xoves, 23 de novembro de 2023

LENDO A LAURA FERNÁNDEZ VEGA

 


 

Este libro, cuxa portada mostramos na foto, da insigne investigadora coruñesa serviranos hoxe de base ou pretexto para unha nova comunicación convosco. Foi publicado en 1982. Ten cincocentas setenta e tres páxinas. Había que seleccionar un tema. Escollimos a presenza da cidade da Coruña nesa documentación ofrecida, a documentación da Real Audiencia do Reino de Galicia entre 1480 e 1808. Seguiremos a orde cronolóxica.

Xuño de 1482: Os reis (Fernando e Ysavel, que nese momento están en Valladolid) mandan a Fernando de Acuña, capitán e Justiçia Mayor en el nuestro Reino de Galizia, que persigan e castiguen as desordes que se producen nos bispados de Lugo e Mondoñedo e na cidade da Coruña. O que máis nos chama a atención deste documento é que algúns delinquientes se acollen a las quatro sacadas de Asturias de Obiedo, en cuxo caso tamén teñen permiso para prendelos e castigalos.

(Retrato de Sabela de Trastámara ou de Castela e Fernando de Aragón feito por un pintón inglés e datado a principios do século XVI)

 

Decembro de 1493: Os reis, que están en Zaragoza, mandan ao xuíz de residencia da cidade da Coruña, Gonzalo de las Ribas, para que interceda e faga xustiza nos preitos do rexedor da cidade, Pedro Montoto, porque temen que os alcaldes maiores e o Gobernador non lla farán, xa que hai inimizade entre eles e Montoto.

Maio de 1494: Os reis median no preito entre a cidade da Coruña e o seu gremio de mareantes, apremiando ao gobernador e alcaldes maiores do Reino de Galicia (RG), que exercen xustiza na cidade da Coruña, para que actúen de vez e non retrasen a sentenza no preito por certas ordenanzas da cidade gravosas para os pescadores. Améntase o nome do representante dos mareantes, o bacharel Gómez Gonçales, que é quen acode á xustiza real.

Febreiro de 1503: A raíña, que está en Alcalá de Henares, comunícase co Gobernador do RG, Hernando de Vega, para dicirlle -entre outras cousas- que, se é necesario facer reparacións na cidade da Coruña por valor de trescentos mil maravedís, que mire el ben como se recadan eses cartos, de tal xeito que non lles resulte unha carga onerosa aos habitantes do reino. Parece moito diñeiro, sería interesante saber con detalle cales eran esas necesarias reparacións, aínda que supoñemos que a maior parte tocarían as murallas[1] e ás fortificacións defensivas; a xulgar polo doado que lles foi aos ingleses ao mando de Drake destruílas un diría que tales reparacións non se fixeron ou non se fixeron ben.

(Cadro da raíña 'Ysavel' que se conserva na Colexiata de Toro)

 

Maio de 1506: O rei (Felipe I, que morrerá a finais dese ano) manda aos alcaldes maiores da Audiencia do RG para que revisen e fagan cumprir as ordenanzas dos mareantes da cidade da Coruña, especialmente as que fosen beneficiosas para a cidade e en proveito da república.

(Retrato de Felipe I de Castela que se conserva no Museo do Louvre)

 

Novembro de 1507: O rei (Fernando) diríxese ao gobernador do RG, Diego de Rojas, para que lle dea contas de como se gastaron os cen mil maravedís que se tomaron prestados das rendas (da coroa: explícase que non se puideron echar por sisa, é dicir, repartir a carga proporcionalmente entre os veciños con algún tipo de imposto equitativo, porque xa estaban sobrecargados por outra sisa anterior para empedrar os muros) para reparar as murallas e torres delas. Tamén lle pide que averigue se son necesarias máis reparacións aínda, tal como piden os coruñeses.

Marzo de 1521: O emperador (Carlos V, que está en Worms) contesta ao gobernador e alcaldes maiores do RG, que se comunicaron con el por medio de Antonio de Tobar, sobre os principais problemas do Reino: a concesión do voto en Cortes, a casa de Contratación e o nomeamento de Capitán Xeneral. O segundo punto é o que tocaba máis directamente á Coruña: A lo que suplicáys que a la espeçiería que se trayiere de aquy adelante de las yslas descubiertas, se descarguen en la çibdad de La Coruña, e que allí aya casa de contrataçión, como la ay en Sevilla de la contrataçion de las Yndias, hasta ahora no he determynado lo que será más conbenyente hazerse en esto, por ser cosa nueva, pero ydo yo en esos reynos, que con ayuda de nuestro Señor será en breve, lo mandaré preveher como convenga. Estaredes de acordo comigo en que as Yndias se refire ás terras americanas, pero esas illas descubertas[2]? As illas do Pacífico que se van incorporando á coroa de España hai que datalas, como cousa feita, a partir da chegada de Elcano en 1522: logo hai que entender que xa se prevé. Porque o RG non parece pedir que se comparta a contratación con Sevilla (a “terra firme” para Sevilla, as illas para A Coruña). A casa de Contratación para A Coruña entendemos que se refire ao que virá. Os barcos expedicionarios partiran en 1519 e neles ían mariñeiros galegos, non o esquezamos. Entre eles o heroico Gonçalo de Vigo.

(Este cadro que retrata o Emperador Carlos V cando tiña 18 anos, en 1518, foi pintado por Bernardo Van Orley)


 

(Velaquí un listado de importantes nomes propios. A placa procede do Concello vello de San Lúcar de Barrameda)

 

 

Xullo de 1589: O rei (Felipe II, que está no Escorial) pídelle ao gobernador do RG, Marqués de Cerralbo, explicacións do que pasou co embargo que lle fixeran ás mercadorías que un tal Diego Parcar (Parker?) introducía no porto da Coruña en barco. Foi un veciño, Pedro Vermúdez Colmelo, quen denunciou a Diego diciendo que esas mercadorías eran inglesas e que estaba prohibido que entrasen en nuestros Reinos. O barco chegara a porto en abril e no momento o inglés estaba preso no cárcere da Coruña. As contas do que se fixo cos cartos feitos con esas mercadorías non debían estar claras: así llo fan pensar ao rei dous veciños da cidade, Juan de San Lorenço y Juan Xaspe, que foran fieles (funcionarios encargados precisamente de dar conta das rendas reais) de certas rendas no ano 1587. Recordade que na primavera dese ano, 1589, A Coruña fora obxecto do desembarco dos ingleses ao mando de F. Drake. De aí a prohibición amentada e encarceramento dese inglés en xullo.

(Retrato de Felipe II pintado por Sofonisba Anguissola)

 

Marzo de 1647: O rei (Felipe IV, que está en Madrid) nomea como Capitán Xeneral interino do RG a Fernando de Andrade e Soutomaior, arcebispo de Santiago. Con ese gallo dille o rei ás persoas que teñen ao seu cargo o castelo de San Antonio da cidade da Coruña e os de Sta. Cruz, San Phelipe, San Martín de Padilla, Nuestra Sra. de la Palma e outros, que obedezan, tanto na paz coma na guerra ao novo Capitán Xeneral.

(Retrato realizado por Nicolás Antonio de la Quadra en 1711)

 

 

Ata aquí chegamos por hoxe. Non quixeramos abusar da vosa paciencia. Seguiremos nas semanas próximas. Estaría ben poder desfrutar do outono. Lembramos sempre a don Ramón, que escribía da vendima e da castañeira…

(A autora do libro que lemos: a investigadora coruñesa, nacida en 1917, Laura Fernández Vega, cuxa sinatura fotografamos para vós)

 

 



 



[1] A lo largo de los siglos XIV – XVI, la muralla fue objeto de reparaciones continuas, algunas de ellas recogidas en diversas noticias entre los años 1494 y 1505. La primera de estas reparaciones, de la que se tiene constancia documental, data del año 1386, cuando se dispone que los moradores de los alrededores debían contribuir a la reparación de los muros y defensas de la ciudad. En 1496 se proyecta construir nuevos elementos defensivos correspondientes a la ampliación. La mayoría de los trabajos que se llevaron a cabo, tras la ampliación del siglo XIV, fueron de consolidación (J. R. Soraluce, p. 19, ESTUDIO DE IDENTIFICACIÓN, DEFINICIÓN HISTÓRICA Y ACOTACIÓN MATERIAL DE LAS MURALLAS DE LA CIUDAD VIEJA DE A CORUÑA.CRITERIOS DE ACTUACIÓN, https://core.ac.uk/download/pdf/61909479.pdf)

(Murallas da cidade vella na Coruña en 1930. A foto consérvase no arquivo municipal)

 

[2] En documentos de 1514, 1518… fálase de Yslas Yndias (La Española, San Juan: https://www.gutenberg.org/files/60971/60971-h/60971-h.htm). Opóñense a tierra firme. Por outra banda, nun documento de 1528, fálase de yslas descubiertas e por descubrir

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario