ENTREVISTA
A HOMES QUE AMAN GALICIA
ENTREVISTA
A JOSÉ MARÍA RUIZ MORA.
Mª R. Soto.- Moitas
grazas, José María, por atendernos. Na túa familia, no que nós sabemos, houbo
empresarios (avó cofundador da Imprenta La Universal na Habana), enxeñeiros de
minas, arquitectos, ti tamén tes un título académico oficial, pero quizais me
permitas que te presente ante os nosos alumnos e amigos seguidores do blog como
Reconstrutor de Camiños. Que che
parece?
-Si é certo, Chari… Parece que na nosa casa traemos unha tradición de
“técnicos”…, o cal non está rifado cun humanismo aplicado (poderíamos dicir práctico)
que cadraría moi ben nese apelativo que me adxudicas de Reconstrutor de Camiños. Podemos dicir que a miña andaina
profesional nun momento dado (a miña formación é como Enxeñeiro Técnico
Agrícola, titulación todo terreo por excelencia) tropeza coa posibilidade de
acometer a recuperación dun camiño tradicional no concello de A Coruña ( ¡! ), é
a partir dese momento cando da man de Puri (a miña muller, que é arqueóloga) descubrimos
que sorprendentemente aínda se poden atopar camiños coas rodeiras dos carros
gravadas na rocha e que non hai un nin dous senón unha ampla rede de camiños
(certamente na maior parte capada polas
modernas infraestruturas) que resiste agochada sen facer moito ruído,
basicamente nas parroquias de Elviña e na de Visma, a ver se non os asfaltan. Nen
lama nen asfalto, foi o lema acuñado previamente por nós cando un grupo
de amigos, amantes dos cabalos e dos camiños tradicionais reivindicamos o
mantemento destes vieiros como moldeadores da nosa paisaxe formando parte do
patrimonio cultural da man dos valados, as pontellas, cancelas, esqueiros… e
demais elementos tan maltratados pola espantada do mundo rural cara ao modelo
urbano, espantada que, non por xustificada
-na procura dunhas mellores condicións
de vida que deixara atrás o recordo de tempos de miseria e camiños cheos de
lama-, supuxo a inmersión do país nunha perda de personalidade que non favorece
o aprecio do propio e a conseguinte vinculación coa contorna. Pero isto é longo…, e daría para un ensaio ou incluso un cursiño.
-Moi ben. Quedas coroado con ese epíteto
marabilloso, cunqueiriano. Dinos, ata o de agora, na recuperación de que
camiños colaboraches? De cales te sentes máis satisfeito?
-O de coroado imos
deixalo… Cunqueiriano mola.
Empezando polo
final diríache que como todo o mundo (creo?) a actuación da que me sinto mais
satisfeito é a última: acabamos de recuperar un camiño que denominamos Camiño do Convento; trátase dun treito de
algo menos dun quilómetro 961 m. que na actualidade arranca fronte ao centro
cívico de Novo Mesoiro e chega ate o cemiterio de Feáns (podédelo localizar na
web do concello: www.coruna.gal/smart/gl/proxecto-csc/monografico-obras-e-proxectos?argIdioma=gl). É un caso paradigmático pois foi no
seu tempo un camiño importante pero quedou cortado a raíz da construción do cemiterio
e hoxe recuperámolo como camiño de uso preferentemente peonil, pois aínda que
ten que dar servizo ás fincas e montes polos que atravesa, hoxe en día ten novos usos lúdicos, deportivos e
pedagóxicos, que en definitiva constitúen unha nova oferta de aproximación
sustentable ao medio natural e patrimonial (promoción da mobilidade non
motorizada), e no seu conxunto son un recurso máis para o desenvolvemento local.
A recuperación de
camiños vai devagar; no castro de Elviña recuperamos o camiño das Penas da
Agrela, e o camiño de Elviña a Feáns pasando polo castro; en Feáns o camiño de
Campos e o xa mencionado do Convento; sempre que podemos, tratamos de
complementar o vieiro cos elementos históricos que o acompañan e lle dan
sentido. Pero hai moitos en proxecto para licitar cando lles toque, e no seu
día reincorporar á rede de camiños públicos de titularidade municipal, entre
outros: no Castro de Elviña o camiño das Pífanas, o das Cadeiras, e o do
Martinete; no lugar de Castro o camiño á Agra do Bico; en Palavea o da
Fontaiña, e o de Laxe – Vilaboa; en Feáns o do Casal, o da Agüeira ou Agoeira?,
e o da Rufana; en Cances o da Fonte das Reixas, e outros tantos que figuran no
inventario de camiños do concello pero so cun número de rexistro, e que polo
momento, ata que os investiguemos cos veciños carecen de nome porque ninguén se
molestou en anotalo. Sobre o nome dos camiños subliñar que os vieiros
tradicionais o mesmo que os ríos e regatos, teñen múltiples denominacións que
van mudando segundo percorren o territorio.
Camiño das Pífanas na contorna do Castro de Elviña
-Fálanos, por favor, agora da financiación…
Que clase de colaboración recibes, que institucións son as máis preocupadas no
tema?
-Como xa apuntei eu
son un técnico un profesional que desenvolve parte do seu traballo facendo
propostas a distintas administracións públicas e cando o proposto encaixa
encárganme redactar o proxecto técnico, falar coa veciñanza e no seu caso
dirixir a obra que corre a cargo do promotor (neste caso o concello); é un
proceso laborioso… A administración ten que cumprir escrupulosamente os
procedementos de contratación e a lexislación vixente, pedir informes
sectoriais (augas, patrimonio, urbanismo…), e todo iso implica a moita xente, e
cada un de seu pai e da súa nai, de xeito que ás veces por algún preguiceiro
pódese dilatar de máis o procedemento, pero é o que hai.
Estes proxectos de
recuperación de camiños empezámolos a xestionar polo ano 2013 cando a
Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, financiada co Fondo Europeo
Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do PDR (Plan
Desenvolvemento Rural) de Galicia, abriu liñas de subvención para que os
concellos amañasen os camiños rurais, e ninguén caeu na conta de que A Coruña
tamén tiña zona rural. Naquel momento a
Concellería de Medio Ambiente foi receptiva a nosa proposta e iniciamos unha
colaboración que, a pesares dos cambios na corporación municipal, dura ata
hoxe. Neste momento os investimentos mais importantes de recuperación de
camiños corresponden ás actuacións recollidas nas estratexias de Desenvolvemento
Urbano Sostible e Integrado (DUSI) financiadas na súa meirande parte con fondos
da Unión Europea.
-Gustaríanos que nos contases algunha anécdota
da paisanaxe, por exemplo. Que din os galego do rural, que di a xente de a pé.
Implícanse?
-Estamos actuando
en zonas “periurbanas” que foron
rurais, pero que tamén traballaban para os “señoritos” da cidade (o 1 de xuño
de 1907 mais de 1.000 lavandeiras da contorna da Coruña inician unha folga para
actualizar as tarifas…); hoxe os veciños do rural xa non viven do campo, non
obstante creo que todo o mundo no rural renega dun pasado miserable,
traballando polo caldo, pasando traballos e necesidades; ninguén quixera volver
atrás pero todo o mundo bota de menos a tranquilidade, a xolda, os campos
traballados e os montes limpos…. un “oxímoron”,
pode ser, pero creo que aínda está na nosa man recuperar unha parte valiosa dun
patrimonio que nos enriquece como comunidade.
En canto á implicación
dos paisanos, comentarei que sen ela sería moi difícil levar a cabo este labor
de recuperación de camiños, sen alguén que coñeza o terreo chega un momento en
que ou non avanzas ou é tan custoso que o deixarías; eu sempre tiven boa
colaboración con asociacións de veciños e culturais, que ven con bos ollos
estes traballos e sempre están dispostos a botar unha man.
(Foto do chamado daquela "Camiño novo", hoxe rúa Juan Flórez, na Coruña. A foto está tomada dun libro que conmemora cen anos da construción da actual igrexa de santa Lucía, un libro con que nos agasallara Jesús Barrientos)
(Foto do chamado daquela "Camiño novo", hoxe rúa Juan Flórez, na Coruña. A foto está tomada dun libro que conmemora cen anos da construción da actual igrexa de santa Lucía, un libro con que nos agasallara Jesús Barrientos)
-Ás veces, porén, o problema non está tanto en
facer como en preocuparse logo pola conservación… É así?
-Si … en parte é
así, estamos nun país que ten alerxia visceral aos traballos de mantemento, un
traballo imprescindible que por outra parte nas estradas o facían os peóns
legoeiros, e nos camiños os veciños, e hoxe non quedan veciños para atender
todos os camiños. Hoxe para as administracións titulares dos camiños, son
traballos con pouca sona, rutineiros, que non locen, non levan a firma dun
arquitecto estrela e se non o reclaman os afectados ninguén é quen de facelo.
Pero por outro lado
vemos que tamén hai que facer, pois temos o problema da súa desaparición
física-xurídica, un camiño pouco transitado ou cortado pola caída dunha árbore,
ou esnaquizado polos traballos de tala dun monte, ou eliminado sen mais pola
apertura dunha importante estrada, ou pechado por alguén inimigo do público, se
non se recupera axiña e se lle dá continuidade, inicia unha viaxe segura cara á
súa desaparición, e canto máis tempo pase a súa traza perderase para sempre primeiro
sobre o terreo e despois na memoria.
-Que perspectivas tes para o futuro?
Gustaríache seguir neste vieiro, nunca mellor dito…?
-Hai moito por
facer … e refírome en concreto a todo o que vimos falando. A pouco que nos
poñamos temos infinidade de actuacións vencelladas cos “novos usos” (lúdicos,
deportivos e pedagóxicos) coa mobilidade sostible, coa posta en valor deste
patrimonio vinculado, como un modo de mellorar a contorna, motor de
desenvolvemento socioeconómico e fonte de recoñecemento identitario porque a
comunidade entende que conforma unha paisaxe a protexer. Soamente necesitamos
unha pinga de sensibilidade nas administracións xestoras para entender o reto e
poñer en marcha as ferramentas necesarias.
Non somos friquis e se as circunstancias o
permiten, temos claro que é unha opción profesional e vital; profesional porque
temos as competencias necesarias para desenvolver as actuacións precisas para
facelo, e vital na medida en que vivimos nun mundo rural en pleno cambio e nos
gustaría achegar o noso graíño de area.
-Que estás lendo arestora, José María?
Uffffff !! Que pregunta comprometida, dis literatura? Agora
mesmo nada, podería dicirche que a presbicia… que etc etc etc, o certo é que
queimo o tempo na pantalla do ordenador, o DOG, BOE, informes, hemeroteca, e
cando remato… pois na, xa hai que non collo un “libro literario”, a ver para as
próximas vacacións (ha, ha!). O último que lin foi “Tatuaje” de Manuel Vazquez
Montalbán, unha aventura de Pepe Carbalho detective privado. Pero fágoche unha
promesa: o próximo libro que vou ler vai ser “El naranjo” de Carlos Fuentes.
-Ata aquí chegamos
por hoxe. Non estaría talvez mal recordarlles aos nosos rapaces que a
felicidade na vida atópase no camiño. A palabra mesma, de orixe celta, está
cargada de simbolismo. Grandes seres humanos dixeron de si Eu son o camiño… O Quixote
é unha novela itinerante. En fin, José María, grazas por atendernos. Unha
aperta e xa nos veremos dando unha voltiña un día destes.
(Abaixo: foto das lavandeiras do Birloque, A Coruña, noutrora..., foto tomada de Internet. As outras fotos fóronnos facilitadas polo noso entrevistado)
Ningún comentario:
Publicar un comentario