LENDO A…
LENDO A JOSÉ PACHECO. NÓTULA FRASEOLÓXICA

(Coro da Catedral de Mondoñedo)
Hai uns días chegaron ás nosas mans, grazas ao noso prezado colega F. J. Charlín (falamos del neste mesmo blog, La imagen legendaria de Valle-Inclán: del Marqués de Bradomín a Max Estrella y don Ramón, 2/6/2024), uns versos dun vilancico escrito no que parece galego-portugués. Velaquí:
Grandes novas, galeguinhos, / Vamos a Belem correndo, / E veremos já nascido / O Mesías verdadeiro.
Vai a mao que estava o mundo/ Esperando que este Neno / Vinhese a ceibar os santos / Que estaban no limbo presos.
A Charlín o vilancico chégalle da man do seu amigo Julián Jesús Pérez[1]. Julián dinos que a fonte do texto poético é unha partitura fotocopiada que lle deron hai anos e que o seu autor é José Pacheco.
A autoría é boa[2]. O vilancico leva por título Grandes novas galleguiños. Pacheco e Basanta viviu de a cabalo do XVIII e o XIX, foi mestre-capela da Catedral de Mondoñedo e compositor notable. E non só iso, foi un autor prolífico, deixou máis de 300 composicións no arquivo catedralicio[3].

(Foto tirada da páxina web de "Solo Voces". A rúa de Mondoñedo leva o nome de Pacheco)
Mais a nós o que nos interesa hic et nunc é unha das frases con que constrúe a segunda estrofa do vilancico citado: vai a mao que. Nunca antes a tiñamos visto ou lido, polo menos conscientemente. O profesor Charlín e unha servidora démoslle unhas cantas voltas e, tras examinar atentamente a concorrencia desa unidade fraseolóxica no corpus básico para o século XIX, o TILG, chegamos á conclusión de que o seu valor semántico vén sendo este: é sabido que, é de todos coñecido que, é obvio que.
Aínda que, se habemos de dicir toda a verdade, hai unha documentación de Noriega no TILG que fai pensar non tanto na obviedade de algo como no tempo que hai xa que algo pasou:
Porqu'é de tan mala entraña xa Dios fará que non teña máis que imundicia , e que veña sin folgos de terra extraña: dun recuncho da montaña vai a mau que se largou , e aínda hoxe non lle mandou a nai , que chora por el , catro renglós nun papel (Antonio Noriega, Montañesas, 1910).
Aquí parece cadrarlle de marabilla a acepción onde vai (que se largou). Observade que desa acepción de onde vai! pásase ben á acepción non me dis nada novo, xa se sabe, é dicir, onde vai que se sabe.
Algo máis ou menos semellante podemos engadir se examinamos a documentación de Mediante sempre no TILG:
É verdá xa sabida vai á mau que pra un home ser cordo entre as mulleres; facía falta, ¡ carape ! ser de pau (Antolín Santos Mediante, Escolma (Galego de Asturias. Delimitación, caracterización e situación sociolingüística. Tese de doutoramento), ano 1926).
Neste texto o valor de vai á mau é de reforzo de é verdade sabida ou nos inclinamos por desde hai tempo? Cada quen pode tirar a conclusión pertinente. Vai a man que en filoloxía, coma en medicina, non sempre dous mais dous son catro.
Estas dúas documentacións do TILG, a de Noriega e Mediante, confirman a orixe da unidade fraseolóxica no bloque central, na área mindoniense, con penetración no galego oriental.
A terceira concorrencia no TILG confirma, salvo erro noso na interpretación da sinatura, a procedencia xeográfica do bloque oriental:
Xa vai á man que iste simpático libriño […] está agardando por istas liñas (Revista Nós, nº 133, ano 1935, información bibliográfica asinada A. I. A. Entendemos que a pluma é de Aquilino Iglesia Alvariño, orixinario da Terra Chá).
Resulta moi curioso comprobar, e con isto concluímos esta nótula, que en portugués dialectal a frase vai a mão significa o contrario que no galego estudado. Lemos:
Ir à mão ‘contrariar’ (Guilherme Augusto Simões, Dicionário de Expressões Populares Portuguesas).
É este un fenómeno semántico interesante e non descoñecido, o do cambio de polaridade semántica, de positivo a negativo ou viceversa. Témolo por exemplo en (res) nata (de ‘cousa nacida ou existente’ pasamos a ‘nada (de nada)’, témolo no castelán menudo que pasa a significar o contrario en usos como menudo problema!, témolo en boa en usos do tipo boa a fixeches! e na frase madia leva! Esta última frase en falantes dezaos, por exemplo, úsase co valor positivo de ‘que sorte!’, mentres que o valor etimolóxico tiña que ser todo o contrario, o que se corresponde cun mal día.
Ata aquí chegamos por hoxe.

(Libro imprescindible sobre os vilancicos galegos)
[1] Julián J. Pérez é todo un referente na música coral de Galicia. Catedrático de música de Instituto, director de diversos coros ao longo da súa traxectoria, autor dunha biografía sobre Julían Pérez Palacios… Hai unha entrevista en prensa da que é protagonista e que vos pode resultar interesante en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/01/07/julian-jesus-perez-me-atrae-coros-musica-companerismo/0003_201901H7C8991.htm
[2] Hai cumprida información deste vilancico en: Carlos Villanueva, Los Villancicos gallegos, 1994, 258.
[3] Hai un bo resumo da traxectoria vital de Pacheco en: https://www.solovoces.com/es/jose-pacheco. Pola nosa parte, nós localizamos datos na prensa da época e vemos que foi un ser solidario: contribúe con 60 reales de vellón para a Xunta de Beneficiencia e Caridade da cidade de Mondoñedo. Figura no listado como “José Pacheco. Maestro de Capilla de esta S. I. C.” (Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 4/11/1853). Villa-amil y Castro deixou unha semblanza de Pacheco, tamén de recomendable lectura (Almanaque de Galicia, 1867, pp. 33- 36).

Ningún comentario:
Publicar un comentario