ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN GALICIA
ENTREVISTA AO PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA
![]() |
(Víctor Fernández Freixanes, Presidente da RAG. A foto é cortesía do señor F. Freixanes) |
Mª Rosario Soto Arias: -Moitas grazas, señor Presidente, por concedernos parte do seu precioso tempo. A primeira pregunta é obrigada: onde cursou o bacharelato? Garda algún recordo especial do profesorado?
No Instituto de Pontevedra, que daquela dirixía Filgueira Valverde. Ensino público. Era un centro excelente. Lembro a Mariano García, que nos daba Ciencias Naturais e nos explicou en 1963 a estrutura do ADN; a Isidoro Millán, que nos iniciou aos que viñamos de Ciencias nos segredos da cultura micénica e o mundo homérico; ao propio Filgueira Valverde, que nos explicaba literatura diante dos cadros do museo; a Margarita Carballo, de Física e Química, a Celestino Noya... Era un bo instituto. Xa sabedes o que dicía Max Aub: un é do lugar onde estuda o bacharelato.
![]() |
(Imaxe tirada da páxina web da RAG) |
-Foi vostede nomeado Presidente da RAG en 2017. Nestes anos de presidencia fáganos, por favor, un breve balance: seleccione aqueles logros que valora por riba de todo e seleccione algunhas das cousas que lle gustaría aínda facer.
Fixemos un importante traballo en comunicación: na proxección da institución cara ao exterior. Unha institución que non comunica non existe. No caso da Real Academia Galega, que ten como primeiro mandato fundacional, o estudo e a difusión da lingua galega, esta dimensión é aínda máis necesaria. Logo están os traballos das distintas sección e seminarios (lexicografía, onomástica, literatura, historia, sociolingüística). Sempre que puiden e na medida das miñas posibilidades asistín a todos. Traballamos coa xente nova. Procuramos fornecer de recursos o mundo educativo con materiais varios, que van dende os primeiros niveis de ensino (infantil, primaria) ao bacharelato e mesmo a universidade: Primavera das Letras, Portal das palabras, Voces novas para a lingua, Lingua Guapa, as series anuais dedicadas ás Letras Galegas, vídeos para a divulgación da Toponimia... O traballo é moi intenso e moi variado, mais nos últimos tempos, como dixen, centrado na comunicación cara ao exterior. Non hai máis que botarlle unha ollada á web da RAG e á súa oferta. O dicionario ten cada vez máis seguidores. Nalgún momento chegou a 130.000 consultas diarias. Estamos a traballar no Dicionario Bilingue Castelán-Galego, que agardamos poder presentar antes de final de ano. O Portal Galicia Nomeada actualízase arreo. E logo están as publicacións, en liña e impresas, que calquera pode consultar, o mantemento e actualización constante da biblioteca, a hemeroteca e o arquivo... Temos pendente a Gramática, un proxecto moi ambicioso que esixe moita dedicación e traballo... E as obras de rehabilitación do edificio da rúa Tabernas, que confiamos en empezar a ocupar tamén contra finais de ano...
![]() |
("Neno cun palangre", fotografía de Francisco Pillado. Arquivo da RAG) |
-Voulle ser totalmente sincera no que segue (non sempre se pode, pero ás veces si). Acordeime de vostede este día atrás: o meu esposo está rematando un libro sobre galeguismos en América e eu procuro axudar como “correctora de estilo”. Lendo no limiar atopei este aserto: “foron poucos os galegos que viaxaron a América nos primeiros séculos da presenza española no Novo Mundo”. E eu pensei decontado Que diría Freixanes...?. Non sei se será verdade que “están contados” os que foron ou deixaron de ir, non me cabe na cabeza ese cómputo tan exacto a finais do XV, e no XVI, XVII… Pero o que si sei é que hai, aínda, moito descoñecemento de Galicia, o galego e os galegos no mundo en xeral e entre nós, a tribo hispana, en particular. Houbo moitos grandes mareantes galegos e en particular pontevedreses que deberían estar nos libros de texto dos estudantes dos institutos galegos, e diso vostede, como autor de O triángulo inscrito na circunferencia, sabe bastante, non si? Podería comentar algo das glorias de Galicia neste sentido aos nosos alumnos, señor V. F. Freixanes?
Non son historiador, aínda que algo estudei o tema. A primeira expedición masiva de galegos e galegas, familias enteiras, para poboar as chacras do norte e mais a Patagonia, saen a finais do século XVIII, entre 1776 e 1783, no reinado de Carlos III. Con esas noticias construín eu unha novela: A cidade dos Césares, que foi premio Torrente Ballester no ano 1993. Mais a presenza de galegos no tempo da descuberta e exploracións do continente americano foi moi grande. E alén do continente, en Australia, en Nova Zelandia, nos mares da India... Velaí nomes como Nova Galicia (en México) ou nas illas do mar de Chile, por poñer algúns casos. Ou a toponimia galega espallada por todo o novo mundo. Alberto Vilanova publicou dous tomos só sobre os galegos na Arxentina que, sen saír desa demarcación, xa son un mundo. Nas primeiras páxinas de O triángulo inscrito na circunferencia, efectivamente, hai un canto aos navegantes galegos que exploraron aqueles mares, dende Pedro Sarmiento de Gamboa aos irmáns Nodales, Gómez Catoira, Fernández Gallego, Xoán de Nova, Pedro Mariño de Lobeira, Mourelle de Corme... No libro cito algúns máis nunha especie de procesión simbólica ou santa compaña de navegantes. Os mozos e mozas poderían pescudar nesas biografías. Sería unha experiencia instrutiva.
-Pontevedra é boa vila, / dá de beber a quen pasa. / A fonte da Ferrería, / San Bartolomé na praza. Efectivamente, vén vostede dunha nobre e boa urbe. A min, particularmente, dáme envexa ese museo magnífico, o Museo Provincial e Arqueolóxico. Xa quixera un así para a miña cidade. Con todo, na Coruña non se está mal. Díganos, que tal son as relacións da Academia coas institucións coruñesas? Digamos, de paso, que confiamos en que os arranxos da sede na cidade vella queden ben…
A Coruña é a capital histórica do galeguismo no século XIX e probablemente a cidade de Galicia cunha cultura burguesa moderna que marcou todo un tempo. Non é casual que aquí nacese a Academia Galega e outras moitas institucións, dende o Círculo de Artesáns á librería de Carré e a Cova Céltica, a Escola Dramática de Galo Salinas, as páxinas de El Noroeste que dirixía Vilar Ponte, as baladas románticas da música do XIX, Marcial del Adalid, as Irmandades da Fala, editoriais, revistas, grupos políticos... Esta tamén é a casa da Pardo Bazán, e de Concepción Arenal, e de Murguía, e de Rosalía de Castro, e de tantos outros e outras que chegaron e pousaron nela. A nova sede da RAG na rúa Tabernas será, sen dúbida, un novo espazo de modernidade do que todos e todas nos sentiremos orgullosos.
![]() |
("Vista do Parrote", fotografía de Francisco Pillado, ARAG) |
-Que está vostede lendo arestora?
A última novela de Manuel Rivas, Tras do ceo, tres noveliñas curtas de Diego Muzio, un escritor arxentino, que me regalou Débora Campos, reunidas baixo o título de Las esferas invisibles, e un escritor novo, ou que eu non coñecía, Diego Afonsín, de Tui, cunha novela non moi extensa que se titula Birken... Son as que teño abertas enriba da mesa.
-De novo permítame expresarlle o meu fondo agradecemento. O noso Instituto, o Eusebio da Guarda sempre acolleu ben os representantes da Real Academia Galega: relembro aquí e agora o Señor J. Naya Pérez (pronunciara un discurso co gallo dos cen anos de Instituto), o señor X. L. Méndez Ferrín (viña a título de Presidente da RAG), a señora L. Pozo Garza, sen contar con académicos que impartiron docencia no centro, entre eles, por poñer un exempliño, o señor J. Pérez Ballesteros, o señor Ángel del Castillo, o señor D. Fernández Dieguez[1], a señora A. Romero Masiá… Se algún día, no futuro próximo, visita o Instituto, espero poder estar entre as persoas que o reciban. Que a Providencia lle conceda longos anos de frutífera vida, señor Presidente!
Moitas grazas a vós, polo cariño.
![]() |
(Pontevedra. Foto tirada de Internet) |
[1] Relembremos que foi Fernández Diéguez (membro de número da RAG e catedrático no noso Instituto) o que rescatou do anonimato a figura do ilustrado galego Juan Díez Freile, quen acompañou a Cortés nas primeiras viaxes a México e alí publicaría o primeiro libro de matemáticas en América, en 1556.
Ningún comentario:
Publicar un comentario