conocer a Pastor Díaz (: El correo gallego, 1/12/1961).
| (Obra de Antoni Solà na catedral de Ourense) |
![]() |
(Manuel Fernández Varela, ferrolán, mecenas na corte de España)
|
O propio Miguel de Cervantes tivera, como é ben sabido, un gran mecenas galego, o VII Conde de Lemos, Pedro Fenández de Castro, seis anos Virrei de Nápoles, personaxe moi interesante, amante tamén das letras[3], quen soubo -como di unha das súas biógrafas, Isabel Enciso Alonso-Muñumer- valorar a cultura e poñela ao servizo da súa liñaxe. Este Pedro ben merecería inda que fose unha placa nun recanto dalgunha estatua cervantina ou no grupo escultórico de Collaut Valera na madrileña praza de España pero, ou moito erramos, ou nada disto nos deixaron os escultores. A non ser, claro está, que queiramos transcender e ver nos libros esculpidos na man de Miguel as dedicatorias (a segunda parte do Quijote, as Novelas Ejemplares, o Persiles, varias comedias e varios entremeses) para o seu mecenas da casa de Lemos[4].
Se a arriba amentada estatua cervantina de Solà é a primeira dedicada ao escritor insigne en España, a primeira en Galicia -sempre no que nós sabemos- é a que está na capital do Vello Reino, na Praza de Cervantes, así chamada precisamente por acharse nela o busto dedicado a M. Cervantes Saavedra. Antes foi chamada o Foro, na Idade Media; tamén Praza do Campo (posiblemente por estar situada en tempos extramuros) e tamén Praza do Pan. Cando cambiou de nome e pasou a denominarse Praza de Cervantes? Como é lóxico, foi a raíz de colocarse alí a estatua, o busto cervantino. No percorrido que se cita co gallo dunhas celebracións en Santiago de Compostela no ano 1841 aparece a Praza de Cervantes: Santiago. Descripción de las funciones que mandó hacer el Ayuntamiento de esta ciudad en el dia 13 del presente mes y año, en celebridad de la elevación del Duque de la Victoria á Rejente del reyno (en El Iris del bello sexo, 20/06/1841. Artigo asinado por A. J. C.)[5]. Ao busto cervantino de Compostela xa se refire Antolín Faraldo nun artigo publicado en El Recreo Compostelano (nº VII)[6]. O escrito de Faraldo, un dos preclaros artífices do Provincialismo, como deberiades saber ben as que fostes e os que fostes parte do meu alumnado, non ten desperdicio. Na nosa humilde opinión goza das humanas calidades que nos adornan case que sempre aos galegos: é irónico, incluso burlesco e non lle falta a súa dose de contradición[7]. Cremos que aos ilustrados desa tertulia (El recreo compostelano [ERC]) non lles gustaba moito o busto, ao que chaman o til sobre o í. Pero dános datos concretos: segundo Faraldo foi o concello de Santiago o que erixe o busto de Cervantes nesa praza no ano 1939. Ignoramos quen foi o escultor. Para sabelo habería que ir ao arquivo do concello e procurar as actas dese ano para ver cando e a quen se lle encargou o busto e canto se pagou pola labra en pedra. Quede ese traballo para futuros investigadores. Na prensa da época que logramos revisar tampouco hai datos.
![]() |
| (Comparativa entre a obra anónima -no que nós sabemos- compostelá e a anterior no tempo, a obra de Solà colocada en Madrid) |
O único que podemos engadir é unha breve análise comparativa entre o busto de Santiago e a estatua de Solà en Madrid. Hai un certo aire de semellanza entre as dúas. En común temos o personaxe vestido con xibón abotoado e colo de gorgueira. En ambos casos o escritor loce perilla e bigote e ten o pelo rizado, con entradas na fronte, e viste con capa curta enriba do xibón. Tamén teñen en común ambas representacións eses adornos ondulados do tipo da gorgueira nos puños do xibón. Hai que dicir que non é difícil de concibir a influencia da obra de Solà en territorio galego. O xa amentado Manuel Fernández Varela contacta co escultor catalán para encargarlle, en comandita co cabido catedralicio ourensá, que traballe na labra do sepulcro do Cardenal Pedro Quevedo (morto en 1818), polo que Fdez. Varela sente unha grande estimanza, na catedral de Ourense. Sabemos que a magnífica obra, datada en 1833, executada en mármore de Carrara e custeada por Fdez. Varela, chega desde Roma a Pontevedra e de alí viaxa a Ourense. É dicir, que o traballo de Solà de ningunha maneira era descoñecido en Galicia á altura de 1839, data en que Faraldo di que se colocou o busto de Cervantes na praza compostelá que honra o escritor universal de apelidos galegos.
(Foto tirada do artigo de García Iglesias. Ao fondo, a escultura dedicada a Cervantes)
(
![]() |
| ("Miguel de Cervantes imaginando El Quijote", cadro do sevillano Mariano de la Roca y Delgado. Museo do Prado. Levou medalla na Exposición Nacional de 1858). |
No caso anterior temos un busto de autor anónimo. Agora pasemos a tratar de tres casos de estatuaria cervantina en Galicia con autor coñecido e paradeiro descoñecido. Xa dixemos antes, son os casos do mundo… Podiamos relembrar os famosos versos Que se hizo?
Unha é a estatua de Cervantes labrada polo escultor santiagués Juan Sanmartín e Serna (Santiago de Compostela, 21.IV.1830 – 13.X.1898 [8]. Sabemos que existiu e vimos fotografías[9], pero ula? Onde andará, caso de que se conservara? No artigo do profesor Iglesias dátase a estatua en xeso de Cervantes feita por Sanmartín en 1886. Presentouna á Exposición Nacional de 1887. Porén, o artista santiagués modelouna un par de anos antes como mínimo porque lemos na prensa o seguinte:
Debemos a la casualidad […] la fortuna de haber admirado una estátua de Cervantes en el estudio del ilustre cuanto modesto escultor D. Juan Sanmartin de la Serna (en El diario de Lugo, 20/4/ 1884).
(información tirada do artigo citado de García Iglesias)
Tamén se di que a obra en xeso foi doada á Real Academia Española, pero a directora do arquivo académico, Covadonga de Quintana desmente que estea depositada na RAE:
Nos gustaría aprovechar la oportunidad de la presentación del catálogo para mencionar las obras escultóricas que no llegaron a la Academia, que ya no se conservan, que se perdieron o que fueron rechazadas. Entre las que no llegaron a formar parte de la colección, tenemos documentada una estatua de Cervantes del escultor Juan Sanmartín y Senra (1830-1898), que fue presentada en la Exposición Nacional de 1887 y fotografiada por Laurent ese año. La posibilidad de que la obra llegase a la Academia fue anunciada por Antonio Cánovas del Castillo, en la junta extraordinaria del lunes 5 de julio de 1886. Cánovas comunicó a la Academia que el ministro de Fomento le había participado en dos cartas que se conservan en el Archivo, que el Gobierno había adquirido una estatua en yeso de Cervantes, obra del escultor Juan Sanmartín, y que se proponía hacerla vaciar en bronce y ofrecérsela a la corporación «con objeto de que ornase el pórtico u otro sitio del nuevo edificio que para ella ha de construirse». Es una pena que la obra no llegase a la Academia (“La Colección de esculturas de la Real Academia Española. Catálogo y documentación”. BILRAE · N.º 25 · 2025 · págs. 1-109, p. 6).
O dito, ula? Cal sería o destino desta obra do noso paisano?
![]() |
| (O escultor Ramón Núñez, quen fora Director da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, onde deixou interesante obra) |
O segundo escultor relativamente coñecido que esculpiu unha estatua de Cervantes en Santiago de Compostela é Ramón Núñez. Non logramos foto nin averiguamos onde estará esa estatua a día de hoxe. Agora a nosa fonte de información básica é un catedrático da Universidade de Valladolid, Salvador Andrés Ordax (vid. nota 5). R. Núñez Fernández, nacido en San Fernando, Cádiz, en 1868, consegue, sendo un xove catedrático, praza de “Modelado y vaciado” na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, da que toma posesión en marzo de 1894. En Santiado foi tamén “Escultor anatómico” na Facultade de Medicina. Chegou a ser Director da citada Escola de Santiago e logo da de Valladolid, a onde se traslada a vivir en 1912. Reproducimos textos clave do artigo de Ordax:
En la columna que firma Rodríguez Díaz 367 en 1912 habla de obras de Núñez que describe: De menor importancia es un busto de Cervantes colocado muy graciosamente encima de los dos tomos de El Ingenioso Hidalgo. / La cabeza de Cervantes destaca sobre la rizada gola con expresión indagadora; su ancha frente surcada por las arrugas y coronada por una cabellera crespa, es verdaderamente pensadora. Y cuando en 1928 el mismo periodista recapitula sobre el pasado de Núñez dice que en Santiago hizo «un relieve representando un episodio de la guerra de la Independencia…, un busto de Cervantes y otras muchas esculturas». Por tanto, sin duda hizo un busto Cervantes en Compostela, aparte de que además tuviera algún busto en fotos o colección privada del escultor (p. 159).
Por parte de las fuerzas vivas de la cultura compostelana se trató sobre aspectos a celebrar en ese centenario [da publicación da I parte do Quijote], y en marzo de 1905 se reunieron en la «Sala de togas de la Universidad» cinco representantes de la Universidad con otros del Instituto, la Escuela Normal, la de Artes e Industrias y la de Veterinaria. Acordaron que se representase la comedia de Ventura de la Vega, Don Quijote de la Mancha, o bien otro acto cultural, así como también organizar actos populares. Y de modo especial se pensó «levantar en la plaza del Hospital un vistoso pedestal para recibir el busto de Cervantes modelado por el señor Núñez». Una comisión de esas iniciativas se dirigió al alcalde don Lino Torre, que «les ofreció la incondicional cooperación del Ayuntamiento», pero no hemos documentado los resultados oficiales. Por supuesto no parece que se llegara a erigir un monumento en la plaza del Hospital, espacio significativo que la ciudad deseaba ordenar progresivamente hasta ser reconocida como «Monumento Nacional». Mas, aunque en aquellas fechas no prosperase ese impulso «cervantino» en la destacada Plaza del Hospital[10] (después de Alfonso XII, ahora del Obradoiro), es evidente que se aprovechó la gran Columna que había en la «Plaza do campo», o «Plaza do pan», donde funcionaba el Mercado hasta que a fines del XIX fue trasladado al Mercado de Abastos. Entonces esa columna que servía a los «castigos públicos», recogiendo el espíritu cervantino, permitiría satisfacer la idea señalada por los organizadores, colocando el busto que había modelado Ramón Núñez, y por ello se llamó Plaza de Cervantes (p. 160).
Xa dixemos arriba que o señor Ordax debe estar equivocado: canto menos no relativo á data en que a Praza de Cervantes toma ese nome. Tamén, se unha servidora entente ben as súas palabras, erra ao dicir que o busto que está actualmente na columna da vella praza do Pan ou de Cervantes é o de Núñez. En fotos antigas, en concreto nunha que vos amosamos, de 1884, vese ben que xa está o busto de autor anónimo, colocado en 1839 segundo Faraldo, por iniciativa do Concello e -esta é unha suposición- talvez por iniciativa dunha asociación cultural, sexa a Universidade ou sexa a Sociedade Económica de Amigos do País, activa desde a súa fundación en 1783. A pregunta segue en pé: onde está o busto de Cervantes esculpido por Ramón Núñez Fernández durante a súa estadía en Santiago de Compostela? A resposta pode que estea en mans dos seus familiares vivos. Tivo, sabémolo grazas á amable comunicación persoal do señor Salvador Andrés Ordax, sobriños, algúns dos cales estudaron en Santiago.
(Fonte: "El Correo Gallego", 24/3/1905)
![]() |
| (Foto de Santiago de Compostela do ano 1884. Tirada de Internet) |
Outro artista que esculpiu unha estatua de Cervantes é o pontevedrés Francisco Asorey, suficientemente coñecido por todos nós. Calquera cidade ou vila onde hai obra de Asorey pode sentirse honrada.
Jose Rey F. Alvite tras unha visita ao obradoiro do escultor en Santa Clara, Santiago. dá noticia do modelado de Cervantes en xeso de Asorey na prensa: El correo gallego, 8/11/1961:
Supoñemos que aquí se nos está dando a data, 1952, en que Asorey inicia a labra do busto de Cervantes. Temos noticia en 1956, nunha entrevista que recolle Maribel Iglesias Baldonedo[11], desa obra:
-Que [sic] tiene ahora entre las manos?
-Dos cosas un busto de Cervantes para el ateneo de Montevideo y un monumento a Rosalía para Padrón.
Vemos que a sorte desta obra foi viaxar a América, como tantas outras obras dos nosos artistas. No Museo do Pobo Galego conservan unha escaiola deste busto de Asorey.
E ata aquí chegamos por hoxe. Se tivese novas do paradeiro da obra de Núñez ou se conseguise unha foto do busto de Asorey en Montevideo, non dubidedes que compartiría a información convosco.
![]() |
| (Tirado da tese de Maribel Iglesias) |
[1] Jesús Pérez-Magallón (2014): “Cervantes: estatua en Madrid, monumento de la nación”. Anales Cervantinos, vol. XLVI, 237-256.
[2] https://historia-hispanica.rah.es/biografias/16419-manuel-antonio-fernandez-varela
[3] Coñecemos algunha das súas obras, como por exemplo El Buho Gallego. Hai unha gran experta neste grande galego de España, a investigadora lucense Manuela Sáez González. José María Asensio publicou no ano 1880 un libro básico para o tema: El Conde de Lémos, protector de Cervántes.
[4] Tampouco non fariamos nada de máis: tanta é a capacidade evocativa deste obxecto, o libro. Depositario de memorias e vidas, de memoria individual e de memoria colectiva.
[5] Parece que erra, xa que logo, o señor S. A. Ordax cando di: Entonces esa columna que servía a los «castigos públicos», recogiendo el espíritu cervantino, permitiría satisfacer la idea señalada por los organizadores, colocando el busto que había modelado Ramón Núñez [con moita posterioridade respecto a 1840], y por ello se llamó Plaza de Cervantes (en: Salvador Andrés Ordax (2020), De Santa Cruz a lo más alto, Universidad de Valladolid, p. 160).
[6] https://academia.gal/archive-hemeroteca-web/paxinas_numero.do?id=2013&d-447263-p=15¤t_page=2
[7] Por que dicimos que o betanceiro, Antolín Faraldo, é contraditorio? Analicemos a frase de por que unha cidade de segunda ten unha estatua dun prócer literario de primeira, é dicir, digno de España. Deixando a un lado a burla de chamarlle a Santiago “de segunda” (algo discutible aínda que non fose “capital” de Galicia, pero si centro universitario de primeira categoría e arcebispado, algo moi importante na época), Faraldo sabe que os historiadores dan testemuño da orixe galega dos dous apelidos, Cervantes e Saavedra (el mesmo amenta a Xosé Verea e Aguiar, autor dunha historia, Historia de Galicia, que se acababa de publicar, en 1838, onde se trata da “oriundez” do escritor alcalaíno). Ese só argumento ten xa tanto peso que abonda para situar o autor do Quijote a carón dos outros fillos de Galicia que el amenta. E querendo, podemos argumentar tamén que ao lado dos apartados da revista ERC en que se fala das Marabillas de Galicia ou das Glorias Gallegas (por exemplo, galegos heroicos nas Navas de Tolosa; ou cando fala de la grandeza de los celtas gallegos), hai outros apartados titulados Lo que vale España ou La Historia de las Glorias Españolas. Lendo con detemento, un pode comprender que o espírito destes provincialistas é xusticeiro, magnánimo. Teñen un corazón grande e de ouro: queren repoñer a xustiza poético-histórica, darlle a cadaquén o que lle corresponde, desenterrando a lousa do esquecemento que inxustamente tapou méritos e glorias pasadas. Non cremos, honestamente, que haxa un galego/español que máis necesitase xustiza que Cervantes. Cervantes goza das nosas simpatías, non só porque ten orixe galega, non só porque moito temos gozado cos seus libros [moitas horas lle dedicamos á súa lectura, moito nos deleitamos cos seus nomes, coas paisaxes na a famosa Ruta do Quijote do noso Instituto], senón porque vemos nel facetas dun prototipo de ser humano que nos resulta especialmente querido: heroe inxustamente tratado polo poder: mente irónica en loita ou dialéctica coa incomprensión e o fracaso.
[8] https://historia-hispanica.rah.es/biografias/41195-juan-sanmartin-y-serna
Sentimos especial querenza por este artista galego, pouco coñecido a día de hoxe. Hai obra súa na igrexa de San Francisco de Santiago de Compostela, quizais algo cuberta de po, pero aí está. Está a piques de ver a luz un noso traballiño sobre os Nicoli en Galicia, onde falamos de Sanmartín (Revista Cornide nº 7).
[9] A nosa fonte de información básica de onde obtivemos as fotografías é esta: José Manuel García Iglesias (2019), “Un retrato del escultor Juan Sanmartín y Serna, obra del pintor madrileño José Alarcón (1886)”, Sémata, vol. 31, 235-249.
[10] Houbo moita contestación por parte da prensa galega a que se levantase unha estatua nesa praza, hoxe do Obradoiro. Nin a Montero Ríos, nin a Cervantes nin a ninguén. O argumento que se esgrimía era que nada era merecente de perturbar ou de “contaminar” o protagonismo absoluto do templo dos templos da cristiandade aquí nesta parte do mundo…
[11] Trátase da Tese de Doutoramento que esa investigadora presentou na USC no 2015, baixo a dirección de José Manuel López Vázquez: https://centros.edu.xunta.gal/cafi/aulavirtual/pluginfile.php/197207/mod_resource/content/1/rep_1206.pdf

_Madrid_02.jpg)












Ningún comentario:
Publicar un comentario