sábado, 7 de outubro de 2023

VISITANDO TERRAS DO BAIXO MIÑO

 

Visita a Tui, Salvaterra e Monçao ( 23 de setembro do 2023)

 

(Tui. Fotografía de Pedro Rodríguez)

 

Como sempre saimos da nosa cidade arredor das 8 da mañá, un pouco cedo tratándose de sábado, pero nós somos daqueles que cando están de días libres se levantan máis cedo para ter máis tempo para descansar.

(Aquí temos o que fora unha antiga capela románica. Destas houbo varias en Tui. Foto de J. C. R.)

 

A visita de hoxe preséntase diante de nós como un desafío, o fío condutor da mañá ten o seu aquel, “O barrio xudeu de Tui e a Catedral”.  Tui permanece impasible no tempo, capaz de prolongar a súa sombra sobre un vetereno e caudaloso Miño, río este que fai de linde e de unión entre dúas ciudades (Tui e Valença do Minho, noutros tempos chamada Contrasta), entre dous países, pero ao fin son dúas partes dunha eurocidade.

(Catedral de Tui. Foto de José Carlos Rivas)

 

Calquera das dúas amosa as súas marabillas, se cadra a portuguesa ten máis vida comercial. Por nós agarda Sara, que vai facer de magnífica relatora e guía. Tui foi una das históricas sete capitais de Galicia, goza dunha magnífica parte antiga, en Galicia só superada pola de Santiago, e tamén dunha xudería, unha das máis recoñecidas xunto coas de Monforte e Rivadavia. Igual había que lembrar a da Coruña, onde vivía noutrora o que mandou facer esa obra maxistral, a chamada Biblia Kennicott.

(Comeza a rica e ben ilustrada explicación de Sara sobre Tui. Foto de J. C. R.)

 

En Tui os xudeus conviven sen máis problemas cos demais; moitos foron os conversos mais non faltaron casos en que a conversión non foi moi clara e motivaron a existencia dos coñecidos  “Sambenitos”.

(Catedral de Tui. Foto de P. R.)

 

Imos percorrer una serie de rúas e de chanzos vendo ata donde chegaban as murallas, donde se gardaba a pólvora, a rúa das carnicerías ou a rúa do ouro, así como a Porta da Pía. 

(Catedral de Tui. Foto de P. R.)

 

Logo coñecemos de cerca a vida en clausura das Clarisas; no seu interior e vendo os seus flamantes retablos pensamos por que non terán unhas cartelas co nome das diferentes advocacións marianas e do resto dos santiños, un conxunto iconográfico que constitúe un auténtico tratado haxiográfico. Chámanos a atención Santa Efixenia, a etíope, ou San Nicola di Bari, cuns cuantos nenos dentro dunha bañeira. Aquí temos que facer unha alusión aos deliciosos doces feitos polas celestiais monxas.

(Interior da igrexa das Clarisas de Tui. Foto de P. R.)

 

Continuamos o noso percorrido por casas co seu respectivo pardiñeiro, una especie de potín ou patín, e logo a capela do San Pedro González Telmo, oriúndo de Frómista que acaba en terras tudenses, e que presentan como patrón mariñeiros e mareantes; segundo parece a súa lenda superponse coa do San Elmo.

Tui non está exento de interese, aquí estiveron representados os diferentes gremios, pero unha das figuras capitais é a de Pedro Madruga, un dos máis famosos Soutomaior, personaxe digno dun profundo estudo, digno expoñente da Galicia (no amplo sentido do término, non no actual).

Pasamos logo a desfrutar a súa catedral – fortaleza, tan importante en territorio fronteirizo para afianzar o señorío eclesiástico, expoñente do gótico no seu inicio, pero que continuará con máis estilos. Ten un magnífico órgano, unha interesante capela das reliquias, unha parte “musealizada” onde, entre outras cousas, lles poñemos cara aos Sanbenitos. O claustro é un lugar acolledor que vertebra toda a vida interior, pode que tamén toda a  relacionada cos seus membros capitulares, incluso naquel punto no que a familia Coronel, de orixe xudía, tiña demasiada representación.

(Valença do Minho ao fondo. Tivemos un día espléndido. Foto de P. R.)

 

Salimos a outear cara o sur – suroeste: Valença como espello de Tui, con ese marco incomparable do Miño para poder facer un cadro costumista e esa ponte de ferro, da escola de Eiffel, para recrearnos nas historias do contrabando de bacallau ou de café e de cuberterías e outros enseres alá polos anos 80.

(Unha delicia a vista sobre o Pai Miño, así chamado poeticamente o río máis grande de Galicia. Foto de P. R.)

 

 

Por sorte pasamos a raia e tiramos pola marxe portuguesa da man de José Espiñeira, compañeiro de múltiples viaxes connosco, gran persoa e mellor guiandeiro. Imos circulando e admirando a paisaxe, o día non pode ter mellor metereoloxía, imos rumbo a Monçao, para alí volver a cruzar a raia e entrar en Salvaterra.

Salvaterra acóllenos á hora do xantar na beira do Miño, moi cerca das súas murallas, e ao lado da área recreativa da Canuda, ambos os dous cautivan a nosa inquietude e o paseo de postxantar (xantamos  no Restaurante Canuda, aténdennos ben e alía acougamos a nosa sede e a nosa fame)

Salvaterra e Monçao teñen vidas paralelas, ademais de ser parella de baile a un e ao outro lado do Miño, igual que Goian e Vilanava da Cerveira ou Camposancos/A Guarda con Caminha. Ao longo da historia Monçao, naquel momento Monzón, foi española e Salvaterra portuguesa, en fin os retorcidos camiños da historia.

Salvaterra foi vítima dun atronador urbanismo que lle fixo perder a súa propia identidade, mentres Monçao conserva a esencia das vilas portuguesas, buliciosas, cos seus adoquíns (pavés), un tanto irregulares, pero cheas de vida. Non dou tempo a dar un paseo polas súas rúas, pero seguro que voltaremos.

(Palacio de Brejoeira, digno de ser visitado. Foto de P. R.)

 

Para poñer o ramo visitamos un Palacio na freguesía de Pinheiros, a uns cinco quilómetros da fronteira, un lugar que nos cautiva desde diferentes aspectos: a súa grandiosidade e harmonía arquitectónica no medio dunha grande extensión vitivinícola de Alvarinho. Acóllennos nas cabaleirizas e de alí facemos un percorrido bucólico polas súas dependencias, capela, teatro, xardín de inverno, dormitorios, salóns, sala de fumar, e otras dependencias exteriores como a fonte dos cisnes, o lugar das festas, a adega e o lagar.

(Nos xardíns do palacio. Foto de P. R.)

 

A todo iso temos que engadir que A Brejoeira foi pioneira no uso e desfrute da luz eléctrica, nos seus dous escasos séculos de vida tivo varios donos, aos que sobre todo lles interesaba presumir da súa posición social, pero destacan Don Pedro de Araujo e a última propietaria, Dona Herminia, una sorte de “Isabel II”, quen de sobrevivir á propia historia. A día de hoxe o palacio depende dun patronato para poder seguir sendo amosado coas súas mellores galas a todo o que o queira visitar, e os magníficos caldos alvarinhos, ou os seus aguardentes do ano ou envellecida.

(Adega vello do palacio. Puidemos comprar Albariño da elaboración da Brejoeira a prezo de amigo)

 

A viaxe enmárcase nun periplo vital pola nosa xeografía, aínda non rematamos esta e xa estamos pensando na seguinte, ás veces non é doado buscar algo que nos sorprenda, porque a viaxe ha de ter algo de descoberta, un pouco de diversión e tamén de convivencia e compartir.

Sen máis, vémonos na seguinte edición do “Eusebio bótase ao monte”, “ a cabeciña non para”.

                                            Antonio Fondo Rodríguez ( Setembro 2023)

 

 

:::::::::::::::::

NOTAS:

1.      Se queredes ampliar a historia dos sambenitos da catedral de Tui é recomendable esta páxina: https://elviajeroaccidental.com/sambenitos-tui

2.      A historia do santo Nicolás de Bari está entrecruzada de relatos entre verídicos e lexendarios, algúns de grande beleza e de frecuente presenza na arte. O que se representa na iconografía da catedral tudense é o milagre da resurrección de tres meniños que foran sacrificados para dar de xantar aos clientes dun hosteleiro: resucitaron pola intercesión deste santo e por iso adoita representarse o milagre, como no caso galego, con tres meniños ao seu carón, metidos nunha especie de cubeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario