xoves, 22 de setembro de 2022

VISITANDO AS TERRAS DO ULLA E RÍA DE AROUSA

17 de setembro do 2022, Ruta do Mar de Santiago

            

(Salvo erro, as fotos foron feitas por José Carlos Rivas)

 

            A rentes do Ulla, da marxe sur ou esquerda agardamos polo “Palleiro Cuatro”, nave que nos leva facendo a Traslatio sentido inverso, río abaixo por onde arribou a barca de pedra cos restos do apóstolo (Santiago), acompañado de Teodoro e Atanasio atá o Pedrón ao pé do Sar na parroquial de Padrón. Alí reside a verdadeira e lexendaria razón desta peregrinaxe.

            A mañán preséntase algo freesca, con algo de vento na sombra, chega a embarcación ateigada de peregrinos da máis variada procedencia, veñen pola Vía Espiritual ou pola Traslatio. De aquí a Padrón “un pouco máis dun quilómetro escaso”, por enriba da ponte que uneu e desaugou e que une a Ponte con Iria dentro da mesma parroquia, a de Padrón quedaría algo para o norte.

            A nave deixa sitio para 59 peregrinos da docencia, máis de un é quen de acreditar e compilar no seu periplo vital e curricular un amplo abano de rutas de peregrinaxe ao longo e ancho da nosa xeografía.

            A viaxe preséntase diante nosa como algo extraordinario, diferente, imos flotar, a desprazarnos sobre a memoria líquida nacida no cerne de Galicia, en terras de Antas e de Monterroso, das terras de Palas e Melide, da Golada e de Vila de Cruces, de Santiso, Arzúa e Touro, da Estrada e Cesures, de Boqueixón, Vedra, Teo e Padrón; pasada a Ponte-Cesures, “Valga-me Deus”, Catoira, Vilagarcía e Vilanova, Dodro, Rianxo, Boiro e a Pobra.

            Fun testemuña ocular do seu nacemento e do seu botar a andar en sinxelo berce no medio dun prado, para ir adquirindo grandiosidade na remansada área recreativa da Peneda (Monterroso), e salvando pontes, que pontes!! Arcediago, Ledesma, Ulla, Vea e Cesures, o encoro navegable a bordo do Azulón II de san Xusto entre Beigondo (Santiso) e Brocos (Vila de Cruces).

-        Vaise recreando en áreas recreativas e coutos como as “neiranas insuas do san Ramón” en Gres e ao lado da mítica antifrancesa Ledesma, o mariano bosque de Gundián que mira de frente para san Xoán da Cova na Ponte Ulla.

 


-        Os coutos salmoeiros de Ximonde (Vedra), Couto (Vea – A Estrada), Xirimbao (padrón). As pesqueiras da ancestral lamprea de Morono, Cortiñas e Herbón, os medievais naseiros que aproveitan o movemento das mareas para pescar próximas ao “Colexio seráfico de Herbón” (Convento franciscano de Herbón), esa magnífica agra pementeira “uns pican e outros non”), traídos de América polos frades.

 

-        As fabrís veigas de Padrón, Rois, Cesures e Valga.

 

-        Cordeiro (“Cordario”), con alusións pretéritas a dereitos de paso ou de arrastre do propio río, navegable desde a idade media, auténtica arteria mercantil do Ulla/Sar.

 

-        As torres do Oeste están presentes no imaxinario xelmiriano.

 

-        Catoira, Bamio, Carril, Cortegada e Vilagarcía na marxe sur.

 

-        (“Si vas a Carril nada máis chegar verás Cortegada deitada no mar ollando para ela van os mariñeiros en botes de vela”)

 

(Foto do grupo en Vilanova de Arousa)

 

-        Pola marxe norte, unha vez recibido o cristalino líquido capitalino do Sar, xa medio desprovisto do seu vigor orixinal debido as obras de derivación do seu cauce a principios dos 90 do século XX, a través dos pementeiros eidos de Iria.

 

-        Continuamos por Dodro, brañas e chouzas, “como chove miudiño /como miudiño chove, / pola banda de Laiño, / pola banda de Lestrove” (Lestrove no norte do Sar).

 

-        Seguimos inmersos no noso particular via crucis, a babor e a estribor, conxunto de 12 cruceiros no río, chama en nós a atención un presunto Calvario, neste caso na cruz principal está Santiago, e nas laterais Teodoro e Atanasio.

 

-        Empezamos a ter maior amplitude do horizonte, o solpor indícanos o rumbo cara ao mar océano con permiso de faro insular, Sálvora.

 


 

-        Respiramos a riqueza marisqueira da concentración parcelaria marítima de Carril, magníficas e frescas ameixas, que nesa contorna se preparan dun xeito especial.

 

-        Alcanzamos a divisar a laurisilva de Cortegada, destino starlight, escasa contaminación lumínica propicia para outear o noso firmamento.

 

-        Rebasamos as Malveiras e á entrada do porto da nobre Vila de García vén  darnos a benvida un arroaz, que golfo se presenta e desaparece.

 

-        Xa entramos de cheo nun gran polígono de bateas, construcións poligonais de madeira para a cría de mexillóns, bivalvo con sabor e denominación de orixe, e de ostras, que teñen a habilidade de escoller o sexo segundo as temperaturas das augas. Canto custa sacalas adiante!!! , un mínimo de catro anos.

 

-        Imos rumbo ao peirao de Vilanova, no barco levamos un vilanovés de ben e de proveito, Paco (Francisco Xavier Charlín), destacada autoridade na obra e biografía de Ramón del Valle Inclán, ademais de gran coñecedor da súa terra e magnífico anfitrión.

 

 

-        Vai glosando as distintas visitas cos seus coñecementos, primeiro a antiga igrexa de Pastoriza, si, si, a mesma Virxe que se venera en Arteixo, con todas as connotacións protectoras (esta virxe arteixá sempre foi unha virxe mariñeira, moi avogosa en situacións de perigo no mar) de cara á navegación marítima dunha Vilanova  que mantiña amplos vínculos comerciais co litoral cantábrico; tamén exerceu noutrora o padroádego da vila. Alí, nsesa capela de Pastoriza, hoxe xa sen culto, foi cristianado Don Ramón, personaxe capital da literatura dez a cabalo dos séculos XIX/XX, pai do esperpento.

 

(Explicacións na Casa do Cuadrante)

-        Visitamos da súa man, da do profesor Charlín, a casa do Cuadrante, pazo onde destacan varias especies olorosas, así como un castañeiro e un grandioso magnolio, casa de certo rango e de calidade.

 

-        Pasamos a ver a fachada da casa paterna do Cantillo, así como a pía bautismal de alabastro -unha fermosa peza vinda na baixa Idade Media do británico Nottingham- na actual parroquia, trasladada da antiga e na que fora bautizado. Tamén se nos fala da capela de san Amaro (ou Mauro).

 

Despois dos retratos e instantáneas de rigor para cámaras, teléfonos para presumir dunha gran visita, así como dunha inmortal foto diante dun grupo escultórico  de Valle Inclán e os seus principais personaxes, xa podemos compartir lembranzas nas diferentes redes sociais.

Agárdanos Alexander Machín, un cubano, magnífico batería noutrora dos trovadores, c agora convertido nas corredoiras da nosa xeografía, un dos maestros da nosa empresa de cabeceira, Autos Rico.

Con el tomamos rumbo ao monte Lobeira, miradoiro natural do Salnés, alí Paco continúa co seu ameno repertorio glosando a historia de tan magnífico lugar, que formou parte de todo o conxunto defensivo  da marxe sur da ría de Arousa / Mar de Santiago: castelo de A Lanzada, torre de San Sadurniño, castelo de Lobeira, fortaleza de Lantaño, Torres do Oeste… (algo máis que engadir ao imaxianario medieval), unhas construcións que defendían dos ataques normandos a entrada fluvial que conducía á Tumba Apostólica.

 

(Lobeira: aí estivo noutrora o castelo de que fala o profesor Fondo no texto. Chama a nosa atención o magnífico espiño. Dato non desprezable, o espiño xoga un papel importante na historia das irlandesas "piper stones". O espiño albar atopámolo tamén na mitoloxía popular vasca, cando o pobo labra a lenda da Virxe de Aránzazu)

 

Rendemos homenaxe a Ramón Cabanillas  e evocamos a figuras da nosa historia como Manuel Murguía, e algún importante colaborador seu, como foi o mesmo pai de Valle Inclán.

Paco de xeito moi ameno refírenos outros datos do panorámico lugar, e entoa:

“No Castelo de Lobeira”

Como xigante guerreiro

Sempre disposto á algarada,

-ferro no lume batido,

pedra dura da montaña, -

do forte Castro Lupario

no cumio ergueito, descansa

o Castelo de Lobeira,

segura e rexa atalaya

que as terras do val mimoso

de Salnés defende e garda.

Ten ó levante o Castrove,

mira ao poñente o Barbanza,

ó norte as torres do Honesto,

ó vendaval a Lanzada.

 

Regando as veigas floridas,

corren d-unha e d-outra banda

ágoas tranquilas do Ulla,

nacidas en terras sagras, cheas de voces pregantes

dos coengos de Iria Flavia,

e as do umia barulleiro

que conocen as risadas,

as cantigas e lelías

dos xuglares do Bergaña.

Bicando os ouros da area,

esmorecido na praia,

o mar da ría reloce

como un espello de prata;

e o ceo limpio semella

que, pouquiño a pouco, baixa

a falar c-os seus eternos

irmáns, o mar e a montaña.

                                   (Ramón Cabanillas)

 

(O profesor Charlín dirixíndose a nós na capela de Pastoriza, en Vilanova de Arousa)


 

 

Pasado o cénit vai sendo hora de xantar, acudimos a un establecemento enxebre en Aios (Noalla, Sanxenxo), sinal de identidade das Rías Baixas, un furancho; temos un tempo que nin de encargo,  e iso que Pemán xa leva un tempo xubilado, agardemos que tamén xubiloso como parte da nosa expedición e habituais destas singraduras pola orografía galaica.

Comemos ben, probamos de todo, e refrescámonos con viños propios, así como con outros manxares. A sobremesa alóngase, estamos a gusto repousando os coñecementos aprendidos, así como os contidos previos subidos por Paco á nosa Aula Virtual.

Tal e como van as cousas logo as teremos que revisar para subilas ao PROENS.

Agardámosvos na extensa xeografía eusebiana para seguir rendéndolle tributo ao 160 aniversario do ensino secundario na nosa cidade:

“Eusebio, 132 anos de aprendizaxe, non mires para outro lado”

                                                                       Antonio Fondo

 

 

(O noso fotógrafo, José Carlos Rivas)

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario