mércores, 27 de agosto de 2025

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA I. 

OURENSE

(Fotografía, tirada de Internet, do merecidamente premiado Brais Lorenzo)

 

Algúns dos que me tratades persoalmente sabedes que me gusta dicir que son metade ártabra (a familia do meu pai vén, coa soa excepción do apelido Allut, de orixe francesa –un francés afincado en Noia haberá un par de centos de anos- no tocante á póla dos Soto, da ría de Ortigueira, na dos Vieiro, de Almeiras), metade guigurra (toda a familia materna vén de Valdeorras: os Arias, os Álvarez, os Trincado, os Rodríguez, os Brasa, os Pomares; no que sabemos só o apelido da bisavoa Clarisa, Barjacoba, vén de fóra de Valdeorras, aínda que de preto…). Hoxe queremos homenaxear as heroicas cuadrillas valdeorresas que loitaron e loitan contra o lume. Dentro das nosas limitadas posibilidades, non achamos mellor maneira que darvos a coñecer un traballiño sobre as Penas Brancas –hoxe desgrazadamente negras- do Trual, por riba da aldea orixe da nosa liñaxe materna, Valencia do Sil. A nosa avoa Rosario contounos a historia cando eu era unha nena. A ela xa llo contaran as mulleres que a precederan. O artigo foi publicado hai anos polo servizo de publicacións da UDC en honra dun eximio ourensán, Manuel Taboada Cid –que Deus descanse-, e non é doado de atopar para que o poidades ler. Só quería facer fincapé nun detalle narrado: Roldán salta co seu cabalo por riba do río Sil. Así saltan nestes tempos as lapas de lume: a enormidade e ferocidade destes lumes modernos fai que –polo menos para nós- sexa imposible negar a importancia do chamado cambio climático. Son altamente escéptica ao respecto. Non é que haxa que coordinar autonomías e goberno central de España soamente. E cústame moito ter fe en Europa a día de hoxe, vista a situación global do planeta. Unha dor tremenda dá recoñecer este escepticismo. Case como admitir que estamos ante un problema irresoluble. E iso vai en contra dos meus principios inalianables. Léase a confianza na especie. No progreso. No amor á Terra. 


 

     









Ningún comentario:

Publicar un comentario