mércores, 31 de maio de 2023

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

 

María Isabel Ruso de Lago

 

(Fotografía feita por Xurxo Lobato. Figura no libro editado polo Concello "ROSTROS da Coruña")

 

Hoxe queremos dalgunha maneira homenaxear unha das grandes damas do ensino que estiveron e neste caso, aínda están, no Instituto ‘Eusebio da Guarda’. Trátase de María Isabel Ruso de Lago, catedrática de Xeografía e Historia e actual directora do centro. Unha servidora formou parte durante oito anos do seu equipo directivo e chegou a poder xulgar de preto algunhas das que, sincera e honestamente, consideramos virtudes máximas de Isabel como persoa. Non digo que sexan as únicas mais xulgo que son pinceladas que poden axudar a enmarcar a súa humanidade. Mª Isabel Ruso é leal: nunca, ao longo de todos eses anos, faltou á palabra. Se alguén lle comunica unha confidencia, un segredo, unha información sensible e lle pide que quede inter nos, dígovos que dela non sae. A integridade é a segunda virtude. Unha vez un pai agradecido entrou no despacho de Dirección cun galano digamos excesivo e ela díxolle que se lle quería agradecer algo (algo, engadiu, que tería feito non só polo seu fillo senón por calquera outro estudante nunha situación ou circunstancias paralelas), abondaba cunhas flores ou talvez unha pequena caixa de bombóns. E foi absolutamente firme, cordial pero firme. Unha servidora estaba presente e dá fe. Cando aquel proxenitor se foi, Isabel díxome: Meu pai era así: cando viviamos en… e axudaba -porque podía, polo cargo…- a xente de toda condición social, había veces que lle querían dar isto e aquilo, cousas que entraban por unha porta e saían pola outra. Honramos nisto os nosos, os que nos souberon educar. Recordo perfectamente relembrar con ela neste sentido ao avó Manuel: na súa oficina da estación do tren aquí na Coruña había uns lapis alaranxados que escribían coma con tinta azulada e unha vez que lle pedín un para min contestoume moi serio que eran propiedade do Estado e que todo aquilo que era de todos eu debía comprender que era sagrado.

 

(Esta fotografía forma parte da publicación "Xeografía Humana da Coruña" de Chema Ríos)

 

Isabel Ruso de Lago ocupa a dirección do noso instituto dende o 1 de xullo de 2008. É a terceira directora (tras María Muruais Lamas e María José Martínez Girón) desta institución pública. Con anterioridade, dende o 1 de xullo de 2005, foi vicedirectora na nosa casa. O seu primeiro destino profesional fora a Universidade Laboral, onde estivera dous anos; logo pasara ao IES ‘Alfredo Brañas’ de Carballo, onde exercera a docencia durante doce anos. De Carballo á Coruña, ao IES ‘Eusebio da Guarda’: chegou mediante unha permuta provisional que se fixo definitiva o 1 de setembro de 2003.

Desde 2017 é presidenta da Asociación de Directores de Institutos de Educación Secundaria de Galicia.

Este Instituto está sempre aberto á cidade. E con Isabel Ruso iso segue sendo unha verdade. Desde que ela forma parte do equipo directivo presentáronse libros: La Coruña bajo el reinado de Fernando VII la burguesía comercial de Mª Consuelo Mariño Bobillo (2009); Picasso Azul y Blanco. A Coruña: El nacimiento de un pintor, de Elena Pardo e Rubén Ventureira (2014); O INSTITUTO DA GUARDA da Coruña 125 anos de historia, Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto (coordinadoras) etc.

 

(O deseño do prato correu a cargo do  catedrático de Debuxo naquel momento, o prezado colega Raúl Trillo Docampo)

 

Tamén se rodaron programas (por exemplo, un capítulo de Ben Falado da crTVG, en 2008, en que Xesús Ferro entrevista no salón de actos a Carme López Taboada e Mª Rosario Soto, ambas as dúas profesoras do centro e coautoras dun dicionario fraseolóxico) e películas, como por exemplo, Emilia Pardo Bazán, la condesa rebelde, de Zaza Ceballos (2012). Relembra Isabel que se rodaran secuencias nas escaleiras de mármore, montaran o “Café Gijón” no salón de actos e foran utilizadas as aulas 12 e 13 como camerino para os figurantes. O filme tamén se presentou en sociedade no instituto. E rodouse unha pequena parte da miniserie Contou Rosalía de Zaza Ceballos  e guión do noso prezado compañeiro dos tempos da facultade, Raúl Veiga Rouriz (2018). Desta vez na sala de profesores se montara a dirección do xornal “O Ideal”. Tamén se gravaron na nosa casa varios spots ou anuncios publicitarios e este ano en que se cumpren 50 do falecemento do que fora alumno do centro, Pablo Picasso, estanse a gravar varios documentais sobre o malagueño: un para a Xunta de Galicia, un para uns chineses e un italiano a través do Consorcio de Turismo, dous máis para a TVE, local e nacional.

(Transformación da Sala de Profesores do Instituto; no filme "Contou Rosalía" é o despacho do director do xornal 'O Ideal').

 

 

Isabel, como máxima representante da Comunidade Educativa do noso Instituto, soubo sempre cultivar as relacións institucionais, independentemente dos cambios políticos: coa Deputación (que nos ten publicado varias revistas Alén da Chuvia [permitídeme abrir aquí unha pequena fiestriña ao mundo da imprenta da Deputación: un saúdo e os mellores desexos dunha feliz vida de xubilado para o señor Suárez, que dirixía ese mundo impresor con mestría... e outro saúdo ao señor Cobas, grande ilustrador], así como o libro dos 125 anos), coa Real Academia Galega (outra fiestra luminosa aquí, por favor: Luz Pozo sempre soubo estar nas nosas efemérides culturais, Méndez Ferrín como Presidente académico celebrando estar connosco, no que el chamaba o Paraninfo case que por excelencia coruñés...), co Goberno Municipal… En concreto, nos últimos anos, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, recibiu o alumnado cos mellores expedientes académicos (afortunadamente sempre temos algún) e os que veñen de Verona para participar no intercambio de 1º de bacharelato. Ademais, dona Inés acaba de presidir a entrega de premios do Concurso Literario Rita Suárez Amado. De todas formas hai que dicir que tamén os gobernos anteriores foron moi xenerosos connosco. O mesmo podemos dicir da Consellería e da Deputación, polo xeral atentos coas nosas solicitudes. Co resto das institucións (Arquivo e Biblioteca municipais, Asociación da Prensa coruñesa…) a nosa relación foi sempre cordial, de colaboración.

 


 

Sendo Isabel Ruso directora logrouse para o Instituto a merecida categoría de Centro Histórico: Educación asina a adhesión do IES ‘Eusebio da Guarda’ á rede de institutos históricos do Museo Pedagóxico de Galicia o 18 de maio de 2011, sendo Conselleiro Xesús Vázquez.

 

(Foto da graduación do ano 2023)

 

E lógrase finalmente, tras varias promesas incumpridas por parte de uns e outros, a renovación física do edificio. Un cálculo aproximado do investimento total dános a cantidade de 1,5 millóns de euros. Os traballos centráronse na eficiencia enerxética: cambio á tecnoloxía led nos dous edificios, illamento térmico das fachadas (trasdosado e sistema SATE no chamado pavillón novo e saneouse o edificio antigo, substituíron o revestimento sobre os muros da pedra e limpáronse as zonas á vista), ventás novas no edificio de Riazor e nos patios interiores do edificio antigo. Amais diso, pintáronse ambos por dentro e por fóra, repuxéronse partes danadas nas cubertas e renováronse as baixantes por unhas novas de cinc.

Podiamos poñer aquí o ramo cos logros principais do alumnado durante este período mais hai suficiente información tanto na prensa como na páxina web do Instituto (incluso a través deste blog informamos de vez en cando dos éxitos con que nos alegran a vida as mulleres e os homes que estudaron no ‘Eusebio’ e hoxe brillan con luz propia no mundo). Así pois, preferimos poñer o ramo cos escritos, coas publicacións de María Isabel Ruso.

En 1986 e baixo a dirección de Xosé Ramón Barreiro, de quen Isabel foi alumna, fixo este traballo: “El movimiento Universitario en Galicia a través de la prensa gallega. 1968-1975”.

En 1988: “Estudio sobre demografía urbana en el Antiguo Régimen: La Coruña, 1600-1820”, en Ensaio histórico:  Evolución demográfica de la ciudad de La Coruña en el Antiguo Régimen: 1600-1820. La Coruña y su entorno. Seis ensayos históricos.  Ed. Colectivo de Investigación Histórica Vedia y Goosens. 1988 (este artigo formaba parte dun traballo de investigación dirixido pola relembrada Ofelia Rey Castelao).

En 2013 publica: “O instituto da Coruña”,  Eduga: revista galega do ensino, Nº. 66, 2013.

En 2016 publica: “Espazos de formación de Pablo Ruiz Picasso: O Instituto da Guarda, 1891-1895”, en O INSTITUTO DA GUARDA da Coruña 125 anos de historia. Deputación da Coruña.

En 2018 colabora na publicación da Xunta de Galicia (MUPEGA), Homo Sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia.

En 2021: “Modesta Goicouría. O seu legado mantense no Eusebio da Guarda”, en Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña, Vol. 1. Colección Noroeste, Asociación de la Prensa de La Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez, coa  colaboración do Concello da Coruña.

Agradecemos a Isabel Ruso de Lago a súa xentileza e xenerosidade á hora de facilitarnos datos e fotografías.

 


 

 

  

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario