sábado, 2 de xaneiro de 2021

ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN A SÚA PROFESIÓN

ENTREVISTA A ROQUE RUIZ SOTO, ACTOR.

 

(Imaxe da serie "El desorden que dejas": Aron Piper nun primeiro plano, e detrás, Isabel Garrido e Roque Ruiz)
 

Mª R. S.: Grazas, Roque, por atendernos. Dinos en primeiro lugar, por favor, onde estudaches o bacharelato e dinos se gardas algunha lembranza especial dos profesores.

-Estudei o bacharelato no IES ‘Manuel Murguía’ de Arteixo, e gardo moi bo recordo, por exemplo, de Fernando Rivera, aínda que non me deu clase no bacharelato, senón antes… Pero era un magnífico profesor de Educación Física. Conservo o trato con el e de feito sei que se alegrou do meu pequeno éxito inicial no meu traballo…Tamén quixera relembrar a Isabel Maturana, de Lingua Castelá e Literatura, moi aberta, non tiña pautas ríxidas, as súas clases eran digamos moi frescas…

-Como chegas ao convencemento de que queres ser actor?

-Convencemento téñoo agora. Ata este momento era algo que simplemente facía… pero non porque sempre o tivera como meta; tamén me atraía a educación física, a música e a filosofía incluso…

-Con todo, eu creo que en certa medida ti levabas xa o teatro na masa do sangue. Eu recordo que brillabas con luz propia naquelas actuacións de teatro escolar, Candilejas Don Bosco, que celebraba a Deputación no coruñés Colexio Calvo Sotelo…

-Ingresei no teatro da man das Melandrainas. Entrei nese grupo, Melandrainas Teatro, con 6 anos e estiven con elas ata os 16. Aprendín moitas cousas con elas, por exemplo, que un actor ten que ser versátil… Para min elas son profesoras de teatro e de vida. En canto ao Certame de Teatro Provincial “Candilejas Don Bosco” nalgunha ocasión fun sinalado como “actor destacado” e no 2015 levei o Premio ao Mellor Actor na categoría Cadete, con La Caja de Música. Tamén debo subliñar a importancia que na miña formación tiveron os dous anos que estiven na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), foron dous anos moi importantes. Se non estivese aí non estaba a día de hoxe na serie de Néflix. Se non fose pola ESAD non coñecería a miña actual parella, non coñecería a miña representante, non coñecería a xente coa que fixen o meu vídeo-book, claves para que eu empece a moverme neste mundo.

 


 

-Veñamos ao presente: a túa interpretación como Roi Fernández, na serie El desorden que dejas, está tendo polo de agora unhas críticas excelentes, e xa sei que cando vas pola rúa, con máscara (ou carantoña, como dicía un paisano pontevedrés…) e todo, párante para pedirche facer unha foto. Supoño que isto supón para ti un aliciente…

-Realmente si… A ver, o personaxe ten importancia de seu, pero tamén é importante a súa función na trama e non era difícil que alguén nese personaxe destacase. Penso por exemplo neses monólogos de Roi mirando á cámara, xa no segundo capítulo… É un recurso que destaca. Ti velo e xa dis ostrá, que forte, quero dicir que chama inmediatamente a atención… Claro que axudan as críticas positivas, claro que me axudou este personaxe… Cando hai, ademais, un bo guión é moito máis fácil que alguén brille, como dicías ti antes…, e pola contra, cando hai un mal guión é doado que che lastre.

-E que tal a relación cos grandes? Que tal a relación con Inma Cuesta, con Bárbara Lennie, con Arón Piper, Tamar Novas… e cos directores, porque había tres, se non erro, Montero, Quer e Gual…?

-Si que son grandes… E con experiencia… Montero xa dirixira, por poñer un caso, Física e Química; Inma Cuesta foi nominada para o Goya e ten varios premios; Bárbara Lennie recibiu, entre outros recoñecementos, un Goya á mellor actriz; Arón xa traballara en series como Élite… A relación con eles foi moi gratificante. Grazas a estar con eles aprendín, entre outras cousas, o importante que é crearmos un bo ambiente, chegas a saber que es responsable non só de ti senón tamén de que os outros estean cómodos. Eu creo que a palabra clave é que te acollían. Tanto a Isa coma a min nos arroupaban, tocábante, eran cariñosos… Un dos momentos máis fermosos que levo, que atesouro,  da serie é cando despois daquela secuencia en que aparece afogada Bárbara, a escena en que eu recollo o seu cadáver, pois ao acabar a escena Bárbara mírame emocionada e dime que bonito o fixeches e a min ese momento tocoume moito, a verdade… E bicoume, deume un bico na meixela.


 

-Fálanos agora do futuro. Plans para o futuro. Teño entendido que á parte desta serie xa fixeches algunha outra cousa, parte do anuncio da lotaría de Nadal…

-Si. No audiovisual fixen dous capítulos para unha serie que se vai estrear na galega, producido por Voz Audiovisual, a produtora coruñesa que xa producira Serra Moura…, que se chama -a nova serie- Método Criminal. Cando se estree pois xa sabes, eu saio nos capítulos 11, 12 e 13. E logo, plans para o futuro? Pois, continuar coa formación, que é infinita; manterme en forma e disposto a facer máis cástings e probas, que é o que hai… Si, e déixame que che diga que teño moita gana de facer teatro, que xa hai que non o fago… E aproveitar as oportunidades todas que me veñan… Estou contentísimo na escola onde estou agora mesmo, en Madrid: “Estudio Juan Codina”. Son tres anos e levo o segundo… E así vai a cousa, hai que aprender, aprender a ser flexible, como che dicía antes… Eu, por exemplo, estou orgulloso do meu acento galego, pero ás veces tes que ser flexible e aprender a falar con acento neutro ou con acento andaluz ou madrileño.

-Que estás lendo arestora?

-Agora mesmo estou lendo La fantasía de la individualidad de Almudena Hernando.

-Moitas grazas, Roque, pola túa sinceridade e polo teu tempo.

-A ti… Non quería despedirme dos lectores do blog sen expresar o meu agradecemento a Carlos Montero que me entrevistou, tras a proposta de Conchi Iglesias, ela foi a que me propuxo no cásting previo… Quero ser agradecido tamén con Vaca Films e con Néflix e desde logo, con Conchi Iglesias: estoulle fondamente agradecido porque confiou en min, porque é quen de atreverse a facer apostas arriscadas, por ser eu un novato, e confiou en min, repito. Grazas a todos!

 

(Roque, no medio, cos pais e membros da familia materna: tíos, curmáns e avoa)

 

 

2 comentarios: