GALICIA INMORRENTE
DE GALEGAS E GALEGOS NA DIÁSPORA I
(Foto tirada da páxina da revista "Casa Galicia" neoiorquina)
Cando a miña irmá e o seu esposo haberá uns 25 anos viaxaron a Nova York, onde temos familia, visitaron o Museo da Emigración da Illa Ellis. Á miña irmá, que é licenciada en Historia, chamoulle a atención que non figurara Galicia entre os pobos orixe de bolsas importantes de emigración. Podiades pensar que estaría integrado o fenómeno baixo o nome de España pero si que figuraban os vascos. Nada novo baixo as estrelas, podiades comentar. Galicia é tantas veces na historia coma Urganda a descoñecida… Francamente, pódese dicir así. Cando Humberto Morales, prestixioso lingüista, publica en 2010 o seu Diccionario de Americanismos hai varias páxinas no inicio do magno libro con listados de linguas que influíron na formación do español de América: figura o inglés de aquí e acolá, o portugués, o brasileiro, o aragonés… pero non o galego. Si, certamente, o mundo está cheo de inxustizas e esta non é das maiores, se ben todas feren (a derradeira mata).
A emigración a América do Sur desde Galicia está moi estudada. En troques, non hai moitos estudos da presenza de galegas e galegos nos EEUU. O número dos que se asentaron nese territorio non ten comparanza co dos que iniciaron unha nova vida na América hispana. A migración debeu ser máis fluída no último cuartel do século XX e, sobre todo, no tránsito do XIX ao XX.[1] Sabemos que The White Star Line, por exemplo, aparece por primeira vez en 1870, repite en 1873 sen consolidar escalas pero a partir dos anos dez canalizará emigrantes galegos aos EEUU desde Liverpool[2].
![]() |
(Directiva de "Casa Galicia" en N. Y. nos anos 60. Vemos o coruñés ilustre, Emilio González López, de pé, é o quinto contando de esquerda á dereita) |
Tamén sabemos que a maior parte dos noieses que viaxaron aos EEUU o fixeron desde o porto de Vigo. Alí case todos eles subiron ao transatlántico SS Mongolia, de la American Line que daquela cubría periodicamente o traxecto Hamburgo-Vigo-Azores-Nova York. E houbo quen viaxou no SS Manchuria, da mesma compañía navieira, que cubría o mesmo traxecto mais en diferentes momentos do ano. Esta mesma fonte de información dinos que non faltou quen abandonou a súa Galicia natal desde o porto da Coruña noutros barcos, coma o Gothland, o Louisiane e o Niagara (en: https://elrincondelagenealogia.wordpress.com/2015/11/10/los-noyeses-que-emigraron-a-nueva-york-2/).
Os nosos avós maternos, que emigraron a Cuba a principios dos anos XX, fixérono desde Vigo. O avó Ángel ía chamado polo seu irmán maior, o tío-avó Belisario. A figura deste tío Belisario está envolta nunha especie de halo épico. Foi un dos primeiros galegos en viaxar aos EEUU. [3] Segundo os dicires da nosa familia (irmaos da nosa nai e curmáns nosos criados con el e cos seus fillos na Maia, Oriente, Cuba) de moi novo viaxou aos EEUU como polisón. Foi traballar ás minas en California. Falamos dos anos arredor de 1900. Serían minas de ouro? Probablemente (nós fixemos no ano 2012 parte da famosa ruta 66 e vimos un par de vellos campamentos de mineiros abandonados había como moito décadas…). Faría algo de fortuna xa alí? Non temos datos. Logo pasou a Cuba e na illa caribeña si que acabou logrando unha grande riqueza.[4]
Hoxe queremos traer á palestra uns breves retrincos da vida dos emigrantes de Galicia en Nova York na primeira metade do século XX. A colonia galega na cidade do Hudson debeu ser abundante. Nun artigo fundamental fálase de máis de 188.000 galegas e galegos que emigran aos EEUU legalmente entre 1900-1924 [5]. E só en Nova York a prensa cifra en 12000 o seu número na década dos 30 (El pueblo gallego, 7/9/1938). En que traballaban? Polo que puidemos averiguar había moitos fogueiros, traballadores nas fábricas etc. (Artigo de Jaime Solá en Vida gallega : ilustración regional, 5/6/1914). Sabemos que eran fortemente solidarios:
![]() |
(Seoane contribuíu tamén nas ilustracións da revista) |
Segundo lemos no periódico español La Prensa, de Nova York, as sociedades galegas “Sada y sus contornos” e “Club Coruña”, recadaron na Festa da Flor a cantidade de 1.120 dólares, deducidos gastos. Desta suma destináronse 560 dólares ao Sanatorio Marítimo de Oza e unha cantidade igual á Escola Integral de Sada (El Compostelano, 10/7/1925).
![]() |
(Do artigo de Jaime Solá) |
E tamén podemos engadir que antes de proceder a unirse, estaban repartidos en distintas sociedades.
Unha das publicacións máis interesantes das que editan os nosos paisanos en Nova York é a de Unidad Gallega, fundada a principios dos anos 40.
![]() |
(Artigo de EGL 2) |
![]() | |
(Artigo de EGL 1) |
A sección de Instrucción e Cultura desta sociedade galega é digna de subliñarse. Organizaban conferencias, algunhas delas memorables. Entre os conferenciantes vemos nomes importantes na historia de Galicia e de todo o mundo hispanoamericano: Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal, Ciro Alegría, Arturo Uslar-Pietri etc.
![]() |
(Artigo de EGL 3. Publicado na revista "Unidad Gallega"). |
Non me vou estender moito máis. Hai sobrada información nas páxinas de dominio público, a xa amentada do Consello da Cultura Galega e a da propia asociación neoiorquina (https://www.casagaliciany.com/casa-galicia.php).
![]() |
(Nese espléndido álbum que podedes ler porque é de dominio público hai varias fotos de xente procedente de Galicia, como as persoas que ocupan o lugar central na fotografía) |
Só un detalliño, antes de deixar a pluma: o nome feminino Anduriña. Documentámolo aí por primeira vez no que nós sabemos. No ano 1946. Na páxina do CCG vedes a foto onde aparece a meniña chamada Anduriña. Adiántase máis de 20 anos á celebre Anduriña de Juan Pardo. O cal nos fai relembrar que hai nomes míticos galegos, como Lugo, que se documentan antes fóra ca dentro de Galicia.[6]
![]() |
(Unha das meniñas, calculamos que é a do centro, á dereita, é Anduriña) |
[1] La migración gallega a Estados Unidos tuvo lugar principalmente entre 1868 y 1930 (https://es.wikipedia.org/wiki/Inmigraci%C3%B3n_gallega_en_Estados_Unidos).
[2] Alejandro Vázquez González, “El ocaso de la armaduría gallega y la emergencia de los nuevos señores del transporte emigratorio a América: los consignatarios (1847-1880)”, Semata 11, 235-255).
[3] Probablemente é unha observación hiperbólica. Limítome a reproducir o que oio na familia.
[4] Lemos unha mención do noso tío-avó nun artigo de dominio público sobre a construción dun cuartel en Songo (nas partidas de nacemento dos irmaos da nosa nai, figura “Alto Songo”), La Maya, Cuba, nos anos 40 do século pasado (parece que os terreos onde se construíu ese cuartel eran antes canavais da propiedade do tío Belisario) (https://www.ecured.cu/Cuartel_de_la_tiran%C3%ADa_en_Songo_La_Maya).
[6] No noso dicionario de nomes (Dime quen leva o meu nome) comentamos: Lugo. Nome de home. Vén do topónimo galaico Lugo. Ferro et al. dinnos que houbo galeguistas en América que lles puxeron ese nome aos seus fillos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario