luns, 21 de agosto de 2023

GALICIA INMORRENTE

 

AS XESTAS

 

(Xesta branca. Foto tirada de Internet)

 

Traemos ante a vosa presenza as humildes xestas. Hai anos tivemos unha mata no noso xardín de xesta branca, cuxa floración era magnífica. Custáranos un montón, ferro e fariña, que se di, lograr que prendese mais prendera. Xa secou, a causa dunha mala poda. Tamén poden florear en amarelo (imposible non relembrar aquí o mediterráneo verso de Serrat, “le daré verde a los pinos / y amarillo a la genista”).

Non é esta a primeira vez que escribimos sobre este tema, mágoa non ter aquí aquela páxina, era nun dos números da fermosa revista Alén da chuvia que publicabamos no Instituto e da cal tedes varios números en Internet (http://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/system/files/Alen_1.pdf).

 

(Xestas nas portas. Foto tirada de Internet)

 

Volvemos (a vida é en boa medida, pura repetición…). E facémolo porque temos algo novo que engadir. Imos por apartados. O primeiro, os refráns. Hai varios sobre as xestas na colección de Vázquez Saco (xa amentada neste blog en varias ocasións, un traballo ciclópeo, por parte do autor e por parte do equipo que publica a colección, o equipo do ‘Ramón Piñeiro’…):

1.    Hai unha serie de refráns que nos din que o esterco da xesta é bo:

nº 1512 Esterco de xesta, grau pola testa; nº1513. Esterco de xesta, pan pola testa; nº

1725 O de fento, polo cenzo; o de xesta, pola testa; i-o de palla non ten talla; nº 1743 O millo da xesta dá pola testa.

 

2.    Hai un que nos indica cando florea: nº 5224 A avea e maila xesta en maio fan a

festa.

 

3.    Agora veñen un par deles suxeitos a interpretación: nº 13028 Cando a xesta fai tris-tras, busca muller que a terás (hai variante en castelán: Cuando las cañas hagan tras, tras, busca la moza y la hallarás). Na nosa opinión, o das canas podería ser un calco, unha copia do das xestas. Polo menos nós non sabemos que fagan así as canas… Pero as xestas si que fan tris-tras  ou clap-clap, un estalido ben sonoro cando abren as cápsulas da semente. Unha servidora non o oíu persoalmente, pero si Luis, estaba saíndo da facultade en Elviña (onde agora está Ciencias da Educación), en pleno verán, e aló, pola parte de enriba do edificio, había e inda hai, unha boa xesteira e chamoulle a atención o ruído, que ruído será este? E parouse a mirar…

 

4.    Estoutro refrán non se entende á primeira (polo menos para nós é ambiguo): nº 14731. Vara de xesta o demo lla atesta. O autor da recolleita engade: “Tráelo Iglesia Alvariño (Q.H. Flacci Carmina), y explica: Atestar, llenar completamente, venir justo un tapón. De ahí, testo, tapadera. Falta en nuestros Diccionarios”. Mais con todo e con iso, que debemos entender? Que está a vara chea? De que? E a connotación negativa dada polo demo? Inicialmente pensamos na acepción específica, recollida por Aníbal Otero (DdD) de atestar ‘facer calar a un’, é dicir, non contradigas a que ten unha vara de xesta na man… Mais nunha segunda volta, inclinámonos por ver neste refrán (nº 14731) unha variante daqueloutros que din: nº 1201. A leña de xesta ten o demo na testa; nº 1202. A leña de xesta, pra encender, ten o demo na testa, i-a de chanteiro, no sombreiro. A explicación dánola o propio autor: “No dan llama cuando se le sopla”.

 

5.    nº 15458. Pra ser muller decente hai que vivir debaixo dunha xesta. Dá o autor esta explicación: “Que lo trasparenta todo”. Porque a ramaxe da xesta é máis ben rara ca mesta. Con esa lóxica enténdense tamén o refrán nº 9692. Cos teus días santos e coas túas festas, véseche o cu polo medio das xestas, e variantes.

 

6.    O seguinte refrán non necesita explicación. Ao principio as cousas novas adoitan gustarnos: Nº 16188 A xesta, de nova, barre ben.

 

7.    Estoutro refrán búrlase dos habitantes dun lugar (un costume case que universal, malia a nula universalidade do valor expresado; Vázquez Saco xa nos advirte: Como diremos en los refranes tópicos de lugares, las rivalidades de donde proceden casi todos, son injustas, y no pueden alcanzar nunca un sentido universal): 1201. Caballero de Saviñao, freno de xesta, espuela de pao. Enténdese que son cabaleiros ruíns, no canto de ter un bo freo de metal lévano feito de xesta…).

 

En segundo lugar, a fraseoloxía: Antonio de la Iglesia recolle esta frase: bravo coma as xestas (TILG). Son relativamente comúns estas que nós (Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias) integramos no Diccionario de Fraseoloxía Galega: ser coma unha xesta (varredoira) ‘ser un remedio eficaz’ e (tremer) coma unha xesta ‘(tremer) moito’. Iglesia Alvariño recolle outra unidade fraseolóxica máis: agre/amargo coma as xestas. Lemos: ¿Quén puxo bagas agres coma as xestas no labio aínda afeito ás canciós pelengrinas? (TILG). Esta condición ou atributo da xesta explica que en Sober lle chamen xesta ao viño acedo, áspero, tal como nos di Vázquez Saco a propósito do refrán nº 4141, recollido en Amandi: Día de san Martiño proba o teu viño. “ El vino, recién hecho, tiene unos pocos días sabor dulce; después, durante un mes adquiere acidez, xesta le llaman en Sober; y es áspero; cuando pasa esta acidez, es cuando el vino está hecho”.

 

Pasemos, e con isto xa rematamos, á utilidade das xestas. Diriamos que se trata de utilidades antigas. Usáronse para facer amallós (preciosa voz… a nosa nai, cando oe adiós sempre fai a rima: adiós!, ata a feira dos amallós! A ver se lle preguntamos que feira era esa, non existirá, claro que non, é só un divertimento, unha brincadeira…). En concreto, amallós de tamancas e cirolas, así  o vemos na obra de Rogelio Rivero, TILG. Usáronse para quentar o forno. E mais para queimarlle a pel no porco na matanza, polo menos en Valdeorras, aquí en terra de Deza usaban fentos. Para estrar nas cortes. Para facer as coañadeiras que serven para separar as espigas do gran (na propia definición de coañadeira no DRAG xa se di explicitamente). Naquela páxina da revista Alén da chuvia comentabamos que se lles poñía aos cans colares de xesta entrenzada… Tamén da lectura do TILG (http://ilg.usc.es/TILG/gl/search) tiramos outros usos: Para teitear as casas (en Darío X. Cabana) e como remedio para as hemorroides: Pr'as almorranas había un romedio a base de baños d'augua de cocer xestas (en: Notas etnolingüísticas del Conceyo da Veiga, de J. Antonio Fernández Vior) e nas bogadas: Na Gudiña o proceso era o mesmo , primeiro dábanlle á roupa unha lavadela no río , e logo cocían a auga nun caldeiro con xabón e incluso cunhas raíces de xestas , que puñan a auga de cor de rosa; arrancaban xestas e logo de cortar+lle-las raíces e lavá-las , botába-nas a cocer naquela auga con xabón (en: Trazos sobre a vestimenta tradicional no surleste de Ourense de José Rodríguez Cruz).


 

Á derradeira, un par de utilidades antigas que perviven, isto é, antigas e modernas: Valor profiláctico ou preventivo contra mal de ollo ou semellante, valor propiciatorio. Poñianse  ramiños de xestas nas portas das casas. Vímolo tamén nos coches, en Noia haberá tres ou catro anos. Sabemos pola nosa compañeira Beni Vidal, natural de Portosín, que así se fixo toda a vida por esa zona atlántica no primeiro de maio. Igualmente, puidemos saber que en Portugal non é tradición descoñecida: Nalgúns lugares de Portugal aínda se enfeitam as portas e xanelas da casa con maias (xestas en flor) na noite do 30 de Abril para 1 de maio, para afastar os maus espíritos ( p. 47, GRAN ALMANAQUE PORTUGUÊS, ED. Guerra&Paz, 2019).


 

A derradeira tradición que comentaremos parécenos digna de aprofundar. Temos moito interese nela, entre outras cousas porque aínda puidemos ver os nós “frescos”, en pólas novas, este día mentres paseabamos polas inmediacións do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, era cando a festa do santo, dez de agosto e baixamos polos restos da calzada real á ponte do demo (restaurada non hai tantos anos por alumnos de escola de cantería que daquela había en Silleda) e alí, xunta á ponte, vimos os nós feitos nas xestas verdes… E témolos visto, en abundancia, indo á fervenza do Toxa, non lonxe de Carboeiro… Debemos revisar as nosas notas, pero xurariamos que alguén nos dixo que hai que anoar cunha soa man.

(As sementes da xesta nas súas vaíñas. Foto feita por Charo Soto)

 

Porén, non logramos falar nunca cunha persoa que os faga… Tampouco temos nada claro en que categoría entra este costume vello, un rito?, unha proba do tipo das iniciáticas, de cambio de estado?, un símbolo-metáfora do duro e/ou difícil que pode ser  o matrimonio (como aquel ritual,  do que fomos testemuñas á beira do río Nevá, consistente en beber sen respirar unha copa de ardente vodka os noivos o día da voda e logo romper o vidrio, “queima e custa bebelo, como custa soportar certos amargos tragos do matrimonio”, contábannos en San Petesburgo cando había paz e era bonito viaxar á terra dos grandes novelistas do XIX; Rosalía díxonos, “do dereito e do revés, matrimonio, un dogal es”)? Pensamos que temos moito que saber aínda. En calquera caso, hai estudosos que parecen ter claro que é cousa de mulleres: As mozas que queren casar fan nós coas xestas , que están preto dos santuarios// O día de San Benito fan nós coas xestas ó redor do santuario  (en: Mandianes:  Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, 1984, TILG). Con todo, o señor Omil fala de que era a parella quen anoaba, non a muller soa (en: https://www.pontevedra.gal/publicacions/Chamadeiros/files/assets/common/downloads/publication.pdf)

 

(Camiño que baixa desde o mosteiro de Carboeiro, Silleda, Pondevedra. Nó na xesta. Foto feita por Charo Soto)

 

Outros dan que pensar nunha interpretación distinta: outras [prácticas] de contido máis profano , tachadas aínda como superticiosas , tales como facer nós nas xestas ou nas follas de millo cando se fai a romaxe a pé ( poñamos como exemplo nos Milagres de Amil ) (en: Xosé Fuentes Alende, Medicina popular e antropoloxía da saúde. Actas do Simposio Internacional celebrado en Santiago en Homenaxe a D. Antonio Fraguas (11-14 de outubro de 1995), 1997, TILG).



 

Albiscamos unha referencia sutil a esa práctica nestas verbas: XESTAS Nomes tecéndose na punta das xestas co sopro dos mortos (en: Emilio Araúxo, As chairas da letra, 1998, TILG).

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario