Unha historia acaecida en Cerceda
(Esta é unha das fermosísimas pontes onde noutrora se celebraban os bautismos das criaturas no ventre materno. É a Ponte da Ramallosa)
A min contouma unha anciá no asilo de Betanzos como
verdadeira… A historia localízase en Cerceda.
Unha vez estaban unhas mulleres
lavando no lavadoiro e pasou por alí un mozo, colleu auga das mans e salferiuna
por riba delas, mentres decía: no nome do
Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén. E coa mesma foise. As mulleres
quedaron pensando que era unha especie de brincadeira, pouco menos ca un xogo.
Pasado un tempo, unha desas mulleres, que estaba embarazada, deu a luz
xemelgos, pero naceron mortos ou morreron no parto e foron enterrados na horta
pé da casa. O caso foi que cada que aquel mozo pasaba preto da casa, oíase
perfectamente que unha voz decía: Ese é o
meu padriño, e outra voz respondía: E
o meu tamén. E as dúas engadían: Aquí
non estamos ben. E a cousa repetíase cada vez que aquel mozo pasaba por
alí. As voces oíanse claramente. Ata que desenterraron os corpos e déronlles
sepultura no campo santo. Daquela xa nunca máis se oíron as voces.
Rosa
Fernández Salmonte, profesora do IESP ‘Eusebio da Guarda’.
(Caída de auga en Cerceda, A Coruña. As fotos foron tiradas de Internet)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Nota: Esta historia entronca ben na tradición antropolóxica galega.
Versa sobre a comunicación paranormal entre ánimas do outro mundo con seres do
mundo dos vivos. Na literatura universal son coñecidos algún casos
prototípicos: o pai de Hamlet que se comunica despois de morto co fillo, e nas
lendas populares que serven de base ao Convidado
de pedra de Tirso tamén o vemos. Na nosa literatura son moitos os autores
que se nutren neste eido antropolóxico: entre eles, Castelao, Cunqueiro e Fole,
por poñer un par de exemplos. Con respecto ao tema nuclear do relato, o
bautismo anticipado, tendes que ter presentes dous factores: un, que ata non
hai moito, a igrexa adoutrinaba os fieis no sentido de que os meniños acabados de
nacer, mortos sen bautismo, ían dereitiños ao limbo, non ao paraíso; e segundo, que antes había
moita máis mortandade infantil. Pero moitísima máis: fixádevos na existencia
(aínda visible nos repertorios fraseolóxicos e paremiolóxicos) da frase galega mercar o berce antes de que naza o neno,
sinónima daqueloutra moito máis coñecida poñer
o carro antes cós bois. Inda a nosa avoa coruñesa, xa defuntiña, nada na
primeira década do século XX, rifaba connosco porque tiñamos xa o carriño de
bebé e mais o berce meses antes de que nacese Suso (ano 1986).
En Galicia documéntase ben o rito
do bautismo anticipado. Aforro discurso se remito directamente ao estupendo artigo
da Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Bautismo_anticipado).
(Nota de Charo Soto).
(Xemelgos famosos na historia da cultura europea: Cástor e Pólux. Obra de Miguelanxo, están no Capitolio, en Roma)
Ningún comentario:
Publicar un comentario